Posts Tagged ‘para_seguir_bailando’

As nosas novidades en “Libro Aberto” na TVG

Maio 20, 2009

Hoxe no programa Libro Aberto da TVG, que se emite hoxe ás 0:45 horas e que tamén se poderá ver  na G-2 (TDT) o luns 25 ás 23:30 horas, inclúese contidos referidas aos recentes lanzamentos de Xerais.

XG00152001Ao comezo do programa, que se gravou nas instalacións da Fundación 10 de marozo, entrevístase a  Xosé Fernández Ferreiro, con motivo da aparición da súa décimo sexta novela, Tempo de centeo.

Despois abórdanse as etapas dun proceso de edición con motivo da publicación de Do orixinal ao libro. Manual de edición, obra de Juan L. Blanco Valdés que analiza este proceso e fixa, por primeira vez en galego, os termos propios da edición técnica.

Despois, o condutor do programa falará co escritor Xosé Francisco Fernández Naval, sobre o seu último libro Para Seguir Bailando, un conxunto de dez relatos nos que aborda temas como o abandono do medio rural, a corrupción, a memoria ou o abuso exercido sobre a muller.

XG00152501Por último, na sección de crítica, Isabel Soto analizará a obra Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral. Neste libro xuvenil aparece, como noutras obras da escritora mindoniense, o espazo imaxinario e simbólico de Brétema.

“Para seguir bailando”, presentación na Coruña

Maio 13, 2009

Capa NarrativaMañá, 14 de maio, ás 20:15 horas nas instalacións da Asociación Cultural Portas Ártabras (rúa Sinagoga, 22 baixo) na Cidade Vella da Coruña, presentarase o libro de rlatos de F.X. Fernández Naval, Para seguir bailando. No acto acompañarán ao autor, Tucho Calvo e Manuel Bragado.

«Para seguir bailando», crítica en «Faro da Cultura»

Maio 7, 2009

Capa NarrativaFV-2009/05/07Francisco Martínez Bouzas publica no “Faro da Cultura” de hoxe o que constitúe a cuarta crítica de Para seguir bailando, o libro de relatos de F.X. Fernández Naval. Bouzas salienta que nestes dez relatos “o lector poderá detectar sen demasiados esforzos o ADN privativo de Fernández Naval como narrador”. Un libro que constitúe “unha persistente e témera pescuda da esencia da vida, do tempo vivido, reflectidos cos galanos dunha escrita cumprida e madura”.

“Para seguir bailando”, crítica en “lg3”

Maio 5, 2009

Anxos García Fonte publica en lg3 unha crítica de Para seguir bailando, o libro de relatos de F.X. Fernández Naval.  Un texto, do que recollemos o seu derradeiro parágrafo, que recibe ao libro con auténtico entusiasmo:

Capa NarrativaPara seguir bailando é un libro que se alimenta de temas moi presentes na actualidade do mundo que nos tocou vivir –a violencia machista, os abusos a menores, o abandono do mundo rural, a memoria histórica, a corrupción política, o fracaso dos movementos de liberación políticos nas sociedades posmodernas ou a internacionalización da cultura galega– no que o autor dá boa mostra da súa habilidade narrativa a través da multiplicidade de recursos utilizados e dunha pulcritude formal e lingüística digna de resaltar, precisamente por ser un aspecto frecuentemente descoidado en moitas edicións recentes. En definitiva, actualidade temática que convida á reflexión, habelencia narrativa e exquisito coidado da lingua literaria fan destes relatos unha proposta moi recomendábel para todos os públicos.

«Para seguir bailando», primeira crítica

Maio 2, 2009

Leo F. Campos publica en «Nós» suplemento de Xornal de Galicia o que constitúe a primeira crítica de Para seguir bailando, o libro de relatos de F.X. Fernández Naval.Recollemos un parágrafo dun texto que recibe de forma entusiasta o libro:

Capa NarrativaChama a atención a redondez e simetría na disposición dos relatos que conforman Para seguir bailando (Xerais, 2009). Estamos diante dun libro compacto, interpretable como un todo narrativo, se non por razóns argumentais, si en virtude da estrutura que revela a disposición das súas pezas. Temos dous eixos espazo-temporais homónimos, “Contemporáneos I” e “II”, situados a dous contos do principio e a dous do final respectivamente, sobre os que pivota toda a obra. Entrambos falan da dialéctica urbano-rural dende puntos de vista complementarios. Antes, “Noite de pallabarro” e “Noite de cloroformo” encetan a obra dende os dominios da infancia e a primeira mocidade. O núcleo duro constitúeno os dous relatos que tratan a política actual dende ópticas outra volta complementarias: a resistencia armada (“O escriba e o comandante”) e a Administración do poder (“Ovos de serpe”). O núcleo brando constitúeno “A vida secreta de L.” e “A noite de Ith”, que pescudan, en contraste cos dous anteriores, no ámbito do privado, no primeiro dende dentro dos protagonistas e no segundo dende fóra. O colofón lévanos até Bos Aires e a idade madura con “Margot, a noite e un adeus” e “Para seguir bailando”.

«Para seguir bailando», presentación en Ourense

Abril 29, 2009

Capa NarrativaPara seguir bailando, o libro de relatos de X.F. Fernández Naval, será presentado mañá 30 de abril, ás 20:15 horas no Liceo de Ourense. No acto acompañarán ao autor Ánxeles Cuñas e Xavier Paz.

Francisco X. Fernández Naval: entrevista en La Voz

Abril 17, 2009

Francisco X. Fernández Naval, autor de Para seguir bailando, é entrevistado por Camilo Franco en La Voz de Galicia. Recollemos un fragmento desta entrevista:

fernandez_naval-Os relatos que compoñen o libro ofrecen, en conxunto, unha lectura algo desacougante da realidade. ¿Foi buscada de partida ou é unha circunstancia inevitable?

-Os primeiros relatos que escribo e que forman parte del, Noite de pallabarro e A noite de Ith, non tiñan aínda unha pretensión concreta, unha concepción de conxunto. Pero cando escribo Noite de cloroformo e Ovos de serpe, si me dou conta de que podo construír un libro no que ofreza esa perspectiva, que, por outra banda, non é máis que a realidade que vivimos. Para min que é un libro que olla arredor e que repara no que se agocha nos recunchos da sociedade e iso non é acougante. Velaí están a corrupción, o abuso de menores, a violencia de xénero, a fin dunha cultura e o abandono do rural, todo iso está á nosa beira e é desacougante, aínda que ás veces prefiramos non reparar nas cousas. Nese senso quizais sexa algo inevitable pero procurado.

-¿No ton do conxunto dos relatos hai unha intención máis testemuñal que reivindicativa?

-Digamos que a reivindicación vai implícita. A intención é contar a vida e si é certo que hai moito de testemuña. Xa dende o primeiro relato, no que se narra a descuberta por un grupo de adolescentes da violencia criminal da guerra coma un xogo, ata o último no que o azar ten un papel determinante, a intención testemuñal é real. Sucede que cruzado un determinado limiar de idade, un olla para atrás e comproba que hai moita literatura no que levamos vivido, que a literatura, dalgún xeito, podemos ser nós mesmos. Non é só xa a certeza de sempre de que emprestamos cousas nosas ao que escribimos, senón que nós podemos ser o que escribimos e iso sen que todo o que se conta no libro sexa real, pero si hai sempre, como na vida, un territorio difuso entre o real e o imaxinario, un golpe de azar ou de fantasía que fai máis real o real.

«Para seguir bailando», adianto da crítica de Eyré

Abril 6, 2009

Xosé Manuel Eyré adianta no seu blog a crítica que enviou A Nosa Terra de Para seguir bailando, o libro de F.X. Fernández Naval. Reproducimos o texto:

Capa NarrativaEstá xa na rúa a nova achega de Francisco X. Fernández Naval, que neste caso escolleu o formato da narrativa breve. Os dez traballos de que consta este título deixan ben claro o dinamismo deste formato narrativo, ou, o que é dicir o mesmo, patentizan a ansia de liberdade das ataduras xenéricas por parte do autor. Se o conto se entende como o despregamento dunha estrutura pechada na cal o narrador sabe, cando inicia a narración, como vai ser o seu remate (fronte ao relato, no cal as fronteiras, tanto de inicio como de peche, se manteñen abertas), aquí o autor demostra un absoluto dominio da historia contada mais deixa a porta aberta para que o lector non o interprete así senón como un fragmento de realidade. Algo así como o os elos dunha cadea. Cada un deles representa é unha estrutura autónoma e pechada, mais todos forman parte dunha macroestrutura con sentido propio. Mesmo non sería raro pensar que Para seguir bailando é unha novela, unha novela fragmentaria sobre o noso tempo. Pois a sucesión de elos, ou fragmentos ou relatos, tamén convida a esta a esta perspectiva, sobre todo porque a sociedade retratada nos contos-elo-fragmentos sempre é mesma. A vontade experimentalista está presente en todos os relatos e nunca se abandona, notándose máis nuns relatos ca noutros e sobre todo a medida que se vai lendo, porén non é ese afán o que guía ao autor, porque a finalidade primordial para o autor é retratar a sociedade, unha sociedade en certa maneira intemporal mais que podemos moi doadamente identificar coa actual, sabendo que o termo actual designa un momento da historia con fronteiras abertas tamén, vivímolo, xa comezou e non sabemos cando realmente vai botar o fecho.
…………………….

