Recollemos a anotación publicado no blog do CEIP Montemogos sobre a presenza no centro da escritora Mar Guerra para presentar o seu Xenaro e o misterio da mochila verde, obra gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008. Ao longo dos últimos meses Mar Guerra participou en moitos actos semellantes en diferentes centros escolares e bibliotecas.
Posts Tagged ‘xenaro_e_o_misterio_da_mochila_verde’
Mar Guerra no CEIP Montemogos
Xuño 2, 2009Mar Guerra asina na Feira do Libro de Santiago
Maio 1, 2009Mar Guerra asinará exemplares de Xenaro ou o misterio da mochila verde na Feira do Libro de Santiago o sábado, 2 de maio, ás 18:30 horas.
Xerais na Feira do Libro de Santiago
Abril 28, 2009Xerais preparou un completo programa de actividades de animación para a Feira do Libro de Santiago que se inaugurará o vindeiro venres, 1 de maio.
Venres, 1 de maio
13.00 Pregón inaugural a cargo de Teresa Moure.
19.00 O escritor Santiago Jaureguizar, asinará exemplares do seu libro O Globo de Shakespeare (Premio Terra de Melide, 2008)Sábado, 2 de maio
18.30 A escritora Mar Guerra asinará exemplares do seu libro Xenaro e o misterio da mochila verde, gañador do Premio Merlín 2008.Domingo, 3 de maio
18.00 Contacontos arredor do libro O arco da vella, da escritora Charo Pita, publicado na colección Merliño.
19.00 O escritor Daniel Ameixeiro presenta: Ramón Piñeiro. Os días ocultos. Participan Manuel Bragado e o autor. Ao remate da presentación, o autor asinará exemplares do seu libro.Luns, 4 de maio
19.00 O escritor e xornalista Manuel Rivas ofrecerá un recital poético. Ao remate asinará exemplares de O sombreiro Chichiriteiro, A corpo aberto e do resto da súa obra.Martes, 5 de maio
18.00 A escritora Iolanda Eiras presenta o seu libro Baldras o xigante, publicado na colección Merliño. No acto, actuará o coro A Ferradura, do CEIP Pío XII de Santiago de Compostela e unha sección da Banda Artística de Merza. Ao remate do acto, a escritora asinará exemplares do seu libro.
19.00 A escritora Teresa Moure asinará exemplares do seu libro O natural é político.Mércores, 6 de maio
20.00 O escritor Xabier P. DoCampo (gañador do Premio Irmandade do Libro 2008 da Federación de Libreiros de Galicia) e o ilustrador Xosé Cobas asinarán exemplares do Libro das viaxes imaxinarias.
«Xenaro e o misterio da mochila verde» en «Culturas»
Decembro 29, 2008Ramón Nicolás publicou o pasado 13 de decembro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008.
«A chispa de Xenaro», crítica en «lg3»
Decembro 21, 2008Isabel Soto publica no espazo de crítica de lg3 un traballo sobre Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra gañadora do premio Merlín 2008. Entrecollemos algúns parágrafo dun texto titulado «A chispa de Xenaro»:
Un dos principais acertos do relato é precisamente o deseño do personaxe que lle dá nome, pois tanto a súa voz en primeira persoa coma o ton que emprega e a súa maneira de interpretar o mundo espertan o sorriso.
En conxunto, Xenaro e o misterio da mochila verde recrea, con humor e desenfado, un universo cotián e doadamente recoñecible para os lectores e lectoras ao que vai destinado –escola, aula, relacións entre compañeiros, grupo de amigos, contexto familiar, afeccións persoais…–, mais non por iso exento de acontecementos que levan a descubertas inesperadas. A implicación dos lectores e lectoras que se acheguen a estas páxinas procúrase con constantes apelacións que, a miúdo, buscan a súa complicidade, con capítulos de curta extensión e cunha galería de personaxes que combinan trazos tópicos e outros xa non tanto, sempre dende a ollada amable do cronista da aventura, que ben podería repetir noutra entrega.
Xerais no Culturgal, actos do sábado e domingo
Decembro 5, 2008Xerais está presente en Culturgal no estand nº 45. Durante o sábado, 6, e o domingo 7 de decembro, organizamos as seguintes actividades:
- Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)
- Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez
e As mellores intencións de Begoña Paz.
- Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.
Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado
- Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).
«Xenaro e o misterio da mochila verde» recomendado no «Bule Bule»
Decembro 3, 2008Alba Piñeiro recomenda nas páxinas do suplemento «Bule Bule» d’ A Nosa Terra desta semana Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra premiada co Merlín de literatura infantil deste ano. Reproducimos tan interesante recomendación:
A xornalista Mar Guerra vén de gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2008 coa súa novela, Xenaro e o misterio da mochila verde. Cuxa definición por parte do xurado coma «un thriller psicolóxico» é de todo atinada. Trátase dunha historia actual que se desenvolve entre rapaces preadolescentes no colexio onde estudan e ao que acaba de chegar un novo alumno, que axiña esperta a curiosidade dos demais.
A concepción do libro, tanto na sua estrutura externa (vinte e tres capítulos) como na interna (argumento e perspectiva narradora a partir do protagonista), exerce unha atracción ao mozo lector ao sentirse identificado por unhas situacións, que lle son familiares, e estar contadas cunha linguaxe directa e chea de humor. Ao longo dos curtos pero intensos capítulos, Xenaro Conese Maiusculo e mais os seus amigos exercerán de detectives para descubrir o «misterio» agochado tras da gran mochila verde e o seu dono. Esta descuberta vai significar tamén un achado de coñecemento a nivel persoal, que lles permitirá entender as causas que levan a cometer certos actos e, sobre todo, a valorar o sentido da palabra amizade. As ilustracións realistas e vivas de Fernando Llorente están en sintonía co ton textual.
Xerais no Cultur.gal 2008
Novembro 26, 2008Nos vindeiros días, 4–5–6 e 7 de decembro, vai ter lugar en Palexco (Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña o Cultur.gal 2008 Feira Galega das Industrias Culturais.
Esta feira está dirixida tanto ao público xeral como profesional, polo que durante estes catro días Xerais, que estará presente no Stand nº 45, programou unha serie de actividades aos que vostede está convidado/a:
- Xoves, 4 ás 17,00 horas no stand de Xerais:
Roda de prensa de Un país a medio facer de Fran Alonso.
- Venres, 5 ás 12,30 horas na sala de prensa do Cultur.gal:
Roda de prensa de A corpo aberto de Manuel Rivas.
- Venres, 5 ás 18,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de Novas Minimaladas de Pinto & Chinto.
Participan: Pinto & Chinto e Manuel Bragado.
- Venres, 5 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
- Venres, 5 ás 19,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de O natural é político de Teresa Moure.
Participarán: Pilar García Negro, Manuel Bragado e a autora.
- Sábado, 6 ás 12,30 horas no espazo de presentacións:
Presentación de O Globo de Shakespeare de Jaureguizar
(Premio Terra de Melide, 2008)
Participarán: Óscar Sánchez, Jaureguizar e Manuel Bragado.
- Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)
- Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez
e As mellores intencións de Begoña Paz.
- Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.
Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado
- Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).
«Xenaro e o misterio da mochila verde», presentación
Novembro 24, 2008O mércores, 26 de novembro, presentarase na Coruña Xenaro e o misterio da mochila verde, a obra de Mar Guerra gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008. O acto, que se celebrará na Libraría Arenas (Cantón Pequeno 25), a partir das 20:00 horas, contará coa participación de Laura Sáez, Manuel Bragado e a autora.
A Xenaro Conese Maiúsculo o que máis lle gusta é xogar coas palabras e ler. Tamén lle gustan os xogos de computador, o xadrez, os cómics, os documentais e a música…; porén, pode parecer un bicho raro porque tamén lle encanta facer de detective e resolver misterios dos que se producen no Universal, o seu colexio. Xirando arredor da amizade e os seus modelos e xogando coa linguaxe e o humor, esta novela de Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2008, ilustrada por Fernando Llorente, foi definida polo xurado como «un trhiller psicolóxico» que desenvolve unha historia cotián de rapaces e rapazas dun centro escolar. Unha viaxe fascinante ao mundo dos nenos e nenas de hoxe.