Estes días chega as librarías Festina lente, a novela de Marcos S. Calveiro. Aquí poden lerse ou descargarse as dez primeiras páxinas. O autor acaba de abrir un blog da novela. Boa lectura!
Archive for Maio 2008
“Festina lente”, adianto primeiras páxinas
Maio 30, 2008Finalistas Premios Xerais 2008
Maio 30, 2008Tras a súa primeira sesión de deliberación, celebrada na tarde de hoxe, os xurados dos Premios Xerais 2008 declararon as obras finalistas nas tres modalidades.
O xurado da 25ª edición do Premio Xerais de Novela, formado polos escritores Xabier Puente Docampo, Xosé Miranda, Santiago Jaureguizar, Uxía Casal, Estíbaliz Espinosa e Francisco Alonso Villaverde (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as cincuenta e catro obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os seguintes lemas: “As sereas de Tubinga”, “Flora da xunqueira” e “Memoria de sal”.
O xurado da 3ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, formado por Isabel Bilbao Freire (responsable de acción externa da Fundación Caixagalicia), Xabier Senín Fernández (profesor e tradutor), Andrea Maceiras Lafuente (estudante de Filoloxía), Antonio Piñeiro Rodríguez (estudante de 3º da ESO, CEIP Alfonso VII de Caldas de Reis), Einés Monteagudo Vilavedra (estudante de 3º da ESO do IES de Ames) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as vinte e oito obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: “Eu son ti”, “O derradeiro inverno” e “Tusitala”.
O xurado da 23ª edición do Premio Merlín de literatura infantil, formado por Manuel Figueiras Fernández (profesor e responsable da BLIX, Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil), Adolfo Gálvez Pazos (profesor e responsable de Biblioxest), Beatriz Pereiro Pérez (profesora), Óscar Villán (ilustrador), Laura Sáez Fernández (tradutora e intérprete) e Helena Pérez Fernández (editora), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: “Cómpre botar unhas palabriñas máxicas”, “Indanonseiben” (teatro), “Paspallasazul” e “XX27/ni-0”.
Os tres xurados determinarán as obras gañadoras, nunha vindeira reunión, a celebrar o sábado 7 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar no serán dese mesmo día e, como en edicións anteriores, na illa de San Simón.
Nova referencia a «A represión lingüística en Galiza no século XX»
Maio 30, 2008Na sección “Maré” do xornal Galicia Hoxe recóllese unha nova noticia sobre A represión lingüística en Galiza no século XX, de Mª Pilar Freitas, a partir do acto de presentación da obra que se celebrou onte en Pontevedra e no que acompañaron á autora Andrés Vilán, director do IES Valle Inclán de Pontevedra, Anxo Lorenzo, director da súa tese de doutoramento, e Fran Alonso, subdirector para a edición xeral de Edicións Xerais.
A investigadora fixo un repaso polos factores que resultaron máis prexudiciais para o desenvolvemento e normalización da lingua galega durante o século XX, entre os que destacan a infravaloración, o menosprezo e a burla sufridos polos seus falantes.
“As pontes do ceo”, nova crítica
Maio 29, 2008Xulio Valcárcel publica na páxina literaria de El Ideal Gallego unha crítica completísima sobre As pontes no ceo, a derradeira entrega da triloxía “Vidas de infancia” de Ramiro Fonte. Recollemos varios fragmentos do texto:
“Último volume da triloxía “Vidas de infancia”, As pontes no ceo pecha con ramo de ouro un dos proxectos literarios máis ambiciosos dos últimos tempos. Ramiro Fonte ofrece tres libros indispensables, a cada cal mellor. Lonxe de decaer ou esvaecer o seu nivel, a súa puxanza, sobrepóñense nunha liña de contante superación. Relato denso, sereno e caudaloso, As pontes no ceo, está recorrida ao longo de 564 páxinas dunha néboa que desdebuxa os perfís gardando só o esencial, como a luz outoniza da última verbena das festas de setembro daquel Pontedeume da nenez. […] Traballa Ramiro cunha prosa directa, precisa, libre de retórica, tanto no plano formal coma no conceptual. O fío narrativo, baseado na lembranza, discorre con naturalidade e sinxeleza, coa mesma inocencia coa que viviu aquel neno as vivencias agora recuperadas. Pero tamén coa mesma intensidade que tiveron e que siguen tendo na memoria do narrador. A elegancia do humor e unha sutil ironía, sabiamente administrada, compensa e equilibra ese pouso de tristeza que radica sempre detrás do desvalimento dun neno. Boa, mala, ou peor, a infancia, tempo sementado de ausencias e perdas, aparece recollida en toda a súa riqueza por Ramiro Fonte nunha novela de matices, de dados mínimos, de exquisitas pequeneces, coas que curiosamente ergue unha grande obra. […] Volven agora polo valor salvífico da palabra nunha novela espléndida, que nos conforta por dentro como un bálsamo, que nos axuda á comprensión, á reconciliación.”
