Posts Tagged ‘faro_da_cultura’

«Monte Louro»: obsesións e fuxidas

Setembro 24, 2009

XG00167401Laura Caveiro publica en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Monte Louro, a novela de Luís Rey Núñez gañadora do Premio Blanco Amor de novela 2009. Baixo o título de «Obsesións e fuxidas» e o subtítulo «Do paraíso perdido», Caveiro comeza sinalando que «dende a primeira frase da novela, sabemos que o protagonista de Monte Louro tivo varias identidades na súa vida: deste xeito, a través das súas páxinas viaxamos ao carón de Delio Landeira, dende Muros, cara a distintos destinos, e tamén cara ao interior das súas obsesións máis íntimas, como é a de prosperar. Imos coñecendo, aos poucos, a quen despois será chamado Artemio Losada, en Barcelona, e, finalmente, Iago Formoso, en Bos Aires». Contínúa Caveiro salientando o a «feitura de novela río» da obra, «con suave ritmo acompasado ao xurdir e desaparecer dos personaxes diante dos nosos ollos», ademais da «feitura de novela ponte entre Galicia e Arxentina». Conclúe o texto Caveiro insistindo na mestría do autor para amosar límpida «unha visión amada, a de Monte Louro. O paraíso perdido».

O texto completo da crítica pode consultarse en pdf no suplemento «Faro da Cultura» do Faro de Vigo de 24 de stembro de 2009.

«Pirata»: intimismo e aventura

Setembro 24, 2009

XG00156401Dolores Martínez Torres publica hoxe en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Pirata, a máis recente novela de María Reimóndez. Baixo o título de «Intimismo e aventura», Martínez Torres salienta que en Pirata se reinterpretan, cun discurso parello ao feminismo lésbico, as biografías de Anne Bonny e Mary Read, compoñentes da tripulación de Calico Jack, un dos piratas do século XVIII. A critica sinala, ademais, que a autora «resume na difícil viaxe de Mary e de todas as súas compañeiras, á procura dunha identidade propia, o conflito universal e atemporal que tortura a quen non responda ao papel que o grupo lle demanda en cuestión de sexo, xénero e orientación sexual». Concluíndo o seu texto lembrando que «nunca son imparciais as voces narradoras; moito menos nesta obra, onde o intimismo e a aventura actúan como vehículos para a ideoloxía, e que responde á intención manifesta de facer visibles outras realidades».

O texto completo pode consultarse en pdf no suplemento «Faro da Cultura» do Faro de Vigo de 24 de setembro de 2009.

“O sombreiro Chichiriteiro”, crítica no “Faro da Cultura”

Xuño 19, 2009

Paula Fernández publicou no Faro da Cultura de onte unha crítica d’ O sombreiro Chichiriteiro, o álbum escrito por Manuel Rivas e ilustrado por Patricia Castelao. Reproducimos o texto na súa totalidade.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddO sombreiro Chichiriteiro, a primeira obra infantil de Manuel Rivas, amosa o regreso do autor coruñés á literatura de ficción pois dende Os libros arden mal as súas publicacións centráranse no ensaio xornalístico. Pois ben, esta volta retorno resulta salientable ao atoparmos un conto infantil apaixonante cheo de fantasía e imaxinación no que ademais advertimos dous niveis de lectura moi diferenciados.

No primeiro destes niveis coñecemos a Simón, un rapaz un chisco apoucado que está a celebrar o día da festa na casa coa familia cando irrompe Chancho Colorao, un home fachendoso que viste un sombreiro con vida propia, o Sombreiro Chichiriteiro, que moi axiña sae da cabeza do seu dono para comezar unha viaxe na compaña do rapaz. Nesta viaxe ademais de comezar unha fermosa amizade, Simón descobre a excitante vida do sombreiro que agacha dentro de si o son da trompeta. Grazas a esta capacidade prodixiosa aprenderá Simón a tocar a trompeta imaxinaria e contaxiarase tamén el da felicidade que provoca en todo o mundo a compaña de tan singular sombreiro.

