Recollemos a anotación publicado no blog do CEIP Montemogos sobre a presenza no centro da escritora Mar Guerra para presentar o seu Xenaro e o misterio da mochila verde, obra gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008. Ao longo dos últimos meses Mar Guerra participou en moitos actos semellantes en diferentes centros escolares e bibliotecas.
Posts Tagged ‘mar_guerra’
Mar Guerra no CEIP Montemogos
Xuño 2, 2009Mar Guerra asina na Feira do Libro de Santiago
Maio 1, 2009Mar Guerra asinará exemplares de Xenaro ou o misterio da mochila verde na Feira do Libro de Santiago o sábado, 2 de maio, ás 18:30 horas.
Xerais na Feira do Libro de Santiago
Abril 28, 2009Xerais preparou un completo programa de actividades de animación para a Feira do Libro de Santiago que se inaugurará o vindeiro venres, 1 de maio.
Venres, 1 de maio
13.00 Pregón inaugural a cargo de Teresa Moure.
19.00 O escritor Santiago Jaureguizar, asinará exemplares do seu libro O Globo de Shakespeare (Premio Terra de Melide, 2008)Sábado, 2 de maio
18.30 A escritora Mar Guerra asinará exemplares do seu libro Xenaro e o misterio da mochila verde, gañador do Premio Merlín 2008.Domingo, 3 de maio
18.00 Contacontos arredor do libro O arco da vella, da escritora Charo Pita, publicado na colección Merliño.
19.00 O escritor Daniel Ameixeiro presenta: Ramón Piñeiro. Os días ocultos. Participan Manuel Bragado e o autor. Ao remate da presentación, o autor asinará exemplares do seu libro.Luns, 4 de maio
19.00 O escritor e xornalista Manuel Rivas ofrecerá un recital poético. Ao remate asinará exemplares de O sombreiro Chichiriteiro, A corpo aberto e do resto da súa obra.Martes, 5 de maio
18.00 A escritora Iolanda Eiras presenta o seu libro Baldras o xigante, publicado na colección Merliño. No acto, actuará o coro A Ferradura, do CEIP Pío XII de Santiago de Compostela e unha sección da Banda Artística de Merza. Ao remate do acto, a escritora asinará exemplares do seu libro.
19.00 A escritora Teresa Moure asinará exemplares do seu libro O natural é político.Mércores, 6 de maio
20.00 O escritor Xabier P. DoCampo (gañador do Premio Irmandade do Libro 2008 da Federación de Libreiros de Galicia) e o ilustrador Xosé Cobas asinarán exemplares do Libro das viaxes imaxinarias.
«Xenaro e o misterio da mochila verde» en «Culturas»
Decembro 29, 2008Ramón Nicolás publicou o pasado 13 de decembro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008.
«A chispa de Xenaro», crítica en «lg3»
Decembro 21, 2008Isabel Soto publica no espazo de crítica de lg3 un traballo sobre Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra gañadora do premio Merlín 2008. Entrecollemos algúns parágrafo dun texto titulado «A chispa de Xenaro»:
Un dos principais acertos do relato é precisamente o deseño do personaxe que lle dá nome, pois tanto a súa voz en primeira persoa coma o ton que emprega e a súa maneira de interpretar o mundo espertan o sorriso.
En conxunto, Xenaro e o misterio da mochila verde recrea, con humor e desenfado, un universo cotián e doadamente recoñecible para os lectores e lectoras ao que vai destinado –escola, aula, relacións entre compañeiros, grupo de amigos, contexto familiar, afeccións persoais…–, mais non por iso exento de acontecementos que levan a descubertas inesperadas. A implicación dos lectores e lectoras que se acheguen a estas páxinas procúrase con constantes apelacións que, a miúdo, buscan a súa complicidade, con capítulos de curta extensión e cunha galería de personaxes que combinan trazos tópicos e outros xa non tanto, sempre dende a ollada amable do cronista da aventura, que ben podería repetir noutra entrega.
«Xenaro e o misterio da mochila verde», crítica no «Cartafol»
Decembro 21, 2008Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra gañadora do Premio Merlín 2008, continúa recibindo magníficas críticas. Desta volta é o profesor Manuel Rodríguez Alonso quen no Cartafol de Libros publica un texto no que, entre outras consideracións, salienta: « O Premio Merlín de 2008 apostou por unha novela de aventuras infantil que desenvolve temas propios deste tipo de narrativa cun desenlace sorprendente, pois o suspense é un elemento fundamental deste relato. O lector novo sentirase atraído desde o primeiro momento pola figura do misterioso rapaz da mochila verde para atoparse no remate cun desenlace sorprendente, pero moi acaído nos tempos que corren».
