Posts Tagged ‘rata_linda_de_compostela’

Bernardino Graña elixido académico

Xuño 27, 2009

Na mesma sesión na que A Academia Galega designou a Uxío Novoneyra como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2010, foi elixido académico o seu amigo o poeta Bernardino Graña. Un nomeamento que a todo o cadro de persoal da editorial nos enche de fachenda e satisfacción polo vencellamento solidario de Bernardino con Xerais, ao longo de tres décadas, na que ten publicada unha boa parte da súa obra. Os nosos maiores parabéns para Bernardino Graña!

11178013Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo, 1932). Foi catedrático de lingua e literatura até a súa xubilación. En 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publicou unha estensa obra no ámbito da poesía, do teatro, da narrativa e da literatura infantil.

Como poeta ten publicado: Poema do home que quixo vivir (1958); Profecía do mar (1966, Xerais 1995); Non vexo Vigo nin Cangas (1975); Se o noso amor e os peixes (Xerais 1980), Premio Galicia do concello de Santiago de Compostela; Sima-Cima do voar tolo (1984); Himno verde (1992); Ardentía. Obra poética completa (1995); As Cantigas de Santa María (Xerais 1996); Luz de novembro (1997) e Acendede as almenaras (Xerais 2008).

No ámbito do teatro: Vinte mil pesos crime (1962, Xerais 2005); Sinfarín contra don Perfeuto (1975); Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992), Premio Abrente de Ribadavia (1979).

Como narrador publicou Fins do mundo (1974, Xerais 1989) relatos e Protoevanxeo do neto de Herodes (Xerais 2006), IIº Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego portuguesa.

E para o público infantil destacan: O león e o paxaro rebelde (1969, Xerais), Premio de contos para rapaces O Facho; Planeta dos ratos tolos (1990); Xan Guindán, capitán (Xerais 1991); Oso mimoso (Xerais 1992); Namoro de lobo Pipo na escola de don Perico (1992); Os burros que comen ouro (1992); O gaiteiro e o rato Pérez (Xerais 1994), Premio Merlín 1993; Xan Guindán, mensaxeiro (1994); Cristo e San Pedro, peregrinos (Xerais 1994); Rata linda de Compostela (Xerais 1994, 2009); O lobo e o grilo (1995); Contra o león covarde (1995); Xan Guindán e os Salvaxes (1995); Xan Guindán mensaxeiro (1997) e O quirico lambón (Xerais 1997).

Héitor Mera e Rafael Fernández son autores do libro Conversas con Bernardino Graña (2005). Os traballos de homenaxe á figura do escritor do Morrazo con motivo do seu setenta e cinco aniversario están recollidos no volume Bernardino Graña (Xerais 2007), coordinado por Héitor Mera.

Seis novos merlíns nas librarías

Maio 27, 2009

Esta semana chegan ás librarías seis novos títulos da colección Merlín: Leocadio, o león de Oli, ilustrado por Teresa Novoa; Mar adiante de María Victoria Moreno, ilustrado por Manuel Uhía; Rata linda de Compostela de Bernardino Graña, ilustrado por Manuel Uhía; A profesora Ripaldi de María Alcañiz; Restaurante Farruco de Chus Pereiro, ilustrado por Xan López Domínguez e Lixo de Xavier López Rodríguez, ilustrado por Antón Taboada.

XG00163101O león Leocadio vivía alá, onde a terra e o ceo debuxan o máis recto dos abarazos. Nacera nunha notable familia de leóns, todos eles hábiles cazadores. Mais as súas carreiras tiñan pouco que ver coa caza. A Leocadio o que lle gustaba era choutar coas cebras, os antílopes e as gacelas. Esta era a razón pola que os tigres se burlaban del e os chistes das hienas resoaban por todas as partes. Como non aprendía as artes do cazador, os seus pais decidiron abandonalo nunhas montañas. Alí coñeceu un elefante, que perdeu a memoria, e aos señores Mayer que o levará a América, un lugar onde Leocadio descubrirá a súa verdadeira vocación, que o convertirá no león máis famoso de cantos existen na terra. Leocadio, o león, conto escrito por Oli e ilustrado por Teresa Novoa, aborda temas como a amizade, o respecto da diferenza e o valor dos soños e a fantasías como motores da convivencia no mundo.

