Archive for the ‘Blogs’ Category

Xerais blog muda a Blogaliza

Outubro 3, 2009

Dende hoxe o Xerais blog está aquí.

“Ramón Piñeiro. Os días ocultos”, blog

Xuño 22, 2009

XG00157701Daniel Ameixeiro acaba de abrir un blog arredor da súa novela Ramón Piñeiro. Os días ocultos. O autor ten intención de compartir cos lectores no blog non soamente o proceso (como foi nacendo e medrando a historia) senón tamén a documentación que utilizou. Os nosos parabéns a Daniel Ameixeiro pola iniciativa.

Ana Bande recomenda “A lúa dos Everglades”

Xuño 17, 2009

Ana Bande recomenda no seu blog A lúa dos Everglades, a novela de Xesús Manuel Marcos gañadora do Premio de narrativa Terra de Melide 2008. Recollemos o seu texto:

XG00138401Belgrano (Bos Aires), Miami, Madrid, Os irmáns Quintelos, Aurora, Manuel Eiras e Andrés Leiro, tres relatos de emigración que tecen un pano triste, escuro e esgazado polos furados da violencia, a dor e a miseria que é a marca da casa da nosa emigración. Custa ter que recoñecérmonos neses traballadores avarentos, aforradores, Luís, Dosinda e Antón, os gallegos, os irmáns Quintelo, xente con cartos, pero que aproveitaba a roupa ata o miolo, sempre coa leira ás costas, eles mesmos cultivaban nun terreo que tiñan nunha quinta o barrio de Alte Brown, xentes que xamais foran de vacacións a ningures, nin sequera ao veciño Parque Nacional do Tamá. Velaí a miseria. Lembroume moito a desolación que sentín cando visitei o Centro Galego de Newark hai uns dez anos ao comprobar o absoluto illamento destes galegos que malia vivir a media hora de Central Park no puxeran un pe na grande mazá na súa vida. Vivindo en Newark estaban tan lonxe de Nova Iorke como calquera galego de Betanzos ou Entrimo. Galegos que só saían puntualmente da casa de Primeira Xunta…para ir á igrexa, os domingos, escoitar a homilía de Alexandre Gwerder…galegos vellos que tiñan os cartos acochados nos zapatos, botes de cociña, en libros vellos e ata no cortello, galegos sen expedientes médicos, e herba luisa. Andrés Leiro e Manuel Eiras, galegos en Madrid, enfermos de morriña, non o podo evitar, dixo. Cada vez qeu vexo unha matrícula, ou, sentado nun banco do parque, escoito unha conversa, e Aurora, galega en Miami, unfa fuxida inútil dun mundo rural enchoupado nunha violencia cruelmente cotiá contra nenas e mulleres que hoxe chamariamos estructural, escuros tempos de silencio e brutalidade que convidan a alonxarse de tópicos e pantasmas que como moito só servirían para argallar tremendismos literarios insospeitadamente persistentes. Unha boa novela que me deixou con mal corpo, a insoportable levidade do ser galego….xa me entendedes!

«Sobre rodas» nos Premios Xerais 2009

Xuño 8, 2009

O apartado musical dos Premios Xerais 2009 correu a cargo do dúo de Zanfonistas «Sobre rodas», formado por Luís Correa «O Caruncho» e Carlos do Viso. Na cerimonia de entrega tocaron catro pezas, primeiro o «Alalá de Muxía» e a «Foliada de Baiona», e, despois, «O home do sombreiro» e «As matas». Agradecemos a Curioso Impertinente as gravacións que fixo deste apartado musical, tanto na cerimonia como no regreso a porto.

