Posts Tagged ‘maría_reimóndez’
Setembro 24, 2009
Dolores Martínez Torres publica hoxe en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Pirata, a máis recente novela de María Reimóndez. Baixo o título de «Intimismo e aventura», Martínez Torres salienta que en Pirata se reinterpretan, cun discurso parello ao feminismo lésbico, as biografías de Anne Bonny e Mary Read, compoñentes da tripulación de Calico Jack, un dos piratas do século XVIII. A critica sinala, ademais, que a autora «resume na difícil viaxe de Mary e de todas as súas compañeiras, á procura dunha identidade propia, o conflito universal e atemporal que tortura a quen non responda ao papel que o grupo lle demanda en cuestión de sexo, xénero e orientación sexual». Concluíndo o seu texto lembrando que «nunca son imparciais as voces narradoras; moito menos nesta obra, onde o intimismo e a aventura actúan como vehículos para a ideoloxía, e que responde á intención manifesta de facer visibles outras realidades».
O texto completo pode consultarse en pdf no suplemento «Faro da Cultura» do Faro de Vigo de 24 de setembro de 2009.
Etiquetas:dolores_martínez_torres, faro_da_cultura, faro_de_vigo, maría_reimóndez, novela, pirata
Publicado en Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Setembro 21, 2009
O telefilme O club da calceta, dirixido por Antón Dobao e baseado na novela homónima de María Reimóndez, foi escollida para participar na categoría de Mellor Ficción Europea nos premios Prix Europa. Estes galardóns convócanse anualmente para seleccionar os mellores traballos audiovisuais do continente en televisión, radio e novos medios. Os nosos parabéns para Dobao e Reimóndez.
Etiquetas:antón_dobao, maría_reimóndez, o_club_da_calceta
Publicado en Cine, Narrativa, Noticias, Premios, Televisión | Leave a Comment »
Setembro 2, 2009
María Reimóndez, autora d’ O club da calceta e Pirata, entre outras novelas recentes, participará mañá xoves, 3 de setembro, nas veladas literarias organizadas baixo a denominación «Os xoves da rúa Tabernas». No acto, que comezará ás 17:00 horas nas instalacións da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, as actrices Elina Luaces e Laura Ponte interpretarán monólogos d´O club da calceta adaptados por Teatro do Morcego.
Etiquetas:a_coruña, casa_museo_emilia_pardo_bazán, elina_luaces, laura_ponte, maría_reimóndez, o_club_da_calceta, pirata
Publicado en Narrativa, Noticias, Presentacións | Leave a Comment »
Xullo 13, 2009
María Reimóndez é entrevistada hoxe en El País a raíz da aparición de Pirata, a súa máis recente novela. Reproducimos varios parágrafos dun texto moi interesante:
Ambientada en el siglo XVIII, su protagonista es una de las mujeres piratas más importantes de la época, Mary Read. Vestida de hombre y tras el nombre de Mark, Mary consigue encontrar su identidad como bucanero. Una búsqueda que, pese a todo, no llega a ser completa. En su historia todavía falta lo que dos de los otros personajes, Anne Bonney y Madame Ébano, le llegarán a aportar. Así, Reimóndez define su obra como “un viaje interior por la identidad”. Recuperando una idea de la ensayista norteamericana Judith Butler, Reimóndez explica que esta historia manifiesta como el género es algo que se construye por la percepción de los demás derivando, en algunos casos, “en una confusión de tu propia identidad”.
Al igual que Mark, Anne también es rescatada de la historia por María Reimóndez. Y lo hace de forma fiel, algo que la diferencia de otras obras ya publicadas en otros ámbitos literarios como el español. Para esto, reproduce fragmentos de lo que se habló en el juicio de Mark Read, presenta la trayectoria de los barcos que atacaron, muestra todo su recorrido vital conservado en los documentos históricos… Y es que a Reimóndez lo que más le gusta del proceso de escribir un libro es la creación de los personajes, porque “eso es lo que marca después el resto”.
Además, advierte que siempre necesita que exista algún desafío, algo que le haga el trabajo interesante. “No puedo escribir cosas que me son muy conocidas, por las que no me tengo que esforzar en crear, ni en recrear, ni en inventar”. Y muchas veces, para conseguir que todo esto funcione, es muy importante la fase de documentación. La autora de Pirata reconoce que invirtió mucho tiempo ojeando documentos históricos con el fin de conocer, por ejemplo, cómo se vivía en los barcos pirata o la relación que los tripulantes tenían entre ellos. “Para la creación de Madame Ébano, me dejé influenciar por textos del 1700 escritos por mujeres negras que hablaban sobre la esclavitud”.