Xerais no Culturgal, actos do sábado e domingo
Decembro 5, 2008Xerais está presente en Culturgal no estand nº 45. Durante o sábado, 6, e o domingo 7 de decembro, organizamos as seguintes actividades:
- Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)
- Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez
e As mellores intencións de Begoña Paz.
- Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:
Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.
Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado
- Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:
Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).
«Xenaro e o misterio da mochila verde» recomendado no «Bule Bule»
Decembro 3, 2008Alba Piñeiro recomenda nas páxinas do suplemento «Bule Bule» d’ A Nosa Terra desta semana Xenaro e o misterio da mochila verde, a novela de Mar Guerra premiada co Merlín de literatura infantil deste ano. Reproducimos tan interesante recomendación:
A xornalista Mar Guerra vén de gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2008 coa súa novela, Xenaro e o misterio da mochila verde. Cuxa definición por parte do xurado coma «un thriller psicolóxico» é de todo atinada. Trátase dunha historia actual que se desenvolve entre rapaces preadolescentes no colexio onde estudan e ao que acaba de chegar un novo alumno, que axiña esperta a curiosidade dos demais.
A concepción do libro, tanto na sua estrutura externa (vinte e tres capítulos) como na interna (argumento e perspectiva narradora a partir do protagonista), exerce unha atracción ao mozo lector ao sentirse identificado por unhas situacións, que lle son familiares, e estar contadas cunha linguaxe directa e chea de humor. Ao longo dos curtos pero intensos capítulos, Xenaro Conese Maiusculo e mais os seus amigos exercerán de detectives para descubrir o «misterio» agochado tras da gran mochila verde e o seu dono. Esta descuberta vai significar tamén un achado de coñecemento a nivel persoal, que lles permitirá entender as causas que levan a cometer certos actos e, sobre todo, a valorar o sentido da palabra amizade. As ilustracións realistas e vivas de Fernando Llorente están en sintonía co ton textual.
«Xenaro e o misterio da mochila verde», presentación
Novembro 24, 2008O mércores, 26 de novembro, presentarase na Coruña Xenaro e o misterio da mochila verde, a obra de Mar Guerra gañadora do Premio Merlín de literatura infantil 2008. O acto, que se celebrará na Libraría Arenas (Cantón Pequeno 25), a partir das 20:00 horas, contará coa participación de Laura Sáez, Manuel Bragado e a autora.
A Xenaro Conese Maiúsculo o que máis lle gusta é xogar coas palabras e ler. Tamén lle gustan os xogos de computador, o xadrez, os cómics, os documentais e a música…; porén, pode parecer un bicho raro porque tamén lle encanta facer de detective e resolver misterios dos que se producen no Universal, o seu colexio. Xirando arredor da amizade e os seus modelos e xogando coa linguaxe e o humor, esta novela de Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2008, ilustrada por Fernando Llorente, foi definida polo xurado como «un trhiller psicolóxico» que desenvolve unha historia cotián de rapaces e rapazas dun centro escolar. Unha viaxe fascinante ao mundo dos nenos e nenas de hoxe.
Entrevista aos tres premiados nos Xerais 2008
Novembro 23, 2008Camilo Franco publica en La Voz de Galicia unha entrevista cos tres premiados nos Xerais 2008, Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil, Marilar Aleixandre do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil e Manuel Lourenzo González do Premio Xerais de novela. Recollemos algúns dos parágrafos do texto:
Os tres consideran que os premios seguen sendo imprescindibles e que a motivación principal é «conseguir que a historia chegue aos lectores», como explica Mar Guerra, autora de Xenaro e ou misterio da mochila verde. Lourenzo apunta na conversa que «hai un efecto de reforzo para o traballo do escritor cando un xurado escolle un libro seu». Para Marilar Alexandre, autora d’ A cabeza de Medusa, «esa escolla significa que alguén gustou do texto, por máis que sabemos que con outro xurado ou resultado podería ser outro».
Os tres son gañadores de premios a libros inéditos, pero preferirían que houbese máis galardóns á obra publicada. Asegura Lourenzo González que «é máis gratificante o premio ao que non preséntache, pero tamén é certo que neste tipo de convocatorias hai vicios de funcionamento que invalidan en parte a súa función». Para Mar Guerra, os premios a libros publicados deberían darse «en condicións de laboratorio para evitar as suspicacias e que a súa referencia sexa válida».
