Con motivo da publicación en España das edicións d’ A deleiba do mundo, o máis recente libro de ensaios de Amin Maalouf, hoxe son moi numerosas as entrevistas co grande autor franco-libanés. Europa Press, EFE, El País, ABC, El Mundo recollen as declaracións dun Maaoluf esperanzado que reivindica, como no seu ensaio, «o investimento en cultura como investimento en paz cívica».
Archive for the ‘Crónica’ Category
Maalouf: «investir en cultura é investir en paz cívica»
Setembro 29, 2009«A deleiba do mundo», primeira crítica do ensaio de Maalouf
Setembro 19, 2009Martín Pawley publica hoxe nas páxinas do suplemento «Nós» de Xornal de Galicia a primeira crítica d’ A deleiba do mundo, o ensaio de Amin Maalouf que chega esta fin de semana ás librarías galegas. O fermosísimo texto do crítico salienta que o ensaio do autor d’ A viaxe de Baldassare é un «ollar perturbador sobre o desarranxo do capitalismo e un canto á esperanza, á contación emocionada que outro rumbo é posible». Recollemos varios parágrafos dun texto crítico moi recomendable:
«Entramos no novo milenio sen compás». Desde a primeira liña Amin Maalouf deixa ben claro o seu desacougo ante o estado actual do mundo. É o berro de desesperación dun intelectual apaixonado pola razón e o coñecemento, que ve coma estes conceptos son postos en cuestión en máis partes do planeta das que nos gustaría recoñecer. Dun amante da liberdade que mira con tristura como deixou de ser un valor indiscutíbel para ser cercenada aquí e acolá con argumentos falsarios. A deleiba do mundo é o relato perturbador e inquietante do desastre económico, político, ecolóxico e ético do tempo en que vivimos e de como chegamos a el, mais se tan só fose iso non serviría para moito. O que fai do maxistral ensaio do escritor libanés unha ferramenta imprescindíbel é a súa condición de canto de esperanza, a súa emocionada certeza de que é posíbel atoparmos un rumbo diferente.
[…]
Maalouf amósase especialmente horrorizado pola perda da diversidade, pola pasividade ante a extinción de comunidades milenarias. «Un mundo onde se respecta cada día un pouco mellor a diversidade humana, onde calquera pode expresarse na lingua da súa elección, profesar pacificamente as súas crenzas e asumir serenamente as súas orixes sen incorrer na hostilidade nin no denigramento, sexa por parte das autoridades ou da poboación, é un mundo que avanza, que progresa, que se eleva».
A frase debería estar esculpida á porta das escolas e dos parlamentos, e non porque sexa algo que non saibamos, senón pola tendencia que temos a esquecelo. «O século XXI será salvado pola cultura ou ben se afundirá», afirma coa contundencia de quen pensa que a escala de valores non pode fundarse noutra cousa que non sexa a cultura e o ensino.
[…]
«Tedes o dereito e o deber de estudar a nosa lingua en profundidade. Mais tamén tedes o dereito e o deber de non esquecer a vosa lingua de orixe, porque a nós cómprenos ter persoas que compartan os nosos valores, que comprendan as nosas preocupacións e que falen perfectamente todas as linguas de Europa, de Asia e de África, todas sen excepción, a fin de que poidamos facernos entender por todos os pobos do planeta. Entre eles e nós, vós seredes, en todos os ámbitos –a cultura, a política, o comercio–, os insubstituíbles intermediarios». Velaí outra frase máis para esculpir.
«Escapado», primeira crítica
Setembro 9, 2009Rafael Lema acaba de publicar n’ A Nosa Galicia a primeira crítica sobre Escapado, a novela de Luís Lamela. O crítico salienta que nesta ocasión o autor de Corcubión ofrece «una obra esta vez novelística que mezcla realidad y ficción, dotada de trama argumental, para darle vitalidad y enganchar desde las paginas al lector.»
«A deleiba do mundo» de Amin Maalouf
Setembro 4, 2009Tras a publicación en 2000 da novela A viaxe de Baldassare, Xerais publica A deleiba do mundo, o novo libro de ensaio de Amin Maalouf, o brillante escritor libanés.
