Posts Tagged ‘xavier_teniente’

“Cabalos de vento. Curros de pedra”

Maio 28, 2009

Maquetaci—n 1A Revista das letras de Galicia hoxe dedica un monográfico a Cabalos de vento. Curros de pedra, o libro de Xavier Teniente e Xosé Guillermo. Oito páxinas de impactante beleza. Un documento literario moi reocmendable.

Javier Teniente, entrevista no “Faro da Cultura”

Maio 21, 2009

FV-2009/05/21Xavier Teniente, coautor xunto a Xosé Guillermo de Cabalos de ventos. Curros de pedra é entrevistado hoxe por Mar Mato no Faro da Cultura.

Xosé Guillermo, ilustracións de “Cabalos de vento. Curros de Pedra”

Maio 15, 2009

cabalos 01

cabalos 01acabalos 08Recollemos algunhas das ilustracións de Xosé Guillermo incluídas en Cabalos de vento. Curros de pedra, o libro do que é coautor con Xavier Teniente.

[Premer nos debuxos para velos a maior tamaño.]

“Cabalos de vento. Curros de pedra”

Maio 13, 2009

Reproducimos o texto da intervención de Xavier Teniente na presentación do libro Cabalos de vento. Curros de pedra, realizada o pasado venres, 8 de maio na Fundición Nautilus de Vigo, na que se recordou á figura de Xosé Guillermo, coautor da obra.

3658_cmc_image_1.jpg.cacheHai aproximadamente uns cuatro anos, no verán de 2005, comecei a fotografar os cabalos salvaxes e a tradicional  Rapa das Bestas. Algún tempo máis tarde, cando xa tiña realizadas unha boa selección de fotografías, proipúxenlle a Manolo Bragado a posibilidade de facer un libro con este traballo. El viuno e díxome que si… Mais unha vez metido na edición das fotos dinme conta que non quería facer un simple libro de fotografías… faltaba algo…

Unha noite de copas polo casco vello de Vigo, unha desas escasas, pero máxicas ocasións que a veces nos regala a noite, atopeime con Xosé Guillermo no Edra. Comecei a falarlle do proxecto e díxome que lle gustaba o tema, e de feito, que xa tiña cousas realizadas sobre cabalos. Entre os vahos do licor café, música, palabrería nocturna e moitas risas, xurdiron ideas…algunhas tolerías, mais naquela noite naceu o proxecto que logo titulariamos Cabalos de Vento, Curros de Pedra.

A partir de aí comezamos a vernos case a diario, e pouco a pouco a idea foi madurando. Xa no verán de 2006 fomos a varios curros xuntos, con Maruchi, con Lucía, e con moitos outros amigos. Comiamos churrasco, bebíamos viño, e participamos da tradición. Ademáis, eu tomaba fotos,… e Guillermo pintaba. Algún tempo mais tarde comezamos a darlle forma a maqueta do libro no seu estudio, na Fundición Nautilus.

Agora, coa perspectiva do tempo vivido e gozado, non concibo un lugar nin unha compañía mellor para ter levado a cabo esta historia. Mentres nós traballabamos na selección de fotos e debuxos, e na confección da maqueta, Sagar e outros moitos músicos ensaiaban; Nacho daba vida a seus personaxes; ou divagábamos sobre algunha historia peregrina con calquera dos artenautas que a diario frecuentaban, e seguen frecuentando este lugar.

3677_cmc_image_1.jpg.cacheE así, entre bocetos en tinta china, augadas e fotografías fomos dándolle forma o proxecto. Agora sí o libro tiña sentido!, contaba algo máis alá da simple sucesión de fotografías… Fixemos unha primeira maqueta con fotocopias, as cubertas de cartón duro, e o lombo pegado con recortes de pantalóns vaqueiros…Que foi a que lle presentamos o editor…

Sen dúbida, o resultado final é un gran libro, e estou moi feliz por isto, pero nunca esquecerei todo o proceso do traballo previo, a sorte de haber traballado cun compañeiro tan imaxinativo, tan inspirado, tan xenial…

Un día, Guillermo presentoume a Javier Goberna, (un sabio deses que len nas pedras as escrituras dos nosos antepasados), e este levounos ver uns deses petroglifos en Sabarís, onde aparecen os cabalos gravados nunha grande lousa de pedra. Decontado o tiñamos claro: ese sería o principio e o final da historia…, cabalos e homes galopando xuntos nos montes galegos tres mil anos antes… Iso daríalle unha dimensión histórica e o mesmo tempo enlazaba con algúns dos debuxos que Guillermo xa tiña realizado. Ademais, a nosa idea era contar tamén a historia dos cabalos ceibes, non só a tradicional Rapa das Bestas.

