O vindeiro xoves, 1 de outubro, ás 20:00 horas presentarase na Coruña Pirata, a novela máis recente de María Reimóndez. No acto, que terá lugar na Sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae, acompañaran á autora a escritora Yolanda Castaño, o músico Xabier Díaz e o editor Manuel Bragado.
Archive for the ‘Noticias’ Category
«Pirata», presentación na Coruña
Setembro 28, 2009«Mercurio», presentación en Vigo
Setembro 25, 2009Hoxe, venres 25 de setembro de 2009, ás 20:00 presentarase na Casa do Libro de Vigo Mercurio, a novela de Emilio Alonso gañadora do Premio La Voz de Galicia 2008. O editor Manuel Bragado acompañrá ao autor.
Carlos Reigosa esta noite en «Libro aberto»
Setembro 22, 2009Carlos Reigosa visita esta noite o programa «Libro aberto» (TVG, 00,30 horas) para falar da súa novela máis recente, A vida do outro, premio Torrente Ballester 2008.
«Guía do Courel», no corazón natural de Galicia
Setembro 22, 2009Acaban de entrar no almacén senllas edicións en galego e castelán da Guía do Courel, obra preparada por Javier Guitián Rivera, Luis Guitián Rivera e José Luís Martinez Vilar. Unha proposta para coñecer a terra de Novoneyra, considerada como o corazón natural do noso país. As guías chegarán ás librarías na primeira semana do mes de outubro.
A través de 22 rutas excepcionais, con valiosísima documentación, e da man dun grupo de naturalistas expertos no Courel, o viaxeiro ou viaxeira ten a oportunidade de percorrer con comodidade e información de primeira man as paisaxes desta serra, o corazón natural de Galicia. Dando a coñecer lugares que hoxe poderían ser modelo de xestión do medio natural e descubríndolle ao viaxeiro a súa vexetación, os mellores bosques do país, as especies ameazadas e, en definitiva, a beleza e autenticidade dunha paisaxe sobre a que se fundamenta o turismo rural, Javier Guitián, Luís Guitián e José L. Martínez Villar trazan nesta guía un mapa imprescindible para quen queira adentrarse nos segredos do Courel desde o respecto ao medio ambiente. A ruta das devesas, Froxán, o Val de Moreda, a ruta de Parada (terra de Uxío Novoneyra e María Mariño), de Seoane a Folgoso, Vilamor, a Devesa da Rogueira, o Val de Visuña… son algunhas das citas que esperan polo viaxeiro ou viaxeira con ganas de pasear por rutas sobre as que se vai proporcionando información e datos prácticos que indican a dificultade, a comida, o baño, a cartografía, os hábitats, a botánica, etc. E todo acompañado de mapas, fotografías e abundante información práctica.
«O club da calceta», entre as mellores ficcións televisivas de Europa
Setembro 21, 2009O telefilme O club da calceta, dirixido por Antón Dobao e baseado na novela homónima de María Reimóndez, foi escollida para participar na categoría de Mellor Ficción Europea nos premios Prix Europa. Estes galardóns convócanse anualmente para seleccionar os mellores traballos audiovisuais do continente en televisión, radio e novos medios. Os nosos parabéns para Dobao e Reimóndez.
Xerais redeseña o seu catálogo web
Setembro 21, 2009Dende hoxe pode visitarse o redeseño do catálogo web de Xerais. As maiores modificacións realizáronse na ficha de cada unha das obras nas que a partir de agora se poderán realizar comentarios e valoracións por parte dos usuarios, ademais de facilitar que os contidos se poidan compartir nas diversas redes sociais. A páxina inclúe un buscador para o catálogo vivo, un catálogo educativo específico, e senllos buscadores para autores, ilustradores e tradutores. A páxina complétase cun espazo para as novidades do mes (presente, ademais, en carrusel), descargas gratuítas de materiais didácticos e de lectura, páxinas de cada un dos tres premios que convoca a editorial (novela, Merlín e Fundación Caixa Galicia). Completan a páxina os enlaces ao blog (que será renovado nas vindeiras semanas) e aos espazos en twitter e facebook que conforman a identidade dixital actual da editorial.
Tres dos nosos autores candidatos ao premio Astrid Lindgren
Setembro 21, 2009Acabamos de coñecer a relación de persoas nominadas ao Premio Astrid Lindgren 2010, que será anunciado o vindeiro 24 de marzo, coincidindo coa Feira do Libro de Boloña. Entre os 168 candidatos (autores, ilustradores e promotores de lectura e institucións de promoción da LIX), pertencentes a sesenta países, atópanse tres dos nosos autores: Fina Casalderrey, Juan Farias e Agustín Fernández Paz. Parabéns para todos os tres, merecidos aspirantes a este auténtico nóbel da literatura infantil e xuvenil.
Chegan ás librarías as novelas premiadas de Rosa Aneiros
Setembro 17, 2009Nestes días comezan a chegar ás librarías as dúas novelas premiadas de Rosa Aneiros: Sol de Inverno, Premio Xerais de novela 2009 e Ás de bolboreta, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009.
Sol de Inverno, a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009, é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes. Para o xurado do Premio Xerais 2009 «Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.»
Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes d’ As de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño…
O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que “Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que “Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”
Agustín Fernández Paz en «Libro aberto»
Setembro 15, 2009Agustin Fernández Paz visita esta noite o programa Libro aberto (TVG, martes 15 de setembro, 0:15 horas) para presentar Lúa do Senegal, a súa novela máis recente.
Por mares de tinta e cantos de serea
Setembro 7, 2009Organizada polo club de lectura «Gálix. Tendendo redes», o sábado, 26 de setembro, desenvolverase en Baiona e arredores unha xornada de actividades que baixo o lema de »Por mares de tinta e cantos de serea» xirará arredor da obra O libro das viaxes imaxinarias de Xabier Docampo e Xosé Cobas.
Os actos comezarán entre 10:00 e 10:30 horas na cafetaría Monterrei (Rrúa Ramón y Cajal, 5), onde as participantes serán recibidas polos membros do Instituto de Estudos Miñoranos, anfitrións da xornada.
Entre 11:00 e 12:00 horas, visita á colexiata de Baiona e percorrido polo casco de Baiona guiado por Xosé Lois Vilar, membro do IEM.
As 12,00 horas, embarco no Real Club Náutico de Baiona na goleta Nauja e travesía até as illas Cíes. Durante o percorrido, Xosé Lois Vilar dará conta da historia da recuperación da goleta e do proxecto dos seus usos actuais.
Entre as 13:00 e as 14:00 horas, fondeados na baía das Cíes, Xabier DoCampo fará unha intervención sobre a tradición oral e a narrativa de viaxes.
Entre 14:00 e 15:00 horas, picnic (empanas de atún, crne e polbo; bocatas fríos; froitas; sobremeas doces; bebidas e refrescos).
Entre 15:00 e 16:00 horas, escrita por prates dos asistentes dunha mensaxe para os rapaces e rapazas de hoxe no que se reflicta a necesidade de transmitir a cultura de tradición oral.
Entre 16:00 e 16:30: café e paseo (opcional).
Entre 16:30 e 17.30 horas, Xosé Cobas fará unha intervención no que abordará o proceso de ilustración d’ O libro das viaxes imaxinarias.
Entre 17:30 e 18:30 horas, travesía e regreso a Baiona.
A xornada está organizada por Gálix, coa colaboración do IEM e de Xerais. O prezo por persoa é de 44 euros, incluíndo a viaxe na goleta, picnic e participación nos talleres). As persoas interesadas en participar na xornada poden solicitar a súa inscrición no correo electrónico coa secretaría de Gálix (galix@galix.org) ou chamando aos teléfonos 650 93 89 72 ou 981 58 98 83. A data límite de inscrición é o 21 de setembro.
