Hoxe no seo de Festigal realizaranse as presentacións de dous dos nosos libros da colección de ensaio: ás 18:00 horas O natural é político de Teresa Moure e ás 19:30 Nos camiños do entusiasmo de Goretti Sanmartín. En senllos actos as autoras estarán acompañadas polo editor Manuel Bragado.
Posts Tagged ‘nos_camiños_do entusiasmo’
Xerais no Festigal 2009
Xullo 24, 2009«Nos camiños do entusiasmo», nova en «La Voz de Galicia»
Abril 1, 2009La Voz de Galicia faise eco da presentación do último ensaio da profesora Goretti Sanmartín.
«Nos camiños do entusiasmo», presentación na Coruña
Marzo 27, 2009Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, o máis recente ensaio de Goretti Sanmartín, presentarase o vindeiro luns, 30 de marzo, ás 20:30 horas, na Asociación Alexandre Bóveda, rúa dos Olmos 16-18, 1º da Coruña. O acto contará coa participación da autora e do profesro Xosé Manuel Sánchez Rei.
«Nos camiños do entusiasmo», crítica no «Faro da Cultura»
Marzo 26, 2009Marga Romero publica unha crítica no «Faro da Cultura» de hoxe sobre o ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo.
«Nos camiños do entusiasmo», crítica de Fernán Vello
Marzo 9, 2009O noso colega o editor e escritor Miguel Anxo Fernán Vello publica hoxe na súa columna «Caderno aberto» de Galicia hoxe unha crítica do ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo. Reproducimos un texto moi interesante:
Proposta de lectura
Estando como están as cousas –a res publica, entendámonos–, aquí, en Euskadi e en Madrid –mais sobretodo aquí, na grisalla Galiza de hoxe mesmo–, nunca está de máis obtermos certa paz creativa e intelixente, certo acougo construtivo e liberador, através da lectura. Si, mediante a lectura dun libro, dun bo libro. E non por ánimo de fuxida do mundanal ruído, nin por desexo ningún de afastamento da realidade punxente que nos ocupa. Máis ben porque a lectura –unha lectura particular e conscientemente decidida– non só é antídoto contra a mediocridade que reinou, que reina e que reinará –iso é indubidábel, a non ser que aconteza un milagre–, senón porque a lectura mesma, con todo o seu poder de iluminación, abre espazos por onde transitarmos coas únicas armas das que sempre gustamos e que nos permiten avanzar superándomos todo atranco: a razón e o coñecemento. E todo isto vén a conto porque chegou ás miñas mans un libro que permite expresar todo o anterior; unha obra que invadiu e invade, con gran pracer, as miñas horas actuais. Goretti Sanmartín Rei é a autora de Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, un ensaio publicado por Xerais que debe obter –e máis nos tempos que corren– a maior atención por parte dos lectores e que, na miña opinión, é unha obra moi oportuna e necesaria, un conxunto de reflexións que deben ser compartidas. A profesora Sanmartín, con gran rigor e metodoloxía dialéctica, leva a cabo na súa obra unha crítica sobre o tempo perdido no que atinxe á normalización do galego nos últimos anos, tanto dende a perspectiva política como dende a académica, e fai unha chamada a entendermos tamén a defensa do idioma galego como un proceso de mellora da calidade da lingua que empregamos, xa que así –di a autora, e nós partillamos a idea– «estamos a facer país». Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación é unha obra que non deberan deixar de ler, en ningún caso, todos os políticos, todos, deste país, en materia lingüística case sempre ao pairo. Miguel Anxo Fernán Vello.
Goretti Sanmartín, entrevista en «Galicia hoxe»
Marzo 2, 2009Manuel Vidal Villaverde publica nas páxinas de Galicia hoxe unha longa entrevista con Goretti Sanmartín Rei con motivo da publicación do seu ensaio Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación.
Recollemos un dos parágrafos referidos ás características do ensaio:
No meu libro mestúranse dous planos. Entre o entusiasmo e a subxectividade do título e a obxectividade máis académica do subtítulo (Calidade da lingua e planificación), coido que precisamos moito máis o primeiro, o que nos concede a razón de ser, a vontade de existirmos colectivamente. Porén, o subtítulo non deixa de ser importante ao pretender ligar indisolublemente calidade da lingua e planificación; isto é, a miña pretensión é demostrar que non existe ningunha planificación acaída para a nosa realidade sen calidade da lingua, un espazo onde, por tanto, debemos confluír para sobrevivir, para formarmos parte da nación temos de establecer un vínculo arredor da nosa lingua imaxinada, un vínculo que permite a heteroxeneidade de estilos e, en menor medida, de escollas, mais unha vinca en que nos recoñecermos.
Goretti Sanmartin entrevistada polo «Diario Cultural»
Febreiro 13, 2009O «Diario Cultural» da Radio Galega entrevistou onte a Goretti Sanmartín con motivo da presentación do seu libro Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación. A entrevista pode escoitarse aquí.
«Nos camiños do entusiasmo», presentación
Febreiro 9, 2009O vindeiro xoves, 12 de febreiro, ás 20:30 horas na Libraría Pedreira (rúa do Home Santo 55) de Santiago presentarase Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín.
O acto contará coa participación da autora e de Xosé Manuel Sánchez Rei, Teresa Moure e Manuel Bragado.
Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensamento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente.
«Nos camiños do entusiasmo», ensaio de Goretti Sanmartín
Xaneiro 8, 2009Está a punto de chegar ás librarías o ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación.
Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensa-mento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente.