Posts Tagged ‘juan_blanco_valdés’
Maio 25, 2009
Sandra Faginas publicou o sábado, 23 de maio, no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia unha crítica sobre Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica do que é autor Juan Blanco Valdés. Reproducimos un texto que a súa autora titulou: “Máis alá do punto e coma”:
Un dos personaxes que García Márquez mellor retratou na súa última novela é “el abominable hombre de las nueve”, ese ser que fai a súa aparición co seu bolígrafo vermello e comeza a encher de borróns as páxinas dos redacotres dun xornal. Unha imaxe simplificadora (non por irreal) da figura do corrector-editor que na actualidade está profesionalizada e que cada vez é máis demandada nos medios de comunicación e editoriais. En galego, por primeira vez, contamos cunha obra orientada a axudar a quen se dedica a esta tarefa, Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica, de Juan L. Blanco Valdés. Hai que darlle ao seu autor o mérito de afrontar aspectos ben distintos dun traballo apaixonante e delicado, próximo a ourivería, daqueles que teñen nas súas mans o poder de transformar un texto nunha crónica, unha reportaxe ou un libro.
Con esta fineza e precisión, e un didactismo que o lector agradecerá, aborda Juan Blanco Valdés os problemas, dificultades e límites da edición para achegar sempre solucións. Desde a pregunta inicial que é un libro pasando polas máis técnicas como cando corrixir, cal é a tarefa do editor ata repasara aspectos de ortotipografía.
Pero por riba doutros acertos, o maior éxito de Blanco Valdés é terlle dado o corpo de letra maiúscula, de profesional, a un traballo que tradicionalmente se foi facendo en galego rebuscando entre libros en castelán (como os de Martínez de Sousa, que prologa o libro) e diferentes dicionarios e ortografías, mentres se loitaban cos programas informáticos, aos que a obra lle dedica unha ampla parte. Todo isto resolveuse definitivamente co libro de Blanco Valdés, a quen lle honra o fito de ser pioneiro. Sandra Faginas.
Etiquetas:culturas, do_orixinal_ao_libro, juan_blanco_valdés, la_voz_de_galicia, sandra_faginas
Publicado en Críticas, Fóra_de_colección, Monografías, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Maio 20, 2009
Hoxe no programa Libro Aberto da TVG, que se emite hoxe ás 0:45 horas e que tamén se poderá ver na G-2 (TDT) o luns 25 ás 23:30 horas, inclúese contidos referidas aos recentes lanzamentos de Xerais.
Ao comezo do programa, que se gravou nas instalacións da Fundación 10 de marozo, entrevístase a Xosé Fernández Ferreiro, con motivo da aparición da súa décimo sexta novela, Tempo de centeo.
Despois abórdanse as etapas dun proceso de edición con motivo da publicación de Do orixinal ao libro. Manual de edición, obra de Juan L. Blanco Valdés que analiza este proceso e fixa, por primeira vez en galego, os termos propios da edición técnica.
Despois, o condutor do programa falará co escritor Xosé Francisco Fernández Naval, sobre o seu último libro Para Seguir Bailando, un conxunto de dez relatos nos que aborda temas como o abandono do medio rural, a corrupción, a memoria ou o abuso exercido sobre a muller.
Por último, na sección de crítica, Isabel Soto analizará a obra Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral. Neste libro xuvenil aparece, como noutras obras da escritora mindoniense, o espazo imaxinario e simbólico de Brétema.
Etiquetas:do_orixinal_ao_libro, francis, juan_blanco_valdés, libro_aberto, marina_mayoral, novela, para_seguir_bailando, quen_matou_a_inmaculada_de_silva?, relatos, tempo_de_centeo, tvg, xosé_fernández_ferreiro
Publicado en Críticas, Entrevistas, Fóra de Xogo, Monografías, Narrativa, Xerais_nos_medios, Xuvenil | Leave a Comment »
Maio 18, 2009
Miguel Anxo Fernán Vello publica en Galicia hoxe unha reseña moi entusiasta sobre Do orixinal ao libro, o manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés. O editor de Espiral Maior salienta que esta obra constitúe “un agasallo extraordinario” para todas as persoas vencelladas co mundo do libro en Galicia. Remata o seu comentario conas seguintes palabras:
Eu concibo a obra de Juan Luis Blanco Valdés, editor na Universidade de Santiago, como un produto destinado aos lectores, aos amantes do libro e da lectura en xeral. Coñecermos a estrutura física do libro, os tipos de cubertas e de lombos que existen, os elementos compoñentes da páxina, as series ou variedades tipográficas ou sabermos de que vai iso dos interliñados, interletrados ou dos espazados axuda, madia leva, a valorar a beleza dos libros en toda a súa extensión, a explorar máis fondamente as súas entrañas formais e a recoñecer mellor todo o universo que conforma esa marabilla aberta ao coñecemento e á emoción que son os libros.
