1984, Iº Premio Xerais

Vigo, novembro de 1984
XERAIS creou o Premio de Novela, que leva o seu nome, co ánimo de apostar polos homes e mulleres que, aquí e agora, están a soñar desde as nosas raíces, único xeito de crear unha literatura propia que sexa ó tempo universal, dar a coñecer novos escritores galegos e potenciar os que xa teñen obra escrita.

Nesta primeira edición o premio estaba dotado con 500.000 Ptas e foille outorgado a Carlos G. Reigosa pola obra Crime en Compostela. O Xurado que lle deu o premio destacou desta obra “o engado e interese que pode espertar no lector galego un relato policiaco no que o ambiente de Compostela aparece reflectido con bo tino e sen entusiasmos chauvinistas, ós que poderían levar certas situacións que no texto se plantexan. A textura dos personaxes, a mestura de connotacións contextuais propias do espacio que serve de marco á novela e un logrado relativismo de fondo prestan ó texto premiado un ton xeral que está libre de dramatismos e unha compoñente de amenidade que pode contribuír á diversificación da nosa narrativa”. Cos anos, Crime en Compostela converteuse nun auténtico best seller da narrativa galega, acadando as 14 edicións e case os 40.000 exemplares vendidos.

Da man de Luís Mariño, xa falecido e daquela director de Edicións Xerais de Galicia, creouse no ano 1984 o premio Xerais de novela galega que ofrecía a singularidade (a diferenza do premio de referencia daquela, o Blanco Amor) de non esixir nas súas bases unha extensión prefixada para as obras que se presentaban ao concurso; sendo esta a primeira ocasión na que unha editorial acometía en Galicia empresa semellante. Queríase emular no noso sistema editorial, en formación, o modelo normalizado dos grandes premios literarios como o Planeta ou o Goncourt, convocados por empresas editoriais privadas. Dotado con 500.000 pesetas, foi fallado na cidade de Vigo o 10 de novembro -sábado anterior á festa de san Martiño- cita que se convertiu en habitual en edicións posteriores, no seo dunha cea á que asistiron 250 persoas de diversos ámbitos da cultura, da administración e da sociedade civil do país. Das vinte e nove obras participantes naquela primeira edición, o xurado outorgou o premio á presentada baixo o lema “Lagoa azul e branca”, unha novela de xénero policial que logo aparecería co título Crime en Compostela, da que resultou ser autor, o xornalista e delegado da axencia EFE en Santiago, Carlos G. Reigosa. O xurado destacou da novela “o engado e interese que pode espertar no lector galego un relato policiaco no que o ambiente de Compostela aparece reflectido co bo tino e sen entusiasmos chovinistas”. Crime en Compostela converteuse na década dos oitenta nun auténtico best seller da novela galega, acadando unhas vendas superiores ós 30.000 exemplares, en dez edicións. A novela deu pé a unha serie, polo momento de catro obras, protagonizada polo detective Nivardo Castro, que Reigosa titulou O misterio do barco perdido (1989), A guerra do tabaco (1996) e Narcos (2000).

Xurado I Premio Xerais de Novela: Benito Varela Jácome, Anxo Tarrío, Mª do Rosario Álvarez, Xosé Luis Franco Grande, Camilo G. Suárez-Llanos, Luís Mariño (secretario sen voto)

3 Respostas to “1984, Iº Premio Xerais”

  1. Carlos G. Reigosa, mantedor dos Premios Xerais « Xerais blog Says:

    […] G. Reigosa, mantedor dos Premios Xerais Carlos G. Reigosa, gañador hai vinte e cinco anos do Iº Premio Xerais de Novela con Crime en Compostela será o mantedor literario dos Premios Xerais 2008. O escritor da Corda […]

  2. Carlos G. Reigosa: “Que sería de nós sen Xerais’” « Xerais blog Says:

    […] sería de nós sen Xerais’” O escritor Carlos G. Reigosa, primeiro gañador do premio Xerais de novela (1984) por Crime en Compostela, actuou como mantedor literario do acto de fallo dos Xerais 2008. Reigosa […]

  3. «Detectives de papel»: reportaxe sobre a novela policial « Xerais lingua Says:

    […] un percorrido polos títulos do «xénero negro» en Galicia. Este tipo de novela comeza con Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa, que en 1984 gañou o 1º Premio Xerais de […]

Deixar un comentario