O vindeiro xoves, 1 de outubro, ás 20:00 horas presentarase na Coruña Pirata, a novela máis recente de María Reimóndez. No acto, que terá lugar na Sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae, acompañaran á autora a escritora Yolanda Castaño, o músico Xabier Díaz e o editor Manuel Bragado.
Archive for the ‘Presentacións’ Category
«Pirata», presentación na Coruña
Setembro 28, 2009«Mercurio», presentación en Vigo
Setembro 25, 2009Hoxe, venres 25 de setembro de 2009, ás 20:00 presentarase na Casa do Libro de Vigo Mercurio, a novela de Emilio Alonso gañadora do Premio La Voz de Galicia 2008. O editor Manuel Bragado acompañrá ao autor.
Agustín Fernández Paz en «Libro aberto»
Setembro 15, 2009Agustin Fernández Paz visita esta noite o programa Libro aberto (TVG, martes 15 de setembro, 0:15 horas) para presentar Lúa do Senegal, a súa novela máis recente.
Por mares de tinta e cantos de serea
Setembro 7, 2009Organizada polo club de lectura «Gálix. Tendendo redes», o sábado, 26 de setembro, desenvolverase en Baiona e arredores unha xornada de actividades que baixo o lema de »Por mares de tinta e cantos de serea» xirará arredor da obra O libro das viaxes imaxinarias de Xabier Docampo e Xosé Cobas.
Os actos comezarán entre 10:00 e 10:30 horas na cafetaría Monterrei (Rrúa Ramón y Cajal, 5), onde as participantes serán recibidas polos membros do Instituto de Estudos Miñoranos, anfitrións da xornada.
Entre 11:00 e 12:00 horas, visita á colexiata de Baiona e percorrido polo casco de Baiona guiado por Xosé Lois Vilar, membro do IEM.
As 12,00 horas, embarco no Real Club Náutico de Baiona na goleta Nauja e travesía até as illas Cíes. Durante o percorrido, Xosé Lois Vilar dará conta da historia da recuperación da goleta e do proxecto dos seus usos actuais.
Entre as 13:00 e as 14:00 horas, fondeados na baía das Cíes, Xabier DoCampo fará unha intervención sobre a tradición oral e a narrativa de viaxes.
Entre 14:00 e 15:00 horas, picnic (empanas de atún, crne e polbo; bocatas fríos; froitas; sobremeas doces; bebidas e refrescos).
Entre 15:00 e 16:00 horas, escrita por prates dos asistentes dunha mensaxe para os rapaces e rapazas de hoxe no que se reflicta a necesidade de transmitir a cultura de tradición oral.
Entre 16:00 e 16:30: café e paseo (opcional).
Entre 16:30 e 17.30 horas, Xosé Cobas fará unha intervención no que abordará o proceso de ilustración d’ O libro das viaxes imaxinarias.
Entre 17:30 e 18:30 horas, travesía e regreso a Baiona.
A xornada está organizada por Gálix, coa colaboración do IEM e de Xerais. O prezo por persoa é de 44 euros, incluíndo a viaxe na goleta, picnic e participación nos talleres). As persoas interesadas en participar na xornada poden solicitar a súa inscrición no correo electrónico coa secretaría de Gálix (galix@galix.org) ou chamando aos teléfonos 650 93 89 72 ou 981 58 98 83. A data límite de inscrición é o 21 de setembro.
María Reimóndez na Coruña
Setembro 2, 2009María Reimóndez, autora d’ O club da calceta e Pirata, entre outras novelas recentes, participará mañá xoves, 3 de setembro, nas veladas literarias organizadas baixo a denominación «Os xoves da rúa Tabernas». No acto, que comezará ás 17:00 horas nas instalacións da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, as actrices Elina Luaces e Laura Ponte interpretarán monólogos d´O club da calceta adaptados por Teatro do Morcego.
