“O sombreiro Chichiriteiro”, crítica no “Faro da Cultura”

Paula Fernández publicou no Faro da Cultura de onte unha crítica d’ O sombreiro Chichiriteiro, o álbum escrito por Manuel Rivas e ilustrado por Patricia Castelao. Reproducimos o texto na súa totalidade.

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddO sombreiro Chichiriteiro, a primeira obra infantil de Manuel Rivas, amosa o regreso do autor coruñés á literatura de ficción pois dende Os libros arden mal as súas publicacións centráranse no ensaio xornalístico. Pois ben, esta volta retorno resulta salientable ao atoparmos un conto infantil apaixonante cheo de fantasía e imaxinación no que ademais advertimos dous niveis de lectura moi diferenciados.

No primeiro destes niveis coñecemos a Simón, un rapaz un chisco apoucado que está a celebrar o día da festa na casa coa familia cando irrompe Chancho Colorao, un home fachendoso que viste un sombreiro con vida propia, o Sombreiro Chichiriteiro, que moi axiña sae da cabeza do seu dono para comezar unha viaxe na compaña do rapaz. Nesta viaxe ademais de comezar unha fermosa amizade, Simón descobre a excitante vida do sombreiro que agacha dentro de si o son da trompeta. Grazas a esta capacidade prodixiosa aprenderá Simón a tocar a trompeta imaxinaria e contaxiarase tamén el da felicidade que provoca en todo o mundo a compaña de tan singular sombreiro.

Mais paralelo a esta lectura máis superficial outro nivel, máis fondo e reflexivo, onde intuímos un cambio en Simón; quen ve medrar a súa autoestima, onde apreciamos defensa da lingua; nas palabras que queren cruzar o río se cadra procurando algo mellor igual ca as persoas que atravesan o estreito en pateras, e onde vemos tamén agromar unha amizade verdadeira entre seres moi diferentes. Unha dobre lectura que enche de significado o que en aparencia semellaría un conto infantil ao xeito usual, e á que quizais deberiamos engadir un terceiro nivel fóra do texto e do que este implica: un nivel plástico que, grazas á calidade de Patricia Castelao, unha das mellores ilustradoras galegas, ilustra a historia fomentando a parte máis máxica desta grazas á súa ensoñación provocadora, ao romanticismo do rostro de Simón e a un estilo moi característico e próximo á animación cinematográfica.

Un conto infantil onde se mesturan ingredientes imprescindibles que mostran o acertado deste achegamento de Manolo Rivas á literatura infantil, a verosimilitude do espazo e do personaxe de Simón á beira do extraordinario mais asombrosamente crible e real sombreiro e por suposto as aventuras da viaxe, que mergullan a quen le nun paseo axetreado e cheo de elementos marabillosos que non deixan indiferente a ninguén. Paula Fernández.

Etiquetas: , , , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s


A %d blogueros les gusta esto: