Posts Tagged ‘xosé_cobas’
Setembro 7, 2009
Organizada polo club de lectura «Gálix. Tendendo redes», o sábado, 26 de setembro, desenvolverase en Baiona e arredores unha xornada de actividades que baixo o lema de »Por mares de tinta e cantos de serea» xirará arredor da obra O libro das viaxes imaxinarias de Xabier Docampo e Xosé Cobas.
Os actos comezarán entre 10:00 e 10:30 horas na cafetaría Monterrei (Rrúa Ramón y Cajal, 5), onde as participantes serán recibidas polos membros do Instituto de Estudos Miñoranos, anfitrións da xornada.
Entre 11:00 e 12:00 horas, visita á colexiata de Baiona e percorrido polo casco de Baiona guiado por Xosé Lois Vilar, membro do IEM.
As 12,00 horas, embarco no Real Club Náutico de Baiona na goleta Nauja e travesía até as illas Cíes. Durante o percorrido, Xosé Lois Vilar dará conta da historia da recuperación da goleta e do proxecto dos seus usos actuais.
Entre as 13:00 e as 14:00 horas, fondeados na baía das Cíes, Xabier DoCampo fará unha intervención sobre a tradición oral e a narrativa de viaxes.
Entre 14:00 e 15:00 horas, picnic (empanas de atún, crne e polbo; bocatas fríos; froitas; sobremeas doces; bebidas e refrescos).
Entre 15:00 e 16:00 horas, escrita por prates dos asistentes dunha mensaxe para os rapaces e rapazas de hoxe no que se reflicta a necesidade de transmitir a cultura de tradición oral.
Entre 16:00 e 16:30: café e paseo (opcional).
Entre 16:30 e 17.30 horas, Xosé Cobas fará unha intervención no que abordará o proceso de ilustración d’ O libro das viaxes imaxinarias.
Entre 17:30 e 18:30 horas, travesía e regreso a Baiona.
A xornada está organizada por Gálix, coa colaboración do IEM e de Xerais. O prezo por persoa é de 44 euros, incluíndo a viaxe na goleta, picnic e participación nos talleres). As persoas interesadas en participar na xornada poden solicitar a súa inscrición no correo electrónico coa secretaría de Gálix (galix@galix.org) ou chamando aos teléfonos 650 93 89 72 ou 981 58 98 83. A data límite de inscrición é o 21 de setembro.
Etiquetas:gálix, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, tendendo_redes, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Noticias, Presentacións | 1 Comment »
Xullo 24, 2009
Na Feira do Libro da Coruña, que se celebrará nos xardíns de Méndez Núñez, do 1 ao 10 de agosto, Xerais ten programadas as seguintes actividades:
Día 1. Sábado
18.30 O escritor e xornalista Manuel Rivas asinará exemplares do seu libro O sombreiro chichiriteiro e de toda a súa obra.
Día 3. Luns
20.00 Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), publicado por Edicións Xerais de Galicia e Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, publicado pola Editorial Galaxia.
Día 4. Martes
19.30 Xosé Neira Vilas asinará exemplares dos seus libros.
21.00 O escritor Xosé Neira Vilas, presenta o seu libro Lóstregos. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.
Día 5. Mércores
18.00 A feira dos nenos. Acto arredor do libro O arco da vella, de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás. Participarán os autores do libro.
20.00 O escritor e xornalista Luis Rei Núñez presenta o seu libro Monte Louro, (Premio Blanco Amor de novela 2009). Xunto co autor, participarán no acto o escritor Xavier Seoane e Manuel Bragado.
Día 6. Xoves
19.00 O escritor e xornalista Carlos G. Reigosa asinará exemplares do seu libro (Premio Torrente Ballester de novela 2008) A vida do outro.
Día 7. Venres
20.00 Xabier P. Docampo (autor) e Xosé Cobas (ilustrador), asinarán exemplares d‘ O Libro das viaxes imaxinarias (Premio Irmandade do Libro 2009 da Federación de Libreiros de Galicia).