«Ética e Educación para a Cidadanía 4º ESO»: novo libro do alumnado para o curso 2008-2009
Maio 29, 2008O novo manual que Edicións Xerais presenta para o alumnado de Ética e Educación para a Cidadanía 4º de ESO foi elaborado por Xesús E. García Castro, Eva Garea Traba, Mercedes Oliveira Malvar, Ricardo Rodríguez e Miguel Vázquez Freire, todos eles cunha longa traxectoria como autores de libros de texto e materiais divulgativos das áreas de Ética, Filosofía e Socioloxía.
Esta proposta, con 112 páxinas, presenta 6 bloques de contidos que desenvolven o currículo establecido pola Consellaría de Educación da Xunta de Galicia (2007). Cada bloque está dividido, á súa vez, en diferentes partes, que se corresponden co concepto de unidade didáctica. En total, o libro consta de 21 unidades (7 unidades por trimestre).
O libro presenta a seguinte estrutura:
SUMARIO: cada bloque ábrese cun sumario onde se detallan as unidades que se van desenvolver.
PARA COMEZAR…: neste apartado, que abre cada unha das unidades, inclúense actividades de problematización destinadas a presentar os contidos mediante textos, vídeos, imaxes, formulación de hipóteses… Trabállase coa aprendizaxe previa do alumnado co fin de reflexionar e suscitar problemas.
PARA COMPRENDER: as cuestións formuladas en «Para comezar…» estrutúranse teoricamente neste apartado. Aquí desenvólvense os contidos conceptuais, apoiados e reforzados cos cadros denominados «Informámonos» (con actividades, textos de lectura ou visionado de imaxes) e «Reflexionamos» (con actividades de reflexión e comprensión).
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS: apartados que pechan cada unidade, onde se ofrecen materiais complementarios e actividades de ampliación.
DVD PARA O PROFESORADO
O libro vai acompañado dun DVD para o profesorado onde se incorpora o material audiovisual (fundamentalmente cortes de filmes) ao que se fai referencia no manual.
Premendo na imaxe que vén deseguido pódese ver o índice de contidos do libro.
Nova crítica, “A venus de cristal”
Maio 29, 2008A novela de Chelo Suárez, A venus de cristal, está sendo unha das nosas novidades que esta tempada recibe maior atención por parte da crítica. Hoxe, Dolores Martínez Torres publica en Faro da Cultura un traballo, titulado “Procura estética”, do que recollemos un parágrafo:
“[A novela] semella, en conxunto, unha armazón simple tapizada de diversos retazos, cun carácter máis decorativo que esencial; mais ese labor de patchwork está realizado con tan ricos elementos que a embriagadora pedrería de símbolos, combinada coas sutís imaxes, provoca unha deliciosa confusión dos sentidos pola que, simplemente, dá gusto deixarse levar. […] Se se me permite o símil, diría que esta novela conta, sobre todo, cunha dirección artística excepcional.”
Crítica de “Vestio”
Maio 29, 2008Héitor Mera publica unha crítica no Faro da Cultura de hoxe sobre Vestio, a novela curta de Xosé Miranda publicada recentemente en Fóra de Xogo. Recollemos o parágrafo final do traballo titulado “A forza de intriga”:
“En Vestio Xosé Miranda domina con mestría as técnicas do relato ou novela curta de medo. Sabe que é o que precisa en cada momento a historia para acadar un nivel de intriga necesario conseguindo que o clímax narrativo chegue a cotas importantes de interese.”
Presentación “A represión lingüística en Galicia”
Maio 28, 2008Mañá xoves 29 de maio, ás 20,00 horas, no Paraninfo do IES Valle Inclán, rúa Montero Ríos, s/nº de Pontevedra, terá lugar o acto de presentación do libro A represión lingüística en Galiza no século XX de Pilar Freitas Juvino. O acto contará coa intervención de Andrés Vilán, Anxo Lorenzo, Fran Alonso e a autora.
X.L. Méndez Ferrín, Premio Nacional de Literatura 2008
Maio 28, 2008Foto: Lalo Villar.
Acollemos con ledicia a noticia da concesión do Premio Nacional de Literatura 2008 ao escritor X.L. Méndez Ferrín. O equipo de profesionais da editorial únese ao entusiasmo da sociedade galega recoñecendo con este premio o labor de Ferrín durante máis de cinco décadas a prol da nosa cultura nacional. A punto de xubilarse como catedrático do Instituto Santa Irene, este galardón coincide cos preparativos do libro homenaxe que con motivo do seu setenta aniversario se editará no vindeiro outono. Beizóns, mestre!
