Faro de Vigo na súa edición impresa publica unha reportaxe de Mar Mato sobre Cabalos de vento. Curros de pedra, o libro de Xavier Teniente e Xosé Guillermo que se presenta hoxe en Vigo, ás 20:00 horas, na sede da Fundición Nautilus (rúa Manuel Núñez 16).
Dende os primeiros tempos do home, a Serra da Groba exerceu sobre o humano unha atracción sometida a forza da beleza da paisaxe así como dos seus habitantes, os cabalos salvaxes. Os primeiros artistas que plasmaban en pedra as súas creacións deixaron nos petroglifos desta montaña a súa veneración por estes equinos. Nos albores do século XXI, os artistas seguen profesando ese amor. A última homenaxe parte do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, falecido hai uns meses. Ambos, traballaron durante os últimos anos nun proxecto de inmensa beleza que agora acaba de publicar Xerais baixo o título de Cabalos de vento. Curros de pedra.
A través de 50 fotos e outros tantos debuxos, Teniente e Guillermo captan a “atmosfera dos montes galegos” nunha secuencia que retrata a liberdade e vida dos cabalos salvaxes. Esa magneficiencia plásmase en branco e negro, nunha dualidade lonxe da cor viva para evidenciar a conxelación dun momento fronte ao paso do tempo, fronte ao vaivén de modas e tradicións que poderían empezar a diluírse.
“O recorrer ao branco e negro non foi gratuíto. Queriamos captar a atmosfera do bosque galego así como as situacións que viven os cabalos no seu medio no curro”, explicaba onte Teniente.
Para continuar con esa liña estética, Xosé Guillermo apostou tamén por riscos negros sobre fondo branco coa fin de non rachar o fío narrativo da obra. “El -sinalou o fotógrafo- decidiu facer debuxos con poucos trazos e sen mancha de tinta, acompañándoos con textos seus poetizados”, nunha especie de canto ao cabalo e a súa relación co ser humano a través do paso do tempo.
Defende tamén Teniente a narratividade de Cabalos de vento. Curros de pedra: “Primeiro, empeza a relatar a historia dos cabalos salvaxes cunhas fotografías de petroglifos con cabalos. Estas imaxes dannos a entender que a presenza dos cabalos dos montes non é unha historia de agora senón de hai moitos anos, moitos anos. Despois, a obra vai contando como viven estes cabalos ceibes para logo ir aparecendo o home que os introduce no curro, onde loitan ambos pasando pola rapa e a marca para, finalmente, volver o cabalo aos montes, a súa liberdade.”
Perfectamente editado, belo ao completo e arrebatador, o libro supón unha obra artística en si mesma. Esta tarde, a editorial Xerais preséntaa na Fundición Nautilus (situada na rúa Manuel Núñez, 16, en Vigo) onde realizou os seus proxecto artísticos Xosé Guillermo. A partir das 20:00 horas, Xavier Teniente falará sobre a súa realización, acompañado do editor Manuel Bragado, así como de Antonio Palacios.
Como engadido, os actores Nacho Otero, Marcelo Pena e Sergio Otero porán en escena un espectáculo de mimo con música de Adrián (saxo) e Sagar (contrabaixo).
Etiquetas: cabalos_de_vento_curros_de_pedra, faro_de_vigo, fundición_nautilus, mar_mato, vigo, xavier_teniente, xosé_guillermo
Maio 10, 2009 ás 11:50 pm |
[…] Cabalos de vento. Curros de pedra […]
Maio 13, 2009 ás 3:31 pm |
[…] Curros de pedra” By xerais Reproducimos o texto da intervención de Xavier Teniente na presentación do libro Cabalos de vento. Curros de pedra, realizada o pasado venres, 8 de maio na Fundición […]