«Entramos no novo milenio sen compás», con esta frase comeza este ensaio no que Amin Maalouf intenta explicar como se chegou á deleiba actual do mundo e como se poderá saír dela. Para Maalouf dende os primeiros meses do século XXI veñen producíndose acontecementos desacougantes que inducen a pensar que o mundo coñece unha deleiba maior, e en varios ámbitos ao tempo. Deleiba económica e financeira, que transforma o planeta enteiro nunha zona de turbulencias de consecuencias imprevisibles, que constitúe, en si mesmo un síntoma dunha perturbación do noso sistema de valores. Deleiba climática, resultado dunha longa práctica de irresponsabilidade colectiva. Para o autor libanés non estaría de máis preguntarse se diante dunha situación semellante, a nosa especie non acadou, dalgún xeito, o limiar dun conflito de incompetencia moral se non acaba de iniciar un movemento de regresión que ameaza con derrubar o que tantas xeracións sucesivas tardaron en edificar. Para Maalouf a deleiba do mundo ten menos que ver co “choque de civilizacións” que co esgotamento simultáneo dos nosos modelos sociais. Sobre todo, o dos ámbitos culturais cos que el se identifica: o occidental e o do mundo árabe. O primeiro, por ser pouco fiel aos seus propios valores; o segundo, por atoparse pechado nun impasse histórico. Un diagnóstico inquedante que desemboca nunha nota de esperanza. Segundo Maalouf, o período axitado no que entramos podería levarnos a elaborar unha visión por fin adulta das nosas identidades, das nosas crenzas, das nosas diferenzas e do destino do planeta que compartimos.
Esta edición en galego d’ A deleiba do mundo, preparada por María Dolores Torres París, chegará ás librarías galegas na derradeira semana do mes de setembro. Amin Maalouf recibiu o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia deste ano 2009 co que se valora as persoas ou institucións significativas polo seu labor a prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do continente.
Presentación de «Escapado» en Fisterra
Agosto 27, 2009O día 4 de setembro, venres, ás 20 horas, no Salón de Plenos do concello de Fisterra será presentada Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luis Lamela. O autor estará acompañado no acto polo escritor e poeta Modesto Fraga.
A noticia da presentación na edición de Carballo de La Voz de Galicia.
«Escapado» noticia en «La Voz de Galicia»
Agosto 5, 2009Xosé Ameixeiras publica en La Voz de Galicia unha ampla noticia sobre Escapado, a primeira novela de Luis Lamela. A obra será presentada o vindeiro día 7, venres, ás 21 horas, no salón de actos do colexio do Pindo-Carnota, dentro das actividades culturais das festas de San Clemente 2009 organizadas pola Asociación Cultural PEDRAMAR do Pindo. Escapado será presentado o día 13 na Feira do Libro de Cee.
«Me matan por sen bueno»
Agosto 4, 2009Xesús Alonso Montero foi entrevistado por Faro de Vigo e La opinión da Coruña con motivo da presentación de Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) que realizou onte na Feira do Libro da Coruña.
Neira Vilas na Feira do Libro da Coruña
Agosto 3, 2009O martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, dentro do programada de actividades da Feira do Libro da Coruña, Xosé Neira Vilas presentará Lóstregos, o libro de xornalismo polo que obtivo o premio Manuel Reimóndez Portela. A partir das 19:30 horas, o autor de Gres asinará exemplares das súas obras.
Alonso Montero na Feira do Libro da Coruña
Agosto 2, 2009O luns, 3 de agosto, ás 20:00 horas, o profesor Xesús Alonso Montero impartirá na Feira do Libro da Coruña unha conferencia arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), publicado por Edicións Xerais de Galicia e Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, publicado pola Editorial Galaxia.
«Escapado» de Luís Lamela
Xullo 28, 2009Esta semana chega ás librarías Escapado. Do Monte do Pindo ao exilio, pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luís Lamela, un dos investigadores máis importantes sobre a memoria republicana de Galicia.
