Archive for the ‘Merlín’ Category

«O arco da vella» na Feira do Libro da Coruña

Agosto 4, 2009

XG00163301Mañá mércores, 5 de agosto, ás 18:00 horas celebrarase na Feira do Libro da Coruña un acto arredor do libro O arco da vella, de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás. No acto participaran os autores que contarán para os nenos e nenas.

Bernardino Graña elixido académico

Xuño 27, 2009

Na mesma sesión na que A Academia Galega designou a Uxío Novoneyra como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2010, foi elixido académico o seu amigo o poeta Bernardino Graña. Un nomeamento que a todo o cadro de persoal da editorial nos enche de fachenda e satisfacción polo vencellamento solidario de Bernardino con Xerais, ao longo de tres décadas, na que ten publicada unha boa parte da súa obra. Os nosos maiores parabéns para Bernardino Graña!

11178013Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo, 1932). Foi catedrático de lingua e literatura até a súa xubilación. En 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publicou unha estensa obra no ámbito da poesía, do teatro, da narrativa e da literatura infantil.

Como poeta ten publicado: Poema do home que quixo vivir (1958); Profecía do mar (1966, Xerais 1995); Non vexo Vigo nin Cangas (1975); Se o noso amor e os peixes (Xerais 1980), Premio Galicia do concello de Santiago de Compostela; Sima-Cima do voar tolo (1984); Himno verde (1992); Ardentía. Obra poética completa (1995); As Cantigas de Santa María (Xerais 1996); Luz de novembro (1997) e Acendede as almenaras (Xerais 2008).

No ámbito do teatro: Vinte mil pesos crime (1962, Xerais 2005); Sinfarín contra don Perfeuto (1975); Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992), Premio Abrente de Ribadavia (1979).

Como narrador publicou Fins do mundo (1974, Xerais 1989) relatos e Protoevanxeo do neto de Herodes (Xerais 2006), IIº Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego portuguesa.

E para o público infantil destacan: O león e o paxaro rebelde (1969, Xerais), Premio de contos para rapaces O Facho; Planeta dos ratos tolos (1990); Xan Guindán, capitán (Xerais 1991); Oso mimoso (Xerais 1992); Namoro de lobo Pipo na escola de don Perico (1992); Os burros que comen ouro (1992); O gaiteiro e o rato Pérez (Xerais 1994), Premio Merlín 1993; Xan Guindán, mensaxeiro (1994); Cristo e San Pedro, peregrinos (Xerais 1994); Rata linda de Compostela (Xerais 1994, 2009); O lobo e o grilo (1995); Contra o león covarde (1995); Xan Guindán e os Salvaxes (1995); Xan Guindán mensaxeiro (1997) e O quirico lambón (Xerais 1997).

Héitor Mera e Rafael Fernández son autores do libro Conversas con Bernardino Graña (2005). Os traballos de homenaxe á figura do escritor do Morrazo con motivo do seu setenta e cinco aniversario están recollidos no volume Bernardino Graña (Xerais 2007), coordinado por Héitor Mera.

Sementador de esperanzas

Xuño 21, 2009

2009062023111183321Artigo de Manuel Bragado en Faro de Vigo sobre a obra literaria de Agustín Fernández Paz a raíz da homenaxe de onte en Vilalba.

Aquí pode verse o álbum fotográfico da homenaxe, preparado por Paulo Naseiro de A Voz de Vilalba.

“O sombreiro Chichiriteiro”, crítica no “Faro da Cultura”

Xuño 19, 2009

Paula Fernández publicou no Faro da Cultura de onte unha crítica d’ O sombreiro Chichiriteiro, o álbum escrito por Manuel Rivas e ilustrado por Patricia Castelao. Reproducimos o texto na súa totalidade.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddO sombreiro Chichiriteiro, a primeira obra infantil de Manuel Rivas, amosa o regreso do autor coruñés á literatura de ficción pois dende Os libros arden mal as súas publicacións centráranse no ensaio xornalístico. Pois ben, esta volta retorno resulta salientable ao atoparmos un conto infantil apaixonante cheo de fantasía e imaxinación no que ademais advertimos dous niveis de lectura moi diferenciados.

No primeiro destes niveis coñecemos a Simón, un rapaz un chisco apoucado que está a celebrar o día da festa na casa coa familia cando irrompe Chancho Colorao, un home fachendoso que viste un sombreiro con vida propia, o Sombreiro Chichiriteiro, que moi axiña sae da cabeza do seu dono para comezar unha viaxe na compaña do rapaz. Nesta viaxe ademais de comezar unha fermosa amizade, Simón descobre a excitante vida do sombreiro que agacha dentro de si o son da trompeta. Grazas a esta capacidade prodixiosa aprenderá Simón a tocar a trompeta imaxinaria e contaxiarase tamén el da felicidade que provoca en todo o mundo a compaña de tan singular sombreiro.