Tal y como ocurre en la novela, Reimóndez considera que el sexismo presente en la literatura envía a las escritoras a los márgenes. “Una manera es diciendo que escribimos ‘literatura de mujeres’ consiguiendo, así, darle menos valor a lo que una escribe. Otra forma es a través de la crítica de nuestros libros, desde los insultos personales, hasta comentarios sobre tu aspecto físico, pasando por poner que es un libro que manifiesta el universo femenino”. Con sus libros como herramienta, la escritora lucense mantiene vivas las esperanzas. “Las escritoras no somos pasivas ante esta serie de cosas. Además, el hecho de hablar de los temas es ya una forma de luchar contra ellos”.
Confiada en que la presentación de su última obra puede ganar mucho en un lugar que tenga que ver con el tema más superficial de su libro, la editorial Xerais está gestionando la posibilidad de que Pirata desembarque en el Aquarium Finisterrae de A Coruña en octubre.
Etiquetas:el_pais_galicia, maría_reimóndez, novela, pirata
Publicado en Autores, Entrevistas, Narrativa, Xerais_nos_medios | 1 Comment »
Xullo 1, 2009
Tras a presentación de onte en Vigo de Pirata, a súa terceira novela, María Reimóndez é entrevistada por Faro de Vigo (só na edición impresa), Xornal de Galicia e Galicia hoxe.
En Xornal de Galicia, María Reimóndez insiste na idea de que Pirata “non é unha historia de piratas, senón un pretexto para falar doutras cousas. O que me interesaba dende o punto literario era subverter a literatura de aventuras, un xénero habitualmente masculinizado, polo que fixen algo que é en parte unha novela de piratas, e tamén unha novela histórica, pero ten moitas outras facetas”.
Na entrevista en Galicia hoxe, preparada por M. Dopico, Reimóndez presenta Pirata como a busca da propia identidade e todas as loitas que isto implica, encarnada en tres personaxes que se rebelan contra os patróns de comportamento establecidos. “O que máis me fascinou de toda a historia é o tema das identidades, que son fluctuantes, permeables, flexibles. A personaxe principal” -Mark Read- “manifesta como somos o que perciben de nós. É o que di Judith Butler sobre o xénero: que é unha representación. As personaxes demostran como é posible levar unha vida que non é a socialmente esperable segundo o teu xénero, clase social…”, salientou. Malia que a imaxe da portada poida levar a interpretar o contrario, Pirata non é un libro para nenos, nin un relato de aventuras, senón unha obra de personaxes, que a autora estrutura en partes: Azul, Vermello e Negro. “O azul do mar, o vermello do sangue, o negro das bandeiras piratas. Na primeira parte hai máis introspección, na segunda máis acción. O de aventuras é un xénero tipicamente masculino, entón hai un xogo cos libros de aventuras, pero para contar algo totalmente diferente. Para min foi moi divertido escribir esta novela”, asegurou María Reimóndez.
Etiquetas:faro_de_vigo, galicia_hoxe, m.dopico, maría_reimóndez, pirata, xornal_de_galicia
Publicado en Autores, Entrevistas, Narrativa, Xerais_nos_medios | 1 Comment »
Xuño 29, 2009
María Reimóndez presentará mañá, martes 30 de xuño, Pirata, a súa terceira novela. No acto, que terá lugar no salón noble do Club Náutico de Vigo, actuará o cantante Xabier Díaz.
Etiquetas:maría_reimóndez, pirata, vigo, xabier_díaz
Publicado en Narrativa, Noticias, Presentacións | 1 Comment »
Xuño 5, 2009
Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.
Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez. Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.
Na colección Xerais Crónica publicarase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero.
Na Biblioteca Dramática Galega, coeditada con AGADIC, publícase Pingueiras e tarteiras, peza de Teresa Gonzaléz Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil, ilustrada por Rodrigo Chao.
Na colección Fóra de Xogo aparecerá a novela Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita e o poemario Makinaria de Carlos Negro.
Na colección Sopa de Libros Andanzas de Xan Farrapeiro de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia, e Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, ilsutrado por Marina Seoane.
