Armando Requeixo publica unha crítica en Protexta 09 d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena.
Posts Tagged ‘xosé_ramón_pena’
«A batalla do paraíso triste», crítica en «Protexta»
Marzo 29, 2009«A batalla do paraíso triste», crítica en «Culturas»
Marzo 25, 2009Ramón Nicolás publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena.
«A batalla do paraíso triste» en «Galicia hoxe»
Febreiro 17, 2009Galicia hoxe publica hoxe unha reportaxe sobre A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena.
Xosé Ramón Pena está noite en «Libro Aberto»
Febreiro 15, 2009Xosé Ramón Pena será entrevistado esta noite por Manolo Romón no programa «Libro Aberto» de TVG con motivo da publicación da súa novela A batalla do paraiso triste. A entrevista foi gravada no Museo Galego de Arte Contemporánea de Santiago e será emitida na noite do domingo a partir das 1:45 da madrugada. Ademais, no programa, Xavier del Valle Inclán falará de Fendas abertas. Seis ensaios sobre a cuestión nacional de Carlos Taibo. O programa repetirase en G-2 o venres, 20 de febreiro, ás 15:30 horas. Tamén pode verse en internet aquí.
Entrevista a Xosé Ramón Pena
Xaneiro 23, 2009«Fervenzas literarias» publica unha longa entrevista con Xosé Ramón Pena con motivo da publicación da súa máis recente novela, A batalla do paraíso triste. Recollemos algúns parágrafos do texto:
Introduce no libro dúas voces narrativas que conxugan ficción e investigación. Por unha banda está Fernando Pena Freitas, unha voz que conta a historia desde a vivencia persoal e por outra a do historiador, que o fai desde o perspectivismo que ofrece a Historia.
Para min o fundamental á hora de comezar a escribir un novo libro é establecer o punto de vista. Isto é, como podo ou vou contar a historia, desde que perspectiva.
Daquela eu quixen escribir unha historia verosímil, e para poder contar determinados episodios tiña que botar man dun segundo narrador, xa que Freitas non podía asistir el mesmo a todo o que conta. A partires de aí é cando xurde a figura do narrador. Un narrador que, nunha primeira versión da novela, participaba minimamente. Nas seguintes foi adquirindo maior dimensión, foi pedíndome máis importancia na historia.
Eu necesitaba desa conxunción de voces para obter o resultado final do libro. Se nun comezo Freitas ocupaba o noventa por cento, na versión definitiva hai un certo equilibrio entre Freitas e o historiador. Esas dúas voces permitíronme introducir matices que creo que fornecen un segundo punto de vista e axuda a crear esa verosimilitude ao relato.
[…]
Situaba a xénese de A batalla do paraíso triste a comezos dos 80. Cómo foi o proceso e a culminación da novela?
Cómo comentaba anteriormente, tiña por unha banda a historia de Freitas con Catarina e por outra o meu interese por este período histórico e a intención de facer algunha cousa con ese material. Partindo desa base, esta foi a novela que máis rápido escribín, tardei só catro ou cinco meses cando con outras estiven traballando moito máis tempo. Para min foi unha sorpresa empregar tan pouco tempo cando normalmente dedico entre un ano e ano e medio. E iso que moitos dos diálogos tiven que refacelos xa que me saíron de primeiras en portugués.
«A batalla do paraíso triste» no «Diario Cultural»
Xaneiro 13, 2009Aquí pode escoitarse a entrevista a Xosé Ramón Pena emitida hoxe no Diario Cultural da Radio Galega con motivo da publicación d’ A batalla do paraíso triste.
«A batalla do paraíso triste», segunda crítica
Xaneiro 7, 2009Acaba de aparecer a segunda crítica d’ A batalla do paraíso triste, a novela de Xosé Ramón Pena. O texto é de Francisco Martínez Bouzas e foi publicado nas páxinas de El Correo Gallego o pasado 30 de decembro. Recollemos algúns dos parágrafos dun texto moi gabancioso coa novela:
Lisboa, a cinsenta, ambigua e á vez brillante e fermosa capital dun país niño de espías e intrigas internacionais durante a II Guerra Mundial, sérvelle ao escritor para ambientar e situar a acción dunha excelente novela que tira do lector desde a primeira liña. Porque, cando o fragmentarismo ou os trebellos metaficcionais comezan a nos empachar, Pena volve ás canles da novela de sempre e cóntalle ao lector unha verdadeira historia, que racha cos lindes xenéricos e sutura en doses equilibradas, elementos da novela de acción, da novela negra, de espionaxe e o thriller sentimental, actuando a intriga como fío que turra constantemente da atención lectora.
[…]
Pena conxuga con habilidade elementos históricos, como tal a presenza dos seguidores do movemento ultrafascista portugués Rolão Preto, que pretendera anexionar Galicia durante a Guerra Civil, cunha rede argumental enteiramente ficcional. Mais a ficción é o grande marcador semántico que somete ás súas leis acontecementos e personaxes historicamente verificables. Endalí que A batalla do paraíso triste é unicamente ficción, unha novela que ilustra fermosamente un retallo da historia portuguesa. Cun estilo limpo, áxil e natural e un ritmo fluído, o narrador conta unha verdadeira historia que racha cos xéneros.
A novela consolida definitivamente, se aínda non o estaba, un soberbio narrador, que sabe resistir as urxencias de publicar cada ano, pero que, na miña estima, non está sendo valorado como cumpriría. Estamos nun intre no que o sistema literario galego e o aparello promocional dalgúns dos seus axentes máis importantes decidiron apostar, quer pola cota da discriminación positiva, quer por puro marketing, por caras máis novas e máis bonitas. Pero a fermosura e a novidade, nestes eidos literarios, non son sinónimo de calidade e as modas son sempre efémeras e pasaxeiras.
Xosé Ramón Pena, entrevistado por «A Nosa Terra»
Decembro 21, 2008Xosé Ramón Pena, autor d’ A batalla do paraíso triste, é entrevistado polo semanario A Nosa Terra. Recollemos varios fragmentos do texto:
A batalla do paraíso triste, alén da contenda, ten que ver tamén coa «batalla» interior de cada personaxe?
Por unha banda, o de «paraíso triste» dio Antoine de Saint Exupèry de Lisboa (el viviu, con todo, moi pouquiño tempo alí). Pero si, eu puxéralle o título de «batalla» cunha dupla intención: por unha parte hai unha batalla entre as diferentes forzas que participan, pero tamén nos propios personaxes, nas súas contradicións: amor e desamor, traizón e lealdade…
E afonda na psicoloxía dos fascistas en relación con este condicionamento…
Se te fixas na xente da portada, en 1945 (de Horácio Novaes), teñen unha actitude triunfal, senten que acaban de gañar a guerra. Non sabían o que lles quedaba… O personaxe do maior Pimenta e seu fillo, nese senso, son os máis contraditorios. Falei con moita xente en Portugal que se comporta como Pimenta, ou como o fillo, que tenta xustificalo: “era o tempo de Salazar, non podías facer outra cousa…” Dende a nosa posición actual é doado xulgar como se comportaría a xente no contexto dunha ditadura, até onde podes vivir sen traizoarte a ti mesmo. Non se lle pode esixir a todo o mundo que sexa un heroe da resistencia. A cuestión é que Pimenta permítennos ver a verdadeira dimensión do fascismo, ou parafascismo, neste caso. Un fascista activo sería un personaxe dunha peza, pero Pimenta ten actitudes máis moderadas, que teñen que ver co franquismo sociolóxico. Sempre é así, os fascistas activos poden ser tres ou catro, pero por detrás hai millóns de persoas manténdoo.
Xosé Ramón Pena entrevistado por «La Voz de Galicia»
Decembro 13, 2008La Voz de Galicia entrevista a Xosé Ramón Pena con motivo da aparición d’ A batalla do paraíso triste, a súa máis recente novela.
«A batalla do paraíso triste», crítica no «Faro da Cultura»
Decembro 11, 2008Estro Montaña publica no Faro da Cultura a primeira crítica sobre A batalla do paraíso triste a novela de Xosé Ramón Pena.
Xosé Ramón Pena, entrevista en «Faro de Vigo»
Decembro 8, 2008Foto: Eli Regueira
Xosé Ramón Pena é entrevistado en Faro de Vigo con motivo da aparición nas librarías d’ A batalla do paraíso triste, a súa máis recente novela publicada en Xerais Narrativa. Recollemos algúns parágrafos desta entrevista da que aparece un extracto na edición dixital do xornal vigués:
–Como xurdiu A batalla do paraíso triste?
–Hai uns vinte anos, máis ou menos, tiven noticia da existencia do movemento ultra-fascista portugués dos “camisas azuis” de Rolão Preto. Tamén escoitei daquela que Preto lle dixera a Salazar –a quen, por outra banda, consideraba un burgués, non un fascista– que Portugal tiña que anexionarse Galiza. Mesmo houbo un plan que estudou a posibilidade de levar a cabo esta anexión, durante a Guerra Civil española. Chamoume moitísimo a atención, pero naquela época non puiden sacar máis información: as comunicacións con Portugal eran complicadas, os arquivos non estaban abertos… e funo deixando. Por outra banda, co paso dos anos comecei unha historia que foi o antecedente da de Fernando Freitas, o protagonista da novela, e a actriz de revistas Catarina Gusmão. E hai un momento en que empezo outra vez a interesarme pola historia portuguesa desa época, e cadrábame moi ben situar a estes personaxes neste contexto. Púxenme a experimentar, a historia empezou a tirar cunha forza enorme, e o resultado é esta novela.
X.L. Méndez Ferrín, homenaxeado polo Instituto Santa Irene
Novembro 27, 2008Xerais únese ao homenaxe que mañá, venres 29 de novembro, ás 19:30 horas, tributará o claustro de profesorado e o alumnado do Instituto Santa irene de Vigo a X.L. Méndez Ferrín. Quen fora profesor do centro durante máis de tres décadas, recibirá así a gratitude dos seus milleiros de alumnos e alumnas e o recoñecemento do seu labor docente. Coincidindo co acto, no que o profesor Xosé Ramón Pena encargarase de impartir a lección maxistral, descubrirase unha placa e abrirase a biblioteca dedicada ao escritor, que pretende converterse en referente para o estudo da súa obra literaria. O cadro de persoal de Xerais, en data tan sinalada, abenzoa ao noso admirado profesor Méndez Ferrín.
«A batalla do paraíso triste», novela de Xosé Ramón Pena
Novembro 14, 2008Xosé Ramón Pena, gañador do premio Xerais de novela 1987, tras un silencio de varios anos, regresa á novela con A batalla do paraíso triste, unha ficción de espionaxe ambientada na Lisboa salazarista.
Entre 1940 e 1941 Europa arde baixo as lapas da II Guerra Mundial. Fuxindo das bombas e da barbarie nazi, milleiros de refuxiados acoden a Lisboa na procura dun visado que lles permita atinxir a liberdade. No medio daquela multitude está Antoine de Saint-Exupéry. O autor d’ O principiño residiu na capital portuguesa antes de marchar cara a América e definiuna como un paraíso triste. Fuxindo do París ocupado, Fernando Freitas –antigo oficial portugués– retorna ao seu país co obxectivo de cruzar o Atlántico. Con todo, os días son eternos na angustia da espera. Descuberta a súa verdadeira identidade, vese involucrado no medio da batalla que se está a librar na cidade entre os distintos servizos secretos, convertindo Lisboa nun niño de espías: un espazo de ambigüidades que se complica coa relación que Freitas vive coa actriz de revistas Catarina Gusmão.
A batalla do paraíso triste é unha novela de acción e de espionaxe, pero tamén un relato de amores, esperanzas e desenganos; de amizades e traizóns: a crónica dunha Lisboa pobre e gris que a ditadura salazarista tenta ocultar co centileo dos hoteis de luxo e os espectáculos musicais.