Escapado. Do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón de Luís Lamela García quere lanzar a mensaxe de que é moito máis importante recordar que comprender, por que a memoria sempre pode ser verdadeira, aínda que ás veces sexa falsa. Unha novela que quere ser unha crónica na que se mestura a vida e a morte, o pasado e o presente, a realidade e a ficción. Unha obra de lectura engaiolante que enlaza a historia e a memoria, e nas que as relacións temporais están, tamén, unidas por espazos reais: o monte do Pindo, Fisterra e a ría de Corcubión, a illa de San Simón, as frontes da guerra civil española, o exilio francés e americano, o desexado retorno ás raíces do Pindo… Un percorrido pola esperanza perdida e a traxedia dos vencidos dunha guerra civil, a de 1936, que cambiou drasticamente a vida de toda unha xeración ilusionada e apaixonada. Unha traxedia que, polo que a Teófilo Caamaño se refire, o protagonista principal da narración, aínda non terminou.
Escapado será presentado por vez primeira na Feira do Libro de Cee (que se celebrará a mediados do mes de agosto), e xa co comezo da nova tempada literaria, na cidade da Coruña.
“Lóstregos” de Xosé Neira Vilas premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela
Xullo 27, 2009Xosé Neira Vilas obtivo o XIV premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela, organizado pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, polas colaboracións que ven publicando en El Correo Gallego baixo o epígrafe «Lóstregos». Concesión do premio que coincide coa chegada estes días ás librarías galegas do libro homónimo no que Neira Vilas recolle un centenar destes traballos.
Aparecen neste libro de Xosé Neira Vilas cen textos, outros tantos lostregueos escintilando no espazo e no tempo. Cen variados temas que informan, analizan ou denuncian cuestións que atinxen ao mundo que nos arrodea ou acontecementos pretéritos que dalgún xeito inciden nas nosas vidas. Así, a Amazonia en perigo, a fuxida de cerebros, os dereitos indíxenas, o fogar cubano de Hemingway, o cambio climático, os galegos no canal de Panamá, o centenario de Laxeiro, a defensa da lingua galega, a prensa dos emigrantes, o problema da auga, os biocombustibles, os noventa anos de Mandela… Todo tratado con rigor documental e cunha prosa ben traballada, áxil, precisa, modelo de xornalismo, no que alternan a crónica, a memoria e o afán de expresar en poucas palabras todo o que o autor nos vai contando.
Lóstregos será presentado na Feira do Libro da Coruña o martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, nun acto no que Xosé Neira Vilas será acompañado polo editor Manuel Bragado.
Alonso Montero entrevistado no “Diario Cultural” da RG
Xullo 17, 2009Aquí pode escoitarse a entrevista ao profesor Xesús Alonso Montero emitida no Diario Cultural da Radio Galega con motivo da publicación do libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1636-1948).
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”, presentación en Santiago
Xullo 2, 2009O vindeiro mércores, 8 de xullo, ás 20:00 horas, na libraría Couceiro (Praza de Cervantes 6) de Santiago de Compostela terá lugar a presentación do libro de Xesús Alonso Montero Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto o autor estará acompañado do editor Manuel Bragado.
Bernardino Graña elixido académico
Xuño 27, 2009Na mesma sesión na que A Academia Galega designou a Uxío Novoneyra como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2010, foi elixido académico o seu amigo o poeta Bernardino Graña. Un nomeamento que a todo o cadro de persoal da editorial nos enche de fachenda e satisfacción polo vencellamento solidario de Bernardino con Xerais, ao longo de tres décadas, na que ten publicada unha boa parte da súa obra. Os nosos maiores parabéns para Bernardino Graña!
Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo, 1932). Foi catedrático de lingua e literatura até a súa xubilación. En 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publicou unha estensa obra no ámbito da poesía, do teatro, da narrativa e da literatura infantil.
Como poeta ten publicado: Poema do home que quixo vivir (1958); Profecía do mar (1966, Xerais 1995); Non vexo Vigo nin Cangas (1975); Se o noso amor e os peixes (Xerais 1980), Premio Galicia do concello de Santiago de Compostela; Sima-Cima do voar tolo (1984); Himno verde (1992); Ardentía. Obra poética completa (1995); As Cantigas de Santa María (Xerais 1996); Luz de novembro (1997) e Acendede as almenaras (Xerais 2008).