Mais paralelo a esta lectura máis superficial outro nivel, máis fondo e reflexivo, onde intuímos un cambio en Simón; quen ve medrar a súa autoestima, onde apreciamos defensa da lingua; nas palabras que queren cruzar o río se cadra procurando algo mellor igual ca as persoas que atravesan o estreito en pateras, e onde vemos tamén agromar unha amizade verdadeira entre seres moi diferentes. Unha dobre lectura que enche de significado o que en aparencia semellaría un conto infantil ao xeito usual, e á que quizais deberiamos engadir un terceiro nivel fóra do texto e do que este implica: un nivel plástico que, grazas á calidade de Patricia Castelao, unha das mellores ilustradoras galegas, ilustra a historia fomentando a parte máis máxica desta grazas á súa ensoñación provocadora, ao romanticismo do rostro de Simón e a un estilo moi característico e próximo á animación cinematográfica.

Un conto infantil onde se mesturan ingredientes imprescindibles que mostran o acertado deste achegamento de Manolo Rivas á literatura infantil, a verosimilitude do espazo e do personaxe de Simón á beira do extraordinario mais asombrosamente crible e real sombreiro e por suposto as aventuras da viaxe, que mergullan a quen le nun paseo axetreado e cheo de elementos marabillosos que non deixan indiferente a ninguén. Paula Fernández.

Ramón Nicolás entrevistado en “Faro da Cultura”

Maio 28, 2009

farodaculturaA publicación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro está recibindo unha grande atención dos medios. Hoxe Natalia Álvarez publica en “Faro da Cultura”  unha entrevista dunha páxina co seu autor, o crítico Ramón Nicolás.

“TSC. Diario da noite”, crítica en “Faro da Cultura”

Maio 28, 2009

farodaculturaLaura Caveiro publica hoxe en “Faro da Cultura” unha crítica de TSC.Diario da noite, o poemario de Alfonso Armada.

“Conversas con Celso Emilio Ferreiro”

Maio 21, 2009

FV-2009/05/21Xosé Feixó publica no Faro da Cultura unha crítica de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás, obra que se presenta hoxe, ás 20:00 horas, na Fundación Curros Enríquez de Celanova.

Javier Teniente, entrevista no “Faro da Cultura”

Maio 21, 2009

FV-2009/05/21Xavier Teniente, coautor xunto a Xosé Guillermo de Cabalos de ventos. Curros de pedra é entrevistado hoxe por Mar Mato no Faro da Cultura.

«Para seguir bailando», crítica en «Faro da Cultura»

Maio 7, 2009

Capa NarrativaFV-2009/05/07Francisco Martínez Bouzas publica no “Faro da Cultura” de hoxe o que constitúe a cuarta crítica de Para seguir bailando, o libro de relatos de F.X. Fernández Naval. Bouzas salienta que nestes dez relatos “o lector poderá detectar sen demasiados esforzos o ADN privativo de Fernández Naval como narrador”. Un libro que constitúe “unha persistente e témera pescuda da esencia da vida, do tempo vivido, reflectidos cos galanos dunha escrita cumprida e madura”.

«Peaxes», crítica en «Faro da Cultura»

Abril 30, 2009

Vi005c30Armando Requeixo publica hoxe en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Peaxes, a novela de Santiago Lopo. Requeixo salienta que esta novela curta «pode ser unha moi agaradable inmersión de lectura na realidade plural e non sospeitada de xentes do común».

[Premer sobre a imaxe para ler a crítica con maior comodidade.]

«O derradeiro irmán», primeira crítica

Abril 16, 2009

Vi001c16Dorinda Castro Soliño publica hoxe no «Faro da Cultura» a que cremos constitúe a primeira crítica aparecida sobre a tradución galega de Emma Lazare d’ O derradeiro irmán, a novela de Nathacha Appanah. Dorinda Castro salienta que esta novela constitúe «unha moi recomendable lectura para calquera público pola conmovedora historia que nos narra e pola linguaxe tenra, sinxela e poética coa que esta contada»; e remata definindo  O derradeiro irmán como «unha pequena historia xurdida das entrañas da Historia, con maiúsculas esa que non conta os dramas, as feridas, as cicatrices dos pobres da Terra».

«A clase», crítica no «Faro da Cultura»

Abril 2, 2009

a_clase_faroFrancisco Martínez Bouzas publica no «Faro da Cultura» de hoxe unha crítica d’ A clase, a novela de François Bégadeau, traducida para o galego por Xavier Senín e Isabel Soto. A publicación da crítica coincide coa chegada ás librarías da segunda edición da novela.

«Monbars o exterminador», crítica en «Faro da Cultura»

Abril 2, 2009

monbars_faroHéitor Mera publica no «Faro da Cultura» de hoxe unha crítica de Monbars o exterminador, a novela de Hixinio Puentes gañadora do máis recente premio Eixo Atlántico de novela galega e portuguesa.

«Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo»

Abril 2, 2009

pineiro_faroPilar Ponte publica no «Faro da Cultura» d ehoxe unha crítica de Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo, o ensaio de Xosé Ramón Rodríguez Polo.

«Riofero», crítica no «Faro da Cultura»

Marzo 26, 2009

rioferofaroFrancisco Martínez Bouzas publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica sobre a novela de Xelís de Toro Riofero.

«Quen matou a Inmaculada de Silva?», crítica no «Faro da Cultura»

Marzo 26, 2009

inmaculadafaroPilar Ponte publica no «Faro da Cultura» de hoxe unha crítica sobre a recente novela de Marina Mayoral Quen matou a Inmaculada de Silva?

«Nos camiños do entusiasmo», crítica no «Faro da Cultura»

Marzo 26, 2009

entusiasmofaroMarga Romero publica unha crítica no «Faro da Cultura» de hoxe sobre o ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo.

«O libro das viaxes imaxinarias», fantástico agasallo

Marzo 12, 2009

Paula Fernández publica no «Faro da Cultura» de hoxe unha crítica d’ O libro das viaxes imaxinarias escrito por Xabier P. DoCampo e ilustrado por Xosé Cobas. Reproducimos o texto:

librodasv1Fantástico agasallo

Como goza un lector cando atopa un agasallo tan delicioso como este traballado man a man entre Xabier P. DoCampo (Rábade, Lugo, 1946) e o ilustrador Xosé Cobas (Logrosa, Negreira, A Coruña, 1953), un tándem de autores xa coñecido por xenialidades como Bolboretas ou A casa da luz, pero que n’ O Libro das viaxes imaxinarias acada un nivel case que insuperable, que de feito lle valeu o recoñecemento inmediato ao ser considerado o mellor libro ilustrado do ano en 2008.

Son os cadernos dun Viaxeiro que chegan ás mans de quen o edita, quen respecta a literalidade do manuscrito atopado, e que reflicten unha viaxe vista como un regreso a Ítaca, entendida como regreso xa dende o comenzo mais tamén como un xeito de trasladarnos ao noso interior mentres percorremos cidades, camiños, montañas e ríos. Porque o libro recolle os dous cadernos de viaxe da autoría de X.B.R., o Viaxeiro, que se intercalan ordenadamente nas súas páxinas. Un deles describe os lugares visitados, empregando a lingua dunha maneira tan rigorosa que consegue recrear con todo detalle espazos fantásticos e marabillosos, e o outro contén os apuntamentos e debuxos realizados dende Arimoi e Aisia, lendas e pensamentos á beira das súas reflexións máis íntimas.