Os tres gañadores dos Premios Xerais 2008 presentarán as súas obras a vindeira semana: Manuel Lourenzo González, o luns 24 en Pontevedra; Mar Guerra, o mércores 26 na Libraría Arenas da Coruña e Marilar Aleixandre, o venres 28 na Fundación Caixa Galicia de Vigo. Todos os actos comezarán as 20:00 horas.
“Xenaro e o misterio da mochilota verde” de Mar Guerra, adianto
Xuño 12, 2008Aquí pode lerse o pdf dun capítulo do orixinal de Xenaro e o misterio da mochilota verde, a novela de Mar Guerra gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil.
Entrevistas en culturagalega.org cos premiados nos Xerais 2008
Xuño 9, 2008Moito agradecemos os documentos sonoros que publica hoxe culturagalega.org. Poden escoitarse as tres entrevistas cos autores premiados nos Xerais 2008.
Premios Xerais 2008, primeiras entrevistas
Xuño 9, 2008Aparecen as primeiras entrevistas cos gañadores dos premios Xerais 2008.
- Manuel Lourenzo: “Temos que acabar co complexo de inferioridade do galego” (Faro de Vigo); “Unha novela sobre ‘amores adolescentes’ e con dúas escritas” (La Voz de Galicia); “A causalidade ineludible” (Galicia Hoxe); “O mundo cambiou para un mundo que non é literatura; é moi complicado gañar lectores” (Vieiros); “Se o Xerais tivese a mesma dotación doutros anos, presentaríame igual” (La Voz de Galicia); “As miñas novelas longas son como conxuntos de relatos breves” (Praza das letras); “Fago literatura sen concesións para un lector intelixente” (El País).
- Marilar Aleixandre: “Personaxes ficticios e circunstancias naciadas do real” (La Voz de Galicia); “É importante crear un mundo no que a xente nova poida refuxiarse” (Faro de Vigo); “Os mozos galegos si que len” (Galicia Hoxe); “Hai xente que non quere chamarlle ás cousas polo seu nome” (La Voz de Galicia).
- Mar Guerra: “Un rapaz ‘sabichón’ e que xoga coas palabras (La Voz de Galicia); “Ser distinto non é ser estrano, é ser especial” (Faro de Vigo); “Un relato sobre os valores esquecidos” (Galicia Hoxe); “Non todas as aventuras de rapaces teñen que ter magos” (La Voz de Galicia),
“Xenaro e o misterio da mochilota verde”, Premio Merlín 2008
Xuño 8, 2008O xurado da 23 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 10.000 euros formado por: formado por Manuel Figueiras Fernández (profesor e responsable da BLIX, Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil), Adolfo Gálvez Pazos (profesor e responsable de Biblioxest), Beatriz Pereiro Pérez (profesora), Óscar Villán (ilustrador), Laura Sáez Fernández (tradutora e intérprete) e Helena Pérez Fernández (editora), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes, declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: “Cómpre botar unhas palabriñas máxicas”, “Indanonseiben” (teatro), “Paspallasazul” e “XX27/ni-0”.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimide declarar como gañadora a presentada baixo o lema “… Cómpre botar unhas palabriñas máxicas” que, despois de aberta a plica, resultou ser de Mar Guerra Cid e corresponde ao título Xenaro e o misterio da mochilota verde. Así mesmo, o xurado recomendou á editorial a publicación da obra presentada baixo o lema “Paspallasazul”.
Xornalista de profesión, Mar Guerra Cid naceu en Madrid hai 44 anos, pero vive na Coruña dende 1987. Ten traballado para diferentes medios galegos, tanto en xornais como axencias e mesmo algunha radio. Na actualidade desenvolve a súa carreira profesional en Masstres Comunicación, un gabinete de seu, montado na Coruña en 1997 xunto a dúas socias. Xenaro e o misterio da mochilota verde é a súa primeira novela, aínda que obtivo o terceiro premio do IIº Concurso de Relatos da Asociación de Mulleres Progresistas de Vigo, no pasado mes de marzo, polo texto Pel de Pataca.
O xurado definiu a obra galardonada co Premio Merlín 2008 como “un trhiller psicolóxico” que desenvolve unha historia cotián de rapaces e rapazas dun centro escolar. Esta é unha novela que, xirando arredor da amizade e os seus modelos e xogando coa linguaxe e o humor, propón unha viaxe ao mundo dos nenos e nenas de hoxe. A Xenaro Conese Maiúsculo, que así é o nome do protagonista de once anos desta historia, o que máis lle gusta é xogar coas palabras e ler. Un rapaz normaliño ao que tamén lle gostan os xogos de computador, o xadrez, os cómics, os documentais, e a música…; porén, Xenaro, pode parecer un bicho raro, por que tamén lle encanta facer de detective e resolver misterios dos que se producen no Universal, o seu colexio.
