Posts Tagged ‘m_dopico’

“O ‘Salto do Can” en “Galicia hoxe”

Maio 28, 2009

Coincidindo coa presentación hoxe en Ferrol d’ O ‘Salto do Can, M. Dopico publica en Galicia hoxe unha reportaxe entrevista sobre esta primeira novela de Jorge Llorca. Recollemos un fragmento das declaracións de Llorca sobre o sentido dunha novela na que os seus personaxes comparten os fracasos, mais non desisten da súa capacidade de soñar.

XG00164201A reivindicación do potencial, da posibilidade de chegar a realizarse

“A vida é unha degradación que vai da enormidade potencial do ser, á insignificancia final do produto”. É unha frase dun dos personaxes, que apunta á cerna da novela. “A árbore acaba sendo lapis, pero co lapis pódese escribir ou debuxar cousas marabillosas… Facer falar así aos personaxes é tamén un xeito de facer reflexionar ao lector… Non quixen facer ningunha tese, nin unha novela costumista como tantas que hai sobre a época. Só quixen falar duns personaxes que, malia a frustración, e o ambiente cruel e desapiadado que agocha unha sociedadede que tenta parecer piadosa e caritativa, resisten, teñen sentimentos, soños e aspiracións. Falan dos demais para esquecer as propias miserias…, ninguén fala sen querer que o escoiten, pero tamén se entenden… Non son personaxes normais, no sentido de que teñen un punto de loucura, porque cadaquén ten unha parte que non ten que ser a que amosa: uns soños… A pantasma é un espectro do que quería ser…”, afirma o autor. Os ambientes, os lugares, a psicoloxía dos personaxes, están descritos con detalle. “Si hai realismo niso. É un xeito de completar a visión dese tempo…”, di.

Xosé Manuel Eyré, entrevista en «Galicia Hoxe»

Marzo 4, 2009

Con motivo da recente publicación do seu libro Nin che conto. Para coñecer e gozar a micronarrativa, Xosé Manuel Eyré é entrevistado por M. Dopico na sección «Maré» de Galicia Hoxe. Recollemos un fragmento desta entrevista:

xg00163401O microtexto, como práctica literaria, procurou un novo tipo de lector, e atopouno na sociedade posmoderna. Nun ser humano “desnortado, á deriva, que sente a ineficacia dos valores tradicionais, mais aínda, non construíu outros que os releven”, escribe Eyré. Que xa non cre en ningún principio totalizador e único, en verdades absolutas, segundo a visión dominante na modernidade racionalista derivada da Ilustración. Que abandonou o metarrelato, no sentido de Lyotard, como un discurso multiabarcador que pretende dar respostas a todo.

Neste contexto, a micronarrativa presenta, segundo Eyré, vantaxes que a sitúan nunha boa posición fronte á novela, á que podería relevar como xénero do século. Unha é a brevidade, tan próxima á fragmentación do xeito de ler propio de internet. Outra é unha natureza híbrida que facilita a multiplicidade de interpretacións a un lector do que esixe unha actitude activa, reflexiva e aberta.

“A lectura tradicional é acumulativa, resultante dun proceso aditivo, sumatorio. Esta é diferente. É como cando les un texto en internet, ves unha palabra coloreada e premes. A última palabra do texto non é a última palabra do relato, senón que hai unha continuación, porque é o lector quen dá a versión definitiva do texto, que cada quen entende dun modo distinto. Neste sentido, é moi democrático…”, salienta o autor.