Xiana Arias publicou no Protexta 09 unha crítica sobre o máis recente libro de xornalismo literario de Manuel Rivas publicado en Xerais Crónica, A corpo aberto.
Posts Tagged ‘protexta’
«A corpo aberto», crítica en «Protexta»
Abril 14, 2009«A Cabeza de Medusa», crítica en «Protexta»
Abril 8, 2009Belén Puñal publica en Protexta 09 unha crítica d’ A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre gañadora do premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil.
«Nachtmahr», crítica en «Protexta»
Abril 7, 2009Monzó en galego
Abril 6, 2009Samuel Solleiro publica unha crítica sobre as traducións recentes de Quim Monzó ao galego, entre as que está Mil cretinos, preparada por Helena González e publicada en Xerais Narrativa.
«Non son de aquí», crítica en «Protexta»
Abril 2, 2009Xabier Cordal publica no Protexta 09 unha crítica sobre os poemarios máis recentes de María do Cebreiro, entre os que está Non son de aquí.
«A batalla do paraíso triste», crítica en «Protexta»
Marzo 29, 2009Armando Requeixo publica unha crítica en Protexta 09 d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena.
«O xardín das pedras flotantes», crítica en «Protexta»
Marzo 29, 2009Lara Rozados publicou unha crítica en Protexta 09 d’ O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do Premio Xerais 2008.
«O libro das viaxes imaxinarias», primeira crítica
Novembro 10, 2008Martín Pawley acaba de publicar no recente número de Protexta (distribuído nos xornais desta fin de semana) unha gabanciosa crítica d’ O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas. Libro que será presentado esta semana, o vindeiro xoves, ás 20:00 horas na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña. Reproducimos o texto na súa integridade:
Son tantos e tan bos os froitos da colaboración entre o escritor Xabier P. DoCampo e o ilustrador Xosé Cobas que custa crer que a súa maneira de facer libros non sexa a máis común. Desde hai unha morea de anos, vai xa para vinte, DoCampo e Cobas traballan man con man fabricando textos e imaxes que se alimentan mutuamente nun proceso activo e continuo, unha sorte de interferencia construtiva que produce como resultado unha obra cuxo brillo é aínda maior do que cabería agardar pola simple suma da súa incuestionábel arte individual. O seu labor conxunto, capital para a historia recente da nosa literatura, acadou un fito notábel coa publicación en 2004 de Bolboretas, un libro medido e fermoso que falaba do nacemento do amor. Aquel prodixio case semella agora unha obriña menor trala aparición d’O libro das viaxes imaxinarias, un asombroso volume que marca un antes e un despois na traxectoria dos autores.
A magnífica edición de Xerais (en galego) e Anaya (en español) salienta o seu carácter de libro singular e outórgalle unha merecida condición de obxecto de desexo onde todo está milimetricamente estudado, da capa ás sobrecubertas, da tipografía á caixa do texto. A esa evidente beleza contribúen as ilustracións de Xosé Cobas, que desta volta multiplica o seu talento ao longo de sesenta páxinas esplendorosas. A súa evolución como artista é digna de análise e de recoñecemento. Dono dun oficio insuperábel, Xosé Cobas consegue imaxes cheas de forza cun número mínimo de elementos. Os seus lenzos amosan amplas superficies de cores pardos e ocres sobre as cales unhas veces se albiscan formas apenas bosquexadas, e noutras aparecen detalles de incríbel precisión hiperrealista. Ben lonxe do debuxo redundante de intencións simplemente figurativas, Xosé Cobas avanza por un vieiro de depuración que exixe un lector non pasivo, atento á multitude de ecos e sensacións que agachan os seus deseños.
Sería inxusto, porén, que o lexítimo entusiasmo diante dun libro visualmente abraiante acabase ocultando a altísima calidade da prosa de Xabier P. DoCampo. Explicitamente inspirado pola obra As cidades invisíbeis de Italo Calvino, O libro das viaxes imaxinarias transcribe o contido duns cadernos de viaxe nos cales o seu autor, que se chama a si mesmo “o Viaxeiro”, describe as cidades e reinos que visita. Entre eses textos aparecen outros moi distintos, apuntamentos feitos durante o camiño que falan das persoas encontradas, mais tamén listaxes de aforismos e refráns, apócemas para curar enfermidades ou os costumes das terras nas que deixou a súa pegada, nun xogo literario que admite ademais a presenza dun conto e unha carta, un bando e unha canción, unha receita de cociña e mesmo unha partitura.