Como libro de relatos que é, a variedade é unha das súas características. Inclusive en canto á calidade da redacción, na que por veces se observan deficiencias, pouco coidado. E tamén como libro de relatos que é, ofrece dúas posibilidades lectoras: a de cada relato en si, lectura illada, e a de todos os relatos en conexión. Ningunha é mala, nunca unha lectura é mala, mais a primeira resulta deficiente, empobrecedora, e só a segunda se pode dicir que sacia todas as sedes, máis ben inicia ese proceso que, igual que no coñecemento de calquera de nós, nunca remata.

F.X. Fernández Naval no «Diario Cultural»

Marzo 21, 2009

fernandez-naval-300x229F.X. Fernández Naval, autor de Para seguir bailando, foi entrevistado onte no Diario Cultural da Radio Galega. Aquí pódese escoitar a entrevista.

«Para seguir bailando», F.X.Fernández Naval

Marzo 6, 2009

Fernández Naval regresa ao catálogo de Xerais con Para seguir bailando, un magnífico libro de dez contos. Para seguir bailando chegará ás librarías a vindeira semana.

Capa NarrativaDez magníficos relatos constitúen este novo libro de Francisco X. Fernández Naval, que abre con “Noite de pallabarro”, a descuberta adolescente dunha realidade calada, silenciada, que alentaba e confundía un tempo sen memoria histórica; e que pecha con “Para seguir bailando”, un relato que amosa a condición fantástica do cotián nun xogo de múltiples caras, coma o espello de Rafael Dieste, como o reflectir dos cristais do espello. Entre medias, hai oito relatos que fixan os temas das obsesións persoais do autor: o abandono do medio rural, a inxustiza e a corrupción, o abuso exercido sobre a muller e o seu dereito a decidir sobre a súa vida e o seu corpo, o asombroso territorio da sombra ou a reflexión sobre a violencia. Algúns conectan directamente con obras anteriores de Naval pero, en definitiva, o que amosa este libro é a dimensión do ser humano que protagoniza unha existencia normal na que, ás veces, interfire o fantástico ou o azaroso, e sempre, por riba de calquera outra consideración, a certeza de que debemos seguir bailando neste xogo da vida que é, en definitiva, o máis firme valor que posuímos.

Foto cuberta: Maribel Longueira.

Xerais, novidades de marzo

Febreiro 25, 2009

Capa NarrativaNo vindeiro mes de marzo Xerais publicara unha ducia de novidades.

No eido da edición literaria, na colección Xerais Narrativa aparecerán a novela Peaxes de Santiago Lopo e o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco X. Fenrández Naval.

En Xerais Crónica publicaranse as Conversas con Celso Emilio Ferreiro preparadas por Ramón Nicolás Rodríguez.

Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.

En Xerais Manuais aparecerá Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddNesta entrada editorial da nova primavera particular importancia terá a edición infantil na que se publicará, dentro da colección Xerais Merlín  O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro libro infantil de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao.

Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de chuvia de Ánxela Gracián, ilustrado por David Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás;  Dona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante en Vilapedra, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.

Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido; e na de materiais didácticos Lingua e Literatura Galegas. probas de Selectividade 2009.

Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

Xaneiro 10, 2009

O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau,  A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.  Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado  o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición  infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela  Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección,  tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.

(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.

Xerais Narrativa, adianto de novidades 2009

Xaneiro 2, 2009

xg00152101Ademais da novela de François Bégaudeau, A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico.

No mes de marzo publicaremos outras tres novidades na colección Xerais Narrativa: o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009,

A seguinte entrega do ano 2009 será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.

Completarase a oferta narrativa do primeiro semestre coas novas entregas de Suso de Toro e Rosa Aneiros.