Posts Tagged ‘teatro_radiofónico’

Espazo radioescénico: entrega do IIIº premio de Teatro Radiofónico

Abril 19, 2009

tr2-320x2001xg00166201Aquí pode escoitarse a hora de radio e teatro na radio, celebrada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña,  na que se entregou o IIIº Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. O libro cedé, que inclúe a peza gañadora, Peter Buckley de Rubén Ruibal e César Candelas, e as dúas finalistas Servizo de Urxencias de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Ferreira, estará nas librarías ao longo deste vindeira semana.

Premio «Diario Cultural» de Teatro Radiofónico

Abril 13, 2009

ImprimirO vindeiro mércores, 15 de abril, ás 20:30 horas, celebrarase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a gala de entrega da IIIª edición do Premio «Diario Cultural» de Teatro radiofónico. Será entón cando Rubén Ruibal e César Candelas reciban o premio por Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley, peza protagonizada polo boxeador britano Peter Buckley,un eterno perdedor. Esta peza foi a gañadora tanto no premio outorgado polo xurado como polo público. Dotados ambos premios con 3.000 euros, Xerais presentará na gala o libro-CD que  incluirá tanto a peza gañadora como as obras finalistas, O xou mas gou on de Eva Ferreira e Servizo de información de Paula Carballeira.

Xerais, novidades de abril

Abril 7, 2009

xg00152001Neste mes, o abril dos libros, Xerais poñerá nas librarías once títulos.

Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas O’ Salto do Can de Jorge Llorca e Tempo de centeo de Xosé Fernández Ferreiro.

Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.

En colaboración coa Radio Galega e AGADIC o disco libro do IIIº Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

En Xerais Crónica, Galicia solidaria, obra coordinada por Xulio Ríos e Carlos Teijo, membros do IGADI.

En Xerais Manuais Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés, que será presentado, o 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro.

xg00154401Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de choiva de Ánxela Gracián, ilustrado por Daniel Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé TomásDona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.

Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido.

«Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley», Premio Teatro Radiofónico

Marzo 26, 2009

nota300_233799Rubén Ruibal e César Candelas foron os gañadores do IIIº Premio de Teatro Radiofónico «Diario Cultural« pola súa obra Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley, protagonizada polo boxeador britano peter Buckley,un eterno perdedor. A peza foi a gañadora tanto no premio outorgado polo xurado como polo público. Dotados ambos premios con 3.000 euros, Xerais editará a peza nun libro-CD que tamén incluirá as obras finalistas, O xou mas gou on de Eva Ferreira e Servizo de información de Paula Carballeira. O xurado, –formado por Cándido Pazó, Cristina Domínguez, Flor Maceiras, Camilo Franco e Ana Romaní–  destacou que a historia de Peter Buckley «emprega pautas do xénero negro, convertendo o relato nunha translación radiofónica dun ambiente cinematográfico» e con «personaxes ben perfilados». O premio será entregado o 15 de abril nunha gala, que se desenvolverá no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e na que será presentado o libro cedé. Entrevista cos autores en Galicia hoxe.

IIIº Premio teatro radiofónico, finalistas

Febreiro 5, 2009

teatro-radio-320x200As pezas presentadas baixo os lemas «Peter Buckley», «Servizo de Información» e «Xou mas gou on» son as finalistas da terceira edición do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico. Así o decidiu o xurado reunido esta mañá nas instalacións da Radio Galega. O director e actor Cándido Pazó encargarase agora da adaptación das tres obras finalistas que se emitirán en diversos espazos da RG durante o mes de marzo e serán publicadas por Xerais.

As novidades de literatura dramática de 2008 por Rubén Ruibal

Xaneiro 18, 2009

Na recollida de textos publicados polos medios, que vimos realizando no blog, quedounos atrás o magnífico traballo que Rubén Ruibal publicou o pasado 3 de xaneiro no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia (non está publicado na rede). No longo artigo, que ocupa dúas páxinas, o autor fai un percorrido polas novidades de literatura dramática publicadas en 2008. Recollemos algúns dos parágrafos que fan referencia aos títulos editados por Xerais:

xg00140301Tentando citar todo, emprezo pola literatura infantil. A publicación máis destacada do 2008 foi o Game over de Carlos Losada, gañador do premio Manuel María 2007. […] Levado á escena por Cachuzo, é posible que no 2009, se a lotería das programacións o contempla, teñamos de novo a oportunidade de velo nos escenarios galegos. Ó meu modo de ver, o espectáculo ten un gran problema: lonxe do habitual, non trata ós nenos coma parvos.

