Posts Tagged ‘jorge_llorca’

“O ‘Salto do Can” en “Galicia hoxe”

Maio 28, 2009

Coincidindo coa presentación hoxe en Ferrol d’ O ‘Salto do Can, M. Dopico publica en Galicia hoxe unha reportaxe entrevista sobre esta primeira novela de Jorge Llorca. Recollemos un fragmento das declaracións de Llorca sobre o sentido dunha novela na que os seus personaxes comparten os fracasos, mais non desisten da súa capacidade de soñar.

XG00164201A reivindicación do potencial, da posibilidade de chegar a realizarse

“A vida é unha degradación que vai da enormidade potencial do ser, á insignificancia final do produto”. É unha frase dun dos personaxes, que apunta á cerna da novela. “A árbore acaba sendo lapis, pero co lapis pódese escribir ou debuxar cousas marabillosas… Facer falar así aos personaxes é tamén un xeito de facer reflexionar ao lector… Non quixen facer ningunha tese, nin unha novela costumista como tantas que hai sobre a época. Só quixen falar duns personaxes que, malia a frustración, e o ambiente cruel e desapiadado que agocha unha sociedadede que tenta parecer piadosa e caritativa, resisten, teñen sentimentos, soños e aspiracións. Falan dos demais para esquecer as propias miserias…, ninguén fala sen querer que o escoiten, pero tamén se entenden… Non son personaxes normais, no sentido de que teñen un punto de loucura, porque cadaquén ten unha parte que non ten que ser a que amosa: uns soños… A pantasma é un espectro do que quería ser…”, afirma o autor. Os ambientes, os lugares, a psicoloxía dos personaxes, están descritos con detalle. “Si hai realismo niso. É un xeito de completar a visión dese tempo…”, di.

“O ‘ Salto do Can”, presentación en Ferrol

Maio 25, 2009

XG00164201O ‘ Salto do Can, a novela de Jorge Llorca presentarase por vez primeira o vindeiro xoves, 28 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rubalcava, 30-32. Esquina rúa María de Ferrol.). No acto acompañarán ao autor o escritor  Xabier P. DoCampo e o editor Manuel Bragado.

“O ‘Salto do Can”, primeira crítica en “Culturas”

Maio 25, 2009

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado, 23 de maio, no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia a primeira crítica d’ O ‘ Salto do Can, a novela coa que debuta o ferrolán Jorge Llorca. Reproducimos  o texto polo seu interese:

XG00164201Anunciada como unha novela -ao tempo que podería clasificarse como unha presada  de relatos-, este O ‘ Salto do Can cómpre saudala como a obra prima dun autor na que se dirixe unha ollada descritiva -descoñezo en que medida a ficción aquí imita á realidade, ou talvez ao contrario-, sobre eses anos setenta, neste caso ben reais e verosímiles. Visión que se erixe desde unha paisaxe moi concreta: a dunha taberna ferrolá, desde a que se ve pasar a vida de siareiros e xentes de variada condición, as máis das veces marcados por peculiaridades que fan deles seres curiosos que van e veñen cos seus trazos intransferibles e que, á vez, serven para testemuñar un tempo e articular un exercicio, se cadra, a medio camiño entre a ficción e a memoria.

Mais supoñamos que, loxicamente, falamos de ficción: alén do intrínseco interese que o libro ofrece para alguén que queira ou poida esculcar nos límites reais da devandita fronteira, o certo é que o libro ofrece un monllo de historias, talvez más propiamente constituirían unha sorte de “semblanzas”, moitas delas gobernadas pola traxedia e a soidade, a través das que circulan Ponciano, o propietario do bar, e Zacarías, un siareiro cego que adiviña as corres…, personaxes que facilitan o acceso para coñecer historias e mundos de corte variado e singular: desde o que encerra Bibián, un curioso perruqueiro, pasando polo espello do escurantismo e miseria do réxime franquista retido en Mercería Dorita, até o denominado segredo de Lady Godiva -unha fidalga vida a menos, estrafalaria e a quen o pobo trata con certa crueldade…- ou mesmo os enigmas que representan o Mahía, un suposto confidente da policía, ou aquel que atesoura o impenetrable mariñeiro Perseus… Encamíñanos, todo isto, a unha conclusión, ao meu ver o mellor do volume, exposta no capítulo Fotografía artística, a través da que se presenta un fotógrafo que vai relatando as súas experiencias tanto persoais como as que se refire á práctica da súa profesión, mercé a un discurso confesional que resulta operativo pra revelar con transparencia un personaxe de carne e óso, con moito de psicólogo e que exerceu o seu oficio con orgullo e habelencia.