XG00162901Publicada en 1973, Mar adiante é a primeira novela en lingua galega de María Victoria Moreno e unha das novelas fundadoras da literatura infantil en galego. Unha mestra contoulles un día aos compañeiros que viña de poñer escola nun barco, o Arroás. Como non a creron, e ela sabe que non o soñou, escribe a historia para que os rapaces a coñezan. Sabemos entón de Miguel, un vello mariñeiro, que fixo un barco cando soubo que o mestre ameazara aos rapaces con tiralos ao mar cos libros ao pescozo se non sabían a táboa do sete. E púxolle tripulación: un poeta, un debuxante, un amigo das estrelas e unha cociñeira velliña e garimosa, Lola. Non faltaban, claro, o capitán, e mais a mestra. No barco os nenos aprenden cousas que non veñen nos libros: a historia dos mozos náufragos aos que o patrón rico non quixo acudirlles, a de Mariquiña, que se fixo amiga dun lobo a quen agora todos os veciños queren e coñecen como Garimoso, a da illa dos paxaros que escaparon da persecución dos homes da aldea, que seica querían protexer as colleitas, a historia de amor imposible entre un vagalume e o Luceiro, que sae antes e marcha despois para que o vexa a súa amada, e mais a de Lola, que lles fixo unha árbore de Nadal con argazos camiñando sobre o mar e logo quedou durmida para sempre.

XG00164802No Monte do Gozo, preto de Compostela, vive Rata Linda. Tamén vivía alí o Rato, que marchou para o estranxeiro. Un día, Rata Linda atopa unha moeda que lle caera a Don Gato. Con ela, vai á tenda e merca un fermoso lazo, que pon na cabeza. Como estaba no balcón, algúns animais que pasaban por alí viana e pedíanlle para casar con ela. O Can, o Burro, o Grilo e o Gato foran facéndolle a petición. A Rata acepta casar con Don Gato, pero este o único que quere é recuperar a moeda. Rata Linda consegue desfacerse de Don Gato, facendo que caia a un pozo e afogue nel. E, despois disto, atopouse con que o Rato volvera da súa viaxe e tamén lle pedía para casar. Rata Linda acepta, e os dous marchan xuntos “a Santiago de Compostela, por mirar a Catedral”.

Rata linda de Compostela, conto escrito por Bernardino Graña e ilustrado por Manolo Uhía, está considerado como un dos contos versificados clásicos da literatura infantil de noso.

XG00163001Sarita Palodi é unha científica de recoñecido prestixio mundial. A ciencia é a súa vida e dedícase a ela sen descanso. A profesora Sarita Palodi é a cabeza dos laboratorios Prodi, unha empresa que tivo como últimos descubrimentos a tinta ortográfica, que fai que quen a utilice automaticamente non cometa faltas de ortografía, ou o paragugas autoclimático, un magnífico regulador do tempo, ou da peixeira con simulador de océanos… Un día, nos laboratorios prodúcese unha tremenda explosión e dende aquela non se soubo máis nada da profesora Palodi. Mais, quen é a profesora Ripaldi? A profesora Ripaldi, escrito e ilustrado por María Alcañiz, é unha brillantísima novela do xénero fantástico que supón o debut da súa autora. Foi a obra finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2008.

XG00154801No xeitoso e moi feituco Resturante Farruco celébrase un xantar moi especial: unha parella e o rei son atendidos polo camareiro Farruco, pola xefa de cociña Siñá Manuela e polo seu axudante. Restaurante Farruco é unha divertida peza teatral nun acto, onde Chus Pereiro xoga coa rima para presentar a ritmo trepidante a xornada que se vive nun restaurante moi especial. O ilustrador Xan López Domínguez deu vida a cada un dos personaxes da peza.

XG00154901Fogar refuxio, fogar cárcere, rúa fogar. Confortable liberdade coutada na casa ou arriscada liberdade sen teito asegurado. Expulsada do gris paraíso familiar, a protagonista de Lixo vese na obriga de enfrontar o inferno exterior, onde a despensa está nos contedores de refugallos, coas armas que ten en cada momento. Armas como a voluntaria opción de facerse pasar por home para merecer un mínimo respecto que, como muller, lle furtarían os habitantes da xungla urbana. A rúa permítelle coñecer a verdadeira amizade, condénaa despois a sufrir a dor da perda e regálalle por fin, de xeito impensado, unha esperanza. Lixo, novela de Xavier López Rodríguez, ilustrada por Antón Taboada, aborda con realismo e gran crueza a situación de exclusión na que viven algunhas persoas mozas das nosas cidades.


Casa Hamlet presenta «Ratiña linda»

Marzo 26, 2009

cartel-ratina-linda-casa-hamlet

A compañía de teatro Casa Hamlet está representando a obra de teatro “Ratiña linda” escrita por Manuel Lourenzo a partir do conto Rata linda de Compostela de Bernardino Graña.