Posts Tagged ‘o_sombreiro_chichiriteiro’

Xerais na Feira do Libro da Coruña

Xullo 24, 2009

Na Feira do Libro da Coruña, que se celebrará nos xardíns de Méndez Núñez, do 1 ao 10 de agosto, Xerais ten programadas as seguintes actividades:

Día 1.  Sábado

Capa o sombreiro chichiriteiro .indd18.30    O escritor e xornalista Manuel Rivas asinará exemplares do seu libro O sombreiro chichiriteiro e de toda a súa obra.

Día 3.  Luns

20.00    Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), publicado por Edicións Xerais de Galicia e Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, publicado pola Editorial Galaxia.

Día 4.  Martes

capa_lostregos.indd19.30    Xosé Neira Vilas asinará exemplares dos seus libros.

21.00    O escritor Xosé Neira Vilas, presenta o seu libro Lóstregos.  Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.

Día 5.  Mércores

18.00    A feira dos nenos. Acto arredor do libro O arco da vella, de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás.  Participarán os autores do libro.

XG0016740120.00    O escritor e xornalista Luis Rei Núñez presenta o seu libro Monte Louro, (Premio Blanco Amor de novela 2009). Xunto co autor, participarán no acto o escritor Xavier Seoane e Manuel Bragado.

Día 6.  Xoves

19.00    O escritor e xornalista Carlos G. Reigosa asinará exemplares do seu libro (Premio Torrente Ballester de novela 2008) A vida do outro.

Día 7.  Venres

20.00    Xabier P. Docampo (autor) e Xosé Cobas (ilustrador), asinarán exemplares d O Libro das viaxes imaxinarias (Premio Irmandade do Libro 2009 da Federación de Libreiros de Galicia).

“O sombreiro Chichiriteiro”, crítica no “Faro da Cultura”

Xuño 19, 2009

Paula Fernández publicou no Faro da Cultura de onte unha crítica d’ O sombreiro Chichiriteiro, o álbum escrito por Manuel Rivas e ilustrado por Patricia Castelao. Reproducimos o texto na súa totalidade.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddO sombreiro Chichiriteiro, a primeira obra infantil de Manuel Rivas, amosa o regreso do autor coruñés á literatura de ficción pois dende Os libros arden mal as súas publicacións centráranse no ensaio xornalístico. Pois ben, esta volta retorno resulta salientable ao atoparmos un conto infantil apaixonante cheo de fantasía e imaxinación no que ademais advertimos dous niveis de lectura moi diferenciados.

No primeiro destes niveis coñecemos a Simón, un rapaz un chisco apoucado que está a celebrar o día da festa na casa coa familia cando irrompe Chancho Colorao, un home fachendoso que viste un sombreiro con vida propia, o Sombreiro Chichiriteiro, que moi axiña sae da cabeza do seu dono para comezar unha viaxe na compaña do rapaz. Nesta viaxe ademais de comezar unha fermosa amizade, Simón descobre a excitante vida do sombreiro que agacha dentro de si o son da trompeta. Grazas a esta capacidade prodixiosa aprenderá Simón a tocar a trompeta imaxinaria e contaxiarase tamén el da felicidade que provoca en todo o mundo a compaña de tan singular sombreiro.

Mais paralelo a esta lectura máis superficial outro nivel, máis fondo e reflexivo, onde intuímos un cambio en Simón; quen ve medrar a súa autoestima, onde apreciamos defensa da lingua; nas palabras que queren cruzar o río se cadra procurando algo mellor igual ca as persoas que atravesan o estreito en pateras, e onde vemos tamén agromar unha amizade verdadeira entre seres moi diferentes. Unha dobre lectura que enche de significado o que en aparencia semellaría un conto infantil ao xeito usual, e á que quizais deberiamos engadir un terceiro nivel fóra do texto e do que este implica: un nivel plástico que, grazas á calidade de Patricia Castelao, unha das mellores ilustradoras galegas, ilustra a historia fomentando a parte máis máxica desta grazas á súa ensoñación provocadora, ao romanticismo do rostro de Simón e a un estilo moi característico e próximo á animación cinematográfica.

Un conto infantil onde se mesturan ingredientes imprescindibles que mostran o acertado deste achegamento de Manolo Rivas á literatura infantil, a verosimilitude do espazo e do personaxe de Simón á beira do extraordinario mais asombrosamente crible e real sombreiro e por suposto as aventuras da viaxe, que mergullan a quen le nun paseo axetreado e cheo de elementos marabillosos que non deixan indiferente a ninguén. Paula Fernández.

Manuel Rivas na Feira do Libro de Santiago

Maio 3, 2009

verfotoaspMañá luns, 4 de maio, ás 19:00 horas, Manuel Rivas ofrecerá un recital poético.  Ao remate asinará exemplares de  O sombreiro ChichiriteiroA corpo aberto e do resto da súa obra.