Etiquetas:a_coruña, a_vida_do_outro, carlos_reigosa, charo_pita, lóstregos, luís_rei_núñez, manuel_rivas, monte_louro, novela, o_arco_da_vella, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, o_sombreiro_chichiriteiro, premio_blanco_amor, premio_torrente_ballester, xabier_docampo, xosé_cobas, xosé_neira_vilas, xosé_tomás
Publicado en Feiras_do_libro, Presentacións | 5 Comments »
Xuño 17, 2009
A libraría Libraida de Gondomar acolle o venres 19 de xuño, ás 20.30 horas, a presentación de O libro das viaxes imaxinarias, a última obra de Xabier P.Docampo, ilustrada por Xosé Cobas Gómez. Ao acto asistirán o autor e o ilustrador e estará presentado polo escritor e profesor Gonzalo Navaza.
Etiquetas:gondomar, gonzalo_navaza, libraida, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Narrativa, Noticias, Presentacións, Xuvenil | Leave a Comment »
Maio 10, 2009
No seo da cea anual organizada en Santiago por AELG foron entregados os premios AELG á mellor produción literaria do ano 2008. Entre as numerosas obras finalistas editadas por Xerais, O libro das viaxes imaxinarias de Xabier DoCampo, ilustrado por Xosé Cobas, resultou o gañador na categoría do mellor libro infantil e xuvenil. Este é o terceiro premio que acada esta obra que xa recibira o Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado do Ano 2008, outorgado polo Asociación Galega de Editores e o premio «Fervenzas literarias» ao mellor libro infantil e xuvenil de 2008.
Tamén foron premiados Teresa Moure na categoría de mellor libro teatral de 2008 por Unha primvera para Aldara (que será publicado por Xerais no vindeiro mes de setembro na colección «Fóra de Xogo») e Marcos Valcárcel polo seu traballo en «Uvas na solaina», elixido como mellor blog literario de 2008.
Os nosos parabéns aos premiados.
Etiquetas:AELG, as_uvas_na_solaina, fervenzas_literarias, marcos_valcárcel, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, premio_isaac_díaz_pardo, santiago, teresa_moure, unha_primavera_para_aldara, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Noticias, Premios, Xuvenil | Leave a Comment »
Maio 5, 2009
Xabier DoCampo (gañador do Premio Irmandade do Libro 2008 da Federación de Libreiros de Galicia) e Xosé Cobas, autor e ilustrador d’ O libro das viaxes imaxinarias, asinarán mañá, mércores, 6 de maio, a partir das 20:00 horas, na Feira do Libro de Santiago.
Etiquetas:Feiras_do_libro, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, santiago, xabier_do, xosé_cobas
Publicado en Feiras_do_libro, Noticias | Leave a Comment »
Marzo 12, 2009
Paula Fernández publica no «Faro da Cultura» de hoxe unha crítica d’ O libro das viaxes imaxinarias escrito por Xabier P. DoCampo e ilustrado por Xosé Cobas. Reproducimos o texto:
Fantástico agasallo
Como goza un lector cando atopa un agasallo tan delicioso como este traballado man a man entre Xabier P. DoCampo (Rábade, Lugo, 1946) e o ilustrador Xosé Cobas (Logrosa, Negreira, A Coruña, 1953), un tándem de autores xa coñecido por xenialidades como Bolboretas ou A casa da luz, pero que n’ O Libro das viaxes imaxinarias acada un nivel case que insuperable, que de feito lle valeu o recoñecemento inmediato ao ser considerado o mellor libro ilustrado do ano en 2008.
Son os cadernos dun Viaxeiro que chegan ás mans de quen o edita, quen respecta a literalidade do manuscrito atopado, e que reflicten unha viaxe vista como un regreso a Ítaca, entendida como regreso xa dende o comenzo mais tamén como un xeito de trasladarnos ao noso interior mentres percorremos cidades, camiños, montañas e ríos. Porque o libro recolle os dous cadernos de viaxe da autoría de X.B.R., o Viaxeiro, que se intercalan ordenadamente nas súas páxinas. Un deles describe os lugares visitados, empregando a lingua dunha maneira tan rigorosa que consegue recrear con todo detalle espazos fantásticos e marabillosos, e o outro contén os apuntamentos e debuxos realizados dende Arimoi e Aisia, lendas e pensamentos á beira das súas reflexións máis íntimas.