Na colección Xerais Universitaria publicarase O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez Gómez, libro que aparecerá coincidindo co cen aniversario do nacemento do poeta de Seivane o 12 de xuño de 1909; e Prostitución. clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.
Por último, publicarase o volume que recolle as obras gañadoras dos Premio 2008 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo e os Cadernos do Profesorado de Primaria e Secundaria para o vindeiro curso 2009/2010.
Etiquetas:novela, fernández_paz, ramón_caride, maría_reimóndez, premio_manuel_maría, carlos_reigosa, a_vida_do_outro, premio_torrente_ballester, xesús_alonso_montero, teresa_gonzález_costa, luís_rei_núñez, pirata, monte_louro, premio_blanco_amor, pingueiras_e_tarteiras, marina_seoane, lúa_do_senegal, andanzas_de_xan_farrapeiro, marisa_irimia, enrique_vázquez_pita, sansón_troleyro, makinaria, carlos_negro, rodrigo_chao, cartas_de_republicanos_galegos_condenados_a_morte, o_po_dos_días, aquilino_iglesia_alvariño, luciano_rodríguez_gómez, prostitución, águeda_gómez_suárez, silvia_pérez_freire, caderno_do_profesorado_de_educación_primaria, caderno_do_profesorado
Publicado en Fóra de Xogo, Narrativa, Xuvenil, Infantil, Noticias, Teatro, Sopa de Libros, Crónica, Poesía, Universitaria | Leave a Comment »
Maio 20, 2009
Hoxe, ás 20:30 horas preséntase no Teatro Jofre de Ferrol O club da calceta, a película de Antón Dobao baseada na novela homónima de María Reimóndez. Coincidindo con esta estrea, anunciamos a aparición nas librarías na primeira semana de xuño da terceira e agardada novela da narradora lucense, Pirata.
A Mark Read levoulle moito tempo atopar o seu lugar. Mais aquí está, na cuberta do Williams. Despois da guerra en Flandres, da súa infancia como criado, das súas aventuras na mariña mercante, á fin atopou a súa identidade como pirata. Mais se cadra a súa busca non está completa, se cadra aínda lle queda moito por contar. Na súa historia falta aínda a coraxe de Anne Bonney e as preguntas que nin sequera Madame Ébano foi capaz de contestar. Están todas aínda abertas no mar.
Pirata de María Reimóndez é unha novela que fala da busca da identidade, da loita atroz pola liberdade en tempos difíciles e da esperanza de poderse sentir no fogar, mesmo nos lugares máis insospeitados. No marco real do século XVIII as súas personaxes deixan no mar estelas que falan das múltiples posibilidades da vida.
María Reimóndez abriu recentemente un blog da novela, onde se abordarán algúns dos contidos desta novela de loita pola liberdade en tempos dífíciles. Nos próximos días publicaremos un adianto para descargar.
Etiquetas:antón_dobao, maría_reimóndez, novela, o_club_da_calceta, pirata
Publicado en Narrativa, Noticias, Presentacións | 3 Comments »
Marzo 25, 2009
A película O Club da calceta, adaptación cinematográfica dirixida por Antón Dobao da novela homónima de María Reimóndez, resultou vencedora do Festival Internacional de Cinema e Vídeo de Vila Nova de Famalicao (Famafest 2009). O xurado, que concedeu o galardon por unanimidade salientou da película galega «a profunda reflexión que ofrece sobre a condición feminina». Agardamos con interese a súa estrea por parte da TVG. Os nosos parabéns á autora da novela e o director da película.
Etiquetas:antón_dobao, famafest, maría_reimóndez, novela, o_club_da_calceta
Publicado en Cine, Narrativa, Noticias, Premios | Leave a Comment »
Marzo 18, 2009
Do magnífico blog Trafegando Ronseis recollemos o texto íntegro da intervención de María Reimóndez na recollida do Premio Arcebispo Juan de San Clemente que obtivo por O Club da calceta.
Din que o bater das ás dunha bolboreta pode afectar o clima. Hai movementos máis imperceptibles aínda que poden afectar un mundo enteiro. Eu vou falar de dous. O primeiro é un movemento moi pequeno que acontece tamén no ceo, no da boca. É un movemento que nos une, que nos fai persoas, que nos comunica e nos comparte, que lle dá sentido ao mundo e a quen somos, que nos dá raíces e ponlas coas que entrar no futuro. É un pequeno movemento que pode provocar treboadas marabillosas. Ese pequeno movemento é a lingua. A nosa. Sen ese pequeno movemento, sen esa pronuncia de os abertos e pechados, de xis, de tona, de gargallada, non habería catedral de Santiago, nin Obradoiro, nin Instituto Rosalía de Castro, nin Club da Calceta.
