Archive for the ‘Twitter’ Category

Xerais redeseña o seu catálogo web

Setembro 21, 2009

Dende hoxe pode visitarse o redeseño do catálogo web de Xerais. As maiores modificacións realizáronse na ficha de cada unha das obras nas que a partir de agora se poderán realizar comentarios e valoracións por parte dos usuarios, ademais de facilitar que os contidos se poidan compartir nas diversas redes sociais. A páxina inclúe un buscador para o catálogo vivo,  un catálogo educativo específico, e senllos buscadores para autores, ilustradores e tradutores. A páxina complétase cun espazo para as novidades do mes (presente, ademais, en carrusel), descargas gratuítas de materiais didácticos e de lectura, páxinas de cada un dos tres premios que convoca a editorial (novela, Merlín e Fundación Caixa Galicia). Completan a páxina os enlaces ao blog (que será renovado nas vindeiras semanas) e aos espazos en twitter e facebook que conforman a identidade dixital actual da editorial.

Xerais blog, primeiro aniversario

Abril 6, 2009

Este blog de Xerais chega hoxe ao seu primeiro ano de actividade. Máis de seiscentas anotacións nas que día a día se foi recollendo o latexo proporcionado polos libros da editorial e polos seus autores e autoras, auténticos protagonistas destas páxinas na rede.

O seguimento da presenza dos nosos libros e autores nos medios (tanto impresos como dixitais) foi unha das maiores preocupacións do blog, onde quedaron arquivadas máis de 300 destas anotacións, sendo unha boa parte delas as críticas sobre as novidades deste fecundo período editorial. Tamén concibimos o blog como o primeiro medio para dar conta das noticias da editorial (máis de 200 anotacións), dende a aparición de novidades, convocatorias de actos ou referencias a obras premiadas.

Nos últimos meses, a identidade dixital da editorial enriqueceuse coa presenza en Facebook (onde temos unha importante presenza de vídeos e imaxes) e en Twitter, redes polas que pretendemos apostar aínda máis decididamente nos vindeiros meses, coincidindo coa renovación do propio blog e o redeseño do noso espazo web corporativo.

Agradecemos a todos os usuarios do blog e dos outros espazos dixitais da editorial a súa participación. Concebímolos como ferramentas de comunicación dixital, onde intercambiar información, opinións, críticas e suxestións.

Xerais twitter

Marzo 22, 2009

Continuando coa aposta da editorial pola presenza nas redes sociais e por promover a participación dos lectores dos nosos libros e usuarios dos nosos servizos, dende hoxe tamén pode seguirse a actividade da editorial dende Xerais twitter. Nese espazo de microblogueo publicaranse puntualmente todas as actividades promocionais e novidades máis destacadas da editorial.

Deste xeito a editorial conta cos seguintes espazos en Internet:

Algúns destes espazos, como a web e o blog, están en proceso de profunda modificación do seu deseño e utilidades. Agradecemos todas as suxestións e críticas para a mellora do seu funcionamento.