A clase, a exitosa novela de François Begaudeau, traducida para o galego por Xavier Senín e Isabel Soto, será a primeira novidade de Xerais Narrativa para 2009. A clase aparecerá nas librarías, na segunda semana de xaneiro coincidindo coa estrea en España, o 16 de xaneiro, da película homónima de Laurent Cantet, premiada coa Palma de Ouro de Cannes 2008 e candidata francesa aos Oscar.
«Eu falaba para unha clase silenciosa e distraída, Gibran e Arthur dedicábanse a unha análise comparativa das súas calculadoras e rebentaban co riso por non sei que, Michael asentía movendo a cabeza aínda que pensaba noutra cousa e, mentres, os muros daban en inclinarse perigosamente e terminarían por caernos a todos enriba.»
Cunha escrita descontinua que vai captando diferentes escenas e conflitos co alumnado e cos seus colegas, case coma se fose unha cámara, François Bégaudeau constrúe en A clase unha crónica do seu labor como profesor, engadindo mesmo as súas propias dúbidas e poñendo de manifesto as dificultades que xorden nas aulas, nos claustros, entre os adolescentes e tamén entre os adultos. Este é o impactante relato da vida nunha clase multicultural da bisbarra parisina, con todas as tensións entre profesores e alumnos, que en certa maneira traducen o conflito entre ricos e pobres, entre aqueles que posúen o saber e aqueles que non o teñen. Unha adaptación desta novela foi levada ao cine por Laurent Cantet, e a película homónima obtivo a Palma de Ouro do Festival de Cannes 2008.
François Bégaudeau (Luçon 1971) é profesor, xornalista deportivo, escritor, cantante e actor. Colaborador habitual de varias revistas culturais: Inculte, Cahiers du cinéma, Transfuge e cronista de La matinale de Canal +. Iniciou a súa carreira como narrador en 2003 coa publicación da novela Jouer juste. Posteriormente publicou a novela Dans la diagonale (2005) e a ficción biográfica Un démocrate, Mick Jagger 1960-1969. Xa en 2006 publicou Entre les murs (A clase, Xerais 2008), a súa terceira novela, que recibiu o Prix France Culture/Telerama e o recoñecemento apoteósico do público francés. En 2007 publicou a súa cuarta novela Fin de l’ histoire e en 2008 o ensaio Antimanuel de litterature e a peza teatral Le problème. En 2008 Entre les murs foi adaptada ao cinema por Laurent Cantet, película na que o propio Bégaudeau participou como coguionista e intérprete do papel do profesor protagonista e que, ademais, mereceu a Palma de Ouro do Festival de Cannes do mesmo ano.
Etiquetas: a_clase, françois_begaudeau, isabel_soto, novela, xavier_senín
Xaneiro 2, 2009 ás 11:49 am |
[…] Narrativa, adianto de novidades 2009 By xerais Ademais da novela de François Bégaudeau, A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas novelas, Riofero de Xelís de Toro […]
Xaneiro 24, 2009 ás 11:18 am |
A novela de François Bégaudeau, A Clase, está xa nos primeiros postos de venda.
Estamos a vendela tamén facendo envíos a domicilio, pode visitar http://www.mercadogalego.eu
Xaneiro 24, 2009 ás 11:20 am |
Se o prefire, pode chamar por teléfono ó 981 35 27 19 ou envar correo electrónico a: centrallibrera@telefonica.net
Estamos na Rúa Dolores 2 de Ferrol
http://www.centrallibrera/Superven3.htm