A revista Geo publica unha reportaxe arredor do traballo fotográfico de Xavier Teniente publicado no libro Cabalos de vento. Curros de pedra, no que tamén se incluíron debuxos e poemas de Xosé Guillermo.
O fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente desaparecido, desenvolveron en Cabalos de vento. Curros de pedra un inédito proxecto de creación visual: o de recoller en fotografía e debuxos a xornada dun curro. O resultado é este formidable e impactante volume de coidadísima edición, onde as fotografías en branco e negro de Teniente dialogan cos debuxos, iconos e textos poéticos de Xosé Guillermo reflectindo toda a fermosura do negro acibeche destes cabalos de vento. Dende a xuntanza das greas na mañanciña da fin de maio, baixo as néboas escuras e grises, até as tarefas de besteiros e aloitadores cando se espreguiza a tarde, este libro constitúe unha das testemuñas máis fermosas que se teñan feito nunca sobre o mundo do cabalo en Galicia e a cultura da rapa das bestas.
Cabalos de Vento. Curros de pedra será presentado o vindeiro venres, 8 de maio, ás 20:00 nas instalacións da Fundición Nautilus de Vigo (rúa Manuel Núñez 16 baixo). O acto contará coa participación de Antonio Palacios,Manuel Bragado e Xavier Teniente. Poñerase en escea o espectáculo de mimo, “Historias dun cabalo” a cargo dos actores: Nacho Otero, Marcelo Pena, Sergio Otero e dos músicos: Adrián (saxo) e Sagar (contrabaixo).
Etiquetas: cabalos_de_vento_curros_de_pedra, fundición_nautilus, vigo, xavier_teniente, xosé_guillermo
Deixar unha resposta