Mais paralelo a esta lectura máis superficial outro nivel, máis fondo e reflexivo, onde intuímos un cambio en Simón; quen ve medrar a súa autoestima, onde apreciamos defensa da lingua; nas palabras que queren cruzar o río se cadra procurando algo mellor igual ca as persoas que atravesan o estreito en pateras, e onde vemos tamén agromar unha amizade verdadeira entre seres moi diferentes. Unha dobre lectura que enche de significado o que en aparencia semellaría un conto infantil ao xeito usual, e á que quizais deberiamos engadir un terceiro nivel fóra do texto e do que este implica: un nivel plástico que, grazas á calidade de Patricia Castelao, unha das mellores ilustradoras galegas, ilustra a historia fomentando a parte máis máxica desta grazas á súa ensoñación provocadora, ao romanticismo do rostro de Simón e a un estilo moi característico e próximo á animación cinematográfica.

Un conto infantil onde se mesturan ingredientes imprescindibles que mostran o acertado deste achegamento de Manolo Rivas á literatura infantil, a verosimilitude do espazo e do personaxe de Simón á beira do extraordinario mais asombrosamente crible e real sombreiro e por suposto as aventuras da viaxe, que mergullan a quen le nun paseo axetreado e cheo de elementos marabillosos que non deixan indiferente a ninguén. Paula Fernández.

Premios Xerais 2009, falan Rosa Aneiros e Jacobo Fernández Serrano

Xuño 9, 2009

Jacobo Fernández Serrano, primeiras entrevistas

Xuño 8, 2009

Jacobo Fernández Serrano, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2009 por Mil cousas poden pasar.Libro I, realizou as primeiras entrevistas. Aquí recollemos as que fomos localizando:

«Mil cousas poden pasar.Libro I» de Jacobo Fernández Serrano, premio Merlín 2009

Xuño 8, 2009

O xurado da 24 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros formado por: Rosana Estévez Pereira (contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador), Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e profesora), Xan Guillén  Vázquez (profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández, secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as vinte e catro obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: «Papude», «Secundario» e «Septempunctata».

Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema “Papude” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Jacobo Fernández Serrano e corresponde ao título Mil cousas poden pasar. Libro I.


Os membros do xurado do Premio Merlín xustificaron a súa decisión salientando que en Mil cousas poden pasar. Libro I, “baixo a premisa da liberdade absoluta,  o autor propón ao lector un xogo no que se nos decidimos a entrar a ceibar sen límites a imaxinación, calquera cousa pode xa acontecer”. Coa escusa inicial da procura dun agasallo de aniversario para o submariño rei dos tritóns, a narración vainos levando ao encontro dunha serie de personaxes insólitos e á sucesión de situacións a cal máis imaxinativa e disparatada nunha cidade onde todo é posible, onde o excepcional é o cotián, onde o surrealismo é o normal e o absurdo convértese no lóxico. Para o xurado “as personaxes coas que nos cruzamos nesta deliciosa lectura, e que nun principio semellarían ser so actores secundarios dunha trama nada lineal, acaban revelándose ao cabo nos absolutos protagonistas desta ben orquestada peza coral”.

“Estas personaxes son tan únicas coma as situacións que experimentan: os ríos teñen vida propia, hai dous namorados que viven a súa historia cunha beleza e sensibilidade nas antígonas da ñoñería, e atopamos un enterrador que para si quixera Tim Burton. Montada sobre unha intelixente estrutura, construída coma unha cadea de dominó, onde unha ficha derruba á seguinte, Mil cousas poden pasar. Libro I vainos amosando unha serie de pezas que acaban conformando de maneira totalmente natural un mosaico fermoso e único, construíndo un imaxinario propio e un mundo fantástico orixinal e novidoso, sólido e sen fisuras. Grazas ás pequenas (ou grandes) historias das personaxes que habitan a cidade de Nil, descubrimos un universo que trascende os límites desta novela e que non recorre a tópicos anteriores da literatura infantil.”

“E sobre esta estrutura, e con estas pezas, cóntasenos unha historia sobre as consecuencias das accións, por sutís que estas parezan, nunha sorte de teoría sen fin das ás de bolboreta; e de vocacións, de como todos, dun xeito ou doutro, acaban desempeñando a función para a que se sinten inclinados. O emprego dun narrador, tamén moi particular, é outro dos logros técnicos desta obra: a omniscencia dos narradores convencionais en terceira persoa, é substituída aquí por un interlocutor que fala co lector, que recoñece as súas deficencias coma contador de historias, e que fai lúcidas reflexións vitais de colleita propia que achegan moito á comprensión subxectiva do mundo que nos está a describir. E que ademais, de cando en vez, nos premia citando de forma recurrente  a un felino trovador que ten unha rima para cada situación. “

“Quizais ese mixiño poeta sexa parente lonxano do gato evanescente que se lle aparecía á marabillosa Alicia… ou quizais o río Inrique deixara o seu leito para levarlle auga corrente ao Castelo Ambulante que imaxinara Miyazaki… e de seguro que Gulliver, cando deixa de visitar illas lonxanas e fai turismo de interior, ten unha casiña de verán na vila de Nil onde se sinte como na casa. Quizais a singular cidade de Nil, cae polos arredores de Mondoñedo, o Mondoñedo de Cunqueiro, onde se fraguaron outras tantas historias singulares.”