No ámbito do teatro: Vinte mil pesos crime (1962, Xerais 2005); Sinfarín contra don Perfeuto (1975); Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992), Premio Abrente de Ribadavia (1979).
Como narrador publicou Fins do mundo (1974, Xerais 1989) relatos e Protoevanxeo do neto de Herodes (Xerais 2006), IIº Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego portuguesa.
E para o público infantil destacan: O león e o paxaro rebelde (1969, Xerais), Premio de contos para rapaces O Facho; Planeta dos ratos tolos (1990); Xan Guindán, capitán (Xerais 1991); Oso mimoso (Xerais 1992); Namoro de lobo Pipo na escola de don Perico (1992); Os burros que comen ouro (1992); O gaiteiro e o rato Pérez (Xerais 1994), Premio Merlín 1993; Xan Guindán, mensaxeiro (1994); Cristo e San Pedro, peregrinos (Xerais 1994); Rata linda de Compostela (Xerais 1994, 2009); O lobo e o grilo (1995); Contra o león covarde (1995); Xan Guindán e os Salvaxes (1995); Xan Guindán mensaxeiro (1997) e O quirico lambón (Xerais 1997).
Héitor Mera e Rafael Fernández son autores do libro Conversas con Bernardino Graña (2005). Os traballos de homenaxe á figura do escritor do Morrazo con motivo do seu setenta e cinco aniversario están recollidos no volume Bernardino Graña (Xerais 2007), coordinado por Héitor Mera.
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”
Xuño 26, 2009Baixo o título “O adeus da dignidade” Galicia hoxe publica unha completísima reportaxe sobre o libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero. Así mesmo, La Voz de Galicia publica outra ampla noticia sobre a aprición do libro.
Entrevista con Xesús Alonso Montero
Xuño 25, 2009Hoxe en La Voz de Galicia, con motivo da presentación do libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), Jorge Lamas faille unha entrevista ao profesor Alonso Montero: “Recollín textos moi conmovedores que os nosos alumnos deben coñecer“
Actos de Xerais na Feira do Libro de Vigo
Xuño 24, 2009Adiantamos os actos organizados por Xerais na Feira do Libro de Vigo que terá lugar na Alameda dende o 10 ao 19 de xullo.
Día 10 venres, ás 19,00 horas:
Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos Galegos condenados a morte (1936-1948) publicado por Xerais e Ramón Piñeiro ou a reinvención da Cultura Galega publicado por Galaxia Intervirán: Xesús Alonso Montero, Manuel Bragado e Carlos Lema.
Día 11 sábado, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita. Intervirán: Enrique Vázquez Pita e Manuel Bragado.
Día 13 luns, ás 20,30 horas:
Luís Rei Núñez asinará exemplares do seu libro Monte Louro (Premio Blanco Amor 2009).
Día 15 mércores, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz. Intervirán: Paula Fernández, Manuel Bragado e Agustín Fernández Paz.
Día 16 mércores, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Prostitución: Clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías sexuais masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire. Intervirán: Manuel Bragado e as autoras.
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”, presentación en Vigo
Xuño 23, 2009O vindeiro xoves, 25 de xuño, ás 20:00 horas, nas instalacións do MARCO (antigo cárcere) de Vigo, presentarase o máis recente libro do profesor Xesús Alonso Montero, Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto acompañarán ao autor Alfonso Álvarez Gándara (decano do Colexio de Avogados de Vigo), Carlos Núñez e o editor Manuel Bragado.
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”, novo libro de Xesús Alonso Montero
Xuño 15, 2009A vindeira semana chegará ás librarías Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), o máis recente libro do profesor Xesús Alonso Montero.Unha obra moi relevante na construción da memoria republicana de Galicia.