Xerais na Feira do Libro de Santiago

Abril 28, 2009

Xerais preparou un completo programa de actividades de animación para a Feira do Libro de Santiago que se inaugurará o vindeiro venres, 1 de maio.

Venres, 1 de maio
13.00 Pregón inaugural a cargo de Teresa Moure.
19.00 O escritor Santiago Jaureguizar, asinará exemplares do seu libro O Globo de Shakespeare (Premio Terra de Melide, 2008)

Sábado, 2 de maio
18.30 A escritora Mar Guerra asinará exemplares do seu libro Xenaro e o misterio da mochila verde, gañador do Premio Merlín 2008.

Domingo, 3 de maio
18.00 Contacontos arredor do libro O arco da vella, da escritora Charo Pita, publicado na colección Merliño.
19.00 O escritor Daniel Ameixeiro presenta: Ramón Piñeiro. Os días ocultos.  Participan Manuel Bragado e o autor.  Ao remate da presentación, o autor asinará exemplares do seu libro.

Luns, 4 de maio
19.00 O escritor e xornalista Manuel Rivas ofrecerá un recital poético.  Ao remate asinará exemplares de  O sombreiro ChichiriteiroA corpo aberto e do resto da súa obra.

Martes, 5 de maio
18.00 A escritora Iolanda Eiras presenta o seu libro Baldras o xigante, publicado na colección Merliño.  No acto, actuará o coro A Ferradura, do CEIP Pío XII de Santiago de Compostela e unha sección da Banda Artística de Merza.  Ao remate do acto, a escritora asinará exemplares do seu libro.
19.00 A escritora Teresa Moure asinará exemplares do seu libro O natural é político.

Mércores, 6 de maio
20.00 O escritor Xabier P. DoCampo (gañador do Premio Irmandade do Libro 2008 da Federación de Libreiros de Galicia) e o ilustrador  Xosé Cobas asinarán exemplares do Libro das  viaxes imaxinarias.

«O sombreiro Chichiriteiro», primeira crítica

Abril 19, 2009

2009041721062763292Reproducimos o texto da primeira crítica aparecido nun medio impreso d’ O sombreiro Chichiriteiro, o álbum infantil  de Manuel Rivas e Patricia Castelao.  Este texto de Lorena Domínguez Mallo foi publicado onte no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia.

O primeiro libro de Manuel Rivas para nenos (logo de publicar Todo ben e Bala perdida dirixidos ao público xuvenil) é un libro no que a maxia reborda nada máis abrilo. Os debuxos, de Patricia Castelao, son pequenas marabillas que se miran con goce e curiosidade. Teñen a plasticidade dunha película de animación e parecen tridimensionais aínda que non o sexan. As nenas e nenos, que seguen sempre os debuxos, nada máis velos empezarán a comentalos: este é Simón, esta é a boca do sombreiro… É o seu xeito de participar na historia que está a serlles contada. Se os adultos valoramos a fermosura dos debuxos, para a rapazada esa fermosura está chea de significado, ponlle cara e corpo ao que se conta e faino máis comprensible, máis próximo.10000770013

A historia é sinxela, pero difícil de seguir para nenos moi cativos, o que incrementa a utilidade dos debuxos. Todo comeza, como as mellores historias máxicas, cunha situación cotiá coa que calquera neno se pode identificar (unha festa na casa do avó) que vai mudando paseniñamente cara algo marabilloso desde a aparición dun home asoballador e malquerido polas xentes que vén montado nunha avestruz e cun sombreiro moi especial. O que define a Simón, o protagonista, é a súa valentía, e é precisamente esa ousadía súa a que o leva a enfrontarse a ese xigante descarado. Cando o neno lle tira o sombreiro nun arranque de carraxe desencadéase a acción, porque o sombreiro non cae ao chan senón que empeza a cantar e sae voando, e Simón detrás del, correndo cara a aventura.

As historias con obxectos máxicos son un clásico, e neste caso trátase dun sombreiro benfeitor que converte a Simón no protagonista dos seus propios soños, facéndoo vivir cousas imposibles. O sombreiro foille roubado a un trompetista e por iso sabe cantar e tocar a trompeta. Calquera nena soñaría con ter un sombreiro que lle permitise voar, que lle ensinase a tocar, e que cando tocase conseguise que os paxaros a acompañasen, como se estivese dirixindo a orquestra da natureza.

Tamén aparecen moitos valores que todos queremos transmitirlle aos nenos e nenas: a amizade, o respecto e a admiración pola natureza, a solidariedade, a idea de que as palabras das linguas poden verse magoadas ou perdidas se non se lles axuda (falándoa)… Ademais, estes valores insírense no conto de xeito natural, non se percibe unha listaxe de fondo cunha enumeración de valores a incluír, senón que todo parece xurdir enfiado, e todo o bo leva ao bo: a ousadía de Simón á aventura, amizade de Simón e o sombreiro aos prodixios, a solidariedade do sombreiro á salvación de insectos e palabras.