_Jacobo_01Rematou sinalando o xurado do Premio Merlín 2009 que as razóns polas que foi premiada esta obra foron “pola desbordande imaxinación da que fai gala o autor, polo novidoso do argumento, pola inédita e variada galería de personaxes, pola solidez do mundo que se constrúe ante nós con cada frase, polo orixinal da estutura,  polo arriscado de levar o absurdo ao extremo, pola beleza plástica dalgunhas descricións e figuras narrativas e polo metafórico de moitas das pasaxes argumentais”.

Jacobo Fernández Serrano declarou que “recibir un premio coma este, coa impresionante lista de escritores que o levaron antes ca min, é unha honra e unha ledicia inmensa. A novela comeza cos fillos do rei do mar que caen na conta de que se achega o aniversario do seu pai e aínda non teñen agasallo. Da procura dese agasallo desencadéanse as mil cousas do título da obra. Pois ben, coincidiu que hoxe 6 de xuño é o meu aniversario. Semella logo que esta noveliña da que son pai deu co agasallo ideal: O Merlín. Seica as veces as cousas na vida real cadran aínda mellor que na literatura”.

Mar Guerra no CEIP Montemogos

Xuño 2, 2009

20090602125016-img-3147-rRecollemos a anotación publicado no blog do CEIP Montemogos sobre a presenza no centro da escritora Mar Guerra para presentar o seu Xenaro e o misterio da mochila verde, obra gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008. Ao longo dos últimos meses Mar Guerra participou en moitos actos semellantes en diferentes centros escolares e bibliotecas.

Seis novos merlíns nas librarías

Maio 27, 2009

Esta semana chegan ás librarías seis novos títulos da colección Merlín: Leocadio, o león de Oli, ilustrado por Teresa Novoa; Mar adiante de María Victoria Moreno, ilustrado por Manuel Uhía; Rata linda de Compostela de Bernardino Graña, ilustrado por Manuel Uhía; A profesora Ripaldi de María Alcañiz; Restaurante Farruco de Chus Pereiro, ilustrado por Xan López Domínguez e Lixo de Xavier López Rodríguez, ilustrado por Antón Taboada.

XG00163101O león Leocadio vivía alá, onde a terra e o ceo debuxan o máis recto dos abarazos. Nacera nunha notable familia de leóns, todos eles hábiles cazadores. Mais as súas carreiras tiñan pouco que ver coa caza. A Leocadio o que lle gustaba era choutar coas cebras, os antílopes e as gacelas. Esta era a razón pola que os tigres se burlaban del e os chistes das hienas resoaban por todas as partes. Como non aprendía as artes do cazador, os seus pais decidiron abandonalo nunhas montañas. Alí coñeceu un elefante, que perdeu a memoria, e aos señores Mayer que o levará a América, un lugar onde Leocadio descubrirá a súa verdadeira vocación, que o convertirá no león máis famoso de cantos existen na terra. Leocadio, o león, conto escrito por Oli e ilustrado por Teresa Novoa, aborda temas como a amizade, o respecto da diferenza e o valor dos soños e a fantasías como motores da convivencia no mundo.

XG00162901Publicada en 1973, Mar adiante é a primeira novela en lingua galega de María Victoria Moreno e unha das novelas fundadoras da literatura infantil en galego. Unha mestra contoulles un día aos compañeiros que viña de poñer escola nun barco, o Arroás. Como non a creron, e ela sabe que non o soñou, escribe a historia para que os rapaces a coñezan. Sabemos entón de Miguel, un vello mariñeiro, que fixo un barco cando soubo que o mestre ameazara aos rapaces con tiralos ao mar cos libros ao pescozo se non sabían a táboa do sete. E púxolle tripulación: un poeta, un debuxante, un amigo das estrelas e unha cociñeira velliña e garimosa, Lola. Non faltaban, claro, o capitán, e mais a mestra. No barco os nenos aprenden cousas que non veñen nos libros: a historia dos mozos náufragos aos que o patrón rico non quixo acudirlles, a de Mariquiña, que se fixo amiga dun lobo a quen agora todos os veciños queren e coñecen como Garimoso, a da illa dos paxaros que escaparon da persecución dos homes da aldea, que seica querían protexer as colleitas, a historia de amor imposible entre un vagalume e o Luceiro, que sae antes e marcha despois para que o vexa a súa amada, e mais a de Lola, que lles fixo unha árbore de Nadal con argazos camiñando sobre o mar e logo quedou durmida para sempre.

XG00164802No Monte do Gozo, preto de Compostela, vive Rata Linda. Tamén vivía alí o Rato, que marchou para o estranxeiro. Un día, Rata Linda atopa unha moeda que lle caera a Don Gato. Con ela, vai á tenda e merca un fermoso lazo, que pon na cabeza. Como estaba no balcón, algúns animais que pasaban por alí viana e pedíanlle para casar con ela. O Can, o Burro, o Grilo e o Gato foran facéndolle a petición. A Rata acepta casar con Don Gato, pero este o único que quere é recuperar a moeda. Rata Linda consegue desfacerse de Don Gato, facendo que caia a un pozo e afogue nel. E, despois disto, atopouse con que o Rato volvera da súa viaxe e tamén lle pedía para casar. Rata Linda acepta, e os dous marchan xuntos “a Santiago de Compostela, por mirar a Catedral”.