Mar Guerra Cid declarou, no momento de recibir o premio Merlín, que “o meu Xenaro leve o Merlín é un inmenso honor, que agradezo de verdade e me enche de orgullo, pero diante de todo é cousa de tolos; unha completa loucura. A ver se non: unha madrileña, residente en “La” Coruña e co castelán coma lingua nai, sexa a gañadora do máis prestixioso galardón de Literatura Infantil do país? Abraiante. E ademais unha “primeira novela”; mesmo un relato sinxelo, sen efectos especiais: unha historia de amizade, cotiá, case que corrente. Ao mellor é que as palabriñas máxicas que lle botei ao manuscrito funcionaron… Ou, se cadra, que logrei transmitir o inmenso respecto que lle teño ao galego e o meu amor pola escrita”.
Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, Premios Xerais 2008
Xuño 8, 2008Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 7 de xuño, ditamináronse a XXVª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, e a IIIª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Edificio Multiusos da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de trescentas persoas dos diversos ámbitos da sociedade galega, entre os que se atopaba Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Luís Bará, director xeral de Creación e Promoción Cultural da Consellaría de Cultura de Deporte; Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade; Xabier Méndez, director xerente da Fundación Illa de San Simón, o concelleiro de cultura do concello de Redondela; o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xaime Corral; representantes do mundo da política e un importante número de escritores, editores, libreiros e colaboradores da editorial.
No acto, presentado por Celia Torres, directora de promoción da editorial e coordinadora dos premios, participou Tino Baz, o cantautor miñoto, que interpretou ao comezo o tema “Volvín á terra pero perdín o amor”, sobre un poema de Bernardino Graña (presente no acto e moi aplaudido polos asistentes) e rematou con “Romance da Maruxa…In memorian”.
Despois da actuación de Baz e intervención de Carlos G. Reigosa, que actuou como mantedor literario, déronse a coñecer os fallos dos xurados. A gañadora da XXIIIº edición do Premio Merlín de literatura infantil foi a xornalista madrileña Mar Guerra Cid pola súa novela Xenaro e o misterio da mochilota verde, presentada baixo o lema “… Cómpre botar unhas palabriñas máxicas”. Marilar Aleixandre foi a gañadora do IIIº Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil pola súa novela A cabeza de Medusa, presentada baixo o lema “Eu son ti”. O XXVº Premio Xerais de novela foi para Manuel Lourenzo González pola novela O Xardín das Pedras Flotantes, presentada baixo o pseudónimo “Manalva” e o lema “Flora da xunqueira”.
Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que valorou a traxectoria dos premios ao longo as súas vinte e cinco edicións, o que considerou unha mostra da madurez do sistema literario galego e da novela como xénero privilexiado polas lectoras galegas. Por último agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Deporte, a conellaría de Cultura do Concello de Redondela, a Fundación Caixa Galicia e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios.
Recollemos as primeiras referencias sobre o fallo dos premios aparecidas hoxe domingo na prensa electrónica:
- Faro de Vigo: “Xerais premia a Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra”.
- La Voz de Galicia: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais cunha novela de amor”.
- La Opinión A Coruña: “Manuel Lourenzo obtiene el Xerais con ‘O Xardín das pedras flotantes'”.
- El País Galicia: Lourenzo González gana el Xerais con una historia de amor adolescente”.
- El Correo Gallego: “Manuel Lourenzo, premiado co Xerais de Novela”.
- Galicia hoxe: “O talento recoñecido”.
- El Progreso: “Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, Premios Xerais”.
- Europa Press: “Los escritores Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre y Mar Guerra reciben los premios Xerais de literatura 2008”.
- Vieiros: “Manuel Lourenzo, Premio Xerais de Novela 2008”.
- A Nosa Terra: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais de Novela”.
- Chuza: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais de Novela 2008”.
- Praza das letras: “Manuel Lourenzo González, Premio Xerais 08”
- Gznación: “Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra fanse cos premios xerais 2008”.
- Xornal.com: “Manuel Lourenzo gañou o Xerais con ‘O Xardín das Pedras Flotantes'”.
- MundoGaliza: “Premio Xerais de Novela 2008”.