Xesús Alonso Montero recolle neste libro cento vinte cartas de republicanos galegos escritas despois de que recibiran oficialmente a noticia de que foran condenados á pena de morte. É o momento en que algúns deciden despedirse, por escrito, dos seus: dos pais, dos irmáns, da muller, da noiva, dos amigos… Nalgúns casos, especialmente entre comunistas, do Partido. Ningún xénero literario expresa con máis emoción o drama da Guerra Civil (e das súas consecuencias) que este tipo de cartas escritas polos republicanos nun momento en que toda esperanza estaba perdida. Hai, ademais, despedidas que son especialmente conmovedoras, e outras, dun certo nivel literario, e todas, e cada unha, un documento histórico que nos fai deplorar as que xa se perderon para sempre e as que, por torpeza ou incuria nosa, aínda non foron exhumadas. Un libro clave no proceso de construción da memoria republicana de Galicia que, ademais, constitúe o primeiro corpus epistolar deste xénero, territorio e período que se publica.
Xerais, novidades do mes de xuño
Xuño 5, 2009Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.
Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez. Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.
Na colección Xerais Crónica publicarase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero.
Na Biblioteca Dramática Galega, coeditada con AGADIC, publícase Pingueiras e tarteiras, peza de Teresa Gonzaléz Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil, ilustrada por Rodrigo Chao.
Na colección Fóra de Xogo aparecerá a novela Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita e o poemario Makinaria de Carlos Negro.
Na colección Sopa de Libros Andanzas de Xan Farrapeiro de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia, e Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, ilsutrado por Marina Seoane.
Na colección Xerais Universitaria publicarase O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez Gómez, libro que aparecerá coincidindo co cen aniversario do nacemento do poeta de Seivane o 12 de xuño de 1909; e Prostitución. clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.
Por último, publicarase o volume que recolle as obras gañadoras dos Premio 2008 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo e os Cadernos do Profesorado de Primaria e Secundaria para o vindeiro curso 2009/2010.
Ramón Nicolás entrevistado en “Faro da Cultura”
Maio 28, 2009A publicación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro está recibindo unha grande atención dos medios. Hoxe Natalia Álvarez publica en “Faro da Cultura” unha entrevista dunha páxina co seu autor, o crítico Ramón Nicolás.
Celanova, presentación de “Conversas con Celso Emilio Ferreiro”
Maio 22, 2009A edición de Ourense de La Voz de Galicia informa hoxe da presentación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro celebrada onte na Casa dos poetas de Celanova. No acto participaron Luís Ferreiro (director da Fundación Celso Emilio Ferreiro), Antonio Mouriño (alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez), Ramón Nicolás (autor do libro) e Manuel Bragado.
“Conversas con Celso Emilio Ferreiro”
Maio 21, 2009Xosé Feixó publica no Faro da Cultura unha crítica de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás, obra que se presenta hoxe, ás 20:00 horas, na Fundación Curros Enríquez de Celanova.
“Conversas con Celso Emilio Ferreiro”, en Celanova
Maio 19, 2009O xoves, 21 de maio, ás 20:00, na Casa das Poetas de Celanova (rúa dos Poetas 37), realizarase unha presentación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. No acto acompañarán ao autor, Luis Ferreiro e Manuel Bragado.
“Unha conversa con Ramón Piñeiro”
Maio 18, 2009Unha conversa con Ramón Piñeiro de Suso de Toro é o primeiro libro, que con motivo da efeméride do 17 de maio de 2009, Xerais publica en soporte exclusivamente dixital (30 páxinas).
Pode baixarse gratuitamente en soporte pdf dende aquí.
“Conversas con Celso Emilio Ferreiro”, presentación en Vigo
Maio 14, 2009Mañá, venres 15 de maio, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo presentarase o libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. O autor estará acompañado por Xesús Alonso Montero, Luis Ferreiro Loredo e Manuel Bragado.
«Conversas con Celso Emilio Ferreiro»
Maio 7, 2009Vicente Araguas publica en Diario de Ferrol unha crítica sobre Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
[Premer sobre a imaxe para ler con maior facilidade.]