Semella unha obviedade, mais hai que recordala: sen lingua non hai literatura, nin ciencia, nin economía. E sen literatura non hai pensamento, nin mundos novos, nin liberdade nin rebeldía, nin posibilidades de resistencia. Unha literatura escríbese porque hai un pobo que a le, que a vive, que a reescribe. Vós sodes ese pobo lector, o sentido das nosas palabras. O feito de que sexa xente da vosa idade a que premia unha obra en galego cada ano é un motivo de esperanza.
E ese esperanza non fala só dun feixe de palabras, fala dunha maneira de entendernos como un pobo que resiste ao poder e á opresión. A nosa lingua non opreme, tanto ten as falacias que inventen e que retransmita a prensa imperialista, a nosa lingua sabe estar no mundo, ser en harmonía coa outra, en conexión con millóns de falantes de portugués, resistindo tamén a unha maneira de entender o mundo que pasa por enriba das cousas como unha apisoadora. Fronte a esa cultura imperialista, de erradicación do diferente, sexa por lingua, cor, orientación sexual, relixión, nós temos outras palabras que falan de acollida, de diversidade, de querer estar no mundo dándonos a man. Se hai algo no que crea firmemente na vida é que a relación con outras culturas, con outros pobos a través da cooperación e non da explotación pasa pola nosa lingua e pola nosa cultura propia. Só deste xeito pode unha comprender os problemas de opresión das demais, empatizar e establecer loitas conxuntas. Porque as ameazas son moitas, e precisamente nós témolas agora moi preto novamente. Agora que se achegan tempos moi escuros para Galicia, cómpre non esquecer ese pequeno movemento dentro das nosas bocas. Pensar a que sociedade queremos contribuír, se queremos derrubar, se queredes derrubar o edicifio, como dicía Castelao, máis importante do noso pobo ou, contra vento e marea, mantelo vivo, con agradecemento a quen falou antes de nós, co orgullo de termos unha identidade aberta, plural pero propia. Ese pequeno aletear da lingua na nosa boca é un exercicio de resistencia ao poder, á opresión, á mentira e á explotación que nos agarda.
E logo está ese outro movemento imperceptible, o do tocar dunha agulla con outra. O da calceta. O da sororidade das mulleres que nos imos enganchando como puntos dun xersei as unhas ás outras, invisibles tamén ao poder, construíndo vidas diferentes e cambiando con eses pequenos xestos a sociedade. Estes puntos vanse tecendo tamén no literario, abrindo portas a novas e non tan novas mozas que poidan ter a palabra que aínda nos custa tanto manter. Eses puntos levan aí toda a vida, agochados, como a calceta, no espazo do fogar, no espazo do privado, ese que parece non interesarlle a ninguén excepto ás mulleres. As mulleres que, para dicir agora outra obviedade, somos a metade da humanidade. Adoita parecer outra cousa, realmente, os nosos problemas, as nosas visións, a nosa palabra, fica sempre secundaria e menos importante. Por iso teño que agradecervos que unísedes a miña calceta á vosa con este premio, que non observásedes esta historia de seis, sete realmente, mulleres como unha historia marxinal senón, como acontece co que escriben os homes, unha historia sobre a vida, sobre o mundo, sen necesidade de máis apelativos. Ou se cadra só un, feminista. Porque o feminismo é o que me axuda a tecer, a entender, a buscar solucións con outras mulleres e algún home ao feito de que a metade da humanidade siga vivindo en condicións deplorables, ás veces cunha discriminación visible e outras con outra totalmente invisible. Desa, precisamente, quería falar o Club da Calceta, desa violencia que está na base das outras violencias, desas cousas pequenas. E tamén da forza que temos as persoas cando nos unimos. O feminismo é precisamente o mellor exemplo diso, porque se non fose por el, por ese movemento de cambio social sen parangón na historia da humanidade, que trascende razas, nacionalidades, idiomas, continentes, cores e clases sociais, hoxe vosoutras, mozas, non estariades no instituto. E eu tampouco podería falar dende este estrado sen perigo para a miña vida. Mais estes avances conseguidos a conta de moito esforzo non nos poden facer negar o evidente, que a igualdade entre homes e mulleres está moi lonxe de conseguirse. Abonda con ver como se reciben os nosos textos, como nos trata o sistema literario e como seguimos agardando comportamentos establecidos, sobre todo nas relacións persoais, por parte dos homes ou das mulleres. Das mulleres agárdase aínda a submisión, na palabra e no resto. Aprendemos a asumir todas estas cousas, o feminismo ensínanos a pensar, a desaprender. Porque o feminismo é non asumir a explotación, ningunha, como forma de relación humana, e utilizar a intelixencia, a análise e a acción para transformala. A literatura é unha desas accións, constrúe sociedade e polo tanto ten tamén esa responsabilidade, a de manter o mundo existente ou a de crear un mundo novo cunha ollada crítica, desentrañando os mecanismos que nos amordazan e pretenden limitarnos. Necesitamos unhas agullas, unhas chocando con outras, para facer un festivo tintinar que nos axude a calcetar outro mundo mellor do que temos, un mundo que nos ensine a ver a nosa responsabilidade nas cousas e a posibilidade que temos de cambiar cada día.