X. L. Méndez Ferrín, nacido en ourense en 1938, é a figura cimeira da cultura galega contemporánea. O seu labor abrangue os ámbitos da narrativa, da crítica, da investigación, do pensamento e da acción política e social. Doutor en Filoloxía, catedrático de Literatura e director da revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro. É membro da Real Academia Galega e columnista semanal do xornal Faro de Vigo. Obtivo os Premios “Celanova Casa dos Poetas” (1985), Premio Trasalba (2001) e Premio Nacional de Literatura (2008). En 1999 foi candidatado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega ao Premio Nobel de Literatura.
A súa obra narrativa iniciouse hai cincuenta anos con Percival e outras historias (1958), libro de contos, ao que logo seguiron O crepúsculo e as formigas (1961), contos; Arrabaldo do norte (1964), novela; Retorno a Tagen Ata (1971), noveleleta; Elipsis e outras sombras (1974), contos; Antón e os inocentes (1976), novela; Crónica de nós (1980); Amor de Artur (1982), contos; Bretaña, Esmeraldina (1987, 2007, Premio da Crítica Galicia), novela; Arraianos (1991, Premio da Crítica Galicia, Premio da Crítica Española e Premio Losada Diéguez), contos; e No ventre do silencio (1999, Premio Eixo Atlántico, Premio da Crítica Española), novela.
A súa produción poética está composta por títulos como Voce na néboa (1957), Antoloxía Popular (1972), asinada co heterónimo de Heriberto Bens; Sirventés pola destrucción de Occitania (1975); Con pólvora e magnolias (1977, Premio da Crítica); Poesía enteira de Heriberto Bens (1980); O fin dun canto (1982); Erótica (1992); Estirpe (1994, Premio Losada Diéguez); O outro (2002); Era na selva de Esm (2004) e Contra Maquieiro (2005). Parte dos seus contos están reunidos no volume Contos (1990), preparado por Sonsoles López. Publicou, tamén, a novela para público xuvenil Arnoia. Arnoia (1986), que foi incluída na Lista de Honra do IBBY en 1988.
É autor, ademais, do Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos (2007) e dos ensaios Cancioneiro de pero Meogo (1966) e De Pondal a Novoneyra (1984).
Actualización, 29 de maio de 2008: a prensa do día faise eco desta magnífica nova.
Actualización, 30 de maio de 2008: Vieiros publica unha entrevista con Ferrín e o suplemento rdl outra longa entrevista.
«Educación para a Cidadanía 2º ESO»: novo libro do alumnado para o curso 2008-2009
Maio 28, 2008O novo manual que Edicións Xerais presenta para o alumnado de Educación para a Cidadanía 2º de ESO foi elaborado por Xesús E. García Castro, Eva Garea Traba, Mercedes Oliveira Malvar, Ricardo Rodríguez e Miguel Vázquez Freire, todos eles cunha longa traxectoria como autores de libros de texto e materiais divulgativos das áreas de Ética, Filosofía e Socioloxía.
Esta proposta, con 120 páxinas, presenta 4 bloques de contidos que desenvolven o currículo establecido pola Consellaría de Educación da Xunta de Galicia (2007). Cada bloque está dividido, á súa vez, en diferentes partes, que se corresponden co concepto de unidade didáctica. En total, o libro consta de 16 unidades (5 unidades por trimestre).
O libro presenta a seguinte estrutura:
SUMARIO: cada bloque ábrese cun sumario onde se detallan as unidades que se van desenvolver.
QUE SABES DE…?: neste apartado, que abre cada unha das unidades, inclúense actividades de problematización destinadas a presentar os contidos mediante textos, vídeos, imaxes, formulación de hipóteses… Trabállase coa aprendizaxe previa do alumnado co fin de reflexionar e suscitar problemas.
PARA COMPRENDER: as cuestións formuladas en «Que sabes de…?» estrutúranse teoricamente neste apartado. Aquí desenvólvense os contidos conceptuais, apoiados e reforzados cos cadros denominados «Informámonos» (con actividades, textos de lectura ou visionado de imaxes) e «Reflexionamos» (con actividades de reflexión e comprensión).
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS e PARA SABER MÁIS: apartados que pechan cada bloque, onde se ofrecen materiais complementarios e actividades de ampliación.
DVD PARA O PROFESORADO
O libro vai acompañado dun DVD para o profesorado onde se incorpora o material audiovisual (fundamentalmente cortes de filmes) ao que se fai referencia no manual.
Premendo na imaxe que vén deseguido pódese ver o índice de contidos do libro.
Entrevista a Xulio Astor
Maio 26, 2008A Nosa Terra entrevista a Xulio Astor con motivo da publicación de Alimentación saudable.