«A deleiba do mundo» de Amin Maalouf
Setembro 4, 2009Tras a publicación en 2000 da novela A viaxe de Baldassare, Xerais publica A deleiba do mundo, o novo libro de ensaio de Amin Maalouf, o brillante escritor libanés.
«Entramos no novo milenio sen compás», con esta frase comeza este ensaio no que Amin Maalouf intenta explicar como se chegou á deleiba actual do mundo e como se poderá saír dela. Para Maalouf dende os primeiros meses do século XXI veñen producíndose acontecementos desacougantes que inducen a pensar que o mundo coñece unha deleiba maior, e en varios ámbitos ao tempo. Deleiba económica e financeira, que transforma o planeta enteiro nunha zona de turbulencias de consecuencias imprevisibles, que constitúe, en si mesmo un síntoma dunha perturbación do noso sistema de valores. Deleiba climática, resultado dunha longa práctica de irresponsabilidade colectiva. Para o autor libanés non estaría de máis preguntarse se diante dunha situación semellante, a nosa especie non acadou, dalgún xeito, o limiar dun conflito de incompetencia moral se non acaba de iniciar un movemento de regresión que ameaza con derrubar o que tantas xeracións sucesivas tardaron en edificar. Para Maalouf a deleiba do mundo ten menos que ver co “choque de civilizacións” que co esgotamento simultáneo dos nosos modelos sociais. Sobre todo, o dos ámbitos culturais cos que el se identifica: o occidental e o do mundo árabe. O primeiro, por ser pouco fiel aos seus propios valores; o segundo, por atoparse pechado nun impasse histórico. Un diagnóstico inquedante que desemboca nunha nota de esperanza. Segundo Maalouf, o período axitado no que entramos podería levarnos a elaborar unha visión por fin adulta das nosas identidades, das nosas crenzas, das nosas diferenzas e do destino do planeta que compartimos.
Esta edición en galego d’ A deleiba do mundo, preparada por María Dolores Torres París, chegará ás librarías galegas na derradeira semana do mes de setembro. Amin Maalouf recibiu o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia deste ano 2009 co que se valora as persoas ou institucións significativas polo seu labor a prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do continente.
María Reimóndez na Coruña
Setembro 2, 2009María Reimóndez, autora d’ O club da calceta e Pirata, entre outras novelas recentes, participará mañá xoves, 3 de setembro, nas veladas literarias organizadas baixo a denominación «Os xoves da rúa Tabernas». No acto, que comezará ás 17:00 horas nas instalacións da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, as actrices Elina Luaces e Laura Ponte interpretarán monólogos d´O club da calceta adaptados por Teatro do Morcego.
«Unha primavera para Aldara», edición en Fóra de Xogo
Setembro 1, 2009Na terceira semana deste mes de setembro chegará as librarías a edición de Xerais d’Unha primavera para Aldara , a recoñecidísima peza teatral de Teresa Moure, coa que Teatro do Atlántico percorreu os escenarios do país.
Unha primavera para Aldara de Teresa Moure é unha peza teatral que se desenvolve no interior dun mosteiro, na Galicia do século XV. No exterior estoupa a Revolta Irmandiña contra os abusos dos nobres feudais. Ao convento chega Don Nuno, un cabaleiro irmandiño ferido gravemente na batalla. As regras non permiten presencia masculina no mosteiro, porén Aldara, a abadesa decide poñer por diante a misericordia e acoller ao forasteiro. Mais unha decisión coma esta no convento serviu como detonante dun enfrontamento de posturas entre as monxas que culminará nunha traizón. En palabras da autora «os personaxes desta obra teatral afrontan conflitos dos que se chaman eternos e procuran horizontes de liberdade persoal relativos ao afán de coñecemento, a paixón, a ruptura co establecido, nun ambiente de tenrura e fraternidade».
Unha primavera para Aldara obtivo o Premio de teatro Rafael Dieste 2007, ademais dos premios da Asociación de Escritores en lingua Galega (Teatro) 2008 e o María Casares ao Mellor Texto Orixinal 2009.
Celso Emilio Ferreiro, trinta aniversario do seu pasamento
Agosto 28, 2009Mañá sábado, organizado pola asociación Arraianos, celebraranse en Celanova unha serie de actos con motivo do trinta aniversario do pasamento do poeta Celso Emilio Ferreiro (31 de agosto de 1979).
Ás 12 da mañá, realízarase un acto no Alto do Furriolo (A Bola), onde hai anos se inaugurou un mural creado por Xosé Vizoso, para lembrar os represaliados pola ditadura franquista. Alí haberá un recital a cargo de Xosé Luis Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Baldo Ramos e membros do colectivo Redes Escarlata.
Xa ás 18.30 horas, no cemiterio de San Breixo de Celanova, os actos da homenaxe popular comezarán cun recital poético con Manuel Vilanova e Victor Campio, así como unha lectura dramatizada dos seus artigos xornalísticos. A velada estará amenizada musicalmente e rematará cun diálogo poético de Ramón Nicolás, especialista en Celso Emilio (recentemente publicou Conversas con Celso Emilio Ferreiro).
“A dama da Luz”, álbum de Magutis e Fernández Paz
Agosto 28, 2009Acaba de chegar do prelo a tirada d’ A dama da Luz, un álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz, ambientado no Vigo vello e mariñeiro e protagonizado por toda clase de criaturas fantásticas e seres extraordinarios que no mar alto asisten a loita entre o Inverno e a Primavera. A dama da Luz chegará ás librarías na primeira decena de setembro.
O avó de Marta garda un enigmático segredo na súa memoria. Un segredo que fala de seres extraños que habitaban na cidade cando era moi distinta, apenas había coches e a xente non vivía coas présas de hoxe, seres como a Dama da Luz ou o Home das Sombras, e de lugares misteriosos como a Casa do Outeiro ou a mítica illa de San Brandán. Un día, algo especial sucede. E entón Marta coñecerá por fin o sorprendente segredo que o seu avó gardaba, unha historia que a levará a descubrir todas as marabillas que a roda da vida nos ofrece.
A dama da Luz é un fermoso álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz ambientado nun Vigo vello e mariñeiro, envolto nunha atmosfera de misterio, e protagonizado por toda clase de criaturas fantásticas e seres extraordinarios que no mar alto asisten a loita entre o Inverno e a Primavera.
Presentación de «Escapado» en Fisterra
Agosto 27, 2009O día 4 de setembro, venres, ás 20 horas, no Salón de Plenos do concello de Fisterra será presentada Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luis Lamela. O autor estará acompañado no acto polo escritor e poeta Modesto Fraga.
A noticia da presentación na edición de Carballo de La Voz de Galicia.
«Escapado» noticia en «La Voz de Galicia»
Agosto 5, 2009Xosé Ameixeiras publica en La Voz de Galicia unha ampla noticia sobre Escapado, a primeira novela de Luis Lamela. A obra será presentada o vindeiro día 7, venres, ás 21 horas, no salón de actos do colexio do Pindo-Carnota, dentro das actividades culturais das festas de San Clemente 2009 organizadas pola Asociación Cultural PEDRAMAR do Pindo. Escapado será presentado o día 13 na Feira do Libro de Cee.
Manuel Rivas académico
Agosto 5, 2009O equipo de profesionais de Xerais amosa a súa grande satisfacción polo nomeamento de Manuel Rivas como membro da Real Academia Galega. Parabéns, Manolo!
Xabier DoCampo e Xosé Cobas na Feira do Libro da Coruña
Agosto 5, 2009O vindeiro venres, 7 de agosto, a partir das 20:00 horas Xabier DoCampo e Xosé Cobas asinarán na Feira do Libro da Coruña exemplares d‘ O Libro das viaxes imaxinarias (Premio Irmandade do Libro 2009 da Federación de Libreiros de Galicia).