Presentación de «Escapado» en Fisterra
Agosto 27, 2009O día 4 de setembro, venres, ás 20 horas, no Salón de Plenos do concello de Fisterra será presentada Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luis Lamela. O autor estará acompañado no acto polo escritor e poeta Modesto Fraga.
A noticia da presentación na edición de Carballo de La Voz de Galicia.
«Escapado» noticia en «La Voz de Galicia»
Agosto 5, 2009Xosé Ameixeiras publica en La Voz de Galicia unha ampla noticia sobre Escapado, a primeira novela de Luis Lamela. A obra será presentada o vindeiro día 7, venres, ás 21 horas, no salón de actos do colexio do Pindo-Carnota, dentro das actividades culturais das festas de San Clemente 2009 organizadas pola Asociación Cultural PEDRAMAR do Pindo. Escapado será presentado o día 13 na Feira do Libro de Cee.
Luis Rei Núñez na Feira do Libro da Coruña
Agosto 4, 2009Mañá mércores, ás 20:00 horas, Luis Rei Núñez presentará na Feira do Libro da Coruña Monte Louro, a novela gañadora do Premio Blanco Amor 2009. Acompañarán ao autor, o escritor Xavier Seoane e o editor Manuel Bragado.
«O arco da vella» na Feira do Libro da Coruña
Agosto 4, 2009Mañá mércores, 5 de agosto, ás 18:00 horas celebrarase na Feira do Libro da Coruña un acto arredor do libro O arco da vella, de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás. No acto participaran os autores que contarán para os nenos e nenas.
«Me matan por sen bueno»
Agosto 4, 2009Xesús Alonso Montero foi entrevistado por Faro de Vigo e La opinión da Coruña con motivo da presentación de Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) que realizou onte na Feira do Libro da Coruña.
Neira Vilas na Feira do Libro da Coruña
Agosto 3, 2009O martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, dentro do programada de actividades da Feira do Libro da Coruña, Xosé Neira Vilas presentará Lóstregos, o libro de xornalismo polo que obtivo o premio Manuel Reimóndez Portela. A partir das 19:30 horas, o autor de Gres asinará exemplares das súas obras.
Enrique Vázquez Pita presentou «Sanson Troleyro»
Agosto 2, 2009La Voz de Galicia fíxose eco do acto de presentación na Feira do Libro de Vigo de Sansón Troleyro. Estudante de pan e sardiña, a primeira novela de Enrique Vázquez Pita no catálogo da editorial, coa que tamén inicia unha triloxía para a colección Fóra de Xogo. Na foto de Óscar Vázquez o novelista coruñés acompañado do director da editorial.
«Escapado» de Luís Lamela
Xullo 28, 2009Esta semana chega ás librarías Escapado. Do Monte do Pindo ao exilio, pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luís Lamela, un dos investigadores máis importantes sobre a memoria republicana de Galicia.
Escapado. Do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón de Luís Lamela García quere lanzar a mensaxe de que é moito máis importante recordar que comprender, por que a memoria sempre pode ser verdadeira, aínda que ás veces sexa falsa. Unha novela que quere ser unha crónica na que se mestura a vida e a morte, o pasado e o presente, a realidade e a ficción. Unha obra de lectura engaiolante que enlaza a historia e a memoria, e nas que as relacións temporais están, tamén, unidas por espazos reais: o monte do Pindo, Fisterra e a ría de Corcubión, a illa de San Simón, as frontes da guerra civil española, o exilio francés e americano, o desexado retorno ás raíces do Pindo… Un percorrido pola esperanza perdida e a traxedia dos vencidos dunha guerra civil, a de 1936, que cambiou drasticamente a vida de toda unha xeración ilusionada e apaixonada. Unha traxedia que, polo que a Teófilo Caamaño se refire, o protagonista principal da narración, aínda non terminou.
Escapado será presentado por vez primeira na Feira do Libro de Cee (que se celebrará a mediados do mes de agosto), e xa co comezo da nova tempada literaria, na cidade da Coruña.