Os Premios Xerais 2008 fallaranse o sábado 7 de xuño
Maio 26, 2008Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o 30 de maio. Os premios serán fallados o sábado 7 de xuño na illa de San Simón.
Edicións Xerais de Galicia, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2008, nomeou aos membros dos tres xurados.
O xurado da 25ª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que concorren cincuenta e catro obras, está formado por: Xabier Puente Docampo (escritor), Xosé Miranda (escritor), Santiago Jaureguizar (escritor e xornalista), Uxía Casal (escritora), Estíbaliz Espinosa (escritora) e Francisco Alonso Villaverde (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da 3ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren vinte e oito obras, está formado por: Isabel Bilbao Freire (responsable de acción externa da Fundación Caixagalicia), Xabier Senín Fernández (profesor e tradutor), Andrea Maceiras Lafuente (estudante de filoloxía), Antonio Piñeiro Rodríguez (estudante de 3º da ESO, CEIP Alfonso VII de Caldas de Reis), Einés Monteagudo Vilavedra (estudante de 3º da ESO do IES de Ames) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da 23ª edición do Premio Merlín de literatura infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren trinta e dúas obras, está formado por: Manuel Figueiras Fernández (profesor e responsable da BLIX, Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil), Adolfo Gálvez Pazos (profesor e responsable de Biblioxest), Beatriz Pereiro Pérez (profesora), Óscar Villán (ilustrador), Laura Sáez Fernández (tradutora e intérprete) e Helena Pérez Fernández (editora), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os tres xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 30 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 7 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día e, como en edicións anteriores, na illa de San Simón.
O sábado 31 de maio publicaremos neste blog os lemas das obras finalistas dos tres premios.
Quim Monzó e Sergi Pamies en galego
Maio 24, 2008Coincidindo coa presenza en Santiago de Quim Monzó anunciamos a aparición nos meses do vindeiro verán da edición en galego de Mil cretins, o seu máis recente libro de relatos traducido dende o catalán pola profesora Helena González. Así mesmo, o escritor Antón Dobao ultima a tradución do libro de Sergi Pamies Si menges una llimona sense fer ganyotes. Con estas dúas traducións comezamos na colección Xerais Narrativa unha liña de traducións de obras actuais da literatura catalana que, a partir de agora, poderán ser lidas polo público galego na súa lingua.
Programación de Lingua e Literatura 1º de Bacharelato
Maio 23, 2008En Xerais lingua, poñemos á disposición do profesorado de Bacharelato unha primeira versión, aínda non definitiva, da programación de Lingua e Literatura 1º de Bacharelato de Xerais para o curso 2008-2009, que se pode descargar en formato pdf.
Rectificamos
Maio 22, 2008Comunícannos os amigos de Lg3 que na súa páxina xa saíra unha crítica, feita por Anxos García Fonte, de O profesor de vegliota de Manuel Veiga o pasado 28 de abril. Non coñeciamos tampouco as críticas aparecidas sobre A cultura do pan de Xosé Lois Ripalda, esta a cargo de Xurxo M. Ayán o 5 de maio. A cadaquén, o seu.
Aproveitamos esta rectificación para manifestar o noso agradecemento e admiración polo traballo desenvolvido por este grupo de persoas que, dende o Consello da Cultura Galega, fan este labor de promoción tan necesario.
“O profesor de vegliota”, primeira crítica
Maio 22, 2008Armando Requeixo publica en Faro da Cultura a primeira critica d’ O profesor de vegliota, a novela de Manuel Veiga.
“Memoria contra Alzheimer”, crítica
Maio 22, 2008Xosé Feixó publica hoxe en Faro da Cultura a primeira crítica de Memoria contra Alzheimer, a novela de Rafael Laso publicada en Fóra de Xogo.
“Festina lente”, a novela de Marcos S. Calveiro
Maio 21, 2008Hoxe chegaron do prelo os primeiros exemplares de Festina lente, a primeira novela de Marcos S. Calveiro que publicamos en Xerais Narrativa. Novela histórica, ambientada na Compostela do século dezasete, escrita con enorme alento e prosa inusualmente depurada, propón ao lector unha intrigante viaxe polo mundo dos libros e o coñecemento nun tempo de intolerancia. Estará nas librarías na vindeira semana.
Devagar, un carro baixa chirlando polo Preguntoiro ateigado de libros prohibidos e expurgados polo Santo Oficio. Estamos en Compostela no ano do Noso Señor de 1627 e este é o colofón do códice que, caderniño a caderniño, o encadernador Ambrosio Cavaleiro coseu na soidade do seu obradoiro da rúa da Armada dende que era un aprendiz canda o seu mestre. As campás, tristeiras, repenican a defunto, o vento zoa nas rúas e esparexe o capítulos todos da súa existencia. As páxinas de pergamiño, como faíscas, danzan sobre os tellados e os campanarios furtando á voraz desmemoria as lembranzas fuxidías, os acenos, mecos e rostros dunha vida. O coñecemento, como a pedra gravada polos arxinas a cicel e maceta dende a noite dos tempos, permanece no alento dunha idade incerta asolagada polo silandeiro andazo da intolerancia.