Luis Rei Núñez na Feira do Libro da Coruña
Agosto 4, 2009Mañá mércores, ás 20:00 horas, Luis Rei Núñez presentará na Feira do Libro da Coruña Monte Louro, a novela gañadora do Premio Blanco Amor 2009. Acompañarán ao autor, o escritor Xavier Seoane e o editor Manuel Bragado.
«O arco da vella» na Feira do Libro da Coruña
Agosto 4, 2009Mañá mércores, 5 de agosto, ás 18:00 horas celebrarase na Feira do Libro da Coruña un acto arredor do libro O arco da vella, de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás. No acto participaran os autores que contarán para os nenos e nenas.
Neira Vilas na Feira do Libro da Coruña
Agosto 3, 2009O martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, dentro do programada de actividades da Feira do Libro da Coruña, Xosé Neira Vilas presentará Lóstregos, o libro de xornalismo polo que obtivo o premio Manuel Reimóndez Portela. A partir das 19:30 horas, o autor de Gres asinará exemplares das súas obras.
Alonso Montero na Feira do Libro da Coruña
Agosto 2, 2009O luns, 3 de agosto, ás 20:00 horas, o profesor Xesús Alonso Montero impartirá na Feira do Libro da Coruña unha conferencia arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), publicado por Edicións Xerais de Galicia e Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, publicado pola Editorial Galaxia.
Carlos Reigosa na Feira do Libro da Coruña
Agosto 2, 2009Tras a presentación en Compostela da novela A vida do outro, gañadora do Premio Torrente Ballester 2008, Carlos Reigosa estará na Feira do Libro da Coruña o vindeiro xoves, 6 de agosto, ás 19:00 asinando exemplares desta novela e do resto da súa obra.
«Etiqueta para todos»
Xullo 31, 2009Acaba de chegar ás librarías o libro de Irene Pérez Pintos, ilustrado por Iván Rodríguez, Etiqueta para todos. Manual de regulares maneiras pero de bastante educación para a cidadanía.
Que facer se o príncipe co que estás falando ten a cremalleira do pantalón desabrochada? E se a ministra que se achega a saudarte ten un moco asomándolle no nariz? Son moitas as ocasións nas que te asaltan dúbidas semellantes sen que saibas resolvelas de xeito satisfactorio. Pois non esperes a atopar aquí esas respostas. Neste manual non se contempla a totalidade de situacións da vida social para as que cómpre un especial fair play ou savoir faire que dicimos os galegos. Porén abofé que che será de grande axuda para chegares a ser a persoa educada e civilizada que a humanidade necesita que sexas.
Irene Pérez Pintos, a autora de Etiqueta para todo/as, ofrece orientacións moi útiles para resolver moitas dúbidas que poden aparecer sobre o noso comportamento en comunidadade. Abórdanse cuestións tan dispares como as palabras educadas, o comportamento nas conversas e nas comidas, a sinceridade, o tratamento, o saúdo, a hixiene ou, en xeral, o que debemos entender por boa educación. Un libro útil, sorprendente e divertido para lectores e lectoras de todas as idades.
Con Etiqueta para todos, Xerais inicia unha nova serie de libros pequenos ilustrados sobre cuestións de actualidade e dirixidos a lectores e lectoras de todas as idades.
«O recendo das mimosas» de Agustín Agra
Xullo 30, 2009Agustín Agra debuta na colección Xerais Narrativa cun libro de relatos, O recendo das mimosas.