Os Premios Xerais 2009 nos blogs

Xuño 8, 2009

Son moi numerosas as crónicas, anotacións ou fotografías publicadas nos blogs e nos perfís de Facebook sobre o serán dos Premios Xerais 2009. A todos os blogueiros e blogueiras agradecemos o seu agarimo. Neste espazo actualizaremos todas as que vaiamos localizando na rede:

Imagen052[Imaxe de Arume dos piñeiros]

  • Crónica de San Simón“, Ferradura en tránsito (Xosé Manuel Eyré): “En San Simón foi a Festa da Literatura Galega de Xerais. Un dos acontecementos do ano.”
  • Viaxe á illa“, Arume dos piñeiros (Manuel Candelas Colodrón): “peirao de san adrián de cobres, lámina gris sobre mar de vigo, estribor e vellos risos, magnolios e arcolitos, arrecendo a buxo húmido, ponte e fotos de amanda, lápidas non lidas do cemeterio, estampa de lique e algas, capela de sansimón senmáns, voces ao lonxe, zanfonas, cálido agustín, jacobo en aniversario, rosa duplicada, bragado celta e ebooks para findeano, zanfonas…”
  • O serán de Agustín“, Brétemas (Manuel Bragado): O de onte en San Simón foi un serán memorable. O incrible dobrete de Rosa Aneiros e as senllas intervencións para agradecer cada un dos premios, a atrevida novela infantil de Jacobo Serrano, as intervencións dos membros dos tres xurados, a elección do agasallo para os participantes, a merenda saborosa que nos preparou Fita, a presentación da velada e a organización perfecta de Celia, as zanfonas de Sobre rodas, a retransmisión por Blogaliza.tv, as travesías delicadas de Ángel, o agarimo dos trescentos amigos e amigas foron algunhas das cousas bonitas dun serán no que ata a chuvia nos deu unha tregua sobre a ría durante seis horas. Con todo, o de onte foi o serán de Agustín que arrollou cun discurso extraordinario. Un aplauso longo, longuísimo (nunca tal vira nun acto literario) de trescentas persoas en pé agradeceron esas palabras firmes e luminosas.
  • Oito doas para San Simón“, Días estranhos (Martin Pawley): Agustín Fernández Paz no seu discurso como mantedor literario dos Premios Xerais 2009. E claro, claro que ao escoitalo aplaudimos postos en pé. Se non nos poñemos en pé por Agustín, por quen o habemos de facer?
  • A illa dos premios“, O Furancho de Lavesedo: “Todo tivo a enerxía silente que a illa lles doa xenerosa cada ano aos premios. Foi bonito. Pero apesar de todo, quedoume un aquel de tristura. Vai ti saber por que.”
  • A illa da creatividade é a dos Premios Xerais“, O levantador de minas (Alfredo Ferreiro): “Tanto hai para que lles conte sobre os Premios Xerais 2009 que hoxe non souben por onde comezar. O día ameazaba con nunca titar a capa cincenta con que nos abrigaba e a tarde con non permitirnos entre estatuas, balaustradas e coidados xardíns. Aínda ben que a ría non admite ondas feroces, cheguei a pensar antes de subir á modesta embarcación que me transportaría á illa de San Simón. Mais a tarde deu para todo, sendo ese todo moito máis do que cabía esperar. Trescentas persoas embarcaron rumbo á illa para asistiren aos Premios Xerais nun barquiño xeneroso que houbo de facer tres viaxes até que todos arribaron a esa terra testemuña de amores, traballos, enfermidades, torturas e arte. Xa en terra, as faces en pedra de Mendinho, Joám de Cangas e Martim Códax auguraban un evento caracterizado polo compromiso incorruptíbel coa arte escrita.”
  • Xeniais Xerais!“, Ana Bande: “Encantado de coñecerte en persoa, vaia, Miriño, que Curioso e Impertinente, que gustazo vérmonos, teño pendiente entregarche un premio, si o disco de Abuña Jazz, bico neno, ola Montserrat, ten graza a cousa, levabamos unha chea de tempo coincidindo por aí, eu xa dicía, pero ¿porque cada vez que me paro con M., o meu home saúda sempre á sua compañeira?…”
  • Xentes,letras e músicas“, Curioso impertinente: Pola tarde collemos o barco ás seis menos cuarto para ir á illa de San Simón. Paseo pola illa, coa ponte de Rande ao fondo, e entrega dos premios Xerais 2009.
  • A min tamén me tocou o Xerais“, A profa (Pilar Ponte): “Non, non estou tola, este ano a min tamén me tocou o Xerais.
  • Agarimosa Xerais“, Serendipia: Grazas, Xerais, pola doce acollida.
  • Premios Xerais, defensa do idioma e Rosa Aneiros“, O enigma de Albixoi (Pablo Mato), inclúe vídeos: “A xeira do sábado 6 de xuño foi un día de grandes contrastes. Por un lado, un tempo case invernal puxo en perigo o que tería que ser unha festa. Por outro, as polémicas decisións que vén tomando o goberno popular contra o galego durante toda a lexislatura.”
  • Inesquecible Xerais“, Albademadrugada:”A Rosa, Rosiña como a nena do conto; o fermosísimo conto que tivemos a sorte de saborear antes que ninguén, a outra tarde n’Ocity.
  • Acumúlanse os posts que nunca escribirei“, Emerecindo: “As semanas de lecturas, o Limiar da Conciencia, as pombas e os morcegos, a media ducia cumprida de historias entretidas, as dúas tardes de intenso (e enriquecedor) debate, a volta á illa, os pinchos, o lercheo, os risos, as oito doas para San Simón, a sorpresa a emoción e a frustración de saberme perseguida por aquelas palabras roubadas a Rodari que apareceron no primeiro libro que metín no bolso despois das lecturas forzosas e que, vintecatro horas máis tarde, estalaron de novo diante de min con toda a forza do discurso de Agustín.”