“Lóstregos” de Xosé Neira Vilas premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela
Xullo 27, 2009Xosé Neira Vilas obtivo o XIV premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela, organizado pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, polas colaboracións que ven publicando en El Correo Gallego baixo o epígrafe «Lóstregos». Concesión do premio que coincide coa chegada estes días ás librarías galegas do libro homónimo no que Neira Vilas recolle un centenar destes traballos.
Aparecen neste libro de Xosé Neira Vilas cen textos, outros tantos lostregueos escintilando no espazo e no tempo. Cen variados temas que informan, analizan ou denuncian cuestións que atinxen ao mundo que nos arrodea ou acontecementos pretéritos que dalgún xeito inciden nas nosas vidas. Así, a Amazonia en perigo, a fuxida de cerebros, os dereitos indíxenas, o fogar cubano de Hemingway, o cambio climático, os galegos no canal de Panamá, o centenario de Laxeiro, a defensa da lingua galega, a prensa dos emigrantes, o problema da auga, os biocombustibles, os noventa anos de Mandela… Todo tratado con rigor documental e cunha prosa ben traballada, áxil, precisa, modelo de xornalismo, no que alternan a crónica, a memoria e o afán de expresar en poucas palabras todo o que o autor nos vai contando.
Lóstregos será presentado na Feira do Libro da Coruña o martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, nun acto no que Xosé Neira Vilas será acompañado polo editor Manuel Bragado.
Xerais na Feira do Libro da Coruña
Xullo 24, 2009Na Feira do Libro da Coruña, que se celebrará nos xardíns de Méndez Núñez, do 1 ao 10 de agosto, Xerais ten programadas as seguintes actividades:
Día 1. Sábado
18.30 O escritor e xornalista Manuel Rivas asinará exemplares do seu libro O sombreiro chichiriteiro e de toda a súa obra.
Día 3. Luns
20.00 Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), publicado por Edicións Xerais de Galicia e Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, publicado pola Editorial Galaxia.
Día 4. Martes
19.30 Xosé Neira Vilas asinará exemplares dos seus libros.
21.00 O escritor Xosé Neira Vilas, presenta o seu libro Lóstregos. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.
Día 5. Mércores
18.00 A feira dos nenos. Acto arredor do libro O arco da vella, de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás. Participarán os autores do libro.
20.00 O escritor e xornalista Luis Rei Núñez presenta o seu libro Monte Louro, (Premio Blanco Amor de novela 2009). Xunto co autor, participarán no acto o escritor Xavier Seoane e Manuel Bragado.
Día 6. Xoves
19.00 O escritor e xornalista Carlos G. Reigosa asinará exemplares do seu libro (Premio Torrente Ballester de novela 2008) A vida do outro.
Día 7. Venres
20.00 Xabier P. Docampo (autor) e Xosé Cobas (ilustrador), asinarán exemplares d‘ O Libro das viaxes imaxinarias (Premio Irmandade do Libro 2009 da Federación de Libreiros de Galicia).
Xerais no Festigal 2009
Xullo 24, 2009Hoxe no seo de Festigal realizaranse as presentacións de dous dos nosos libros da colección de ensaio: ás 18:00 horas O natural é político de Teresa Moure e ás 19:30 Nos camiños do entusiasmo de Goretti Sanmartín. En senllos actos as autoras estarán acompañadas polo editor Manuel Bragado.
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”, presentación en Santiago
Xullo 2, 2009O vindeiro mércores, 8 de xullo, ás 20:00 horas, na libraría Couceiro (Praza de Cervantes 6) de Santiago de Compostela terá lugar a presentación do libro de Xesús Alonso Montero Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto o autor estará acompañado do editor Manuel Bragado.
“Pirata”, presentación en Vigo
Xuño 29, 2009María Reimóndez presentará mañá, martes 30 de xuño, Pirata, a súa terceira novela. No acto, que terá lugar no salón noble do Club Náutico de Vigo, actuará o cantante Xabier Díaz.
Dez razóns para ler “Monte Louro”
Xuño 29, 2009Recollemos un fragmento da intervención que sobre a novelagañadora do Blanco Amor 2009 Monte Louro de Luís Rei Núñez leu o crítico e profesor Armando Requeixo durante o acto de presentación en Burela, o pasado 30 de maio.
…. Cando teñan ocasión de se achegar ás páxinas de Monte Louro descubrirán unha historia fascinante protagonizada por un neno muradán, que logo se fará mozo barcelonés e que acabará por vivir o seu tempo de adulto no Bos Aires dos anos setenta e oitenta do pasado século. As case setecentas páxinas nas que se relata esta intensa peripecia vital agochan en cada recanto moitas e moi fundadas razóns para convencer da necesidade da súa demorada lectura, pero, coa intención de que se deixen atrapar polo engado desta narración, voume permitir agora enunciarlles dez motivos polos cales coidou o xurado que Monte Louro tiña por forza que ser este ano a novela gañadora do certame:
1. En contadas ocasións se ten dado na historia da literatura galega recente a escrita dunha historia onde os personaxes que a poboan fosen caracterizados cunha profundidade psicolóxica tan reveladora, tan certeira, de tanta fondura.
2. Moi poucos escritores de noso poden presumir dun dominio e dunha plasticidade tan abraiante nas descricións e no profundar nas psiques de personaxes de ambos xéneros, facendo cribles por igual as máis diversas vivencias de mulleres e homes de distinta condición, idade e circunstancia.
3. Admira o realismo e a verosimilitude coa que se recrean escenarios, tempos e espazos, demostrando un sorprendente traballo de documentación que tivo que ter presente un lapso de tempo moi dilatado e localizacións moi diferentes.
4. Salienta a habelencia do autor á hora de lograr unha perfecta integración dun abano de personaxes variado e numeroso en moitos feitos paralelos ou sucesivos que se orquestran nunha estrutura superior sólida e coidada.
5. A novela ten a virtude de relatarnos a trama facendo progresar a acción dosificadamente, conseguindo así manter sempre a atención e a tensión narrativas, evitando caer en devalos, reiteracións ou excursos innecesarios.
6. O estilo da prosa é moi elaborado, cun galego vizoso e unha adxectivación e uso de modismos ben acaídos que fan de moitos parágrafos da obra pezas maxistrais polo seu resaibo poético.
7. Os diálogos da novela están instalados nun verismo convincente e en todo momento se fan cribles e recoñecibles.
8. A narración incorpora no seu seo citas e referencias máis ou menos explícitas a moitos e moi variados autores da literatura universal; ora ben, faino dun xeito tal que, lonxe de pedanterías metaliterarias ao uso, acaba por fundir esa tradición en homenaxes ben traídas que serven para tecer unha inconfundible voz de seu.
9. A acuidade e delicadeza coa que se formulan e resolven as grandes cuestións do ser humano nesta obra sorprende dende a primeira ata a última páxina. O amor, a morte, a amizade, a loucura, a incomprensión, o medo, a ira, a tristura viven nos personaxes da novela, facéndoos tan humanos e próximos a nós que é inevitable sentirnos retratados neles en maior ou menor medida e recoñecer nas súas vivencias as nosas propias paixóns e debilidades.
E 10. A ambición e o alento que anima unha novela de máis de medio milleiro de planas esixe unha orquestración estrutural e un labor de esmerilado de todas e cada unhas das múltiples láminas que a van engrosando tan grande que só un escritor extraordinariamente dotado é quen de afrontar o reto con posibilidades de éxito. Armando Requeixo
“Pirata”, presentación en Vigo
Xuño 26, 2009O vindeiro martes, 30 de xuño, ás 20:30 no salón noble do Club Náutico de Vigo presentarase Pirata, a máis recente novela de María Reimóndez. Acompañarán á autora o editor Manuel Bragado e o cantante Xabier Díaz.
“Makinaria”, presentación en Dodro
Xuño 25, 2009Mañá, 26 de xuño, ás 12:00 horas no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro presentarase Makinaria, o poemario máis recente de Carlos Negro. No acto o autor estará acompañado por Fran Alonso.
“A vida do outro” de Carlos G. Reigosa nos medios
Xuño 25, 2009A vida do outro de Carlos G. Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008, foi presentado no día de onte en roda de prensa na sede da Deputación da Coruña. Nesta anotación enlazamos toda a información recollida nos medios.
- “Un espello no que atopar o rostro” (Galicia Hoxe)
- “A Deputación da Coruña publica A vida do outro a través de Xerais” (La Opinión)
- “Carlos G. Reigosa presenta la novela A vida do outro, ganadora del vigésimo Premio Torrente Ballester” (La Voz de Galicia)
- “Sae ao mercado o último premio Torrente Ballester” (El Ideal Gallego)
- “A Deputación da Coruña publica A vida do outro de Carlos G. Reigosa” (El Correo Gallego)
- “Reigosa: A vida do outro é unha novela sobre o que a Transición fixo en nós” (Diario de Ferrol)
- “A Deputación da Coruña publica A vida do outro de Carlos G. Reigosa” (Xornal.com)
“Monte Louro”, presentación na Pobra do Caramiñal
Xuño 23, 2009O vindeiro venres, 26 de xuño, ás 20:30 horas terá lugar no Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal a presentación de Monte Louro, a novela de Luís Rei Núñez gañadora do premio Blanco Amor 2009. No acto acompañarán ao autor, Armando Requeixo (crítico), Manuel Bragado (editor), Antón Riveiro (presidente de Barbantia), Encarna González (concelleira de Cultura) e Isaac Maceiras (alcalde da Pobra do Carmiñal). A presentación está organizada por Xerais, a Asociación Cultural Barbantia e o concello da Pobra do Caramiñal.
“Cartas de republicanos galegos condenados a morte”, presentación en Vigo
Xuño 23, 2009O vindeiro xoves, 25 de xuño, ás 20:00 horas, nas instalacións do MARCO (antigo cárcere) de Vigo, presentarase o máis recente libro do profesor Xesús Alonso Montero, Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto acompañarán ao autor Alfonso Álvarez Gándara (decano do Colexio de Avogados de Vigo), Carlos Núñez e o editor Manuel Bragado.
“A vida do outro”, presentación na Coruña
Xuño 22, 2009O vindeiro mércores, 24 de xuño ás 11,00 horas, na sede da Deputación da Coruña, terá lugar a roda de prensa presentación do libro A vida do outro de Carlos G. Reigosa, Premio Torrente Ballester, 2008 convocado pola Deputación da Coruña. No acto intervirán: Salvador Fernández Moreda (Presidente da Deputación da Coruña), Manuel Bragado (Director de Xerais) e Carlos G. Reigosa.
«O libro das viaxes imaxinarias», presentación en Gondomar
Xuño 17, 2009A libraría Libraida de Gondomar acolle o venres 19 de xuño, ás 20.30 horas, a presentación de O libro das viaxes imaxinarias, a última obra de Xabier P.Docampo, ilustrada por Xosé Cobas Gómez. Ao acto asistirán o autor e o ilustrador e estará presentado polo escritor e profesor Gonzalo Navaza.
“Monte Louro”, presentación en Pontevedra
Xuño 17, 2009Monte Louro, a novela de Luís Rei Núñez, gañadora do Premio Blanco Amor 2009, será presentada o vindeiro xoves, 18 de xuño, ás 20:00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia, Edificio Café Moderno de Pontevedra. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra e a editorial, participarán Armando Requeixo, Manuel Bragado e o autor.