Unha ducia de relatos forman esta primeira entrega de Agustín Agra en Xerais Narrativa, que se abre coa narración da irremediable metamorfose, que tras a subida das augas, converte ás protagonistas de “A tarasca”, de forma sucesiva en cobras, serpes, serpentas, e, finalmente, en cocas ou tarascas voadoras; e que se pecha con “Teseo no labirinto”, onde se convocan os protagonistas mitoloxía clásica. Entremedias, en relatos como “Os límites do inimaxinábel”, “Wünderbar” ou “O anel de Coleridge”, a irrupción dun elemento fantástico inesperado axuda a explorar fronteiras descoñecidas da realidade; noutros, como “Na caeira” ou “o Souto dos Gatos”, homenaxéase de forma explícita á memoria republicana; mentres que, finalmente, no relato “Xogando aos faraóns” ou, na case noveliña, “O chintófano”, a sátira política e o humor máis retranqueiro centran toda atención dunha engaiolante lectura.
O recendo das mimosas chegou esta semana ás librarías e será presentado en Noia no vindeiro mes de outubro.
«Mercurio» de Emilio Alonso
Xullo 29, 2009Chega ás librarías Mercurio, a novela de Emilio Alonso gañadora do Premio La Voz de Galicia de novela por entregas 2008.
Mercurio é un thriller ambientado en Lugo e protagonizado por un ex-policía que exerce como criminólogo, mediático e famoso grazas á televisión. Por esta novela de Emilio Alonso, desfilan tamén un morto, policías, forenses, historias de amor e, sobre todo, moitas anécdotas que o protagonista vai contando ao longo da narración. O Lugo onde que a historia se desenvolve é unha cidade actual, con importantes referentes do pasado, pero no que pervive un miserable ambiente moral, social e cultural, o que se respiraba na cidade na década dos sesenta e primeiros setenta, prevalecendo vellos hábitos e rutinas que converten a Mercurio nunha hábil mestura entre novela policíaca e costumista. O humor e a retranca do protagonista, posuidor dunha dobre moral, e a homenaxe sentimental que o autor fai á súa cidade, converten esta novela, pola que pasean todo tipo de personaxes, nunha lectura agradable, amena e divertida.
Mercurio será presentada en Lugo, cidade onde se desenvolve este thriller, no mes de outubro.
«Escapado» de Luís Lamela
Xullo 28, 2009Esta semana chega ás librarías Escapado. Do Monte do Pindo ao exilio, pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luís Lamela, un dos investigadores máis importantes sobre a memoria republicana de Galicia.
Escapado. Do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón de Luís Lamela García quere lanzar a mensaxe de que é moito máis importante recordar que comprender, por que a memoria sempre pode ser verdadeira, aínda que ás veces sexa falsa. Unha novela que quere ser unha crónica na que se mestura a vida e a morte, o pasado e o presente, a realidade e a ficción. Unha obra de lectura engaiolante que enlaza a historia e a memoria, e nas que as relacións temporais están, tamén, unidas por espazos reais: o monte do Pindo, Fisterra e a ría de Corcubión, a illa de San Simón, as frontes da guerra civil española, o exilio francés e americano, o desexado retorno ás raíces do Pindo… Un percorrido pola esperanza perdida e a traxedia dos vencidos dunha guerra civil, a de 1936, que cambiou drasticamente a vida de toda unha xeración ilusionada e apaixonada. Unha traxedia que, polo que a Teófilo Caamaño se refire, o protagonista principal da narración, aínda non terminou.
Escapado será presentado por vez primeira na Feira do Libro de Cee (que se celebrará a mediados do mes de agosto), e xa co comezo da nova tempada literaria, na cidade da Coruña.
Méndez Ferrín nomeado «Arraiano Maior»
Xullo 27, 2009Ferrín con membros da asociación Arraianos. Foto I. Osorio.
O escritor Xosé Luis Méndez Ferrín foi nomeado onte «Arraiano Maior» pola asociación Arraianos, no seo dunha festa transfronteiriza que se realizou no día de onte. As nosas beizóns para Ferrín e para os organizadores do merecido recoñecemento.
“Lóstregos” de Xosé Neira Vilas premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela
Xullo 27, 2009Xosé Neira Vilas obtivo o XIV premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela, organizado pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, polas colaboracións que ven publicando en El Correo Gallego baixo o epígrafe «Lóstregos». Concesión do premio que coincide coa chegada estes días ás librarías galegas do libro homónimo no que Neira Vilas recolle un centenar destes traballos.