Manuel Rivas na Feira do Libro de Santiago
Maio 3, 2009Mañá luns, 4 de maio, ás 19:00 horas, Manuel Rivas ofrecerá un recital poético. Ao remate asinará exemplares de O sombreiro Chichiriteiro, A corpo aberto e do resto da súa obra.
Ramón Nicolás, entrevistado por «A Nosa Terra»
Abril 20, 2009Ramon Nicolás, autor de Conversas con Celso Emilio Ferreiro, é entrevistado por Lara Rozados para A Nosa Terra. Recollemos algúns fragmentos dun texto moi interesante:
Que evolución persoal e ideolóxica atopamos no Celso Emilio que responde a estas entrevistas?
Manexei sobre todo entrevistas dos 60 e dos 70. Había algunhas previas, pero notábaselles certa modulación das preguntas e mesmo certa autocensura. Percíbese unha evolución salientábel cando volve de Caracas, e non agocha a acedume. El sentiuse exiliado, o seu non foi unha migración: a situación en Vigo era imposíbel de manter. Os seus proxectos eran botados abaixo por presións policiais, pinchábanlle o teléfono… O seu foi exilio.
[…]
Descubrimos un Celso Emilio pouco abordado: o ensaísta, en concreto como biógrafo de Curros.
Totalmente, é unha faceta en que cumpría afondar máis. Amais de estudar a Curros, ten escritos de carácter político que darían para máis dun libro, dende a súa posición claramente arredista de preguerra até a clandestinidade, sobre todo en Venezuela, el foi un pensador e ideólogo que achegou, a través de pequenos artigos, reflexións moi claras. E tamén foi moi afeccionado aos libros de historia. Hai anos dei a coñecer unha serie de artigos publicados en Faro de Vigo, nun libriño editado en Xerais (Semblanzas, crónicas e artigos de Celso Emilio Ferreiro), e aínda queda bastante del por publicar, sobre todo de preguerra (cando escribía en Guieiro, das Mocidades Galeguistas).
Entrevista a Ramón Nicolás
Abril 16, 2009Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia unha entrevista a Ramón Nicolás con motivo da aparición de Conversas con Celso Emilio Ferreiro. Recollemos algúns parágrafos dunha entrevista moi interesante:
–Celso Emilio Ferreiro é un dos nomes máis coñecidos da literatura galega. ¿Que novidades achega este conxunto de entrevistas?
–Entendín sempre o meu traballo como complemento a anteriores achegas do mesmo carácter que viron a luz hai algúns anos, como as de Porteiro e Perozo ou Freixanes, pero das que aquí prescindo. Trátase de pór de actualidade a súa voz, camiño do seu trinta cabodano, rescatándoa das follas dos xornais e revistas e dispóndoa dun xeito máis efectivo, se se quere, redeseñando o seu perfil. Desde aquelas páxinas que se conservaron fálanos sobre un feixe de asuntos heteroxéneos: desvela datos pouco coñecidos do seu propio perfil biográfico, exprésase con sinceridade sobre o que entende como claves da súa obra ou revela puntos de vista ás veces sorprendentes –pola súa validez, actualidade ou, no seu caso, por seren talvez polémicos– sobre literatura, lingua, política ou Galicia.
[…]
–Como valora a recepción de obra do escritor dende a súa morte?
–Desde o punto de vista da súa obra poética, e tendo en conta que aínda hoxe é un xénero de minorías, entendo que é un poeta «clásico» dos máis lidos, e dos que máis gustan, talvez pola transparencia dos seus contidos, a universalidade dos asuntos tratados e polo ritmo interno que presentan. É evidente que a celebración do Día das Letras no 89 operou como un revulsivo para calibrar a relevancia da súa obra e da súa figura, mais con todo, creo que aínda se poden dar máis pasos para potenciar a súa presenza e valorar con xustiza o seu herdo literario e humano.
Xerais, novidades de abril
Abril 7, 2009Neste mes, o abril dos libros, Xerais poñerá nas librarías once títulos.
Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas O’ Salto do Can de Jorge Llorca e Tempo de centeo de Xosé Fernández Ferreiro.
Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.
En colaboración coa Radio Galega e AGADIC o disco libro do IIIº Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.