Etiquetas:do_orixinal_ao_libro, galicia_hoxe, juan_blanco_valdés, miguel_anxo_fernán_vello
Publicado en Críticas, Monografías, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 28, 2009
Camilo Franco publica en La Voz de Galicia a entrevista que lle fixo a Juan Blanco Valdés con motivo da presentación de Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica. O editor do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago aborda as características deste primeiro manual de edición textual en galego, ao tempo que salienta as que considera as tendencias da edición do futuro.
–¿Cal é a finalidade de editar un manual de edición?
–Editar un libro supón moitas cousas e os últimos anos cambiaron moito as posibilidades. O mundo do libro cambiou e as maneiras de editalo máis. Facer un manual serve para que todas esas posibilidades estean a man dos interesados. O libro está dirixido primeiramente a profesionais, pero serve para calquera que sinta curiosidade polo proceso editorial ou pola maneira en que se fai un libro. Por outra banda é o primeiro libro destas características que se edita en galego e tamén o primeiro feito en Galicia e polo tanto estabamos orfos deste tipo de publicación. Hai que pensar, ademais que tanto en Galicia como en España hai un nivel de edición excepcional e que nos últimos anos deuse un salto no aspecto dos libros espectacular.
[…]
–¿Cara a onde vai a tendencia na edición?
–Desde o punto de vista técnico creo que o dominio da edición en moi pouco tempo quedará en mans de Adobe e os seus programas de edición. Agora mesmo xa deben quedar poucos restos de Quark e xa logo Adobe será a ferramenta case única. No sentido estilístico o que domina e dominará a edición é o minimalismo. Less is more (menos é máis) será a consigna e aínda que habería moitas cousas das que falar creo que será a maneira dominante no futuro inmediato.
Etiquetas:camilo_franco, do_orixinal_ao_libro, juan_blanco_valdés, la_voz_de_galicia
Publicado en Entrevistas, Monografías, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 27, 2009
Juan Blanco Valdés, autor de Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica, publica no seu blog esta anotación ao abeiro da presentación da obra realizada o pasado 23 de abril:
As presentacións de libros teñen algo de bautismal. No bautismo, en orixe, e deixando á parte derivacións e procedementos meramente litúrxicos, reúnense deudos e amigos dos proxenitores para, entre todos, practicar un recoñecemento colectivo da nova criatura testemuñando a ledicia polo seu ingreso na comunidade e facendo votos por unha existencia frutífera, longa e feliz. Todo ata aquí podería aplicarse tamén á presentación dun neófito editorial. Pero, a cousa comeza a diverxer, cando, nas presentacións de libros, o proxenitor (ou proxenitora) toma a palabra para se referir, sequera brevemente, ao seu vástago (ou vástaga). Imaxinan que, nun bautismo, tras os ritos, óleos, rezos e augas de rigor, o presbítero cedese a palabra ao pai (ou nai)? Que diría? Que o proceso creativo do pequeno tivo lugar de noite, sen luz e sen ver moito o que se facía, e que, aínda así, non hai moita queixa, que hai que ver o ben pintado que saíu o bebé? Que lle gustaría un pouco máis tirando a loiro? Que, mirando para o ventre da nai, parecía que ía pesar máis, pero que ao cabo eran todo augas? Que para lle acabar chamando Faustino á criatura houbo os seus máis e os seus menos e non foi doada decisión por existiren trasacordos entre a liña materna e a paterna?