Catálogo de texto ESO e BAC 2008/2009
Maio 21, 2008O profesorado de ESO e BAC pode baixar aquí en PDF o noso Catálogo de libro de texto para o curso 2008/2009. Inclúe as novidades de Lingua e literatura galegas, Lengua castellana y literatura, Matemáticas, Ciencias da Natureza, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Ciencias Medioambientais e da Saúde, Ciencias para o Mundo Contemporáneo, Xeografía e Historia, Educación para a Cidadanía, Ética e Educación para a Cidadanía, Filosofía e Cidadanía, Ética e Filosofía do Dereito, Economía e Música.
Crítica “A venus de cristal”
Maio 20, 2008O blogueiro Óscar Sánchez publica no novo número de Protexta unha crítica sobre A venus de cristal, a novela de Chelo Suárez. Recollemos o seu primeiro parágrafo:
“Pietro Puliani é un afamado vidreiro veneciano que posúe grandes coñecementos sobre alquimia e poderes adivinatorios aprendidos en Exipto”. A primeira frase da contracapa coa que a editorial promociona A venus de cristal parece deixar clara unha saudábel intención de serie B, con ese protagonista enigmático que vive nun maxestoso palacio, oculta o rostro baixo unha máscara carnavalesca e traballa “con métodos que están fóra da comprensión humana”. Ingredientes coma estes debían facer que o prato tivese un agradábel arrecendo a folletín, pero a prosa requintada da autora quere apuntar nunha liña ben diferente: o libro ten unha certa vontade de transcendencia e agacha baixo a súa recargada imaxinería unha reflexión sobre a procura da beleza, co mito da inmortalidade e a perfección da xuventude asomando ao fondo.
Nova crítica sobre “A cultura do pan”
Maio 20, 2008O escritor Xosé Lois García, que recibiu o pasado domingo o Pedrón de Honra, publica hoxe en Galicia hoxe unha segunda crítica sobre A cultura do pan do libro de Xosé Lois Ripalda ao que xa temos feito numerosas referencias neste blog. Recollemos un parágrafo de tan gabancioso texto:
“Sobrio e rigoroso. Chégalle ao lector un libro da autoría do profesor, Xosé Lois Ripalda (Carballedo, 1940): A cultura do pan, publicado por Edicións Xerais de Galicia (2008). Conciso e suxeridor que nos transborda a tempos pretéritos, fundamental para entender todas esas nomenclaturas que fan referencia ao cereal con mais distinción na dieta dos galegos de todos os tempos. Este tratado de Xosé Lois Ripalda responde a unha investigación profunda, porque el coñece moi ben a materia que trata, dado que esas terras nobres, vellas e bieitas de Carballedo, dadoras de froitos eucarísticos de pan e viño, as coñece en todas as súas intensidades. Carballedo é unha terra repregada e fermosa entre o Faro e o Miño. Ripalda xa nos ofreceu belas historias de Erbedeiro, esa parroquia ribeirá entre Nogueira de Miño e Chouzán, onde a cultura viñateira floreceu e respirou os seus mellores hálitos de convivencia.”
Nova crítica de “Roseira do teu mencer”
Maio 18, 2008María Navarro publica no especial de Faro da Cultura dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez unha nova crítica sobre a nosa edición recente de Roseira do teu mencer.
Entrevista a Xesús Manuel Marcos
Maio 18, 2008A edición impresa d’ A Nosa Terra publica unha entrevista con Xesús Manuel Marcos, o autor d’ A lúa dos Everglades, Premio Terra de Melide 2007. Na entrevista o autor do Caurel fala dos seus próximos proxectos:
“Estou traballando nunha tetraloxía, da cal só podo dicir os temas, porque cando adianto cousas así parece que se gafan. Xa teño unha novela rematada sobre o tema da guerra, non da Guerra Civil española porque penso que en Galiza está xa bastante tocado, malia que non teñamos aínda unha obra de referencia que esgote o tema. As outras tres novelas tratarán a fame, a morte e a enfermidade. A primeira está case documentada, a falta dalgunha información que teño que consultar en Santiago e a da enfermidade xa está bastante avanzada. As catro novelas transcorren en distintas épocas e distintos lugares.”