Aparecen neste libro de Xosé Neira Vilas cen textos, outros tantos lostregueos escintilando no espazo e no tempo. Cen variados temas que informan, analizan ou denuncian cuestións que atinxen ao mundo que nos arrodea ou acontecementos pretéritos que dalgún xeito inciden nas nosas vidas. Así, a Amazonia en perigo, a fuxida de cerebros, os dereitos indíxenas, o fogar cubano de Hemingway, o cambio climático, os galegos no canal de Panamá, o centenario de Laxeiro, a defensa da lingua galega, a prensa dos emigrantes, o problema da auga, os biocombustibles, os noventa anos de Mandela… Todo tratado con rigor documental e cunha prosa ben traballada, áxil, precisa, modelo de xornalismo, no que alternan a crónica, a memoria e o afán de expresar en poucas palabras todo o que o autor nos vai contando.
Lóstregos será presentado na Feira do Libro da Coruña o martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, nun acto no que Xosé Neira Vilas será acompañado polo editor Manuel Bragado.
“Itinerarios seguindo o río Miño”
Xullo 8, 2009Chega ás librarías esta semana Itinerarios seguindo o río Miño, unha guía de viaxe, concibida por Paco Armada, para percorrer en coche as ribeiras do noso río primeiro.
Desde o seu nacemento, nas estribacións da serra de Meira, en Lugo, ata a súa desembocadura na Guarda, en Pontevedra, regando o 40% do territorio galego, o río Miño, o «pai dos ríos galegos», acubilla un rico e variado patrimonio natural, monumental e cultural. Conta con paraxes «protexidas» como as Insuas do Miño ou con entornos modificados pola man do home, nos diversos encoros que –na maioría dos casos– alteraron importantes ecosistemas naturais. Un río cheo de lendas, que nos falan de teiticieiras e xanas que moraban nas súas augas.
A través dos Itinerarios seguindo o río Miño, Paco Armada, autor desta guía de viaxe, ofrécenos a posibilidade de coñecer e gozar das terras e do patrimonio que se estende a ambas as dúas ribeiras do Miño, incluíndo a parte do territorio na que compartimos o río coa veciña Portugal. Descricións detalladas dos itinerarios, con preto de 1.000 km de percorrido, localidades bañadas polo augas miñotas, monumentos, historia, áreas de esparcemento, excursións a lugares de interese, rutas de sendeirismo… A guía vai nutrida, ademais, de mapas e máis de 400 fotografías que fan deste libro un referente indispensable para o viaxeiro.
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”, presentación en Santiago
Xullo 2, 2009O vindeiro mércores, 8 de xullo, ás 20:00 horas, na libraría Couceiro (Praza de Cervantes 6) de Santiago de Compostela terá lugar a presentación do libro de Xesús Alonso Montero Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto o autor estará acompañado do editor Manuel Bragado.
“Pirata”, presentación en Vigo
Xuño 29, 2009María Reimóndez presentará mañá, martes 30 de xuño, Pirata, a súa terceira novela. No acto, que terá lugar no salón noble do Club Náutico de Vigo, actuará o cantante Xabier Díaz.
Bernardino Graña elixido académico
Xuño 27, 2009Na mesma sesión na que A Academia Galega designou a Uxío Novoneyra como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2010, foi elixido académico o seu amigo o poeta Bernardino Graña. Un nomeamento que a todo o cadro de persoal da editorial nos enche de fachenda e satisfacción polo vencellamento solidario de Bernardino con Xerais, ao longo de tres décadas, na que ten publicada unha boa parte da súa obra. Os nosos maiores parabéns para Bernardino Graña!
Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo, 1932). Foi catedrático de lingua e literatura até a súa xubilación. En 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publicou unha estensa obra no ámbito da poesía, do teatro, da narrativa e da literatura infantil.