Sen dúbida, Llorca amosa soltura para construír un universo que se imbúe as máis das veces do arrecendo popular, contido nunha feliz expresión dun galego rico que foxe da asepsia, e retrata atmosferas con fidelidade e acerto. Malia certas tonalidades ou vernices humorísticos, non sempre conseguidos, e certa reiteración tanto na dinámica da presentación dos protagonistas de cada un dos capítulos como no tránsito por algunhas tramas xa destapadas, por estas páxinas latexan, indiscutiblemente, ganas de contar e facultades para facelo. O primeiro paso está dado e cómpre agardar con interese, abofé. outras entregas do autor. Ramón Nicolás.

“O’ Salto do Can”, primeira novela de Jorge Llorca

Maio 6, 2009

Esta semana chega ás librarías O’ Salto do Can, a primeira novela de Jorge Llorca. Novela de fasquía realista, recupera a memoria de toda unha xeración ferrolá escrita nos mármores das tabernas.

xg00164201Decote pasan centos de historias polos mármores das tabernas, como pasan as constelacións sobre a cuberta dos barcos, dalgunhas quedan as pegadas, como as que deixa o acedo do viño, outras desaparecen namais pasarlle un pano. Na taberna O´Salto do Can, Ponciano limpa as mesas cada maná, logo bota unha presa de serraduras polo chan, e despois busca no xornal os números da sorte. Bibián o perruqueiro soña con Fred Astaire, o cego Zacarías adiviña as cores, D. Ruperto, de Biscuit Antigüidades, gaba as “delicatessen” do “metre cusinier”, mentres a pantasma da señora de Fontá leva viño branco para guisar as pombas do xardín; Dorita quer se facer puta, o home do traxe gris fala con Poe. Peitoradas, o marqués de Ghataesfolada, Caruso e Fleta, a Serea dos Ollos Grandes, e ata un incerto Robert Taylor entraron un dia pola porta e quedaron para sempre; agora forman parte xa da moblaxe, como o reloxo de parede, o paraugueiro, a pirámide das cuncas, ou a loura do almanaque de Bodegas Prioriño que colga encima da caixa de farias, onde Ponciano garda as necrolóxicas. O ‘ Salto do Can constitúe a sorprendente e emocionante primeira novela de Jorge Llorca, a memoria de todo unha xeración ferrolá escrita nos mármores dunha taberna.

Xerais, novidades de abril

Abril 7, 2009

xg00152001Neste mes, o abril dos libros, Xerais poñerá nas librarías once títulos.

Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas O’ Salto do Can de Jorge Llorca e Tempo de centeo de Xosé Fernández Ferreiro.

Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.

En colaboración coa Radio Galega e AGADIC o disco libro do IIIº Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

En Xerais Crónica, Galicia solidaria, obra coordinada por Xulio Ríos e Carlos Teijo, membros do IGADI.

En Xerais Manuais Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés, que será presentado, o 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro.

xg00154401Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de choiva de Ánxela Gracián, ilustrado por Daniel Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé TomásDona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.

Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido.

Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

Xaneiro 10, 2009

O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau,  A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.  Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado  o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición  infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela  Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección,  tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.

(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.

Xerais Narrativa, adianto de novidades 2009

Xaneiro 2, 2009

xg00152101Ademais da novela de François Bégaudeau, A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico.

No mes de marzo publicaremos outras tres novidades na colección Xerais Narrativa: o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009,

A seguinte entrega do ano 2009 será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.

Completarase a oferta narrativa do primeiro semestre coas novas entregas de Suso de Toro e Rosa Aneiros.