Posts Tagged ‘rafael_fernández_lorenzo’

Bernardino Graña elixido académico

Xuño 27, 2009

Na mesma sesión na que A Academia Galega designou a Uxío Novoneyra como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2010, foi elixido académico o seu amigo o poeta Bernardino Graña. Un nomeamento que a todo o cadro de persoal da editorial nos enche de fachenda e satisfacción polo vencellamento solidario de Bernardino con Xerais, ao longo de tres décadas, na que ten publicada unha boa parte da súa obra. Os nosos maiores parabéns para Bernardino Graña!

11178013Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo, 1932). Foi catedrático de lingua e literatura até a súa xubilación. En 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publicou unha estensa obra no ámbito da poesía, do teatro, da narrativa e da literatura infantil.

Como poeta ten publicado: Poema do home que quixo vivir (1958); Profecía do mar (1966, Xerais 1995); Non vexo Vigo nin Cangas (1975); Se o noso amor e os peixes (Xerais 1980), Premio Galicia do concello de Santiago de Compostela; Sima-Cima do voar tolo (1984); Himno verde (1992); Ardentía. Obra poética completa (1995); As Cantigas de Santa María (Xerais 1996); Luz de novembro (1997) e Acendede as almenaras (Xerais 2008).

No ámbito do teatro: Vinte mil pesos crime (1962, Xerais 2005); Sinfarín contra don Perfeuto (1975); Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992), Premio Abrente de Ribadavia (1979).

Como narrador publicou Fins do mundo (1974, Xerais 1989) relatos e Protoevanxeo do neto de Herodes (Xerais 2006), IIº Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego portuguesa.

E para o público infantil destacan: O león e o paxaro rebelde (1969, Xerais), Premio de contos para rapaces O Facho; Planeta dos ratos tolos (1990); Xan Guindán, capitán (Xerais 1991); Oso mimoso (Xerais 1992); Namoro de lobo Pipo na escola de don Perico (1992); Os burros que comen ouro (1992); O gaiteiro e o rato Pérez (Xerais 1994), Premio Merlín 1993; Xan Guindán, mensaxeiro (1994); Cristo e San Pedro, peregrinos (Xerais 1994); Rata linda de Compostela (Xerais 1994, 2009); O lobo e o grilo (1995); Contra o león covarde (1995); Xan Guindán e os Salvaxes (1995); Xan Guindán mensaxeiro (1997) e O quirico lambón (Xerais 1997).

Héitor Mera e Rafael Fernández son autores do libro Conversas con Bernardino Graña (2005). Os traballos de homenaxe á figura do escritor do Morrazo con motivo do seu setenta e cinco aniversario están recollidos no volume Bernardino Graña (Xerais 2007), coordinado por Héitor Mera.

«Mil cretinos» ou o home que miraba pola fiestra

Decembro 22, 2008

Rafael Fernández Lorenzo publica no Cartafol de libros unha crítica sobre Mil cretinos, o libro de Quim Monzó traducido por Helena González.

xg00152301Monzó é escritor, tradutor e periodista, pero na súa ampla obra destacan sobre todo os contos e os relatos breves. Pasaron xa algúns anos dende que publicou o seu anterior libro titulado Splassshf, unha recompilación da súa extensa traxectoria narrativa. Reaparece agora coa obra Mil cretinos, acadando de saída o Premio de Narrativa Maria Ángels Anglada.
En Mil cretinos, Quim Monzó mira pola fiestra os balcóns e as tarandeiras da vida que abanean prendidas polas rúas de Barcelona, páxinas prendidas de estraños signos que non queren dicir nada máis alá do normal, do frecuente e habitual. As fiestras son os pulmóns e os ollos das casas, por elas respiramos e miramos, ata algunhas veces saltamos.
A escrita de Monzó en vez de axustar e encaixar convencionalmente a estructura da obra para que estea lista, preparada e finiquitada, bate nos metódicos mecanismos invertindo o proceso creativo, como un reloxo no que as agullas xiran ao revés, pero que rematan sempre con idéntico contido no mesmo final.
Nos relatos A chegada da primavera e O señor Beneset Monzó aborda con ironía e con certa retranca a lóxica dexenerativa das persoas, xogando coa inversión dos roles, de como os fillos pasan de ser os coidados para converterse en “coidadores”. Hai na súa escrita algo surrealista e paranoico, un xeriátrico imaxinario que se sacude as verbas e procura a saída dun labirinto que non ten entrada.
Pero é no relato titulado O corte onde este magnífico traballo acada, ao meu parecer con mestría unha perfecta simbiose entre o absurdo e o real.
A obra do finado Monterroso ten certa semellanza á de Monzó, de non ser pola ovella negra que demente pace polas grandes obras de Miró e de Picasso.
Qim Monzó, constrúe pequenos castellers que se erguen con palabras lixeiras nun mecánico proceso de ironía e acada aos poucos, cun espelido anxaneta os cumios dos relatos saudando sutilmente e con sarcasmo á multitude. Mil cretinos é unha fiestra pola que mirar o cotián, o insólito e excepcional da nosa existencia.