“Todas as viaxes son un regreso”. Guiado por ese precepto, pola idea de que é preciso volver para contar, “para facer da viaxe relato”, Xabier P. DoCampo escribiu un libro de inmensa potencia narrativa, que evoca por igual a Homero e a Cunqueiro na procura dunha prosa que é poética sen caer xamais na inutilidade de certos artificios pirotécnicos. Antes polo contrario, a escrita de DoCampo é inequivocamente social e política, posúe fondura épica e ten visión clara de país, e por iso entre as terras polas que pasa o Viaxeiro hai unha, Aiznire, que se converteu en illa pola vontade das súas xentes, e outra, Adnilo, invadida pola tristura por teren esquecido os seus habitantes o pasado. O camiño fai diferente ao Viaxeiro, que coñecerá ao chegar a Aruasi o verdadeiro significado da xustiza e aprenderá logo en Amri que a cobiza pode destruír o máis harmonioso dos paraísos.
Por máis que se delongue con desvíos non previstos, o sentido da viaxe é sempre o de retorno. Na derradeira etapa a viaxe faise libro, faise literatura que nos explica o mundo. E nós, coma o Viaxeiro, sairemos dela transformados.
“Atracción total”, crítica en Protexta
Agosto 25, 2008“O profesor de vegliota”, crítica en Protexta
Agosto 25, 2008“Festina lente”, crítica en Protexta
Agosto 25, 2008“Mil cretinos”, críticas
Xuño 15, 2008María Xesús Lama publica en Protexta unha crítica de Mil cretins, o libro de relatos de Quim Monzó que publicaremos en galego nos vindeiros meses, traducido pola profesora Helena González.
Premer na imaxe para ler o texto.
“O segundo sexo”, crítica
Xuño 15, 2008Helena Miguélez Carballeira publica en Protexta unha crítica da tradución galega, preparada por Marga Rodríguez Marcuño, do primeiro tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir.
“Cardume”, crítica
Xuño 14, 2008Xiana Arias Rego publica en Protexta unha crítica de Cardume, a novela de Rexina Vega, merecedora do Premio Xerais de novela 2007.
Premer na imaxe para ler a crítica.
“As pontes no ceo”, nova crítica
Xuño 13, 2008Delfín Caseiro publica en Protexta unha crítica sobre As pontes no ceo, a derradeira entrega da triloxía Vidas exemplares de Ramiro Fonte.
“Vestio”, crítica
Xuño 12, 2008Anxos García Fonte publica en Protexta unha crítica sobre os dous máis recentes títulos de Xosé Miranda na colección Fóra de Xogo: Vestio e As mans do medo.
Críticas dos últimos libros de Fernández Paz
Xuño 11, 2008No Protexta da primavera, Isabel Soto publica unha crítica sobre os dous máis recentes libros de Agustín Fernández Paz: O único que queda é o amor e a 21ª edición, revisada e definitiva, de Cartas de inverno.
Premer na imaxe para ler.
Crítica “A venus de cristal”
Maio 20, 2008O blogueiro Óscar Sánchez publica no novo número de Protexta unha crítica sobre A venus de cristal, a novela de Chelo Suárez. Recollemos o seu primeiro parágrafo:
“Pietro Puliani é un afamado vidreiro veneciano que posúe grandes coñecementos sobre alquimia e poderes adivinatorios aprendidos en Exipto”. A primeira frase da contracapa coa que a editorial promociona A venus de cristal parece deixar clara unha saudábel intención de serie B, con ese protagonista enigmático que vive nun maxestoso palacio, oculta o rostro baixo unha máscara carnavalesca e traballa “con métodos que están fóra da comprensión humana”. Ingredientes coma estes debían facer que o prato tivese un agradábel arrecendo a folletín, pero a prosa requintada da autora quere apuntar nunha liña ben diferente: o libro ten unha certa vontade de transcendencia e agacha baixo a súa recargada imaxinería unha reflexión sobre a procura da beleza, co mito da inmortalidade e a perfección da xuventude asomando ao fondo.