[…]

xg00136401Falando de autores galegos que chegan ós escenarios, se cadra con menos fortuna do que merecen, Roberto Salgueiro publicou no 2008 dentro da Biblioteca Dramática Galega de Xerais o texto gañador do premio Álvaro Cunqueiro 2007, Historia da chuvia que cae tódolos días, no que un pai, un fillo e a moza deste viven, sofren e reflexionan en torno ás miserias da emigración e da permanencia na terra propia nun espazo fechado arredor do cal todo se afunde na auga da chuvia; un texto ben recomendable. Nesa colección publica Raúl Dans, Nachtmarhr, un exercicio de liberdade literaria que non deixa escapar ó lector dende a primeira á ultima liña e sorprende pola riqueza de imaxes escénicas que provoca. Unha das miñas pezas preferidas deste autor e, probablemente, do 2008. Xerais tamén sacou á rúa o libro-CD do IIº certame de Teatro radiofónico do «Diario Cultural» da Radio Galega, a oportunidade de ler teatro sen esforzo de pasar páxinas xg00133001sequera; non teñen excusa. Xerais agasallounos, tamén, xa para rematar, coa Obra Dramática de Francisco Taxes, un gran libro que merece, en calquera país teatralmente civilizado, algo mási que esta simple nota nunha sorte de resume anual. Un volume imprescindible. Rubén Ruibal

Presentación “II premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico”

Abril 16, 2008

O xoves, 17 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra realizarase a presentación do libro cede, editado por Xerais, que contén as catro obras finalistas do “II premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico“, convocado pola Radio Galega. Baixo a dirección artística de Quico Cadaval, durante o acto realizarase a dramatización do premio do Xurado, O mal da vaca de Begoña García Ferreira e do premio da audiencia, Saltimbanqui de Lois Pérez Díaz. Presentado por Ana Romaní e Anxo Quintela, na velada actuarán, ademais, “Tres peixes voando” (Ugía Pedreira, Xabier Díaz e Guillermo Fernández).

O xurado deste II premio de Teatro radiofónico estivo composto por Cristina Domínguez, directora do Centro Dramático Galego; Ana Romaní, directora do Diario Cultural da RG; María Bouzas, actriz e presidenta da Academia Galega do Audiovisual; Quico Cadaval, actor e director e Camilo Franco, crítico teatral. O xurado destacou que a obra gañadora, O mal da vaca, é unha comedia fresca, ben estruturada, cuns diálogos coidados, mediante os que se constrúen uns personaxes matizados e complexos. Tamén destaca nesta obra, segundo o xurado, un tratamento da sociedade rural afastado do costumismo. Os membros do xurado fixeron constar unha mención especial para a peza Último capítulo, valorando a súa conexión coas estéticas actuais e a agudeza dos diálogos.

A autora de O mal da vaca, Begoña García Ferreira, naceu en Santiago de Compostela. Estudou Xeografía e Historia e na actualidade amplía estudos en arqueoloxía na República Checa. Traballa en Praga como profesora de español. Participou en varias obras de Teatro Universitario e foi compoñente da compañía profesional Cachuzo Teatro. O mal da vaca é a súa primera obra dramática para a radio.

O libro cedé de Xerais, ademais das dúas obras gañadoras, inclúe os textos e as gravacións das outras dúas finalistas, Ola Silvia, ¿estás aí? de Fátima Rodríguez Figueiras e Último capítulo de Roi Vidal Ponte.

O libro cedé, prologado por Quico Cadaval, estará a venda nas librarías na semana do libro, ao prezo de 15 euros.

Presentación “IIº Premio Teatro Radiofónico”

Abril 10, 2008