Rata linda de Compostela, conto escrito por Bernardino Graña e ilustrado por Manolo Uhía, está considerado como un dos contos versificados clásicos da literatura infantil de noso.

XG00163001Sarita Palodi é unha científica de recoñecido prestixio mundial. A ciencia é a súa vida e dedícase a ela sen descanso. A profesora Sarita Palodi é a cabeza dos laboratorios Prodi, unha empresa que tivo como últimos descubrimentos a tinta ortográfica, que fai que quen a utilice automaticamente non cometa faltas de ortografía, ou o paragugas autoclimático, un magnífico regulador do tempo, ou da peixeira con simulador de océanos… Un día, nos laboratorios prodúcese unha tremenda explosión e dende aquela non se soubo máis nada da profesora Palodi. Mais, quen é a profesora Ripaldi? A profesora Ripaldi, escrito e ilustrado por María Alcañiz, é unha brillantísima novela do xénero fantástico que supón o debut da súa autora. Foi a obra finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2008.

XG00154801No xeitoso e moi feituco Resturante Farruco celébrase un xantar moi especial: unha parella e o rei son atendidos polo camareiro Farruco, pola xefa de cociña Siñá Manuela e polo seu axudante. Restaurante Farruco é unha divertida peza teatral nun acto, onde Chus Pereiro xoga coa rima para presentar a ritmo trepidante a xornada que se vive nun restaurante moi especial. O ilustrador Xan López Domínguez deu vida a cada un dos personaxes da peza.

XG00154901Fogar refuxio, fogar cárcere, rúa fogar. Confortable liberdade coutada na casa ou arriscada liberdade sen teito asegurado. Expulsada do gris paraíso familiar, a protagonista de Lixo vese na obriga de enfrontar o inferno exterior, onde a despensa está nos contedores de refugallos, coas armas que ten en cada momento. Armas como a voluntaria opción de facerse pasar por home para merecer un mínimo respecto que, como muller, lle furtarían os habitantes da xungla urbana. A rúa permítelle coñecer a verdadeira amizade, condénaa despois a sufrir a dor da perda e regálalle por fin, de xeito impensado, unha esperanza. Lixo, novela de Xavier López Rodríguez, ilustrada por Antón Taboada, aborda con realismo e gran crueza a situación de exclusión na que viven algunhas persoas mozas das nosas cidades.


«Baldras, o xigante», presentación na Feira do Libro de Santiago

Maio 4, 2009

359818463_9bff2b3385_mMañá, martes 5 de maio, ás 18.00, na Feira do Libro de Santiago  Iolanda Eiras presenta o seu libro Baldras o xigante, publicado na colección Merliño.  No acto, actuará o coro A Ferradura, do CEIP Pío XII de Santiago de Compostela e unha sección da Banda Artística de Merza.  Ao remate do acto, a escritora asinará exemplares do seu libro.

«O arco da vella», presentación na Feira do Libro de Santiago

Maio 2, 2009

10002827513Mañá domíngo, 3 de maio, ás 18:00 presentarase O arco da vella, o álbum da serie «Merliño» escrito por Charo Pita e ilustrado por Xosé Tomás. A autora fará unha sesión de contacontos dirixida aos lectores novos arredor do do libro.

Mar Guerra asina na Feira do Libro de Santiago

Maio 1, 2009

1729405wMar Guerra asinará exemplares de Xenaro ou o misterio da mochila verde na Feira do Libro de Santiago o sábado, 2 de maio, ás 18:30 horas.

Entrevista a Iolanda Eiras

Abril 26, 2009

Revista de PrensaO Diario de Arousa publica hoxe unha entrevista con Iolanda Eiras, autora de Baldras o xigante, o álbum ilustrado por Fran Bueno publicado na serie «Merliño» da colección Merlín.

[Premede na imaxe para ler o texto con comodidade.]

«O sombreiro Chichiriteiro», primeira crítica

Abril 19, 2009

2009041721062763292Reproducimos o texto da primeira crítica aparecido nun medio impreso d’ O sombreiro Chichiriteiro, o álbum infantil  de Manuel Rivas e Patricia Castelao.  Este texto de Lorena Domínguez Mallo foi publicado onte no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia.

