Libros premiados 2007
Libros editados por Xerais ao longo de 2007 que recibiron algún premio:
Ambientada nun Vigo industrial e atlántico, Cardume é un crisol de personaxes que evolucionan e logran subsistir as miserias dunha cidade desacougante. Cunha gran capacidade expresiva e unha lingua poética e metafórica que evidencia unha clara vontade estilística, Rexina Vega reivindica nesta novela a memoria como conformación da identidade do presente.
Illa Soidade é unha novela iniciática que nos descobre unha vida marcada pola paixón e a soidade, con reflexións sobre a autonomía persoal e o respecto polo diferente. Afastándose de tópicos e concedéndolle voz a persoas que teñen o seu propio espazo nunha sociedade que habitualmente as silencia, a novela retrata o mundo da indixencia, da mendicidade, dos sen teito, dos esmoleiros, dos vagabundos.
Minimaladas, Carlos López Gómez.
Sesenta mini historias protagonizadas por animais cheas de orixinalidade, imaxinación e beleza. A obra foi fermosamente ilustrada por David Pintor, conseguindo unha perfecta ensamblaxe entre os textos de cada unha delas e a representación visual do seu protagonista. O xurado do Premio Merlín destacou que nestes contos breves (nalgúns casos apenas catro ou cinco liñas) salienta a súa capacidade para evocar imaxes, valéndose dun emprego lúdico da linguaxe, algunhas interesantes referencias literarias e dun tratamento moi innovador da creación lingüística.
O único que queda é o amor, Agustín Fernández Paz.
- Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil 2007 (AGE).
- Premio AELG 2007 ao libro infanto-xuvenil.
Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste libro de relatos de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Pablo Auladell: Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián… todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes
Boas noites, Paula Carballeira.
Xiana, a protagonista de Boas noites, non ten tempo nin para pensar, moito menos para xogar ou para soñar. E se non dá pechado os ollos pola noite, Pedro Chosco non pode facer o seu traballo, que é acabar cos medos… Os áxiles diálogos desta peza, a orixinalidade na elección do tema, o estrés infantil, un argumento contemporáneo abordado seguindo a tradición fantástica, valéronlle a Paula Carballeira o primeiro premio Manuel María convocado polo IGAEM de Literatura Dramática Infantil do ano 2006.
A sombra descalza, An Alfaya.
- Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2005.
- Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil 2006 (AGE).
- Premio White Ravens 2007.
- Lista de Honra do IBBY 2008.
Elsa, unha moza de dezaseis anos, vive asfixiada nun ambiente poboado de segredos familiares procedentes dun pasado escuro. A corda tensa dos silencios rómpese cando ela remexe neles, e fai que as voces das mulleres da casa revelen misterios que atinxen aos homes das súas vidas. Emocionante e descarnada novela sobre a recuperación da dignidade das mulleres e a necesidade de esculcar no pasado para facelo.
O señor Lugrís e a negra sombra, Luís Rei Núñez.
Un caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor do pintor Urbano Lugrís, unha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.
A lúa dos Everglades, Xesús Manuel Marcos.
Unha novela de intriga na que amodiño van converxendo, baixo a banda sonora dos temas dos Tamara, tres historias moi emocionantes de amores e rancores, aparentemente sen vencello entre elas, dos membros dunha familia de emigrantes galegos espallada polo mundo. Tres historias de saudades, tres relatos de exilios sentimentais escritos cunha prosa punxente e inusualmente fermosa. Unha emocionantísima novela sobre a emigración galega.
Ocaso Otero esconde a un dramaturgo sublimado. A súa fascinación pola materia que modela céntrase, sobre todo, na relación de amor odio que unía á Bella Otero a Galicia, polo que enmarca a súa proposta literaria no regreso imposible ao país do personaxe. Deseñada en clave metateatral, o personaxe da Bella Otero enfróntase a un proceso de reconciliación consigo mesma e co país que a viu nacer. Malia ser un texto teatral, é unha lectura que se significa tanto dentro coma fóra dun escenario, un exercicio literario dos que sen ningún xénero de dúbidas axuda a dignificar a pretensión de construír unha dramaturxia con maiúsculas.
De provincia a nación. Historia do Galeguismo político, Justo Beramendi.
- Premio Irmandade do libro 2007 (Obra editorial do ano).
- Premio AELG 2007 (Ensaio).
- Premio Losada Diéguez 2007 (investigación).
- Premio da Crítica Galicia 2007 (investigación).
Unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade. Unha contribución decisiva para coñecer e entender, por que Galicia ten hoxe unha personalidade política irreversiblemente diferenciada.
Maio 11, 2008 ás 10:43 am |
[…] De provincia a nación. Historia do galeguismo político de Justo Beramendi acaba de recibir un novo recoñecemento, neste caso o Premio da Crítica Galicia no apartado de investigación, […]