«O sombreiro Chichiriteiro», Manuel Rivas e Patricia Castelao

Acaban de chegar da imprenta os primeiros exemplares d’ O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao. O sombreiro Chichiriteiro comezará a chegar ás librarías galegas a vindeira semana e será presentado na Coruña, con motivo do 2 de abril, día internacional do libro infantil e xuvenil.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddNa casa do avó do pequeno Simón, un día de festa apareceu dacabalo dunha avestruz o Chancho Colorao, un home robusto, moi fachendoso, vestido de traxe e botas de montar. Mais, cando Simón deulle por sorpresa unha puñada ao sombreiro do xigantón, o sombreiro non foi caer no chan, deu unha reviravolta no ar con moito xeito, saíu voando e botouse a cantar: “liroliro, liroliro”. «É o sombreiro Chichiriteiro», berrou con alegría o avó de Simón. Mentres todos ficaban apampados, Simón foise correndo detrás de sombreiro tan especial, a correr, a correr por leiras, prados, soutos e camiños.

Así arrinca O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto de Manuel Rivas para lectores miúdos, ilustrado pola xenial Patricia Castelao. Unha historia de amizade dun sombreiro moi especial, o Chichiriteiro, e dun neno valente chamado Simón, que viaxarán xuntos ao corazón do mundo.

Etiquetas: , , ,

2 Respostas to “«O sombreiro Chichiriteiro», Manuel Rivas e Patricia Castelao”

  1. «O sombreiro Chichiriteiro», ilustracións de Patricia Castelao « Xerais blog Says:

    […] Velaí unha mostra do extraordinario traballo de ilustración que Patricia Castelao realizou para O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel […]

  2. lelivillamil Says:

    Seguro que é tan necesario para os nenos coma o foi “Bala Perdida”.que tanto lles gusta aos rapaces cando llos mandas ler.

Deixar un comentario