O primeiro libro de Manuel Rivas para nenos (logo de publicar Todo ben e Bala perdida dirixidos ao público xuvenil) é un libro no que a maxia reborda nada máis abrilo. Os debuxos, de Patricia Castelao, son pequenas marabillas que se miran con goce e curiosidade. Teñen a plasticidade dunha película de animación e parecen tridimensionais aínda que non o sexan. As nenas e nenos, que seguen sempre os debuxos, nada máis velos empezarán a comentalos: este é Simón, esta é a boca do sombreiro… É o seu xeito de participar na historia que está a serlles contada. Se os adultos valoramos a fermosura dos debuxos, para a rapazada esa fermosura está chea de significado, ponlle cara e corpo ao que se conta e faino máis comprensible, máis próximo.10000770013

A historia é sinxela, pero difícil de seguir para nenos moi cativos, o que incrementa a utilidade dos debuxos. Todo comeza, como as mellores historias máxicas, cunha situación cotiá coa que calquera neno se pode identificar (unha festa na casa do avó) que vai mudando paseniñamente cara algo marabilloso desde a aparición dun home asoballador e malquerido polas xentes que vén montado nunha avestruz e cun sombreiro moi especial. O que define a Simón, o protagonista, é a súa valentía, e é precisamente esa ousadía súa a que o leva a enfrontarse a ese xigante descarado. Cando o neno lle tira o sombreiro nun arranque de carraxe desencadéase a acción, porque o sombreiro non cae ao chan senón que empeza a cantar e sae voando, e Simón detrás del, correndo cara a aventura.

As historias con obxectos máxicos son un clásico, e neste caso trátase dun sombreiro benfeitor que converte a Simón no protagonista dos seus propios soños, facéndoo vivir cousas imposibles. O sombreiro foille roubado a un trompetista e por iso sabe cantar e tocar a trompeta. Calquera nena soñaría con ter un sombreiro que lle permitise voar, que lle ensinase a tocar, e que cando tocase conseguise que os paxaros a acompañasen, como se estivese dirixindo a orquestra da natureza.

Tamén aparecen moitos valores que todos queremos transmitirlle aos nenos e nenas: a amizade, o respecto e a admiración pola natureza, a solidariedade, a idea de que as palabras das linguas poden verse magoadas ou perdidas se non se lles axuda (falándoa)… Ademais, estes valores insírense no conto de xeito natural, non se percibe unha listaxe de fondo cunha enumeración de valores a incluír, senón que todo parece xurdir enfiado, e todo o bo leva ao bo: a ousadía de Simón á aventura, amizade de Simón e o sombreiro aos prodixios, a solidariedade do sombreiro á salvación de insectos e palabras.

2009041721055479599Por último, cómpre dicir que a lingua na que se conta a historia é unha lingua limpa de requintamentos, inzada de palabras fermosas que usan os miúdos que falan galego: bochechas, apampados, orelludo, reviravoltas… Aparecen rimas tamén en certas partes do libro, concordando coa musicalidade presente na historia e nos debuxos. Insírense no conto os nomes de moitos insectos e paxaros e unha imitación do seu canto máis poética ca realista. Iso, sumado á importancia das palabras, á música e aos soños, fía un relato cunha aventura moi emotiva, chea de encantos lingüísticos, visuais e oníricos. E o final, que é unha parte máis da aventura, é un final verdadeiramente orixinal. A comuñón coa natureza faise total e Simón consegue influír no seu curso. Un libro para que os nenos miren doutro xeito os paxaros, os sombreiros e ata os mapas do tempo… Lorena Domínguez Mallo.

Xerais, novidades de abril

Abril 7, 2009

xg00152001Neste mes, o abril dos libros, Xerais poñerá nas librarías once títulos.

Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas O’ Salto do Can de Jorge Llorca e Tempo de centeo de Xosé Fernández Ferreiro.

Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.

En colaboración coa Radio Galega e AGADIC o disco libro do IIIº Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

En Xerais Crónica, Galicia solidaria, obra coordinada por Xulio Ríos e Carlos Teijo, membros do IGADI.

En Xerais Manuais Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés, que será presentado, o 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro.

xg00154401Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de choiva de Ánxela Gracián, ilustrado por Daniel Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé TomásDona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.

Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido.

Manuel Rivas presenta «O sombreiro Chichiriteiro» no Colexio Andaina

Abril 6, 2009

Manuel Rivas e Patricia Castelao presentaron o pasado venres O sombreiro Chichiriteiro diante do alumnado do primeiro ciclo de Educación Primaria do Colexio Andaina de Culleredo.

«O sombreiro Chichiriteiro»

Abril 5, 2009

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddManuel Rivas e Patricia Castelao presentaron o pasado venres O sombreiro Chichiriteiro no Colexio Andaina de Culleredo. Pola tarde Rivas asinou exemplares do álbum na Libraría de El Corte Inglés da Coruña. Aquí pódese ver unha interesante entrevista en vídeo publicada na web de La Opinión da Coruña.

2 de abril. Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Marzo 31, 2009

Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Xerais ten previsto realizar os seguintes actos:

o-unico11 de abril, mércores, a partir das 18,00 horas, Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 2008, asinará exemplares de O único que queda é o amor e do resto da súa obra, no departamento de libraría de El Corte Inglés de Vigo.

3 de abril, venres, ás 11,00 horas, Manuel Rivas e Patricia Castelao presentarán, aos alumnos e alumnas do Centro Educativo Andaina, rúa Aguaceiros, 21 A Zapateira en Culleredo, o seu primeiro libro dirixido ao público infantil  O sombreiro Chichiriteiro.

Capa o sombreiro chichiriteiro .indd3 de abril, venres, a partir das 18,00 horas, Manuel Rivas asinará exemplares de O sombreiro Chichiriteiro no departamento de libraría de El Corte Inglés da Coruña.