En Xerais Crónica, Galicia solidaria, obra coordinada por Xulio Ríos e Carlos Teijo, membros do IGADI.
En Xerais Manuais Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés, que será presentado, o 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro.
Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de choiva de Ánxela Gracián, ilustrado por Daniel Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás; Dona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.
Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido.
«Reconquista. Vigo en armas», presentación
Marzo 25, 2009Mañá, xoves 26 de marzo, ás 20:00 horas, no salón rexio do Círculo Mercantil de Vigo (entrada pola rúa do Príncipe) terá lugar unha conferencia presentación do libro Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland.
Entrevista a Fran Alonso en «Praza das Letras»
Marzo 24, 2009«Praza das Letras» publica unha longa entrevista que lle fixo a Fran Alonso con motivo da publicación d’ Un país a medio facer. A entrevista está centrada na evolución da cultura galega nos últimas dúas décadas e a súa proxección no futuro. Alonso comenta, ademais, o estado dos seus proxectos literarios: «En poesía teño un libro rematado hai un ano. Non o publiquei porque en Xerais temos moitos orixinais de poesía e está agardando vez. Titúlase Transición. Logo seguín escribindo e teño a metade doutro poemario. En narrativa teño varias cousas en distintos estados, o máis avanzado é un libro de relatos sobre as relacións humanas e a súa configuración.»
«Conversas con Celso Emilio Ferreiro»
Marzo 18, 2009Hoxe chegaron da imprenta os primeiros exemplares de Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás. Este orixinalísimo título chegará ás librarías na primeira semana do mes de abril.
A través de Conversas con Celso Emilio Ferreiro mergullámonos na significativa persona-lidade dun dos grandes escritores da literatura galega. Da man de Ramón Nicolás, biógrafo e editor da súa obra literaria, rescátase a voz e a palabra do autor celanovés, cando se cumpren trinta anos do seu pasamento, para dar conta da súa opinión política e literaria e para introducirnos no «universo Celso Emilio», que en boa medida goza de plena actualidade e validez. Ramón Nicolás compilou e ordenou, temática e fragmentariamente, as máis das entrevistas que se lle realizaron a Celso Emilio en medios escritos durante a súa vida e, como nun xogo de espellos, recupera o seu criterio e a súa presenza. A súa propia obra literaria, a política, a militancia, as polémicas que protagonizou, a súa perspectiva sobre o ámbito da cultura, a súa opinión sobre cuestións como a lingua galega ou a nación latexan ao longo destas páxinas apaixonantes.
«Un país a medio facer«, crítica no « Cartafol»
Marzo 3, 2009Manuel Rodríguez Alonso publica en Cartafol de libros unha crítica sobre Un país a medio facer, o libro de xornalismo de Fran Alonso.
«Un país a medio facer», crítica en «Culturas»
Marzo 2, 2009Ramón Nicolás publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha interesante crítica e entrevista a Fran Alonso con motivo da publicación d’ Un país a medio facer.
«Un país a medio facer», crítica en «Faro da Cultura»
Marzo 1, 2009Pilar Ponte publica en «Faro da Cultura» unha interesante crítica sobre Un país a medio facer, o máis recente libro de Fran Alonso.
Xerais, novidades de marzo
Febreiro 25, 2009No vindeiro mes de marzo Xerais publicara unha ducia de novidades.
No eido da edición literaria, na colección Xerais Narrativa aparecerán a novela Peaxes de Santiago Lopo e o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco X. Fenrández Naval.
En Xerais Crónica publicaranse as Conversas con Celso Emilio Ferreiro preparadas por Ramón Nicolás Rodríguez.
Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.
En Xerais Manuais aparecerá Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés.
Nesta entrada editorial da nova primavera particular importancia terá a edición infantil na que se publicará, dentro da colección Xerais Merlín O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro libro infantil de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao.
Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de chuvia de Ánxela Gracián, ilustrado por David Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás; Dona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante en Vilapedra, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.
Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido; e na de materiais didácticos Lingua e Literatura Galegas. probas de Selectividade 2009.