Mar Mato entrevista a Agustín Fernández Paz para Faro de Vigo e para La Opinión da Coruña. A conversa céntrase arredor da aparición nas librarías de Lúa do Senegal, a nova novela de Agustín que recibirá o martes, 23 de xuño, en Teruel o Premio Nacional de Literatura Infantil 2009. Recollemos unha parte da conversa:
Tralo éxito de O único que queda é o amor, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2008, Agustín Fernández Paz retornou á súa liturxia de papeis amarelos para escribir. Desta vez, unha nena de dez anos vida de Senegal a Vigo e de nome Khoedi plantexa a dor do desarraigo dos inmigrantes en Galicia, o espazo que ela e outros personaxes califican como “o país das ausencias”. A escasas horas de ser homenaxeado como “O escritor na súa terra” pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, Fernández Paz profundiza sobre a súa última obra, Lúa de Senegal (editado por Xerais e que conta con belísimas ilustracións de Marina Seoane).
–Lúa do Senegal, un título ao que se fai referencia case en cada páxina do libro e mesmo no ritmo de narración.
–É un título que me veu pronto á cabeza cando me metín na historia. Á protagonista, cando chega a Vigo, todo lle parece dististo. O único que recoñece como igual é a lúa que brilla pola noite; ese é o leitmotif que marca paso de tempo. A lúa serve de conexión coa realidade que deixou e a que se atopou. Ademais, a lúa marca tamén o ritmo da narración ao seguir as súas fases tomandas de tres meses do ano pasado.
–Onde comezou a tirar do fío para esta obra?
– Os libros case nunca xorden dun único fío. Recordo do meu caderno de notas a primeira imaxe que anotei sobre un emigrante, non sei de que nacionalidade, de pel negra, traballando no andamio dunha obra. Chamoume a atención. Había tempo que quería abordar o tema da inmigración e apetecíame contalo en forma de historia. Todo acabou plasmándose neste libro.
–Á parte dese obreiro, houbo outros africanos que lle serviron de luz para a narración?
– Non cheguei a coñecer a ningún porque, en realidade, a documentación que conseguín foi amplísima a partir de libros e recortes de prensa que me foron suficientes. Eu o que quería contar realmente era o tema da emigración e escollín Senegal porque parecía atractivo. Tamén falei cunha profesora que estivo cunha ONG na zona e que me deixoume ver centos de fotos.