“De provincia nación”, no Café Volter de Vigo
Xuño 12, 2009O vindeiro martes 16 de xuño ás 20 horas, Justo Beramendi convesará no Café Volter de Vigo sobre o seu libro De provincia a nación. Historia do galeguismo político (Premio Nacional de Ensaio 2008) con Luís Domínguez e Camilo Nogueira. O acto desenvolverase nas instalacións da Fundación Casares de Vigo, situadas en Elduayen 36, 2º (antigo edifico Asefal).
“Pingueiras e tarteiras” de Teresa González Costa presentación no Grove
Xuño 9, 2009Esta semana chega ás librarías Pingueiras e tarteiras, a peza de Teresa González Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María de literatura dramática infantil.
No Castelo Grisallo todo é gris: desde o maimiño da raíña Otilia ata a súa cunca de porcelana inglesa. E tamén chove moito. A Súa Maxestade xa está cansa de colocar tarteiras debaixo das pingueiras. Pero un día chegan pola porta os catro membros do Circo do Paraugas: Chapeu Torto, o director-capitán; Culleriña, a funambulista-tripulante; Pelo Teso, o mimo-tripulante e Zapatóns, o pallaso-tripulante. Na sala do Castelo Grisallo, onde todos os días eran iguais, os membros do Circo do Paragugas coas súas brincadeira e xogos rematarán co soberano aburrimento. Pouco a pouco os membros desta compañía de circo -que outrora fora esplendorosa- daranlle cor a tanta monotonía. E farán que a mesma choiva soe a música: a música das pingueiras nas tarteiras.
Pingueiras e tarteiras de Teresa González Costa, a peza gañadora do IIIº Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, foi definida no ditame do xurado como unha “apoloxía da ledicia e da fantasía que ofrece unha visión atípica e desmitificadora de personaxes arquetípicos”. Unha obra que recorre a xogos de palabras para contar como a chegada dunha compañía de circo cambia a vida gris dun castelo. Esta primeira edición de Xerais e AGADIC foi ilustrada por Rodrigo Chao.
Pingueiras e tarteiras, así como Sempre quixen bailar un tango, tamén da autora, gañadora do Premio Álvaro Cunqueiro de literatura dramática 2008, presentarase o vindeiro sábado, 13 de xuño, ás 19,30 na Festa das Letras e do libro, que se celebrará na Praza de Arriba do concello do Grove e na que a concellaría de Cultura do Grove homenaxeará á autora.
Mar Guerra no CEIP Montemogos
Xuño 2, 2009Recollemos a anotación publicado no blog do CEIP Montemogos sobre a presenza no centro da escritora Mar Guerra para presentar o seu Xenaro e o misterio da mochila verde, obra gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008. Ao longo dos últimos meses Mar Guerra participou en moitos actos semellantes en diferentes centros escolares e bibliotecas.
Homenaxe á Cidade da Liberdade
Maio 25, 2009Foi un espectáculo literario-musical dunha emotividade cativante. A verdade é que Rivas, ademais de saber escoller ben os seus artistas colaboradores (que foron un bon lote), soubo transmitir un coruñesismo cheo de sentimentos positivos sobre un presente que se ergue sobre unha historia libertaria repleta de heroicidades, despois decapitada polo franquismo. Heroicidades da muller e o home da rúa, da vangarda ideolóxica europea que eran os anarquistas herculinos do primeiro cuarto de século XX. Foi unha actuación memorábel en que o público, con Teatro Rosalía completo, tivo o aplauso a flor de pel desde os primeiros cinco minutos até o final. Así é un pracer asistir a actos literarios. Todos os que nos atrevemos a pisar os escenarios deberiamos tomar nota. Alfredo Ferreiro.
“O ‘ Salto do Can”, presentación en Ferrol
Maio 25, 2009O ‘ Salto do Can, a novela de Jorge Llorca presentarase por vez primeira o vindeiro xoves, 28 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rubalcava, 30-32. Esquina rúa María de Ferrol.). No acto acompañarán ao autor o escritor Xabier P. DoCampo e o editor Manuel Bragado.