As cidades, todas coa letra A, e os seus habitantes representan medos, inseguridades,xeitos de pensar ou valores trasladables á sociedade actual malia estaren tinguidos dunha aureola misteriosa, en forma de fortificacións, sequedade ou seres insomnes. E por isto estas cidades son ao tempo espazo, motivo e protagonistas, cada unha coas súas características e acompañadas sempre dun ton melancólico, dun ritmo decadente que guía a quen le polas xornadas do personaxe.
Un agasallo fantástico, respectuoso coa lingua que mostra o amplo e verdadeiro coñecemento que desta ten quen escribe, do seu léxico, dos seus xiros, pero tamén unha obra cunha compoñente pictórica máis que notable, que enche con elementos mínimos máis de sesenta páxinas da obra, que homenaxea a Munch, pero que, sobre todo, visualiza todo o visto polo Viaxeiro sen perder a melancolía e o romanticismo que evocba o texto. Un texto que sen dúbida xa se converteu nun clásico e nun referente da literatura galega. Paula Fernández.
Etiquetas:faro_da_cultura, paula_fernández, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Críticas, Infantil, Narrativa, Xerais_nos_medios, Xuvenil | Leave a Comment »
Xaneiro 25, 2009
Tati Macebo publica no blog «O levantador de minas» unha crítica sobre O libro das viaxes imaxinarias, a aclamada obra de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas. Recollemos o texto na súa totalidade:
Nun momento en que, polas circunstancias do mundo que ocupamos, debemos aspirar a soños moi altos, aparece O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas.
Do mesmo modo que acertamos plenamente coas nosas previsións sobre O último que queda é o amor, augurámoslle a O libro das viaxes imaxinarias o destino que só pode ter un libro redondo, un libro que, como todos os grandes, crea un mundo e convida a habitalo.
Un dos seus maiores logros, e non será trasladábel a outras linguas mais ese é o noso privilexio, radica na mestría de DoCampo para levar o lector a unha regresión, a un estado de graza en que pode percibir como propio un mundo aparentemente tan alleo, inzado de mecanismos e seres marabillosos, a través da lingua: léxico, sintaxe, fraseoloxía, connotación… Todo soa tan absolutamente galego que podemos reconstruír ese mundo no noso pensamento coas nosas referencias máis profundas. As cidades imaxinarias está entre eses, entre eses grandes libros da nosa literatura, os que farán Historia, tendendo xentilmente a súa man ao acaso.
Longa vida ás Cidades imaxinarias.
Etiquetas:o_levantador_de_minas, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, tati_mancebo, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Críticas, Fóra_de_colección, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xaneiro 20, 2009
«Fervenzas Literarias» acaba de dar a coñecer o resultado da enquisa entre os seus lectores para escoller O mellor de 2008.
Temos que agradecer que Xerais fose considerada como «Mellor editorial do ano», así como celebrar que Marcos Calveiro fose o «Mellor autor», Xosé Cobas «o mellor ilustrador» e a obtención dos premios nacionais de ensaio e literatura infantil por Justo Beramendi e Agustín Fernández Paz considerados como o «Mellor acontecido de 2008». Ademais, envarias modalidades resultaron gañadores títulos publicados pola editorial:
Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente de Marcos Calveiro.
Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos de Manuel O’Rivas.
Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo.
Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias.
Etiquetas:fernández_paz, calveiro, festina_lente, manuel_rivas, os_grouchos, xabier_docampo, xosé_cobas, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, fervenzas_literarias
Publicado en Noticias, Xerais_nos_medios, Premios | 1 Comment »
Xaneiro 3, 2009
Camilo Franco publica hoxe no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia esta crítica sobre O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
En literatura contemporánea case todas as viaxes que comezan en Italo Calvino acaban onde teñen que acabar: no lector. Calvino coñecía ese segredo da narrartiva como escudo de Perseo, que serve para ver as cousas sen que causen o dano da realidade.
Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas recoñecen ese segredo neste libro que se desdobra por arte da fábula e do que o lector pode sospeitar algúns dos seus camiños ocultos. Non existe a literatura imaxinaria e por baixo da levidade destas cidades están os pesados límites de cidades que coñecemos. Estas son cidades cifradas cun morse que leva aparellados todos os xéneros, que se explica case igual en épica que en lírica e que leva a visibilidade da ironía como elemento regulador. Estas son as cidades importantes porque están poboadas e este libro escrito a dúo ten a exactitude dos retratos. Incluso a exactitude do retrato en movemento do narrador.
