Posts Tagged ‘lorena_domínguez_mallo’

«O sombreiro Chichiriteiro», primeira crítica

Abril 19, 2009

2009041721062763292Reproducimos o texto da primeira crítica aparecido nun medio impreso d’ O sombreiro Chichiriteiro, o álbum infantil  de Manuel Rivas e Patricia Castelao.  Este texto de Lorena Domínguez Mallo foi publicado onte no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia.

O primeiro libro de Manuel Rivas para nenos (logo de publicar Todo ben e Bala perdida dirixidos ao público xuvenil) é un libro no que a maxia reborda nada máis abrilo. Os debuxos, de Patricia Castelao, son pequenas marabillas que se miran con goce e curiosidade. Teñen a plasticidade dunha película de animación e parecen tridimensionais aínda que non o sexan. As nenas e nenos, que seguen sempre os debuxos, nada máis velos empezarán a comentalos: este é Simón, esta é a boca do sombreiro… É o seu xeito de participar na historia que está a serlles contada. Se os adultos valoramos a fermosura dos debuxos, para a rapazada esa fermosura está chea de significado, ponlle cara e corpo ao que se conta e faino máis comprensible, máis próximo.10000770013

A historia é sinxela, pero difícil de seguir para nenos moi cativos, o que incrementa a utilidade dos debuxos. Todo comeza, como as mellores historias máxicas, cunha situación cotiá coa que calquera neno se pode identificar (unha festa na casa do avó) que vai mudando paseniñamente cara algo marabilloso desde a aparición dun home asoballador e malquerido polas xentes que vén montado nunha avestruz e cun sombreiro moi especial. O que define a Simón, o protagonista, é a súa valentía, e é precisamente esa ousadía súa a que o leva a enfrontarse a ese xigante descarado. Cando o neno lle tira o sombreiro nun arranque de carraxe desencadéase a acción, porque o sombreiro non cae ao chan senón que empeza a cantar e sae voando, e Simón detrás del, correndo cara a aventura.

As historias con obxectos máxicos son un clásico, e neste caso trátase dun sombreiro benfeitor que converte a Simón no protagonista dos seus propios soños, facéndoo vivir cousas imposibles. O sombreiro foille roubado a un trompetista e por iso sabe cantar e tocar a trompeta. Calquera nena soñaría con ter un sombreiro que lle permitise voar, que lle ensinase a tocar, e que cando tocase conseguise que os paxaros a acompañasen, como se estivese dirixindo a orquestra da natureza.

Tamén aparecen moitos valores que todos queremos transmitirlle aos nenos e nenas: a amizade, o respecto e a admiración pola natureza, a solidariedade, a idea de que as palabras das linguas poden verse magoadas ou perdidas se non se lles axuda (falándoa)… Ademais, estes valores insírense no conto de xeito natural, non se percibe unha listaxe de fondo cunha enumeración de valores a incluír, senón que todo parece xurdir enfiado, e todo o bo leva ao bo: a ousadía de Simón á aventura, amizade de Simón e o sombreiro aos prodixios, a solidariedade do sombreiro á salvación de insectos e palabras.

2009041721055479599Por último, cómpre dicir que a lingua na que se conta a historia é unha lingua limpa de requintamentos, inzada de palabras fermosas que usan os miúdos que falan galego: bochechas, apampados, orelludo, reviravoltas… Aparecen rimas tamén en certas partes do libro, concordando coa musicalidade presente na historia e nos debuxos. Insírense no conto os nomes de moitos insectos e paxaros e unha imitación do seu canto máis poética ca realista. Iso, sumado á importancia das palabras, á música e aos soños, fía un relato cunha aventura moi emotiva, chea de encantos lingüísticos, visuais e oníricos. E o final, que é unha parte máis da aventura, é un final verdadeiramente orixinal. A comuñón coa natureza faise total e Simón consegue influír no seu curso. Un libro para que os nenos miren doutro xeito os paxaros, os sombreiros e ata os mapas do tempo… Lorena Domínguez Mallo.

«O xardín das pedras flotantes», crítica en «lg3»

Xaneiro 7, 2009

Lorena Domínguez Mallo comenta en «lg3» as virtudes d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do premio Xerais 2008. Recollemos un framento da crítica:

xg00139301[…] a forza da novela é incuestionable e a cantidade de historias só bosquexadas nela é tal que o propio autor decidiu crear un blog para darlles continuidade, (http://batume.blogspot.com); un diario en rede no que el mesmo e os lectores seguen tecendo esas historias. Esa concesión á autoría múltiple non deixa de ser unha boa mostra de como as grandes historias son aquelas que a xente toma para si, para transformalas, continualas ou interpretalas de xeito que xoguen un papel nas súas vidas.