Posts Tagged ‘reimóndez’

«O club da calceta», funcións na campaña «Voces á orella»

Setembro 24, 2008

Xa está ultimado o calendario das oito representacións d’ O club da calceta, a adaptación da novela homónima de María Reimóndez preparada por Teatro do Morcego, dentro da campaña de animación lingüística dirixida á mocidade «Voces á orella», organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e Edicións Xerais de Galicia.

En cada unha destas representacións de Teatro do Morcego, especialmente dirixidas ao alumnado de  Bacharelato, será entregado aos asistentes un exemplar da novela de María Reimóndez.

O CLUB DA CALCETA

Seis mulleres moi diferentes estre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, estas mulleres atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega ou minusvalora. Desde a intriga á hilaridade, emerxe unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina. Inspiradas na figura liberadora da tía Davinia, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facéndonos partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.

O club da calceta, Teatro do Morcego, ficha artística

Davinia: Estíbaliz Espinosa
Matilde: Susana Dans
Anxos: Laura Ponte
Rebeca: Maxo Barjas
Elvira: Elina Luaces
Nanda: Luisa Merelas
Luz: Inma António

Escenografía: Pastor
Vestiario: La Canalla
Iluminación: Octavio Mas
Música: Anxo Graña
Coreografía: Olga Cameselle

Dirección: Celso Parada
Axudante dirección: Mabel Rivera

“Lía e as zapatillas de deporte”, segunda crítica

Xuño 29, 2008

María Navarro publica no último número de Faro da cultura unha crítica de Lía e as zapatillas de deporte, o máis recente libro de María Reimóndez na colección Merlín.

«Lía e as zapatillas de deporte», primeira crítica

Xuño 5, 2008

Isabel Soto publica en Lg3 a primeira crítica de Lía e as zapatillas de deporte, o libro escrito por María Reimóndez, ilustrado por Ivan Sende. O texto, titulado “literatura como vehículo de compromiso”, bai precedido deste parágrafo:

“Unha novela que convida a reflexionar aos nenos e nenas sobre a súa responsabilidade en colaborar para facer un mundo máis xusto. Unha historia con indubidable utilidade para a formar seres humanos que fagan un mundo mellor, malia que ese fin conséguese cun sacrificio da cualidade narrativa do texto literario.”

“O club da calceta”

Abril 12, 2008

María Reimóndez presentou a pasada semana en Boloña, Roma, Milán e Padova a edición italiana d’ O club da calceta, novela editada por Xerais no 2006 e cuxa tradución se converteu en pouco tempo no título máis vendido da editorial Gran Vía Edizioni.

Coincidindo coa Feira do Libro Infantil e Xuvenil, María Reimóndez comezou a xeira de presentacións en Boloña, o día 1 de abril, nun acto que contou coa participación da xornalista italiana Giulia Gadaleta. O día seguinte, o café Papyrus de Roma acolleu unha dramatización de textos de tres das protagonistas da novela: Elvira, Rebeca e Nanda. Na capital italiana interviñeron tamén o tradutor e profesor de lingua e literatura galega da universidade La Sapienzza de Roma, Attilio Castellucci, e a lectora de galego da mesma universidade, Inma Otero Varela. Ademais, tanto en Roma como en Milán, a autora luguesa contou coa presenza de clubes de calceta locais. A súa viaxe rematou en Pádova o venres 4 de abril, nun acto no que, ademáis da autora e do traductor, participaron o profesor de filoloxía da universidade da Perugia Carlo Pulsoni e a lectora de galego da universidade de Pádova, Maria Cendau. Aproveitando a súa presenza en Italia, o grupo de estudo sobre literatura contemporánea da Universidade de Pádova ofreceulle ademais a María Reimóndez participar nunha compilación de relatos sobre as cidades europeas que se publicarán primeiro na rede e máis tarde en en formato libro.

A piques de sair a edición en castelán a cargo da Editorial Algaida, O club da calceta, novela editada por Xerais en 2006 vai pola tercera edición en galego. Ademais, a compañía Teatro do Morcego está de xira coa versión teatral polas salas das distintas cidades galegas e Antón Dobao prepara unha adaptación para televisión.

Merlíns para a primavera

Abril 11, 2008

Hoxe entraron no almacén catro novos títulos da colección Merlín:

Nas librarías a vindeira semana.

Finalistas no Premio San Clemente

Abril 8, 2008

Dúas das novelas de Xerais Narrativa publicadas o pasado ano foron declaradas finalistas da XVª edición do Premio Arcebispo Juan de San Clemente: Cardume de Rexina Vega, na categoría de mellor novela galega, e Terrorista de John Updike, na de novela estranxeira. Un xurado de lectores, formado por alumnos e alumnas de bacharelato de cinco centros de toda Galicia, valorará as obras finalistas. Na pasada edición deste mesmo premio a obra galega gañadora foi O club da calceta de María Reimóndez.