Estas viaxes propoñen o xogo da multiplicidade contra a indolencia social, contra o adormecemento do lector. É un xogo de rapidez que esquiva molestar ao lector co innecesario para que entre no xogo urxente da complicidade. Están colocadas todas as cousas neste libro, coa consistencia de ocupar cada unha o seu lugar, as que teñen que estar á vista están visibles e as outras con discreción, como nas cidades ben construídas. Porque a literatura pode ser «o airiño que rmexe o pon do chan» ou pode ser todas as cousas que no mundo pasan. Camilo Franco.
Etiquetas:camilo_franco, culturas, la_voz_de_galicia, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Críticas, Fóra_de_colección, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xaneiro 3, 2009
O suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia publica hoxe unha dobre páxina na que se recollen críticas de seis obras consideradas como «O mellor do 2008». Entre elas están catro publicadas pola editorial: O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas, Renacer de Xabier Paz e De provincia a nación. Historia do Galeguismo Político de Justo Beramendi, Premio Nacional de Ensaio 2008.
Etiquetas:beramendi, culturas, de_provincia_a_nación, la_voz_de_galicia, manuel_lourenzo_gonzález, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, o_xardín_das_pedras_flotantes, renacer, xabier_docampo, xabier_paz, xosé_cobas
Publicado en Críticas, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Decembro 23, 2008
Isabel Soto publica no espazo de crítica de «lg3» un interesantísimo traballo sobre O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas. Esta obra foi gañadora do Premio Isaac Díaz Pardo 2008 ao mellor libro ilustrado do ano. Recollemos algúns parágrafos do texto de Isabel Soto:
Fronte á gran cantidade de títulos que se publican, hai libros –poucos– que invitan ao paseo demorado polas súas páxinas, a se recrear nas palabras e nas imaxes que nos achegan, a recorrer a eles moitas veces na procura dun respiro no camiño. Este é sen dúbida o caso do Libro das viaxes imaxinarias que nos propoñen Xavier P. Docampo e Xosé Cobas, un volume especial que salta á vista pola súa coidada edición e a fermosura de cada unha das páxinas, algunhas das cales nos convidan a desencartalas e a estender perante a nosa ollada o traballo extraordinariamente rico e en absoluto redundante do ilustrador, máis coautor ca nunca neste caso, pois ben se percibe que o libro xurdiu tras dun reflexivo proceso de intercambio de pareceres entre ambos os creadores.
[…]
O lector mergúllase así, canda o Viaxeiro, nunha viaxe por trinta lugares imaxinarios, na que o acompañamos nesa esculca dos espazos que percorre, reinos, cidades, camiños, vales e montañas, aceptando o seu convite a nos arredar por veces do itinerario dereito. Canda el tamén descubrimos a través dos seus ollos marabillas poeticamente descritas, detalles arquitectónicos ou paisaxísticos que absorben a súa atención e o retrato dos habitantes que poboan eses enclaves, os seus costumes, tristuras, miserias, preocupacións e alegrías, xentes coas que o Viaxeiro, e tamén nós, imos establecendo relación e polas que imos sendo acollidos.
[…]
Alén da viaxe, o volume constitúe un acto de amor polo libro, a palabra, a imaxe e a lectura. Un libro destas características semella reclamar de nós unha lectura pausada, calma, sen présas e mesmo funciona mellor, ao meu ver, non dende o convencional respecto á sucesión dos distintos capítulos, senón case abríndoo ao chou para deixarse levar polo azar, pola intensa emoción que xorde, como unha súpeta epifanía, ao contemplar con gozo a beleza, ao saborear palabras que gañan na lectura en voz alta e ao nos recrear nas súas suxestivas imaxes. Aí reside tamén o seu carácter de libro especial ou libro obxecto, que non deixará de ter vixencia por máis que pase o tempo, e ficará nos andeis, sempre accesible para cando o precisemos e desexemos gozar da súa beleza literaria e plástica.
