Archive for the ‘Natureza’ Category
Setembro 22, 2009
Acaban de entrar no almacén senllas edicións en galego e castelán da Guía do Courel, obra preparada por Javier Guitián Rivera, Luis Guitián Rivera e José Luís Martinez Vilar. Unha proposta para coñecer a terra de Novoneyra, considerada como o corazón natural do noso país. As guías chegarán ás librarías na primeira semana do mes de outubro.
A través de 22 rutas excepcionais, con valiosísima documentación, e da man dun grupo de naturalistas expertos no Courel, o viaxeiro ou viaxeira ten a oportunidade de percorrer con comodidade e información de primeira man as paisaxes desta serra, o corazón natural de Galicia. Dando a coñecer lugares que hoxe poderían ser modelo de xestión do medio natural e descubríndolle ao viaxeiro a súa vexetación, os mellores bosques do país, as especies ameazadas e, en definitiva, a beleza e autenticidade dunha paisaxe sobre a que se fundamenta o turismo rural, Javier Guitián, Luís Guitián e José L. Martínez Villar trazan nesta guía un mapa imprescindible para quen queira adentrarse nos segredos do Courel desde o respecto ao medio ambiente. A ruta das devesas, Froxán, o Val de Moreda, a ruta de Parada (terra de Uxío Novoneyra e María Mariño), de Seoane a Folgoso, Vilamor, a Devesa da Rogueira, o Val de Visuña… son algunhas das citas que esperan polo viaxeiro ou viaxeira con ganas de pasear por rutas sobre as que se vai proporcionando información e datos prácticos que indican a dificultade, a comida, o baño, a cartografía, os hábitats, a botánica, etc. E todo acompañado de mapas, fotografías e abundante información práctica.
Etiquetas:courel, guia_do_courel, javier_guitián_rivera, josé_luis_martínez_vilar, luis_guitián_rivera
Publicado en Guías_de_viaxe, Natureza, Noticias | Leave a Comment »
Xullo 8, 2009
Chega ás librarías esta semana Itinerarios seguindo o río Miño, unha guía de viaxe, concibida por Paco Armada, para percorrer en coche as ribeiras do noso río primeiro.
Desde o seu nacemento, nas estribacións da serra de Meira, en Lugo, ata a súa desembocadura na Guarda, en Pontevedra, regando o 40% do territorio galego, o río Miño, o «pai dos ríos galegos», acubilla un rico e variado patrimonio natural, monumental e cultural. Conta con paraxes «protexidas» como as Insuas do Miño ou con entornos modificados pola man do home, nos diversos encoros que –na maioría dos casos– alteraron importantes ecosistemas naturais. Un río cheo de lendas, que nos falan de teiticieiras e xanas que moraban nas súas augas.
A través dos Itinerarios seguindo o río Miño, Paco Armada, autor desta guía de viaxe, ofrécenos a posibilidade de coñecer e gozar das terras e do patrimonio que se estende a ambas as dúas ribeiras do Miño, incluíndo a parte do territorio na que compartimos o río coa veciña Portugal. Descricións detalladas dos itinerarios, con preto de 1.000 km de percorrido, localidades bañadas polo augas miñotas, monumentos, historia, áreas de esparcemento, excursións a lugares de interese, rutas de sendeirismo… A guía vai nutrida, ademais, de mapas e máis de 400 fotografías que fan deste libro un referente indispensable para o viaxeiro.
Etiquetas:itinerarios_seguindo_o_río_miño, paco_armada
Publicado en Guías_de_viaxe, Natureza, Noticias | Leave a Comment »
Xuño 22, 2009
O vindeiro mércores, 24 de xuño ás 11,00 horas, na sede da Deputación da Coruña, terá lugar a roda de prensa presentación do libro A vida do outro de Carlos G. Reigosa, Premio Torrente Ballester, 2008 convocado pola Deputación da Coruña. No acto intervirán: Salvador Fernández Moreda (Presidente da Deputación da Coruña), Manuel Bragado (Director de Xerais) e Carlos G. Reigosa.