Disque o ollo do amo engorda o cabalo. A min débeme suceder o contrario. Será, talvez, por un espírito hipercrítico pero, con todo o que fago (e non mo tomen a falsa modestia), pásame como aos británicos cos xardíns: o meu sempre me parece peor. Presentando o pasado día do libro o meu Manual de edición técnica, xunto con Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e Libro Galego, e Manolo Bragado, director de Xerais -o meu editor-, e tras escoitar as súas laudatorias palabras, tan xenerosas como desproporcionadas aos meus limitados méritos, debíame, cando tomei a palabra, mover entre a miña natural humildade e o desexo de non contradicir aos meus predecesores no discurso. Ora, tamén lles digo unha cousa, co seu permiso: se imos a xulgar as calidades deste manual polo traballo que me deu, debe ser excepcional. En definitiva, os libros téñense sós e hai un criterio ineludible que os pon no seu sitio: o veredito do público. Alá veremos.
De por parte, e como podería botarse a excesiva modestia (tan excesiva que soase falsa) que non lle adicara a libro tan significativo (polo libro en si e por ser meu) un post no meu blog, consagrado especialmente aos libros e a edición, permitireime enfatizar algo que xa dixen na presentación e me parece importante: eran chegados os tempos de que en Galicia houbese unha obra así. E digo isto con total independencia de que sexa eu o seu autor. Creo que este manual de edición non é máis que -ou é principalmente- a manifestación necesaria do dinamismo e perspectivas de futuro dun sector como o editorial, que, só no país, concita a 45 editoriais privadas asociadas a Ásociación Galega de Editores (máis toda a actividade pública, por veces, como é o caso da edición universitaria, inxustamente marxinada); publicou no ano 2007 máis de 2000 títulos e case tres millóns de exemplares e dá emprego a preto de cincocentas persoas, só no sector da edición (deixando de lado o sector das artes gráficas)…
Só quería apuntar isto. O demais que se poida dicir do libro non me corresponde a min dicilo. Juan Blanco Valdés.
Etiquetas:asociación_galega_de_editores, clúster_do_produto_gráfico_e_do_libro_galego, do_orixinal_ao_libro, jacobo_bermejo_barrera, juan_blanco_valdés
Publicado en Monografías, Presentacións, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 23, 2009
Con motivo do Día internacional do libro e dos dereitos de autor, hoxe ao mediodía presentaremos no Consello da Cultura Galega Do orixinal ao libro, o primeiro manual de edición técnica en galego que preparou o editor Juan L. Blanco Valdés. Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego acompañaranos nesta presentación. Este magnífico manual, prologado polo ortotipógrafo galego José Martínez de Sousa, proporciona boas doses de autoestima para o conxunto do sector editorial en Galicia ao tempo que fixa en galego os criterios dunha edición textual de calidade. Beizóns para Juan L. Blanco.
Etiquetas:clúster_do_produto_gráfico_e_do_libro_galego, consello_da_cultura_galega, do_orixinal_ao_libro, jacobo_bermejo_barrera, josé_martínez_sousa, juan_blanco_valdés
Publicado en Monografías, Noticias, Presentacións | 1 Comment »
Abril 20, 2009
O 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro e dos dereitos de autor, presentarase Do orixinal ao libro. Manuel de edición técnica do editor Juan Blanco Valdés. O acto, organizado polo Consello da Cultura Galega e por Xerais, realizarase ás 12:00 horas no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro de Santiago. Intervirán Jacobo Bermejo Barrera (Presidente do Cluster do Produto Gráfico e do Libro Galego), Manuel Bragado e o autor.
Etiquetas:clúster_do_produto_gráfico_e_do_libro_galego, consello_da_cultura_galega, do_orixinal_ao_libro, jacobo_bermejo_barrera, juan_blanco_valdés, santiago
Publicado en Monografías, Noticias, Presentacións | Leave a Comment »
Abril 7, 2009
Neste mes, o abril dos libros, Xerais poñerá nas librarías once títulos.
Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas O’ Salto do Can de Jorge Llorca e Tempo de centeo de Xosé Fernández Ferreiro.
Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.
En colaboración coa Radio Galega e AGADIC o disco libro do IIIº Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.
En Xerais Crónica, Galicia solidaria, obra coordinada por Xulio Ríos e Carlos Teijo, membros do IGADI.
En Xerais Manuais Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés, que será presentado, o 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro.
Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de choiva de Ánxela Gracián, ilustrado por Daniel Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás; Dona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.
Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido.
Etiquetas:alberto_varela_ferreiro, ánxela_gracián, baldras_o_xigante, cabalos_de_vento_curros_de_pedra, carlos_teijo, charo_pita, daniel_ameixeiro, daniel_díaz_trigo, dona_landra_no_río_revolto, do_orixinal_ao_libro, francisco_bueno, galicia_solidaria, igadi, iolanda_eiras, jorge_llorca, juan_blanco_valdés, novela, o_arco_da_vella, o_salto_do_can, pinga_de_choiva, radio_galega, ramón_piñeiro_os_días_ocultos, teatro_radiofónico, tempo_de_centeo, xavier_teniente, xosé_fernández_ferreiro, xosé_guillermo, xosé_tomás, xulio_ríos
Publicado en Crónica, Fóra_de_colección, Infantil, Merlín, Narrativa, Noticias, Radio, Teatro | Leave a Comment »
Marzo 30, 2009
Acaban de chegar da imprenta os primeiros exemplares Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica do editor Juan L. Blanco Valdés. O libro esta prologado polo galego José Martínez de Sousa, unha das maiores autoridades en edición técnica e ortotipografía. Este primeiro manual de edición en galego presentarase coincidindo co vindeiro 23 de abil, día internacional do libro e dos dereitos de autor.
A edición é hoxe unha actividade profesional de absoluta actualidade, excitantes posibilidades de futuro e altísimos estándares de cualificación técnica, razón pola que cada vez son máis frecuentes ciclos formativos superiores e bibliografía especializada neste terreo. Este manual é, de feito, o froito de dous alentos. O primeiro está nas moitas horas de experiencia docente do autor no Máster de Edición da Universidade de Santiago de Compostela onde tivo a oportunidade de transmitir un coñecemento técnico acumulado en vinte anos de exercicio profesional no Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela e de pulsar as necesidades reais de formación en edición técnica. O segundo destes pulos veu determinado pola constatable existencia, por dicilo na xerga empresarial, dun «nicho de demanda»: o dun manual de edición dirixido a un público, se ben máis ou menos especializado –polo tanto con coñecementos de edición ou, cando menos, de edición textual– moi frecuentemenete enfrontado a inseguridades, dúbidas, incertezas, alternativas técnicas e lagoas nos máis diversos aspectos que atinxen a un proceso complexo como é a creación dun libro, para a resolución dos cales dispón dunha bibliografía obviamente estensa pero sempre dispera e adoita indiscriminada. Polo tanto, este é un manual «a pé de obra», redactado por un editor e pensado para editores, un texto sinxelo e intuitivo conscientemente dedicado á cerna da edición: a construción e produción dun libro dende o orixinal.
Etiquetas:do_orixinal_ao_libro, juan_blanco_valdés, manual_de_edición_técnica
Publicado en Lingua, Monografías, Noticias | Leave a Comment »
Febreiro 25, 2009
No vindeiro mes de marzo Xerais publicara unha ducia de novidades.
No eido da edición literaria, na colección Xerais Narrativa aparecerán a novela Peaxes de Santiago Lopo e o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco X. Fenrández Naval.
En Xerais Crónica publicaranse as Conversas con Celso Emilio Ferreiro preparadas por Ramón Nicolás Rodríguez.
Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.
En Xerais Manuais aparecerá Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés.
Nesta entrada editorial da nova primavera particular importancia terá a edición infantil na que se publicará, dentro da colección Xerais Merlín O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro libro infantil de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao.
Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de chuvia de Ánxela Gracián, ilustrado por David Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás; Dona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante en Vilapedra, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.
Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido; e na de materiais didácticos Lingua e Literatura Galegas. probas de Selectividade 2009.
Etiquetas:alberto_varela_ferreiro, ánxela_gracián, baldras_o_xigante_en_vilapedra, charo_pita, conversas_con_celso_emilio_ferreiro, daniel_ameixeiro, david_díaz_trigo, dona_landra_no_río_revolto, do_orixinal_ao_libro, francisco_bueno, francisco_xosé_fernández_naval, iolanda_eiras, juan_blanco_valdés, manuel_rivas, novela, o_arco_da_vella, para_seguir_bailando, patricia_castelao, peaxes, pinga_de_chuvia, ramón_piñeiro_os_días_ocultos, ramon_nicolás, relatos, santiago_lopo, xosé_tomás
Publicado en Crónica, Fóra_de_colección, Infantil, Merlín, Narrativa, Noticias | Leave a Comment »