Etiquetas:isabel_soto, lg3, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Críticas, Fóra_de_colección, Narrativa, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Decembro 20, 2008
O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas, foi gañador do Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado do ano e PAlAbrAs brAncAs de Elvira Ribeiro e e Fino Lorenzo o do Premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil de 2008. No acto de entrega, celebrado o venres 19 de decembro, nas instalacións do Verbum de Vigo, tamén foron premiados Agustín Fernández Paz co Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao mellor autor do ano e as editorais Galaxia por Fin de Século en Palestina e Faktoría K pola tradución de Lolita de Nabokob.
Etiquetas:elvira_riveiro, fernández_paz, fino_lorenzo, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Noticias, Premios | Leave a Comment »
Decembro 4, 2008
Xerais está presente en Culturgal no estand nº 45. Durante o xoves, 4, e o venres 5 de decembro, organizamos as seguintes actividades:
- Xoves, 4 ás 17,00 horas no estand de Xerais:
Roda de prensa de Un país a medio facer de Fran Alonso.
- Venres, 5 ás 12,30 horas na sala de prensa do Cultur.gal:
Roda de prensa de A corpo aberto de Manuel Rivas.
- Venres, 5 ás 18,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de Novas Minimaladas de Pinto & Chinto.
Participan: Pinto & Chinto e Manuel Bragado.
- Venres, 5 ás 18,00 horas no e stand de Xerais:
Firma de exemplares de O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
- Venres, 5 ás 19,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de O natural é político de Teresa Moure.
Participarán: Pilar García Negro, Manuel Bragado e a autora.
Etiquetas:a_corpo_aberto, culturgal, fran_alonso, manuel_rivas, novas_minimaladas, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, o_natural_é_político, pinto&chinto, teresa_moure, un_país_a_medio_facer, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Crónica, Ensaio, Noticias, Presentacións | Leave a Comment »
Decembro 2, 2008
Recollemos a nota de lectura sobre O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas que publica hoxe X.M. Eyré no seu blog:
Lidos dez capítulos dos trinta que ten, un adxectivo único perocorre, en letras capitais, os meus pensamentos: MARABILLOSO. Ou, unha marabilla de libro. O aspecto gráfico, autoría de Xosé Cobas, na miña opinión é precioso, sinxelamente precioso. Ilustracións feitas con moito gusto, moi ben integradas no libro, desde a cor aos motivos ilustrados, que reflicten unha fonda reflexión sobre o texto, o que sempre se agradece, que non sexan simples acompañantes.
Os textos, que lles vou dicir?! Teño medo que acabe o libro, non quero.
Voulles deixar aquí os primeiros dez bocadiños desta pelegrinaxe pola fantasía, pola realidade, pola memoria, pola literatura e pola esperanza ( que bonita definición e xusta, permítanme esta autogabanza, igual a reservo para a crítica). É que, desde que comecei a lectura, todo foi atopar textos logrados desde a sensibilidade, o coñecemento e o oficio de ourive vello que manexa as palabras coa contundencia e delicadeza que só nos grandes libros se atopa. (Tamén merecen outra xuízo, pero de momento resérvoo)
Van eses bocadiños, a gozar, meus:
En Arimoi o Viaxeiro só pode demorarse tres días. No solpor do terceiro o visitante ten que estar xa extramuros. Hai casos en que o Primado concedeu un permiso especial a persoa principal, mais sempre foron prórrogas de tres en tres días (19)
Arama é un lugar no medio de ningures que chama polo viaxeiro desde o renxer continuo das carricantas e a secura areosa dunhas rúas de fino po branco. Ándase por elas no temor dun vento que espila esa brancura virándoa en nube que envolva o transeúnte, penetrándoo por todos os orificios até afogalo (27)
Non debían estar afeitos ás visitas en Arodisi, porque cando o viaxeiro entrou todos parecían agardalo e non tardaron en formar corro arrredor del. A tarde enleouse coa noite e era esta moi avanzada cando o Viaxeiro probou o duro leito que lle ofreferan naquela casa (39)
Tamén lle dixeran desta cidade de Aruasi que era o reino das persoas xustas. Así que, sen pensalo máis, torceu polo camiño da esquerda, aquel que levaba a ese lugar que, de ser certo o que dicían, sería o paraíso.