3681_cmc_image_1.jpg.cacheCabalos de vento. Curros de pedra está formado por 50 fotografías, dez debuxos, unha augada (a da cuberta), un texto poetizado escrito tamén por Xosé Guillermo, e unha chea de homes e cabalos correndo uns detrás dos outros…

Guillermo optou pola técnica do debuxo, realizando cada peza en tinta china e con cana de bambú. Resoltos con gran mestría en canto as súas proporcións e utilizando poucos trazos, apenas unhas liñas e pouca mancha de negros, de xeito que non se pelexasen coas fotos, e sobre todo, que non desen pé a comparacións que non virían a conto. Pero sobre todo, os de Guillermo son debuxos cunha grande expresividade, cheos de intensidade, de movemento, de gracia, e por suposto, de vida propia.

En canto as fotografías, foron realizadas en branco e negro, intentando capturar a atmosfera dos montes galegos no que viven os cabalos, o movemento das greas correndo en liberdade, e a acción e o nerviosismo na loita cos homes. A pesar de que no libro non aparecen representados todos os curros que se celebran en Galicia, pola selección que fixemos onde só podían incluírse 50 imaxes, porén se realizaron fotografías na maioría deles. Aquí hai fotos dos da Serra da Capelada en Coruña, de Campo do Oso en Mondoñedo, na provincia de Lugo, e dos da Valga, Mougás, Torroña ou Sabucedo en Pontevedra.

En conxunto, as fotos, os debuxos, e mais o texto, conforman unha historia narrativa, que vai contando a vida destes cabalos, desde o monte a o paso polo curro. Partimos da foto da contracuberta dos petroglifos, que como xa falei antes, pretende contarnos que esta historia non e de hoxe, senón que os nosos antigos xa convivían cos cabalos salvaxes nestes mesmos montes. Tamén figura nas primeiras páxinas unha preciosa cita de Virxilio do  Século I a.C. que  Guillermo atopou e dice ” E alí suben as altas rochas, poñense cara ao lado de onde sopra o Céfiro, aspiran as sutís auras e sen outro contacto, son fecundadas polo vento…”

3683_cmc_image_1.jpg.cacheAs primeiras fotos e debuxos amosan os cabalos vagando, ou pastando ceibes no monte. De aí xa comeza a aparecer o home,  xuntando os distintos grupos para pouco a pouco facer unha gran manda que levarán ata a zona onde se celebrará a Rapa. Os cabalos fan  por fin a súa entrada no Curro, entre os aplausos da xente, coma se fosen gladiadores. E comeza a selección dos exemplares, a loita co home, a Rapa, e a marcaxe a ferro.

Na seguinte parte do libro aproveitamos para utilizar, a modo de denuncia, algunhas fotos do bosque queimado, naquel terrible verán do 2006, no que prenderon fogo a toda Galicia e no que moitos animais, non só cabalos, pereceron entre o lume.

Nas últimas páxinas, os cabalos galopan outra vez en liberdade, e regresan os seus montes, alí onde vivirán tranquilos ata o próximo ano…

Como todos imaxinaredes, esta non era a celebración prevista, e síntome triste por iso. Pero estou seguro, que nalgún lugar por aí arriba, hai alguén observándonos, felíz por ver a todos estes amigos reunidos, e orgulloso polo traballo ben feito.

Para acabar, Quero dar as grazas a Manolo Bragado, a Crego, Celia e a toda a xente de Xerais. Quero dar as grazas tamén a toda a marabillosa xente da Fundición Nautilus, pois,  dalgunha maneira, todos participaron deste proxecto. E por último, quero darlle as grazas a Xosé Guillermo; por permitirme traballar o seu lado, polos felices momentos que pasamos xuntos, e por ter sido meu amigo. Xavier Teniente

«Cabalos de vento. Curros de pedra», presentación

Maio 8, 2009

teniente_dousFaro de Vigo na súa edición impresa publica unha reportaxe de Mar Mato sobre Cabalos de vento. Curros de pedra, o libro de Xavier Teniente e Xosé Guillermo que se presenta hoxe en Vigo, ás 20:00 horas, na sede da Fundición Nautilus (rúa Manuel Núñez 16).

Dende os primeiros tempos do home, a Serra da Groba exerceu sobre o humano unha atracción sometida a forza da beleza da paisaxe así como dos seus habitantes, os cabalos salvaxes. Os primeiros artistas que plasmaban en pedra as súas creacións deixaron nos petroglifos desta montaña a súa veneración por estes equinos. Nos albores do século XXI, os artistas seguen profesando ese amor. A última homenaxe parte do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, falecido hai uns meses. Ambos, traballaron durante os últimos anos nun proxecto de inmensa beleza que agora acaba de publicar Xerais baixo o título de Cabalos de vento. Curros de pedra.