As cidades, todas coa letra A, e os seus habitantes representan medos, inseguridades,xeitos de pensar ou valores trasladables á sociedade actual malia estaren tinguidos dunha aureola misteriosa, en forma de fortificacións, sequedade ou seres insomnes. E por isto estas cidades son ao tempo espazo, motivo e protagonistas, cada unha coas súas características e acompañadas sempre dun ton melancólico, dun ritmo decadente que guía a quen le polas xornadas do personaxe.

Un agasallo fantástico, respectuoso coa lingua que mostra o amplo e verdadeiro coñecemento que desta ten quen escribe, do seu léxico, dos seus xiros, pero tamén unha obra cunha compoñente pictórica máis que notable, que enche con elementos mínimos máis de sesenta páxinas da obra, que homenaxea a Munch, pero que, sobre todo, visualiza todo o visto polo Viaxeiro sen perder a melancolía e o romanticismo que evocba o texto. Un texto que sen dúbida xa se converteu nun clásico e nun referente da literatura galega. Paula Fernández.

«Un país a medio facer», crítica en «Faro da Cultura»

Marzo 1, 2009

fran_faroPilar Ponte publica en «Faro da Cultura» unha interesante crítica sobre Un país a medio facer, o máis recente libro de Fran Alonso.

«A corpo aberto», critica en «Faro da Cultura»

Febreiro 22, 2009

Pilar Ponte publicou no «Faro da Cultura« de 19 de febreiro unha crítica sobre A corpo aberto, o máis recente libro de xornalismo literario de Manuel Rivas. Reproducimos o texto:

xg00161001A última obra de Manuel Rivas, A corpo aberto, é unha recompilación de artigos publicados no xornal El País e na revista Integral onde o autor expresa o seu xeito de ver o mundo dende un posicionamento «Indie», libre, crítico e militante. O escritor a corpo aberto, cédelles a propia voz a aqueles que desde a súa perspectiva defenden as causas xustas: o ecoloxismo, a memoria histórica, a liberdade, a visibilidade da muller, a honradez política ou o respecto á vida animal, entre outras.

A primeira parte está dedicada á análise da «España do Último Día», a da crispación da era Aznar. Aquí convertémonos en periferia, o centro é Madrid e atopamos os temas que nos poderia ofrecer calquera analista político do reino, pero peneirado pola visión literaria de Rivas, tan lonxe do copy / paste ao que nos ten tan afeitos a prensa actual. Botamos de menos aquí algunha cita a pé de páxina explicando quen é quen, un elemento textual que axudaría a manter a vixencia da obra pasado certo tempo.

A segunda parte, titulada «Amnesia retrógada», céntrase na denuncia da desmemoria histórica, tanto na Guerra Civil, como na posguerra e na ditadura franquista, así como tamén na arxentina a través do caso da familia Oesterheld.

A terceira parte está dedicada á revolución do mar, aquí somos centro, e o autor máis ca ninguén, convertido en cronista e protagonista. Reivindica así a traxectoria do movemento cívico galego na aventura d’ O Xurelo, no desastre do Prestige, no nacemento de Nunca Máis e na ocupación das Encrobas.

Na última parte, «Re-existencias», o autor abandónase máis á forza da literatura e atopamos algúns dos mellores textos da obra: «O ganso salvaxe e o cazador acazapado», «As formas dos tesouros», «A ópera das ras» ou «A felicidade clandestina».

Manuel Rivas é un autor de lectura varia e ben aproveitada, isto é, un erudito, que se afasta da linguaxe xornalística común polos vieiros da literatura. Gusta de compartir o que le e sempre se lle agradece a lealdade coa cita textual, aínda que por exceso poida chegar mesmo á cita da cita.

Cómpre felicitar a Vicente Curtis polas fotos da cuberta e contracuberta que resumen os contidos básicos da obra (ecoloxismo, memoria, dor e literatura) e onde por estar, ata está a arañeira literaria de Virginia Wolf. E ollamos as fotos da obra, pucas, moi poucas, mais as xustas. Son as fotos das tres familias: a do sangue (a do autor), a da solidariedade (a das catro fillas de Elsa e HGO) e a do compromiso (a familia d’ O Xurelo, os tripulantes dunha noz de esperanza no medio do Atlántico).