Que pensariamos de quen pasa á beira do paraíso, encontra a entrada franca e non entra ? ( 41)
O que si ten o reino de Ariode son dúas capitais: Ailito a actual e Ailute a antiga. Nesta última só teñen lugar os seres que habitaron o reino nos tempos máis remotos, aqueles que aparecen nos libros de historia coma os de maior gloria ou ignominia do reino (49)
coñecedores do seu pasado, poidan construír un presente feliz e un futuro esperanzador (52)
Si, alí estivera nun tempo Amri, a cidade que o viaxeiro procuraba. Víanse restos do que foran as súas casas e das que non ficaban máis que os alicerces, coma marcas do espazo que nalgún tempo ocuparan (55)
“…porque o futuro só lle é digno de ser desexado cando garda no seu rostro a pegada clara do pasado.” 61)
De sempre sentira falar do reino de Aibone e das súas xentes. Dicíase que vivían nunha sociedade perfecta organizada por enriba daquela putrefacción que se estendía aos pes da súa plataforma arbórea. Tamén só eran mulleres e só mulleres xeraban non se sabe como. Aló enriba reinaba a harmonía (68-69)
De Adiebo non sabe máis que o nome e descoñece todo canto alí lle pode agardar. Alguén ao pé do viaxeiro, nun alto do camiño para comer un bocado e asearse un pouco, pronunciou o nome do lugar (71)
Pero estes carreiros desaparecen de cada pouco porque as árbores de Aimefue teñen a particularidade de se moveren ao seu antollo do mesmo xeito que que fan os seres humanos nos seus reinos (77)
Etiquetas:eyré, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Narrativa, Opinións_lectores/as, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Novembro 10, 2008
Martín Pawley acaba de publicar no recente número de Protexta (distribuído nos xornais desta fin de semana) unha gabanciosa crítica d’ O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas. Libro que será presentado esta semana, o vindeiro xoves, ás 20:00 horas na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña. Reproducimos o texto na súa integridade:
Son tantos e tan bos os froitos da colaboración entre o escritor Xabier P. DoCampo e o ilustrador Xosé Cobas que custa crer que a súa maneira de facer libros non sexa a máis común. Desde hai unha morea de anos, vai xa para vinte, DoCampo e Cobas traballan man con man fabricando textos e imaxes que se alimentan mutuamente nun proceso activo e continuo, unha sorte de interferencia construtiva que produce como resultado unha obra cuxo brillo é aínda maior do que cabería agardar pola simple suma da súa incuestionábel arte individual. O seu labor conxunto, capital para a historia recente da nosa literatura, acadou un fito notábel coa publicación en 2004 de Bolboretas, un libro medido e fermoso que falaba do nacemento do amor. Aquel prodixio case semella agora unha obriña menor trala aparición d’O libro das viaxes imaxinarias, un asombroso volume que marca un antes e un despois na traxectoria dos autores.
A magnífica edición de Xerais (en galego) e Anaya (en español) salienta o seu carácter de libro singular e outórgalle unha merecida condición de obxecto de desexo onde todo está milimetricamente estudado, da capa ás sobrecubertas, da tipografía á caixa do texto. A esa evidente beleza contribúen as ilustracións de Xosé Cobas, que desta volta multiplica o seu talento ao longo de sesenta páxinas esplendorosas. A súa evolución como artista é digna de análise e de recoñecemento. Dono dun oficio insuperábel, Xosé Cobas consegue imaxes cheas de forza cun número mínimo de elementos. Os seus lenzos amosan amplas superficies de cores pardos e ocres sobre as cales unhas veces se albiscan formas apenas bosquexadas, e noutras aparecen detalles de incríbel precisión hiperrealista. Ben lonxe do debuxo redundante de intencións simplemente figurativas, Xosé Cobas avanza por un vieiro de depuración que exixe un lector non pasivo, atento á multitude de ecos e sensacións que agachan os seus deseños.