A través de 50 fotos e outros tantos debuxos, Teniente e Guillermo captan a “atmosfera dos montes galegos” nunha secuencia que retrata a liberdade e vida dos cabalos salvaxes. Esa magneficiencia plásmase en branco e negro, nunha dualidade lonxe da cor viva para evidenciar a conxelación dun momento fronte ao paso do tempo, fronte ao vaivén de modas e tradicións que poderían empezar a diluírse.

“O recorrer ao branco e negro non foi gratuíto. Queriamos captar a atmosfera do bosque galego así como as situacións que viven os cabalos no seu medio no curro”, explicaba onte Teniente.

Para continuar con esa liña estética, Xosé Guillermo apostou tamén por riscos negros sobre fondo branco coa fin de non rachar o fío narrativo da obra. “El -sinalou o fotógrafo- decidiu facer debuxos con poucos trazos e sen mancha de tinta, acompañándoos con textos seus poetizados”, nunha especie de canto ao cabalo e a súa relación co ser humano a través do paso do tempo.

Defende tamén Teniente a narratividade de Cabalos de vento. Curros de pedra: “Primeiro, empeza a relatar a historia dos cabalos salvaxes cunhas fotografías de petroglifos con cabalos. Estas imaxes dannos a entender que a presenza dos cabalos dos montes non é unha historia de agora senón de hai moitos anos, moitos anos. Despois, a obra vai contando como viven estes cabalos ceibes para logo ir aparecendo o home que os introduce no curro, onde loitan ambos pasando pola rapa e a marca para, finalmente, volver o cabalo aos montes, a súa liberdade.”

Perfectamente editado, belo ao completo e arrebatador, o libro supón unha obra artística en si mesma. Esta tarde, a editorial Xerais preséntaa na Fundición Nautilus (situada na rúa Manuel Núñez, 16, en Vigo) onde realizou os seus proxecto artísticos Xosé Guillermo. A partir das 20:00 horas, Xavier Teniente falará sobre a súa realización, acompañado do editor Manuel Bragado, así como de Antonio Palacios.

Como engadido, os actores Nacho Otero, Marcelo Pena e Sergio Otero porán en escena un espectáculo de mimo con música de Adrián (saxo) e Sagar (contrabaixo).

“Cabalos de vento. Curros de pedra”

Maio 5, 2009

cabalos_tenienteA revista Geo publica unha reportaxe arredor do traballo fotográfico de Xavier Teniente publicado no libro Cabalos de vento. Curros de pedra, no que tamén se incluíron debuxos e poemas de Xosé Guillermo.

Maquetaci—n 1O fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente desaparecido, desenvolveron en Cabalos de vento. Curros de pedra un inédito proxecto de creación visual: o de recoller en fotografía e debuxos a xornada dun curro. O resultado é este formidable e impactante volume de coidadísima edición, onde as fotografías en branco e negro de Teniente dialogan cos debuxos, iconos e textos poéticos de Xosé Guillermo reflectindo toda a fermosura do negro acibeche destes cabalos de vento. Dende a xuntanza das greas na mañanciña da fin de maio, baixo as néboas escuras e grises, até as tarefas de besteiros e aloitadores cando se espreguiza a tarde, este libro constitúe unha das testemuñas máis fermosas que se teñan feito nunca sobre o mundo do cabalo en Galicia e a cultura da rapa das bestas.

Cabalos de Vento. Curros de pedra será presentado o vindeiro venres, 8 de maio, ás 20:00 nas instalacións da Fundición Nautilus de Vigo (rúa Manuel Núñez 16 baixo).  O acto contará coa participación de Antonio Palacios,Manuel Bragado e Xavier Teniente. Poñerase en escea o espectáculo de mimo, “Historias dun cabalo” a cargo dos actores: Nacho Otero, Marcelo Pena, Sergio Otero e dos músicos: Adrián (saxo) e Sagar (contrabaixo).

Xerais, novidades de abril

Abril 7, 2009

xg00152001Neste mes, o abril dos libros, Xerais poñerá nas librarías once títulos.

Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas O’ Salto do Can de Jorge Llorca e Tempo de centeo de Xosé Fernández Ferreiro.

Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.

En colaboración coa Radio Galega e AGADIC o disco libro do IIIº Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

En Xerais Crónica, Galicia solidaria, obra coordinada por Xulio Ríos e Carlos Teijo, membros do IGADI.

En Xerais Manuais Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés, que será presentado, o 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro.

xg00154401Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de choiva de Ánxela Gracián, ilustrado por Daniel Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé TomásDona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.

Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido.

Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

Xaneiro 10, 2009

O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau,  A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.  Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado  o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición  infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela  Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección,  tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.

(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.