«O sombreiro chichiriteiro»

Marzo 30, 2009

Recollemos a anotación que sobre O sombreiro chichiriteiro, o recente álbum de Manuel Rivas e Patricia Castelao, publican o blog Trafegando ronseis:

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddProliferan ultimamente os libros infantís con desigual resultado, salvados en moitas ocasións polas fermosas ilustracións que acompañan uns textos que dáme a impresión non chegan en moitas ocasións a nenos e nenas. Pero non é este o caso: o texto de Manuel Rivas e as ilustracións de Patricia Castelao son fermosos por igual. Un relato sobre a amizade e a esperanza nunha coidada edición de tapa dura cunhas ilustracións que non deixan indiferente. Un fermoso libro para agasallar, para follear, para disfrutar.

Casa Hamlet presenta «Ratiña linda»

Marzo 26, 2009

cartel-ratina-linda-casa-hamlet

A compañía de teatro Casa Hamlet está representando a obra de teatro “Ratiña linda” escrita por Manuel Lourenzo a partir do conto Rata linda de Compostela de Bernardino Graña.

Novos títulos da serie Merliño

Marzo 12, 2009

cartel_merlino

«O sombreiro Chichiriteiro», ilustracións de Patricia Castelao

Marzo 6, 2009

Velaí unha mostra do extraordinario traballo de ilustración que Patricia Castelao realizou para O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas.

chi07-xblogchi12xblogchi15xblogchi24xblog

«O sombreiro Chichiriteiro», Manuel Rivas e Patricia Castelao

Marzo 6, 2009

Acaban de chegar da imprenta os primeiros exemplares d’ O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao. O sombreiro Chichiriteiro comezará a chegar ás librarías galegas a vindeira semana e será presentado na Coruña, con motivo do 2 de abril, día internacional do libro infantil e xuvenil.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddNa casa do avó do pequeno Simón, un día de festa apareceu dacabalo dunha avestruz o Chancho Colorao, un home robusto, moi fachendoso, vestido de traxe e botas de montar. Mais, cando Simón deulle por sorpresa unha puñada ao sombreiro do xigantón, o sombreiro non foi caer no chan, deu unha reviravolta no ar con moito xeito, saíu voando e botouse a cantar: “liroliro, liroliro”. «É o sombreiro Chichiriteiro», berrou con alegría o avó de Simón. Mentres todos ficaban apampados, Simón foise correndo detrás de sombreiro tan especial, a correr, a correr por leiras, prados, soutos e camiños.

Así arrinca O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto de Manuel Rivas para lectores miúdos, ilustrado pola xenial Patricia Castelao. Unha historia de amizade dun sombreiro moi especial, o Chichiriteiro, e dun neno valente chamado Simón, que viaxarán xuntos ao corazón do mundo.

Experiencia de animación á lectura en Radio Tui

Marzo 5, 2009

fourseasons_logoDende o pasado mes de xaneiro alumnado do 3º ciclo de Educación Primaria do Colexio Público Pazos de Reis de Tui desenvolven durante as mañás dos martes un programa de animación á lectura na Radio Municipal de Tui. Os alumnos e alumnas analizan un libro, realizan unha pequena reseña do autor e recomendan a súa lectura.

Premendo en cada título podemos escoitar os programas dedicados a Cidades de Fran Alonso, A rebelión dos coellos máxicos de Ariel Dorfman, A lagoa das nenas mudas de Fina Casalderrey e Mal de escola de Daniel Pennac (programa no que participaron dous profesores do centro).

Os nosos parabéns ao alumnado participante e á comunidade educativa de Pazos de Reis por tan fermosa iniciativa.

Xerais, novidades de marzo

Febreiro 25, 2009

Capa NarrativaNo vindeiro mes de marzo Xerais publicara unha ducia de novidades.

No eido da edición literaria, na colección Xerais Narrativa aparecerán a novela Peaxes de Santiago Lopo e o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco X. Fenrández Naval.

En Xerais Crónica publicaranse as Conversas con Celso Emilio Ferreiro preparadas por Ramón Nicolás Rodríguez.

Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.

En Xerais Manuais aparecerá Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddNesta entrada editorial da nova primavera particular importancia terá a edición infantil na que se publicará, dentro da colección Xerais Merlín  O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro libro infantil de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao.

Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de chuvia de Ánxela Gracián, ilustrado por David Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás;  Dona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante en Vilapedra, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.

Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido; e na de materiais didácticos Lingua e Literatura Galegas. probas de Selectividade 2009.

«Xenaro e o misterio da mochila verde» en «Culturas»

Decembro 29, 2008

mar-guerra-la-voz-13-12-20081Ramón Nicolás publicou o pasado 13 de decembro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008.

«Lía e as zapatillas de deporte»

Decembro 27, 2008

María Reimóndez presentou en Espazo Lectura Lía e as zapatillas de deportes.

«A chispa de Xenaro», crítica en «lg3»

Decembro 21, 2008

Isabel Soto publica no espazo de crítica de lg3 un traballo sobre Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra gañadora do premio Merlín 2008. Entrecollemos algúns parágrafo dun texto titulado «A chispa de Xenaro»:

xg001419013Un dos principais acertos do relato é precisamente o deseño do personaxe que lle dá nome, pois tanto a súa voz en primeira persoa coma o ton que emprega e a súa maneira de interpretar o mundo espertan o sorriso.

En conxunto, Xenaro e o misterio da mochila verde recrea, con humor e desenfado, un universo cotián e doadamente recoñecible para os lectores e lectoras ao que vai destinado –escola, aula, relacións entre compañeiros, grupo de amigos, contexto familiar, afeccións persoais…–, mais non por iso exento de acontecementos que levan a descubertas inesperadas. A implicación dos lectores e lectoras que se acheguen a estas páxinas procúrase con constantes apelacións que, a miúdo, buscan a súa complicidade, con capítulos de curta extensión e cunha galería de personaxes que combinan trazos tópicos e outros xa non tanto, sempre dende a ollada amable do cronista da aventura, que ben podería repetir noutra entrega.

«Xenaro e o misterio da mochila verde», crítica no «Cartafol»

Decembro 21, 2008

xg001419012Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra gañadora do Premio Merlín 2008, continúa recibindo magníficas críticas. Desta volta é o profesor Manuel Rodríguez Alonso quen no Cartafol de Libros publica un texto no que, entre outras consideracións, salienta: « O Premio Merlín de 2008 apostou por unha novela de aventuras infantil que desenvolve temas propios deste tipo de narrativa cun desenlace sorprendente, pois o suspense é un elemento fundamental deste relato. O lector novo sentirase atraído desde o primeiro momento pola figura do misterioso rapaz da mochila verde para atoparse no remate cun desenlace sorprendente, pero moi acaído nos tempos que corren».

«Xenaro e o misterio da mochila verde» recomendado no «Bule Bule»

Decembro 3, 2008

Alba Piñeiro recomenda nas páxinas do suplemento «Bule Bule» d’ A Nosa Terra desta semana Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra premiada co Merlín de literatura infantil deste ano. Reproducimos tan interesante recomendación:

xg001419011A chegada dun novo alumno

A xornalista Mar Guerra vén de gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2008 coa súa novela, Xenaro e o misterio da mochila verde. Cuxa definición por parte do xurado coma «un thriller psicolóxico» é de todo atinada. Trátase dunha historia actual que se desenvolve entre rapaces preadolescentes no colexio onde estudan e ao que acaba de chegar un novo alumno, que axiña esperta a curiosidade dos demais.

A concepción do libro, tanto na sua estrutura externa (vinte e tres capítulos) como na interna (argumento e perspectiva narradora a partir do protagonista), exerce unha atracción ao mozo lector ao sentirse identificado por unhas situacións, que lle son familiares, e estar contadas cunha linguaxe directa e chea de humor. Ao longo dos curtos pero intensos capítulos, Xenaro Conese Maiusculo e mais os seus amigos exercerán de detectives para descubrir o «misterio» agochado tras da gran mochila verde e o seu dono. Esta descuberta vai significar tamén un achado de coñecemento a nivel persoal, que lles permitirá entender as causas que levan a cometer certos actos e, sobre todo, a valorar o sentido da palabra amizade. As ilustracións realistas e vivas de Fernando Llorente están en sintonía co ton textual.

«Xenaro e o misterio da mochila verde», presentación

Novembro 24, 2008

O mércores, 26 de novembro, presentarase na  Coruña Xenaro e o misterio da mochila verde, a obra de Mar Guerra gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008. O acto, que se celebrará na Libraría Arenas (Cantón Pequeno 25), a partir das 20:00 horas, contará coa participación de Laura Sáez, Manuel Bragado e a autora.

xg00141901A Xenaro Conese Maiúsculo o que máis lle gusta é xogar coas palabras e ler. Tamén lle gustan os xogos de computador, o xadrez, os cómics, os documentais e a música…; porén, pode parecer un bicho raro porque tamén lle encanta facer de detective e resolver misterios dos que se producen no Universal, o seu colexio. Xirando arredor da amizade e os seus modelos e xogando coa linguaxe e o humor, esta novela de Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2008, ilustrada por Fernando Llorente, foi definida polo xurado como «un trhiller psicolóxico» que desenvolve unha historia cotián de rapaces e rapazas dun centro escolar. Unha viaxe fascinante ao mundo dos nenos e nenas de hoxe.

Entrevista aos tres premiados nos Xerais 2008

Novembro 23, 2008

g17p30f1

Camilo Franco publica en La Voz de Galicia unha entrevista cos tres premiados nos Xerais 2008, Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil, Marilar Aleixandre do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil e Manuel Lourenzo González do Premio Xerais de novela. Recollemos algúns dos parágrafos do texto:

Os tres consideran que os premios seguen sendo imprescindibles e que a motivación principal é «conseguir que a historia chegue aos lectores», como explica Mar Guerra, autora de Xenaro e ou misterio da mochila verde. Lourenzo apunta na conversa que «hai un efecto de reforzo para o traballo do escritor cando un xurado escolle un libro seu». Para Marilar Alexandre, autora d’ A cabeza de Medusa, «esa escolla significa que alguén gustou do texto, por máis que sabemos que con outro xurado ou resultado podería ser outro».