Crítica de “Roseira do teu mencer”
Maio 16, 2008Isabel Soto pubica en Lg3 unha crítica da nova edición de Roseira do teu mencer, o poemario de Xosé María Álvarez Blázquez que publicamos na colección Merlín. Reproducimos un parágrafo do texto:
En 2008 –a ocasión ben o merece– Xerais actualiza a Roseira nunha nova edición, cos cambios lingüísticos pertinentes consonte á nova normativa e engadíndolle unha serie de materiais que explican tanto o percorrido biográfico de Álvarez Blázquez como a xénese e características do poemario. Por unha banda, o epílogo de Darío Xohán Cabana constitúe un acertado resumo, adaptado ao horizonte de expectativas do lectorado máis novo, da completa reconstrución elaborada en Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra (Xerais, 2008). Outro breve texto, tamén da súa man, engádelle atractivo á figura do intelectual, pois deseña del un retrato máis persoal baseado na lembranza. Ademais, neste novo formato da Roseira reprodúcese o texto do fillo do poeta que xa aparecía na edición de 1992 e insírese unha “Cronoloxía” preparada por Manuel Bragado. Manuel Uhía volve ser o encargado de acompañar coa súa lectura en imaxes as composicións de Álvarez Blázquez, anovando a vida dos obxectos e personaxes evocados con ilustracións figurativas en cores vivas.
“Sopa de marsopa”: nace o detective Bilbo Bons
Maio 15, 2008Galicia hoxe entrevista á escritora Isabel Freire con motivo da publicación de Sopa de marsopa, a novela infantil na que nace o detective Bilbo Bons. Recollemos un parágrafo da entrevista:
“Mais, lonxe dos arquetipos de detectives máis habituais, este personaxe, segundo di a autora, é ‘inxenuo, bondadoso, amigo dos animais e moi curioso, unha curiosidade que o leva a seguir calquera cousa estraña’. Así comeza a primeira aventura de Bilbo Bons que, investigando a desaparición dunha marsopa do zoo, dá cun home no mercado que pide centos de quilos de polbo. Acompáñao o narrador da historia, o seu bo amigo o comisario xefe de policía Roncudo Lor, un home ‘malhumorado e gruñón, que se deixa arrastrar e non é curioso pero que mantén unha amizade bonita e sincera con Bilbo’, apunta a coruñesa. Autora dunha serie de literatura infantil dedicada ao peixe Glub, Isabel Freire coida que os ingredientes para unha novela dirixida aos máis pequenos ‘son os mesmos que para adultos’. Ao seu ver, ‘hai que facer algo divertido para captar os lectores, e empregar unha linguaxe adaptada aos niveis de lectura’ para que quede un pouso, que no caso da novela, é ‘o sentido da lealdade’.”
“Os libros de Merlín”, libros de lecturas para 3º e 4º de Primaria
Maio 15, 2008No noso blog de lingua anunciamos hoxe a aparición d’ Os libros de Merlín, os novos libros de lecturas para 3º e 4º de Primaria. Pode obterse información completa sobre as súas características aquí.
“Xosé María Álvarez Blázquez. Unha fotobiografía”
Maio 14, 2008Estes días chega ás librarías Xosé María Álvarez Blázquez. Unha fotobiografía, álbum preprado por Alfonso Álvarez Cáccamo. A obra será presentada en Vigo o vindeiro 28 de maio.
A presente obra, coordinada por Alfonso Álvarez Cáccamo, fillo de Xosé María Álvarez Blázquez e o primeiro dos seus biógrafos, recolle un detallado percorrido fotobiográfico (con catrocentas imaxes e fotografías, unha boa parte delas inéditas ata o momento) sobre a peripecia vital e traxectoria literaria da figura homenaxeada o 17 de maio de 2008. Inclúe, ademais a semblanza de Xosé María Álvarez Cáccamo (“Notas para o álbum da vida de Xosé María Álvarez Blázquez”) e o ensaio de Darío Xohán Cabana (“A forxa dun esculcador”). O volume complétase cunha completa cronoloxía e bibliografía de e sobre Xosé María Álvarez Blázquez.
Novo blog: Xerais lingua
Maio 13, 2008Hoxe abrimos a versión beta dun novo blog da editorial: Xerais lingua. Neste novo espazo publicaremos noticias sobre os nosos materiais da área de lingua e literatura galega, tanto de Primaria, ESO como Bacharelato, así como recursos didácticos d einterese para o profesorado da área. As primeiras noticias dan contan das novidades que presentamos estes días ao profesorado de Secundaria: Lingua e literatura galegas 1º de Bacharelato e Lingua e literatura galegas para 2º e 4º de ESO.
“De provincia a nación”, Premio da Crítica Galicia e Premio Losada Diéguez
Maio 11, 2008De provincia a nación. Historia do galeguismo político de Justo Beramendi acaba de recibir un novo recoñecemento, neste caso o Premio da Crítica Galicia no apartado de investigación, outorgado pola Fundación Premios da Crítica. O xurado destacou a importancia desta obra polo “pormenorizado estudo da traxectoria do galeguismo político e a proxección e transcendencia da achega do autor”.