Etiquetas:a_vida_do_outro, carlos_reigosa, deputación_da_coruña, novela, premio_torrente_ballester, salvador_fernández_moreda
Publicado en Natureza, Noticias, Premios, Presentacións | Leave a Comment »
Marzo 20, 2009
Hoxe coñecimos as candidaturas finalistas da XVIIIª edición dos premios Irmandade do Libro que outorgados pola Federación de Libreiros de Galicia serán entregados o sábado 28 de marzo, as 21:30 horas no Carballiño.
Acollemos con gran satisfacción a noticia de que Xabier P. DoCampo foi declarado gañagdor na modalidade de «Autor» valorando «tanto a súa extraordinaria faceta creadora como a súa contrastada vocación de traballo a prol do libro e da lectura» en Galicia.
Ademais, na modalidade de «Mellor libro do ano 2008» foron escollidos dous títulos nosos, Festina lente de Marcos Calveiro e O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, que competirán con Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado.
Na modalidade de «Obra editorial do ano 2008», a nosa Guía das plantas de Galicia de Xosé Ramón García competirá coa tradución d’ As flores do mal de Baudelaire, preparada por Gaonzalo Navaza para a editorial Galaxia, e coa colección «Rescate» de Alvarellos Editora.
Etiquetas:federación_de_libreiros_de_galicia, festina_lente, guía_das_plantas_de_galicia, manuel_lourenzo_gonzález, marcos_calveiro, o_xardín_das_pedras_flotantes, premio_irmandade_do_libro, xabier_docampo, xosé_ramón_garcía
Publicado en Autores, Narrativa, Natureza, Noticias, Premios | Leave a Comment »
Marzo 5, 2009
O suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia publicou o pasado sábado 28 de febreiro unha crítica de H.J.Porto sobre a Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa. Reproducimos un dos parágrafos do fermoso texto:
Este naronés de 36 anos, escritor novel, ofrécenos un libro que é unha aventura, a súa propia, no regreso á terra da súa orixe, na busca dos ecos da súa nenes, unha viaxe polo río tras o coñecemento dun lugar que estando preto de nós é á voz un milagroso enigma.
Etiquetas:chano_eiroa, culturas, guía_dos_camiños_do_eume, la_voz_de_galicia
Publicado en Críticas, Guías_de_viaxe, Natureza, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Xaneiro 20, 2009
O vindeiro xoves, 22 de xaneiro, presentarase en Gondomar a Guia das plantas de Galicia de Xosé Ramón García. O acto organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, encadrado no seu ciclo «Queremos tanto os libros», terá lugar ás 20:30 horas na sede do IEM (Avenida da Feira 10, baixo). A presentación do autor correrá a cargo de Xilberte Mando de la Torre.
A Guía das Plantas de Galicia, do prestixioso botánico Xosé Ramón García, é un instrumento imprescindible para o coñecemento básico da actual flora do noso país. A partir dunha terminoloxía sinxela, permítenos a determinación polo miúdo das especies que os estudosos e afeccionados poden atopar nas saídas ao campo ou nos paseos polo seu contorno.
O libro comeza cunha introdución xeral na que se trata da recolección, preparación e conservación das plantas, nomenclatura botánica, posibilidades de internet e xeoloxía de Galicia. Inclúese normativa legal sobre protección dos hábitats naturais, o Catálogo galego de especies ameazadas e o Rexistro de especies de interese galego. Logo, aborda a obra as claves dicotómicas que permiten a determinación ata o nivel de especie, para entrar nas fichas descritivas das familias e nas 1.386 especies (a maior parte das que aparecen en Galicia), indicándose o nome considerado correcto, sinónimos, nomes populares en galego e castelán, descrición –con especial atención ás características que teñen valor diferencial–, hábitats máis habituais e época de floración.
A Guía das Plantas de Galicia contén, ademais, máis de 1.000 fotografías que ilustran o aspecto xeral da planta ou aspectos relevantes para a súa identificación, así como debuxos nos casos en que se considera oportuno. Esta obra monumental remata cun vocabulario en que se glosan os termos empregados.
Etiquetas:botánica, gondomar, guía_das_plantas_de_galicia, iem, xosé_ramón_garcía
Publicado en Natureza, Noticias, Presentacións | 1 Comment »