O mundo cámbiase precisamente nas cousas pequenas, en como nos tratamos, en que consumimos, en que idioma falamos, pero tamén nas cousas grandes, como estar hoxe aquí con todas e todos vós, agradecéndovos a vosa xenerosidade. Grazas e gardade ben quente a rebeldía das nosas palabras e das nosas romas agullas no ceo da boca e entre os dedos das mans.
Moitas grazas.
Etiquetas:maría_reimóndez, o_club_da_calceta, premio_san_clemente
Publicado en Autores, Narrativa, Premios | 2 Comments »
Marzo 11, 2009
Mañá, 12 de marzo, a partir das sete da tarde, María Reimóndez recibirá o XIII premio literario Juan de San Clemente na categoría de novela en lingua galega por O club da calceta. Este premio é outorgado por un xurado de lectores e lectoras, alumnos de 2º de Bacharelato de diversos institutos de Galicia. Os nosos parabéns para María Reimóndez que estes días corrixe probas de Pirata, a súa nova novela que aparecerá no vindeiro mes de marzo.
Etiquetas:maría_reimóndez, o_club_da_calceta, pirata, premio_juan_de_san_clemente
Publicado en Narrativa, Premios | 1 Comment »
Xaneiro 10, 2009
O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau, A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo. Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección, tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.
(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.
Etiquetas:agustín_agra, aldonza, alfonso_armada, a_clase, a_vida_do_outro, carlos_reigosa, eduardo_rolland, estíbaliz_espinosa, fernández_paz, ferrín, françois_begaudeau, francisco_fernandez_naval, goretti_sanmartín, jorge_llorca, manuel_rivas, maría_reimóndez, monbars_o_exterminador, nos_camiños_do entusiasmo, o_arrecendo_das_mimosas, o_salto_do_can, para_seguir_bailando, patricia_castelao, peaxes, ramon_nicolás, riofero, rosa_aneiros, santiago_lopo, suso_de_toro, tempo_de_centeo, teresa_gonzález_costa, xavier_teniente, xelis_de_toro, xosé_fernández_ferreiro, xosé_guillermo
Publicado en Noticias, Xerais_nos_medios | 1 Comment »
Novembro 10, 2008
María Reimóndez, a autora d’ O club da calceta acaba de abrir un blog sobre este libro, os libros e a vida. Velaí as intencións da autora na primeira anotación:
Aquí comeza a aventura á que durante tanto tempo me resistín. Mais os fíos do club da calceta chegan xa a tantos lugares que non quero deixar que escapen e que fiquen na escuridade. Así que aquí estamos para falar da vida dos libros en xeral e dun, O club da calceta, en particular; de literatura, puntos e, como non, calcetas. Son tantas as cousas que se foron tecendo dende que saíu o libro en 2006 que tentarei ir dando conta das pasadas e das presentes, das boas e das irritantes, para ver a calceta dende o lado de quen a tece. E así non deixar nunca de tecer.
Outras anotacións do blog fan referencia o calendario das funcións teatrais, incluídas na campaña de animación lingüística «Voces á orella» e a unha entrevista en Radio Sevilla con motivo da aparición da novela en castelán.