Pola súa banda o xurado do Premio Losada Diéguez tamén acaba de anunciar o seu recoñecemento na categoría de investigación, sinalando que “esta obra converteuse en indispensable para coñecer a formación e desenvolvemento do nacionalismo galego, e foi feita logo dunha procura exhaustiva de fontes que foron analizadas con absoluto rigor e método histórico”. Justo Beramendi recibirá o galardón (dotado con 6.000 euros) nun acto que se desenvolverá o mediodía do domingo 8 de xuño , no pazo da familia Losada, ubicado na localidade de Moldes, en Boborás. Nesa xornada oficiarase previamente unha misa solemne na igrexa parroquial de San Mamede e unha homenaxe froral ante as campas de Losada Diéguez e Chamoso Lamas.
Estes dous novos premios ao libro de Beramendi únese aos xa outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia e pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Os nosos maiores parabéns para Justo por dous premios tan importantes.
“A cidade e os días”, brillante presentación
Maio 11, 2008Foi moi brillante o acto de presentación da nosa edición galega d’ A cidade e os días celebrada onte no Museo Marco. En primeiro lugar interviu Manuel Bragado, director da editorial e co-tradutor da obra, xunto a Pablo Sánchez Mato, que glosou a importancia e as características da edición preparada por Xerais e apoiada pola Alcaldía do concello de Vigo. Despois de enmarcar o libro no conxunto da produción literaria de Álvarez Blázquez, Bragado rematou expresando que
“tras a súa primeira publicación, hai case cincuenta anos, A cidade e os días –a pesar de que moitos dos datos e informacións, afortunadamente, foron superados pola actual historiografía viguesa– non perdeu un ápice do seu interese xa que constitúe moito máis ca un libro de historia. A cidade e os días é unha apaixonada biografía literaria da cidade de Vigo e da súa contorna (xa que para o autor, Vigo derrámase dende o Val do Fragoso até o esteiro do Miño) escrita cunha prosa maxistral e un alento narrativo moi notable. Eis nese carácter profundamente literario onde reside a importancia e a beleza deste grande relato colectivo, que dificilmente vai quedar obsoleto”.
A continuación interviu Alfonso Álvarez Cáccamo, terceiro fillo de Xosé María e autor da Fotobiografía editada por Xerais, que comezou as súas palabras salientando que “esta edición en galego dun libro que estaba presente na nosa casa por todas partes era unha das arelas máis íntimas do meu pai”. Despois de relatar algunhas anécdotas sobre o traballo erudito de Álvarez Blázquez (“Meu pai pertence a unha xeración de tacaños do papel que escribían co bolígrafo BIC vermello”), Alfonso foi debullando algúns dos personaxes vigueses con maior presenza na obra, como Elduayen, Cachamuíña ou Araújo de Lira. Rematou recordando a fidelidade excepcional de don Xosé María cara a súa familia e os seus amigos, “o que non lle impedía manter coa maior firmeza as súas conviccións”.
Lalo Vázquez Gil, actual Cronista Oficial da Cidade de Vigo e amigo e colaborador de Xosé María, comezou as súas palabras sinalando que “o libro era interesantísimo, tanto por presentar un repertorio local de efemérides como por ser o primeiro na historiografía viguesa que o incorpora o sentido moderno da historia, superando amplamente todas as contribucións anteriores”.
Pola súa banda, Ceferino de Blas, director xeral de Faro de Vigo, comezou o seu discurso lembrando que o primeiro de ano de 1959 Faro de Vigo publicaba o primeiro dos artigos dunha serie titulada “Calendario histórico de Vigo” que Xosé María Álvarez Blázquez publicaría diariamente e de forma ininterrumpida no diario decano ao longo de todo ese ano. Ao longo da súa intervención de Blas, recordou a figura de Francisco Leal Insua, director entón de Faro de Vigo que abriu a etapa de directores literarios do periódico (continuada por Cerezales e Álvaro Cunqueiro) que permitiu que nas páxinas literarias publicasen plumas como as do propio Xosé María, Álvaro Cunqueiro, Diego San José, José Espinosa ou Julio Sigüenza.
Pechou a quenda de intervencións Abel Caballero, alcalde de Vigo, que amosou a súa satisfacción pola edición dun libro extraordinario para Vigo e pola colaboración con Edicións Xerais de Galicia.
“Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra”
Maio 10, 2008En Faro da Cultura desta semana Montse Pena Presas publica unha crítica de Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra, o estudo biográfico e literario preparado por Darío Xohán Cabana.
“A cultura do pan”, primeira crítica
Maio 10, 2008A cultura do pan, o libro etnográfico de Xosé Lois Ripalda recibiu a súa primeira crítica, preparada por Maruxa Gestoso Álvarez, no Faro da Cultura.