E leo e desleo «O ganso salvaxe» e volvo crer nos tesouros, neses que as mans escrtioras deixan por aí, «camufladas«, para nos agasallar coa felicidade clandestina. Pilar Ponte.

«Amor amén», no «Faro da Cultura»

Febreiro 22, 2009

Héitor Mera publicou no «Faro da Cultura» do 19 de febreiro unha crítica de Amor amén, o primeiro poemario de Iolanda Zúñiga. reproducimos o texto:

xg00161501Xa nos sorprendera Iolanda Zúñiga coas súas Vidas pos-it pola contención lingüística e fondura de miras literarias. Non é este un poemario que teña moito que ver coa súa anterior publicación, pero serve para decatármonos que en Zúñiga comeza a albiscarse a confirmación dunha boa autora e moi, moi competente poetisa.

Vexo este poemario como dous lóstregos intensos que percorren cada unha das partes das que se compón. Dúas visións do amor que se dan nunha persoa, pero que cambian radicalmente a visión, as prioridades e as vivencias do namorado.

A primeira parte sería «Despois da Fantasía. Ti», onde o amor tórnase submiso, paifoco e alienante para o eu lírico, unha muller que é consciente da parvada que está cometendo someténdose da maneira perante outra persoa. O cotián, abafamente cotián, é unha secuencia de situacións innanes que se aparentan significativas na vida desta muller namorada ou aparvada polo feito de estar cun compañeiro que ás veces non exerce como tal. Hai frustración e reflexión. Os versos percorren rapidamente a lectura en asíndetos, polisíndetos e anáforas vertixinosas, boa presentación da ansiedade e desesperación recoñecida no sentir da incauta.

A segunda parte do poemario é a da autoafirmación persoal. «Logo do combate. Eu» deixa ás claras cal é a evolución. Da submisión ao compromiso persoal, non egoísmo, senón presentación dunha persoa que procura nela as necesidades para Vivir, sen necesidade de escravitudes innencesarias e case que inventadas.

Recomendamos este poemario de Iolanda Zúñiga por ser quen de transmitir sentimentos e vivencias con claridade, así como polo gran calidade lírica e técnica que demostra con metáforas sensibles e imaxes posuidoras dun gran poder emocional.

A poesía é un xénero no que tes que comunicar. Con contención, espremmendo cada verba, verquendo moitas das túas teimas e sentimentos, chegando ao lector para converterse nesa ferramenta para a reflexión necesaria no día a día. Con Zúñiga atopámonos diante de verdadeira poesía.

«Mariquiña, a carteira andoriña»

Febreiro 21, 2009

María Navarro publica no «Faro da Cultura» do 19 de febreiro unha crítica sobre Mariquiña a carteira andoriña, o libro de Mau e Pin, primeiro título da colección «Polo correo do vento». Reproducimos o texto:

formato paxina imparDa man de Edicións Xerais de Galicia chega Mariquiña a andoriña, unha carteira ben singular que percorre Galica entregándolles correspondencia a outros iguais. A pega, o paporroibo, a pomba, a bubela ou o galo son algúns dos destinatarios das súas cartas a Tui, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Lugo ou O Corurel, os lugares aos que se despraza a andoriña para cumprir co desexo do emisor de que a súa mensaxe sexa ben recibida. Son mensaxes de seres queridos que dalgunha forma alegran a vida ao seren compartidas cos demais, así Amador, o paxaro pescador, recibe carta do seu irmán Xaquín dende Pequín; da mesma fora que Piruco, o cuco, é convidado a unha papadela, ou Lalo, o urogalo, recibe unha canción do seu sobriño Paspallás, o gaiteiro que fai música co seu peteiro.

O interese do libro, con textos concisos e que dende o punto de vista plástico combina ilustracións e fotografía radica no conxunto e nas partes. A análise da globalidade lévanos a percibir a historia coma unha homenaxe ao colectivo de emisarios. de modo particular asistimos dende a perspectiva pedagóxica ao tratamento dunha ampla vareidade de campos: mundo dos paxaros, puntos xeográficos estratéxicos, referencias á riqueza natural do País, alusións ao noso patrimonio cultural e mesmo incursións nas tradicións, acompañados en todo momento por sinxelas rimas, estruturas reiterativas que aseguran recepción, sintaxe recurrente e vocabulario apropiado á idades dos destinatarios.

Ao final do libro adican, o autor Mau e o ilustrador PIn, unhas páxinas á práctica individual e colectiva. Recóllense aquí variadas cuestións acerca da propia historia, un vocabulario de personaxes que interveñan no percorrido e un apartado no que baixo o título «Que aprendiches?», se invita a traballar a comprensión do texto e relacionalo con coñecementos previos de xeografía, bioloxía, literatura ou historia, nunhas ocasións co formato de pregunta curta, noutras con respostas opcionais e noutras máis lúdicas como a sopa de letras. Remata o apartado cun coñecido poema de Manuel María, musicado por Suso Vaamonde, e unha actividade plástica de colorear, e cóbrense así as posibildiades que presentan o texto e os denuxos, importante para o desenvolvemento cognitivo e psicolóxico do neno. María Navarro.

«O natural é político», crítica no «Faro da Cultura»

Febreiro 6, 2009

onaturalfaroMaruxa Gestoso publica no «Faro da Cultura» unha crítica sobre O natural é político, o máis recente ensaio de Teresa Moure.

«Historia de Ourense», crítica no «Faro da Cultura»

Xaneiro 29, 2009

marcosfarowebXosé Antonio López Teixeira publica no «Faro da Cultura» unha crítica sobre a Historia de Ourense de Marcos Valcárcel.

«Fendas abertas», crítica no «Faro da Cultura»

Xaneiro 29, 2009

fendasfarowebAlfredo Iglesias publica no «Faro da Cultura» unha crítica sobre Fendas abertas, o ensaio de Carlos Taibo.

«O Globo de Shakesperare», crítica no «Faro da Cultura»

Xaneiro 29, 2009

jaurefarowebDolores Martínez Torres publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica d’ O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do premio Terra de Melide 2008.

«Amancio Amigo e o demo da botella», crítica en «Faro da Cultura»

Xaneiro 22, 2009

amanciofaroMaría Navarro publica hoxe en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Amancio Amigo e o demo da botella, a segunda das entregas da serie protagonizada polo mago creado por Xosé Miranda e ilustrada por Patricia Castelao.

«Conexión Tubinga», primeira crítica

Xaneiro 22, 2009

tubingafaroMontse Pena Presas publica hoxe nas páxinas do «Faro da Cultura» o que é a primeira crítica de Conexión Tubinga, a novela de Alberto Canal, finalista do Premio Xerais 2008.

«O señor Lugrís e a negra sombra», 2ª edición

Xaneiro 21, 2009

Está chegando as librarías a segunda edición d’ O señor Lugrís e a negra sombra, a novela máis recente de Luís Rei Núñez. A novela non só conseguiu o apoio dos lectores e lectoras, que supón esta segunda edición, se non que tamén recibiu dous dos máis importantes premios á obra xa editadas: o Premio da Crítica española 2008 e o Premio Irmandado do Libro ao mellor libro do ano 2007. Así mesmo, os críticos expresaron a súa admiración. Ramón Nicolás escribiu en La Voz de Galicia: «Luís Rei ofrece unha das novelas máis compactas e solventes entre as publicadas entre nós nos últimos tempos.» Pola súa banda, Armando Requeixo escribiu en Faro da Cultura: «… o libro é asemade un mergullo e pleno pulmón nas físgoas submarinas do complexo océano Lugrís.»

xg00116001Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, l973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos taram-bainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso “branco” ou os cando-rosos aprendices de literato… en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé muncial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.