Sería inxusto, porén, que o lexítimo entusiasmo diante dun libro visualmente abraiante acabase ocultando a altísima calidade da prosa de Xabier P. DoCampo. Explicitamente inspirado pola obra As cidades invisíbeis de Italo Calvino, O libro das viaxes imaxinarias transcribe o contido duns cadernos de viaxe nos cales o seu autor, que se chama a si mesmo “o Viaxeiro”, describe as cidades e reinos que visita. Entre eses textos aparecen outros moi distintos, apuntamentos feitos durante o camiño que falan das persoas encontradas, mais tamén listaxes de aforismos e refráns, apócemas para curar enfermidades ou os costumes das terras nas que deixou a súa pegada, nun xogo literario que admite ademais a presenza dun conto e unha carta, un bando e unha canción, unha receita de cociña e mesmo unha partitura.
“Todas as viaxes son un regreso”. Guiado por ese precepto, pola idea de que é preciso volver para contar, “para facer da viaxe relato”, Xabier P. DoCampo escribiu un libro de inmensa potencia narrativa, que evoca por igual a Homero e a Cunqueiro na procura dunha prosa que é poética sen caer xamais na inutilidade de certos artificios pirotécnicos. Antes polo contrario, a escrita de DoCampo é inequivocamente social e política, posúe fondura épica e ten visión clara de país, e por iso entre as terras polas que pasa o Viaxeiro hai unha, Aiznire, que se converteu en illa pola vontade das súas xentes, e outra, Adnilo, invadida pola tristura por teren esquecido os seus habitantes o pasado. O camiño fai diferente ao Viaxeiro, que coñecerá ao chegar a Aruasi o verdadeiro significado da xustiza e aprenderá logo en Amri que a cobiza pode destruír o máis harmonioso dos paraísos.
Por máis que se delongue con desvíos non previstos, o sentido da viaxe é sempre o de retorno. Na derradeira etapa a viaxe faise libro, faise literatura que nos explica o mundo. E nós, coma o Viaxeiro, sairemos dela transformados.
Etiquetas:martin_pawley, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, protexta, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Críticas, Presentacións, Xerais_nos_medios | 1 Comment »
Outubro 21, 2008
Esta semana chega ás librarías O libro das viaxes imaxinarias, escrito por Xabier P. DoCampo e ilustrado por Xosé Cobás. A obra, froito da coedición de Anaya Infantil y Juvenil e Xerais, preséntase nun formato inusualmente esvelto (19,5 x 29), con encadernación acartonada e sobrecuberta, ademais de incluír un despregabre de oito páxinas. Na rede xa apareceron as primeiras referencias.
Etiquetas:o_libro_das_viaxes_imaxinarias, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Noticias, Xerais_nos_medios, Xuvenil | 5 Comments »
Outubro 16, 2008
Hoxe entrou no almacén un dos libros máis agardados do ano, O libro das viaxes imaxinarias escrito por Xabier P. DoCampo e ilustrado por Xosé Cobas. Chegará ás librarías a vindeira semana e será presentado 13 de novembro, ás 20:00 horas na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña. Un libro inusualmente fermoso de formato esvelto e páxinas despregables.
Este libro contén a transcrición de dous cadernos de viaxe carentes de data e de calquera información que permita coñecer a localización dos lugares visitados ou a identidade do seu autor. Cadernos nos que se recollen dous tipos de textos: descrición das cidades e reinos visitados e apuntamentos e debuxos que tomou o Viaxeiro, xunto con algún textos reflexivos máis íntimos.
«Todas as viaxes son un regreso. Calquera viaxeiro retornará á casa desde o momento mesmo en que puxo un pé fóra dela. Hai que volver para contar, para facer da viaxe relato. Viaxar é ir ao encontro do que nos emociona na súa contemplación e diante do que abandonamos todo desexo de posesión, porque o gozo está en recibírmolo de xeito gratuíto.» Así comeza este libro inusualmente fermoso de formato esvelto, que nos propón, coma fixera Calvino, unha viaxe por lugares imaxinarios, na que acompañaremos ao Viaxeiro percorrendo cidades, camiños, montañas e coñecendo as súas xentes. Cadernos de viaxe evocadores e poéticos que nos propoñen, tamén, unha viaxe ao interior de nós mesmos, que nos trasladan a mundos imaxinados reais e fantasiosos, uns relatos que nos invitan a gozar do pracer da lectura.
Etiquetas:o_libro_das_viaxes_imaxinarias, xabier_docampo, xosé_cobas
Publicado en Noticias, Xuvenil | 1 Comment »