2009041721055479599Por último, cómpre dicir que a lingua na que se conta a historia é unha lingua limpa de requintamentos, inzada de palabras fermosas que usan os miúdos que falan galego: bochechas, apampados, orelludo, reviravoltas… Aparecen rimas tamén en certas partes do libro, concordando coa musicalidade presente na historia e nos debuxos. Insírense no conto os nomes de moitos insectos e paxaros e unha imitación do seu canto máis poética ca realista. Iso, sumado á importancia das palabras, á música e aos soños, fía un relato cunha aventura moi emotiva, chea de encantos lingüísticos, visuais e oníricos. E o final, que é unha parte máis da aventura, é un final verdadeiramente orixinal. A comuñón coa natureza faise total e Simón consegue influír no seu curso. Un libro para que os nenos miren doutro xeito os paxaros, os sombreiros e ata os mapas do tempo… Lorena Domínguez Mallo.

Manuel Rivas presenta «O sombreiro Chichiriteiro» no Colexio Andaina

Abril 6, 2009

Manuel Rivas e Patricia Castelao presentaron o pasado venres O sombreiro Chichiriteiro diante do alumnado do primeiro ciclo de Educación Primaria do Colexio Andaina de Culleredo.

«O sombreiro Chichiriteiro»

Abril 5, 2009

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddManuel Rivas e Patricia Castelao presentaron o pasado venres O sombreiro Chichiriteiro no Colexio Andaina de Culleredo. Pola tarde Rivas asinou exemplares do álbum na Libraría de El Corte Inglés da Coruña. Aquí pódese ver unha interesante entrevista en vídeo publicada na web de La Opinión da Coruña.

2 de abril. Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Marzo 31, 2009

Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Xerais ten previsto realizar os seguintes actos:

o-unico11 de abril, mércores, a partir das 18,00 horas, Agustín Fernández Paz, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 2008, asinará exemplares de O único que queda é o amor e do resto da súa obra, no departamento de libraría de El Corte Inglés de Vigo.

3 de abril, venres, ás 11,00 horas, Manuel Rivas e Patricia Castelao presentarán, aos alumnos e alumnas do Centro Educativo Andaina, rúa Aguaceiros, 21 A Zapateira en Culleredo, o seu primeiro libro dirixido ao público infantil  O sombreiro Chichiriteiro.

Capa o sombreiro chichiriteiro .indd3 de abril, venres, a partir das 18,00 horas, Manuel Rivas asinará exemplares de O sombreiro Chichiriteiro no departamento de libraría de El Corte Inglés da Coruña.

«O sombreiro chichiriteiro»

Marzo 30, 2009

Recollemos a anotación que sobre O sombreiro chichiriteiro, o recente álbum de Manuel Rivas e Patricia Castelao, publican o blog Trafegando ronseis:

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddProliferan ultimamente os libros infantís con desigual resultado, salvados en moitas ocasións polas fermosas ilustracións que acompañan uns textos que dáme a impresión non chegan en moitas ocasións a nenos e nenas. Pero non é este o caso: o texto de Manuel Rivas e as ilustracións de Patricia Castelao son fermosos por igual. Un relato sobre a amizade e a esperanza nunha coidada edición de tapa dura cunhas ilustracións que non deixan indiferente. Un fermoso libro para agasallar, para follear, para disfrutar.

«O sombreiro Chichiriteiro», ilustracións de Patricia Castelao

Marzo 6, 2009

Velaí unha mostra do extraordinario traballo de ilustración que Patricia Castelao realizou para O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas.

chi07-xblogchi12xblogchi15xblogchi24xblog

«O sombreiro Chichiriteiro», Manuel Rivas e Patricia Castelao

Marzo 6, 2009

Acaban de chegar da imprenta os primeiros exemplares d’ O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao. O sombreiro Chichiriteiro comezará a chegar ás librarías galegas a vindeira semana e será presentado na Coruña, con motivo do 2 de abril, día internacional do libro infantil e xuvenil.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddNa casa do avó do pequeno Simón, un día de festa apareceu dacabalo dunha avestruz o Chancho Colorao, un home robusto, moi fachendoso, vestido de traxe e botas de montar. Mais, cando Simón deulle por sorpresa unha puñada ao sombreiro do xigantón, o sombreiro non foi caer no chan, deu unha reviravolta no ar con moito xeito, saíu voando e botouse a cantar: “liroliro, liroliro”. «É o sombreiro Chichiriteiro», berrou con alegría o avó de Simón. Mentres todos ficaban apampados, Simón foise correndo detrás de sombreiro tan especial, a correr, a correr por leiras, prados, soutos e camiños.

Así arrinca O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto de Manuel Rivas para lectores miúdos, ilustrado pola xenial Patricia Castelao. Unha historia de amizade dun sombreiro moi especial, o Chichiriteiro, e dun neno valente chamado Simón, que viaxarán xuntos ao corazón do mundo.