Os tres son gañadores de premios a libros inéditos, pero preferirían que houbese máis galardóns á obra publicada. Asegura Lourenzo González que «é máis gratificante o premio ao que non preséntache, pero tamén é certo que neste tipo de convocatorias hai vicios de funcionamento que invalidan en parte a súa función». Para Mar Guerra, os premios a libros publicados deberían darse «en condicións de laboratorio para evitar as suspicacias e que a súa referencia sexa válida».

Os tres gañadores dos Premios Xerais 2008 presentarán as súas obras a vindeira semana: Manuel Lourenzo González, o luns 24 en Pontevedra; Mar Guerra, o mércores 26 na Libraría Arenas da Coruña e Marilar Aleixandre, o venres 28 na Fundación Caixa Galicia de Vigo. Todos os actos comezarán as 20:00 horas.

«Novas minimaladas» de Pinto & Chinto

Novembro 17, 2008

Tras o éxito de Minimaladas, Premio Merlín de literatura infantil 2007 da autoría de Carlos López, ilustrado por David Pintor, a mesma parella de autores, agora asinando como Pinto & Chinto ofrece unha entrega continuación da anterior, Novas minimaladas. Sesenta mini historias, contos breves (nalgúns casos apenas catro ou cinco liñas) protagonizadas por animais cheas de creatividade, fantasía e humor, nas que Pinto & Chinto conseguen unha perfecta ensamblaxe entre os textos de cada unha delas e a representación visual do seu protagonista. En ambos os dous títulos salienta a súa capacidade para evocar imaxes, valéndose dun emprego lúdico da linguaxe, algunhas interesantes referencias literarias e dun tratamento moi innovador da creación lingüística.

xg00161301Un rinoceronte que nunca chegou á montaña. Un leopardo ao que lle entrou a fame. Unha abella que se achegou a unha flor coa intención de recoller o néctar. Un pavo que estaba farto da súa plumaxe negra. Unha medusa que esta moi triste porque se atopaba moi soa. Un cangrexo ermitán que vivía dentro dunha buguina. Unha cebra de raias verdes e brancas.Un vagalume ao que se lle apagou a luz. Unha couza á que lle encantaba comer libros. Un cempés que quería ser futbolista. Un guepardo máis veloz que a súa sombra…

«Vouvos papar», unha aventura na Internet

Novembro 16, 2008

xg00141801Vouvos papar de Luz Méndez e Pere Tobaruela é a historia de Tucho e Mucha, dous nenos que conectados polo correo electrónico e o programa de chat, cando xogaban ao «Buscaminas», ao seu xogo preferido, viven unha aventura na Internet cando os chucha o seu ordenador coma se os prendese unha aspiradora. ¿Quen é que os quere papar? E ben raro todo isto, ¿non si?

Daniel Xove ilustrou esta apaixonante aventura, a primeira na literatura infantil galega que se desenvolve no mundo das pantalllas e dos programas informáticos.

«Os piratas da illa da esperanza», crítica

Setembro 26, 2008

María Navarro publicou no Faro da Cultura de onte unha crítica sobre Os piratas da illa da esperanza, a novela de X. Rivadulla Corcón publicada en Merlín e ilustrada por Adrián Solleiro.

«Bertiño Rompetodo», primeira crítica

Setembro 18, 2008

Paula Fernández publica no Faro da Cultura a primeira crítica de Bertiño Rompetodo, o álbum escrito por Ramón Caride e ilustrado por Chus Ferrín, publicado na colección «Merliño».

Ramón Caride, máis traducións

Xullo 26, 2008

A portuguesa editorial Deriva anuncia a tradución do conxunto dos volumes da serie “As aventuras de Said e Sheila” de Ramón Caride e publicados orixinalmente en galego na nosa colección Merlín. Á tradución de Perigo vexetal, xa no mercado e incluída no Plan Nacional de Leitura, uniranse as de Ameaza na Antártida, O futuro roubado e A negrura do mar. A serie, ilustrada por Miguelanxo Prado, conformará unha colección específica e xa conta cun blog, no que proporcionan axudas para os mediadores. Así mesmo, estes mesmos títulos continuarán sendo editados en castelán por Anaya Infantil y Juvenil.

“Bea”, primeira crítica

Xullo 10, 2008

Paula Fernández publica no Faro da Cultura a primeira crítica sobre Bea, o álbum escrito e ilustrado por Iván Sende publicado na serie “Merliño“.

“Lía e as zapatillas de deporte”, segunda crítica

Xuño 29, 2008

María Navarro publica no último número de Faro da cultura unha crítica de Lía e as zapatillas de deporte, o máis recente libro de María Reimóndez na colección Merlín.

“PAlAbrAs brAncAs”, presentación en Pontevedra

Xuño 25, 2008

Mañá, xoves, ás 20,00 presentarase na Galería Sargadelos de Pontevedra PAlAbrAs brAncAs o poemario de Elvira Riveiro, ilustrado por Fino Lorenzo e publicado na colección Merlín. O acto está organizado pola asociación Máislibros.