«Se comes un limón sen facer xestos», crítica en «Faro da Cultura»

Xaneiro 15, 2009

xestosfaroDolores Martínez Torres publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica de Se comes un limón sen facer xestos, o libro de relatos de Sergi Pamies, traducido por Antón Dobao.

«A porta de Mayo», primeira crítica

Xaneiro 8, 2009

portademayoHoxe, María Dolores Martínez Torres publica hoxe en «Faro da Cultura» a primeira crítica sobre A porta de Mayo, a novela de Gonzalo Moure e Tina Blanco.

«Mal de escola», crítica no «Faro da Cultura»

Decembro 24, 2008

Heitor Mera publica unha crítica no Faro da Cultura sobre Mal de escola, o libro de Daniel Pennac traducido para o galego por Xavier Senín e Isabel Soto.maldescolafaro

«Reversos», crítica no «Faro da Cultura»

Novembro 27, 2008

reversosfaro

Román Raña publica hoxe no Faro da Cultura a primeira crítica sobre Reversos, o derradeiro poemario de Ramiro Fonte. Recollemos algúns anácos deste importante texto:

xg00161101Arriscada, arriscadísima a poesía última de Ramiro Fonte. Seguindo a súa persoal predilección, o noso poeta iniciou hai anos un camiño de mergullo na nosa tradición poética, unha busca das orixes, unha procura da depuración expresiva. Consecuencia disto, Reversos, supón a culminación desta viaxe, agora xa definitiva.

[…]

Aquí temos o seu último legado, esta colección coherente de textos breves, de poesía rimada moi particularmente influenciada por Rosalía de Castro, por Ramón Cabanillas, por Rubén Darío, mais tamén non o esuezamos, por Amado Carballo e, en última instancia, polo grande Baudelaire. Todo o século XIX en pleno acode á nosa mente cando lemos estes poemas.

[…]

Cando se ama, a mesma morte sabe que non hai morte, que a natureza e poesía son e serán sempre hálito de resurrección.

«Xénero, parentesco e traballo»

Novembro 6, 2008

xenerofaro

Maruxa Gestoso publica hoxe en Faro da Cultura a primeira crítica tras a aparición d’ Xénero, parentesco e traballo, o libro no que o Enrique Alonso Población realiza un estudo antropolóxico sobre amuller no concello de Laxe.

«O valor do envoltorio», primeira crítica

Outubro 30, 2008

Pilar Ponte publica no Faro da Cultura unha crítica sobre O valor do envoltorio. Un estudo da influencia das TIC nos centros educativos, libro do colectivo Stellae, aparecida nas librarías recentemente.

«A vida encaixa»: alegoría contra o totalitarismo

Outubro 30, 2008

Paula Fernández publica no Faro da Cultura unha crítica d’ A vida encaixa, a novela de Eugene, traducida por Emma Lázare e publicada en Sopa de libros.

«Veleno tinto»: relato de aventuras

Outubro 30, 2008

Paula Fernández publica no Faro da Cultura unha crítica de Veleno tinto, a novela de Ramón Carredano publicada en Fóra de Xogo.

«Outra Galiza», crítica no «Faro da Cultura»

Outubro 30, 2008

Alfredo Iglesias publica no Faro da Cultura de hoxe unha crítica de Outra Galiza, o volume de Suso de Toro publicado en Xerais Crónica.

Justo Beramendi, entrevista no «Faro da Cultura»

Outubro 30, 2008

«Renacer», crítica en «Faro da Cultura»

Outubro 16, 2008

Francisco Martínez Bouzas publica en Faro da Cultura unha crítica de Renacer, a novela de Xabier Paz.

«Game over», crítica en «Faro da Cultura»

Outubro 9, 2008

Paula Fernández publica no Faro da Cultura de hoxe unha crítica sobre Game over, a peza de Carlos Losada gañadora do IIº Premio Manuel María de literatura dramática infantil.