Etiquetas:maría_reimóndez, o_club_da_calceta
Publicado en Narrativa, Noticias | Leave a Comment »
Outubro 30, 2008
O martes, 4 de novembro, e o mércores, 5 de novembro, ás 11:30 horas, no Edificio Multiusos de Monforte, dentro campaña de animación lingüística «Voces á orella», organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e Edicións Xerais de Galicia, haberá dúas representacións do espectáculo «O Club da calcetaa» da compañía Teatro do Morcego. Esta peza teatral de unha hora de duración, dirixida á mocidade de catorce anos en diante, constitúe unha adaptación da novela homónima de María Reimóndez publicada por Xerais na súa colección «Narrativa».
Seis mulleres moi diferentes estre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, estas mulleres atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega ou minusvalora. Desde a intriga á hilaridade, emerxe unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina. Inspiradas na figura liberadora da tía Davinia, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facéndonos partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.
Etiquetas:maría_reimóndez, monforte, o_club_da_calceta, teatro_do_morcego
Publicado en Noticias, Teatro, Voces á orella | Leave a Comment »
Outubro 30, 2008
O vindeiro luns, 3 de novembro, comezan as actividades da campaña de animación lingüística dirixida á mocidade «Voces á orella», organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e Edicións Xerais de Galicia. Esta campaña, que se desenvolverá durante todo o mes de novembro, en máis de trinta bibliotecas, teatros, auditorios e centros culturais de localidades de toda Galicia, componse de tres espectáculos teatrais: «Remoldiño vai á feira» da compañía Casa Hamlet; «Os soños na gaiola» da compañía do Trinke Trinke e «O club da calceta» de Teatro do Morcego.
REMOLDIÑO VAI Á FEIRA
Espectáculo da compañía Casa Hamlet de vinte minutos de duración, dirixido a nenos e nenas de tres a oito anos, constitúe unha adaptación de Manuel Lourenzo do conto homónimo de Xoán R. Cuba, ilustrado por Óscar Villán e editado por Xerais dentro da súa colección «Merliño».
Remoldiño nunca fora a Monterroso na vida, e quería ver a feira máis famosa de Galicia. Para viaxar argallou unha artimaña: subiu nunha bota dun tratante da montaña. Na feira estaba agardando un vello amigo de seu, o caracol don Rolando, que nesa vila naceu.
Na obra, dirixida por Paulo Serantes, participan os actores Chus Álvarez e Antonio L. Rico.
OS SOÑOS NA GAIOLA
Espectáculo da Compañía do Trinke Trinke, dirixido a nenos e nenas de nove a catorce anos, constitúe unha homenaxe ao poeta Manuel María e ao cantautor Suso Vaamonde, que musicara os seus versos. Unha función na que, empregando a música e o xogo, se dan a coñecer parte dos poemas d’ Os soños na gaiola, libro senlleiro na lírica galega dedicada á infancia, publicado dentro da colección «Merlín» de Xerais.
Un velliño procedente do mundo rural pasa os últimos días da súa vida vivindo nun piso dunha filla, en calquera cidade galega. Un día recibe a visita da súa neta, que é unha moza á que non ve desde hai anos. A través de distintos obxectos que o vello conserva nun baúl, e a través das poesías de Manuel María, avó e neta van lembrar a non tan lonxana vida na aldea.
O CLUB DA CALCETA
Peza teatral de unha hora de duración, representada por Teatro do Morcego, dirixida á mocidade de catorce anos en diante, constitúe unha adaptación da novela homónima de María Reimóndez publicada por Xerais na súa colección «Narrativa».
Seis mulleres moi diferentes estre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, estas mulleres atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega ou minusvalora. Desde a intriga á hilaridade, emerxe unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina. Inspiradas na figura liberadora da tía Davinia, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facéndonos partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.
En cada unha das representacións das tres pezas será entregado a todos asistentes un exemplar do libro de Xerais no que está baseado o espectáculo.
Etiquetas:óscar_villán, casa_hamlet, manuel_maría, maría_reimóndez, os_soños_na_gaiola, o_club_da_calceta, remoldiño_vai_á_feira, suso_vaamonde, teatro_do_morcego, trinke_trinke, xoán_cuba
Publicado en Infantil, Teatro, Voces á orella | 2 Comments »