Os Premios Xerais 2009 poderán ser seguidos por Internet

Xuño 4, 2009

A cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2009, que se celebrará o vindeiro sábado 6 de xuño, a partir das 19:00 horas, na illa de San Simón poderá ser seguida en directo por Internet dende a páxina de Blogaliza tv. Xerais agradece a colaboración de Blogaliza para poñer en marcha por vez primeira nun acto literario galego unha iniciativa semellante.

Para seguir a retransmisión Blogaliza dispuxo dunha páxina de axuda.

A partir do domingo no blog de Xerais e no seu perfil de Facebook publicaranse unha selección das gravacións da cerimonia.

«Peaxes» recomendada por Trafegando ronseis

Xuño 2, 2009

Trafegando ronseis publica unha anotación recomendando a lectura de Peaxes, a novela de Santiago Lopo.

Capa_PeaxesNon me disgustou nada este libro de Santiago Lopo, Peaxes, que desenvolve unha idea na que supoño tod@s temos cavilado nalgún momento cando pagamos na autoestrada, aínda que cae nalgúns tópicos (topiquísimos) e se deixa levar polas boas intencións con algúns trazos de denuncia que non chegan a medrar; aínda así, unha novela curta de fácil lectura e trato agradable que sintoniza cun día a día dun traballador da peaxe que prefire non tolear dentro do seu cubículo maxinando a vida daqueles e daquelas que pola súa ventá pasan cada día. Curiosa resulta a maneira de introdución de cada novo capítulo cun anaco tirado de cancións que supostamente as personaxes escoitan nos seus coches e das que se nos dará ao final do libro unha perfecta relación, pero que case podemos escoitar nós tamén -de coñecérmolas- coa lectura; unha música diferente segundo sexa quen conduce o coche: unha información decisiva sobre as súas personalidades. Quizais o peor sexa o final: un final marabilloso case de conto de Disney. Pero unha lectura agradable para unha hora de descanso antes de coller a estrada.

Mar Guerra no CEIP Montemogos

Xuño 2, 2009

20090602125016-img-3147-rRecollemos a anotación publicado no blog do CEIP Montemogos sobre a presenza no centro da escritora Mar Guerra para presentar o seu Xenaro e o misterio da mochila verde, obra gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008. Ao longo dos últimos meses Mar Guerra participou en moitos actos semellantes en diferentes centros escolares e bibliotecas.

Sete mais un

Maio 13, 2009

712 copiaOs sete alumnos de 3ºPDC do IES Chano Piñeiro de Forcareie o seu profesor de Ámbito Socio-Lingüístico son os autores de Sete mais un, un blog onde a lectura en galego (e moitos libros editados pola editorial) teñen unha importante presenza. Agradecemos que se puxeran en contacto con nós pra facérnolo saber, ao tempo que expresamos os nosos parabéns por tan magnífico traballo.

«Pirata»

Abril 27, 2009

Pirata é o título da terceira novela de María Reimóndez que aparecerá nas librarías o vindeiro mes de maio. Dende onte, a autora abriu un blog da novela. Boa travesía!