Entrevista a Pilar Freitas
Maio 10, 2008Con motivo da aparición d’ A represión lingüística en Galicia, El País Galicia entrevista á autora da obra, María Pilar Freitas Juvino. A sociolingüista pontevedresa apunta na entrevista que os puntos de partida do seu traballo foron “os estudos xa clásicos de Xesús Alonso Montero e Pilar García Negro, entre outros. A bibliografía de autores galegos está na base, ao igual que os investigadores internacionais. Tamén pretendiamos facer unha nova cronoloxía da lingua e unha cousa vaite levando a outra. No tocante á lingua, a promulgación da Lei de Normalización Lingüística en 1983 marca un punto de inflexión e aí puiden deter a análise. Ao respeito da literatura, cheguei ata fins do século porque non hai unha data que faga de chave. Acumulei máis dun cento de citas de libros de creación!”.
Presentación “Boas noites” de Paula Carballeira
Maio 9, 2008O sábado, 17 de maio, ás 12,30 horas, na Casa das Letras de Ribadeo presentaremos o libro e o DVD Boas noites de Paula Carballeira, obra gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2006. No acto participarán a autora e os músicos Vadim Yukhnevich, Pablo Pérez e Manolo Panforreteiro. Logo, ás 19,00 horas, no Auditorio Hernán Naval, terá lugar a representación da obra a cargo da compañía Berrobambán.
Xiana, a protagonista de Boas noites, non ten tempo nin para pensar, moito menos para xogar ou para soñar. E se non dá pechado os ollos pola noite, Pedro Chosco non pode facer o seu traballo, que é acabar cos medos… Os áxiles diálogos desta peza, a orixinalidade na elección do tema, o estrés infantil, un argumento contemporáneo abordado seguindo a tradición fantástica, valéronlle a Paula Carballeira o primeiro premio Manuel María convocado polo IGAEM de Literatura Dramática Infantil do ano 2006. Guía Interactiva: Esta guía interactiva é un DVD co que se pode escoitar a música do espectáculo “Boas noites” e no que ademais se pode acceder a unha serie de actividades orientadas a educadores, nais, pais e rapaces coas que se pode coñecer mellor os medos máis comúns da cultural tradicional galega.
“Xosé María Álvarez Blázquez. Unidade didáctica”
Maio 7, 2008Irene Pérez Pintos, profesora de lingua e literatura do IES O Castro de Vigo, preparou Xosé María Álvarez Blázquez. Unidade didáctica un material educativo concibido para unha abordaxe integral nas aulas de ensino secundario da figura homenaxeada este 17 de maio.
A unidade didáctica organízase en seis grandes apartados:
- A historia de Xosé María Álvarez Blázquez e de todos nós.
- A historia sociolingüística de Xosé María Álvarez e de todos nós.
- O amor ás letras nas letras do ADN.
- A Xeración do 36.
- A obra literaria de Xosé María Álvarez Blázquez.
- Escolma de textos.
Cada un dos apartados inclúe textos expositivos e actividades, apoiados por fotografías e pés explicativos.
Xunto con esta unidade didáctica, esta semana tamén poñemos á venda A cidade e os días e a Fotobiografía de Xosé María Álvarez Blázquez completando así a nosa contribución ao ano Xosé María Álvarez Blázquez.
Atracción total
Maio 6, 2008Esta semana poñemos á venda Atracción total, o novo libro de microrrelatos de Carme Blanco. O libro será presentado o vindeiro 24 de maio, ás 12:00 horas na Feira do Libro de Lugo, coincidindo co Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme.
Atracción total é unha obra en busca da verdade poética nos extremos máis extremos do microrrelato e do relato de relatos. O libro deseña, con retallos, un tapiz de tapices, como a vida, e foi escrito como que cose. Nel faise unha exaltación radical do pracer, da liberdade, das mulleres, dos homes, da natureza, do progreso harmónico e da memoria contra o poder, para asumir plenamente a vida, en paz, con alegría e ata as súas últimas consecuencias. Con el, pois, atracción total: o amor, a liberdade, a vida.
Reedición de “Os negocios do señor Gato”
Maio 5, 2008Chegou ás nosas máns os primeiros exemplares da reedición, na colección Sopa de Libros, do fermoso libro Os negocios do señor Gato de Gianni Rodari, traducido ao galego por Silvia Gaspar.
¿Pode haber algo máis suculento ca un rato en lata? É o que o serñor Gato pretende vender na súa flamante tenda de alimentación. Para iso conta cunha caixeira e mais un axudante moi eficaces: a publicidade funciona e a lista de encargas dos clientes medra por momentos… Un excelente negocio, segundo o seu dono. Pero, claro, os ratos non serán do mesmo parecer.