Como poeta ten publicado: Poema do home que quixo vivir (1958); Profecía do mar (1966, Xerais 1995); Non vexo Vigo nin Cangas (1975); Se o noso amor e os peixes (Xerais 1980), Premio Galicia do concello de Santiago de Compostela; Sima-Cima do voar tolo (1984); Himno verde (1992); Ardentía. Obra poética completa (1995); As Cantigas de Santa María (Xerais 1996); Luz de novembro (1997) e Acendede as almenaras (Xerais 2008).
No ámbito do teatro: Vinte mil pesos crime (1962, Xerais 2005); Sinfarín contra don Perfeuto (1975); Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992), Premio Abrente de Ribadavia (1979).
Como narrador publicou Fins do mundo (1974, Xerais 1989) relatos e Protoevanxeo do neto de Herodes (Xerais 2006), IIº Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego portuguesa.
E para o público infantil destacan: O león e o paxaro rebelde (1969, Xerais), Premio de contos para rapaces O Facho; Planeta dos ratos tolos (1990); Xan Guindán, capitán (Xerais 1991); Oso mimoso (Xerais 1992); Namoro de lobo Pipo na escola de don Perico (1992); Os burros que comen ouro (1992); O gaiteiro e o rato Pérez (Xerais 1994), Premio Merlín 1993; Xan Guindán, mensaxeiro (1994); Cristo e San Pedro, peregrinos (Xerais 1994); Rata linda de Compostela (Xerais 1994, 2009); O lobo e o grilo (1995); Contra o león covarde (1995); Xan Guindán e os Salvaxes (1995); Xan Guindán mensaxeiro (1997) e O quirico lambón (Xerais 1997).
Héitor Mera e Rafael Fernández son autores do libro Conversas con Bernardino Graña (2005). Os traballos de homenaxe á figura do escritor do Morrazo con motivo do seu setenta e cinco aniversario están recollidos no volume Bernardino Graña (Xerais 2007), coordinado por Héitor Mera.
Uxío Novoneyra, 17 de maio 2010
Xuño 27, 2009En Xerais recibimos con enorme satisfacción a designación por parte da Academia Galega do poeta Uxío Novoneyra como figura homenaxeada o 17 de maio de 2010. Recoñécese así a traxectoria do autor d’ Os Eidos como unha das fulcrais da poesía galega do século XX.
Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, Courel, 1930-Santiago, 1999) fillo dunha familia de labregos, terá na súa terra natal o principal referente físico para os seus versos, ofrecendo unha anovadora visión da paisaxe dentro da literatura galega. No ano 1955 deu ao prelo Os eidos, poemario con que comeza un ciclo poético que retomará con Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974). Nos comezos da década de 80, o poeta principia a recompilar e depurar o seu ciclo courelán, dando a lume Os eidos. Libro do Courel (Xerais 1981), que terá diversas reedicións. No ano 1983 afíncase definitivamente en Santiago, cidade desde a cal exerceu como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, ata a súa morte no ano 2000. Publica Poemas caligráficos en 1979, nunha edición prologada e ilustrada por Reimundo Patiño, con textos vinculados a unha vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto. Xa na segunda metade desa década comeza cunha recompilación temática da súa produción poética completa. Así, en Muller pra lonxe (1987), reuniu os poemas paixonais e amorosos, e dous anos máis tarde, en Do Courel a Compostela 1956-1986, os de temática política, que irán acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras. En 1998 publicou Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”
Xuño 26, 2009Baixo o título “O adeus da dignidade” Galicia hoxe publica unha completísima reportaxe sobre o libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero. Así mesmo, La Voz de Galicia publica outra ampla noticia sobre a aprición do libro.
“Pirata”, presentación en Vigo
Xuño 26, 2009O vindeiro martes, 30 de xuño, ás 20:30 no salón noble do Club Náutico de Vigo presentarase Pirata, a máis recente novela de María Reimóndez. Acompañarán á autora o editor Manuel Bragado e o cantante Xabier Díaz.