Celanova, presentación de “Conversas con Celso Emilio Ferreiro”
Maio 22, 2009A edición de Ourense de La Voz de Galicia informa hoxe da presentación de Conversas con Celso Emilio Ferreiro celebrada onte na Casa dos poetas de Celanova. No acto participaron Luís Ferreiro (director da Fundación Celso Emilio Ferreiro), Antonio Mouriño (alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez), Ramón Nicolás (autor do libro) e Manuel Bragado.
“Pirata” de María Reimóndez
Maio 20, 2009Hoxe, ás 20:30 horas preséntase no Teatro Jofre de Ferrol O club da calceta, a película de Antón Dobao baseada na novela homónima de María Reimóndez. Coincidindo con esta estrea, anunciamos a aparición nas librarías na primeira semana de xuño da terceira e agardada novela da narradora lucense, Pirata.
A Mark Read levoulle moito tempo atopar o seu lugar. Mais aquí está, na cuberta do Williams. Despois da guerra en Flandres, da súa infancia como criado, das súas aventuras na mariña mercante, á fin atopou a súa identidade como pirata. Mais se cadra a súa busca non está completa, se cadra aínda lle queda moito por contar. Na súa historia falta aínda a coraxe de Anne Bonney e as preguntas que nin sequera Madame Ébano foi capaz de contestar. Están todas aínda abertas no mar.
Pirata de María Reimóndez é unha novela que fala da busca da identidade, da loita atroz pola liberdade en tempos difíciles e da esperanza de poderse sentir no fogar, mesmo nos lugares máis insospeitados. No marco real do século XVIII as súas personaxes deixan no mar estelas que falan das múltiples posibilidades da vida.
María Reimóndez abriu recentemente un blog da novela, onde se abordarán algúns dos contidos desta novela de loita pola liberdade en tempos dífíciles. Nos próximos días publicaremos un adianto para descargar.
Homenaxe á Cidade da Liberdade
Maio 20, 2009O sábado 23, ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro celebrarase a “Homenaxe á Cidade da Liberdade”, un acto literario arredor da novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal. A entrada é de balde. [Premer sobre o cartel para velo máis grande ou imprimilo]
A boca da literatura e a da canción, as palabras e a música, a poesía e os tangos, entrelazan e levedan nunha conmoción sen tregua sobre o escenario. A fonte que inspira este encontro é a novela Os libros arden mal*, de Manuel Rivas, que ten por escenario a cidade da Coruña. Desta obra, co gallo da súa publicación en Francia, o xornal Le Monde dixo que provoca no lector “emoción, asombro, marabilla e pracer”.
O punto de arrinque desta “historia dramática da cultura” é un feito real, o da queima de libros que tivo lugar en agosto de 1936 nas proximidades da dársena coruñesa. Aquelas fogueiras tentaban queimar para sempre o corazón libertario da cidade. Porque se hai unha esencia fundacional da Coruña é o amor pola liberdade.
Fronte a esa pulsión totalitaria, que trata de controlar o poder as mentes, resiste e xermola a enerxía do desexo e a re-existencia, a que se expresa a través da literatura, a música e a memoria das que o historiador Ranahit Guha chamou as “voces baixas” ou silenciadas da humanidade.
Esta posta en escena conta coa participación de: Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndrez (voz tangos), Gastón Rodríguez (guitarra), Pulpiño Viascón (voz, gaita, serrucho). Está prevista a participación doutros músicos invitados.
“Ramón Piñeiro. Os días ocultos”, presentación no Grove
Maio 15, 2009O sábado, 16 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Lembrabza Sargadelos do Grove (rúa Castelao 52 A) presentarase a novela de Daniel Ameixeiro, Ramón Piñeiro. Os días ocultos. O autor estará acompañado no acto do editor Manuel Bragado.