Archive for Abril 2009
Abril 30, 2009
Acabamos de coñecer o fallo da quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento, organizado polos equipos de Normalización Lingüística da FEREGA e outorgado por máis de cinco mil lectores e lectoras. Foron premiadas tres obras publicadas por Xerais ao longo do pasado ano 2007:
Os premios foron fallados no seo dunha Gala realizada en Vilagarcía na que participaron varios milleiros de rapaces e rapazas. Os nosos parabéns para os premiados e para os organizadores.
Etiquetas:agustín_fernández_paz, a_lagoa_das_nenas_mudas, fina_casalderrey, francisco_castro, o_único_que_queda_é_o_amor, o_ceo_dos_afogados, premio_frei_martín_sarmiento
Publicado en Fóra de Xogo, Noticias, Premios, Sopa de Libros | 1 Comment »
Abril 30, 2009
Jaureguizar asinará exemplares d’ O Globo de Shakespeare, na Feira do Libro de Santiago, o venres, primeiro de maio, a partir das 19:00 horas.
Etiquetas:Feiras_do_libro, jaureguizar, o_globo_de_shakespeare, santiago
Publicado en Autores, Feiras_do_libro, Narrativa, Noticias | Leave a Comment »
Abril 30, 2009
Mañá, primeiro de maio, ás 13:00 na Alameda, Teresa Moure lerá o pregón que dá inicio á Feira do Libro de Santiago de Compostela. Teres asinará exemplares do seu ensaio máis recente, O natural é político, o martes 5 de maio, a partir das 19:00 horas.
Etiquetas:Feiras_do_libro, o_natural_é_político, santiago, teresa_moure
Publicado en Autores, Ensaio, Feiras_do_libro, Noticias | 1 Comment »
Abril 29, 2009
Para seguir bailando, o libro de relatos de X.F. Fernández Naval, será presentado mañá 30 de abril, ás 20:15 horas no Liceo de Ourense. No acto acompañarán ao autor Ánxeles Cuñas e Xavier Paz.
Etiquetas:ánxeles_cuñas, francisco_fernandez_naval, liceo, novela, ourense, para_seguir_bailando, xavier_paz
Publicado en Narrativa, Noticias, Presentacións | Leave a Comment »
Abril 29, 2009
No blog Trafegando ronseis publícase unha anotación moi interesante de Thalía Troitiño sobre a súa lectura de Conexión Tubinga, a novela de Alberto Canal.
Este libro, Conexión Tubinga de Alberto Canal, conta a historia dun mozo que está estudando no Seminario. El, Tito Besteiro, vive no Divino Mestre, onde forma parte dun grupo, “Os Zaratustra“, grupo de mozos que se reunen clandestinamente polas noites nas habitacións para falar dos libros lidos, experiencias, etc.
A historia, principalmente, sitúase no ano anterior ao Rito, último paso para ser cura.
Durante este ano vivirá grandes experiencias que farán que se replantexe o seu futuro, e coñecerá á persoa que o marcará e axudará con respecto a este.
A historia xira en torno a un libro prohibido no Divino Mestre, o titulado Existe Deus? de Hans Kiing. O porqué da prohibición vén dos anos 70, anos de enfrontamento da igrexa vangardista de Hans Kiing coa igrexa tradicional.
Toda a polémica desenvólvese na cidade alemá de Tubinga.
Neste libro trátanse aspectos como o amor, a liberdade de elección, os enfrontamentos do pasado, o que é e o que foi a Igrexa, a homosexualidade…
Creo que é un libro interesante e disfrutei da súa lectura, por iso quero recomendalo aquí. Fíxome reflexionar sobre algúns aspectos dos que trata a obra, o que é importante. Thalía Troitiño.
Etiquetas:alberto_canal, conexión_tubinga, novela, trafegando_ronseis
Publicado en Narrativa, Opinións_lectores/as, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 28, 2009
Mañá, mércores, 29 de abril, ás 20:00 horas, na libraría Librouro de Vigo, terá lugar a presentación do libro Peaxes de Santiago Lopo.
Etiquetas:librouro, novela, peaxes, santiago_lopo, vigo
Publicado en Narrativa, Presentacións | 1 Comment »
Abril 28, 2009
Xerais preparou un completo programa de actividades de animación para a Feira do Libro de Santiago que se inaugurará o vindeiro venres, 1 de maio.
Venres, 1 de maio
13.00 Pregón inaugural a cargo de Teresa Moure.
19.00 O escritor Santiago Jaureguizar, asinará exemplares do seu libro O Globo de Shakespeare (Premio Terra de Melide, 2008)
Sábado, 2 de maio
18.30 A escritora Mar Guerra asinará exemplares do seu libro Xenaro e o misterio da mochila verde, gañador do Premio Merlín 2008.
Domingo, 3 de maio
18.00 Contacontos arredor do libro O arco da vella, da escritora Charo Pita, publicado na colección Merliño.
19.00 O escritor Daniel Ameixeiro presenta: Ramón Piñeiro. Os días ocultos. Participan Manuel Bragado e o autor. Ao remate da presentación, o autor asinará exemplares do seu libro.
Luns, 4 de maio
19.00 O escritor e xornalista Manuel Rivas ofrecerá un recital poético. Ao remate asinará exemplares de O sombreiro Chichiriteiro, A corpo aberto e do resto da súa obra.
Martes, 5 de maio
18.00 A escritora Iolanda Eiras presenta o seu libro Baldras o xigante, publicado na colección Merliño. No acto, actuará o coro A Ferradura, do CEIP Pío XII de Santiago de Compostela e unha sección da Banda Artística de Merza. Ao remate do acto, a escritora asinará exemplares do seu libro.
19.00 A escritora Teresa Moure asinará exemplares do seu libro O natural é político.
Mércores, 6 de maio
20.00 O escritor Xabier P. DoCampo (gañador do Premio Irmandade do Libro 2008 da Federación de Libreiros de Galicia) e o ilustrador Xosé Cobas asinarán exemplares do Libro das viaxes imaxinarias.
Etiquetas:a_corpo_aberto, baldras_o_xigante, charo_pita, daniel_ameixeiro, Feiras_do_libro, iolanda_eiras, jaureguizar, manuel_rivas, mar_guerra, o_arco_da_vella, o_globo_de_shakespeare, o_natural_é_político, o_sombreiro_chichiriteiro, ramón_piñeiro_os_días_ocultos, teresa_moure, xenaro_e_o_misterio_da_mochila_verde
Publicado en Animación á lectura, Feiras_do_libro, Noticias, Presentacións | 3 Comments »
Abril 28, 2009
Camilo Franco publica en La Voz de Galicia a entrevista que lle fixo a Juan Blanco Valdés con motivo da presentación de Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica. O editor do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago aborda as características deste primeiro manual de edición textual en galego, ao tempo que salienta as que considera as tendencias da edición do futuro.
–¿Cal é a finalidade de editar un manual de edición?
–Editar un libro supón moitas cousas e os últimos anos cambiaron moito as posibilidades. O mundo do libro cambiou e as maneiras de editalo máis. Facer un manual serve para que todas esas posibilidades estean a man dos interesados. O libro está dirixido primeiramente a profesionais, pero serve para calquera que sinta curiosidade polo proceso editorial ou pola maneira en que se fai un libro. Por outra banda é o primeiro libro destas características que se edita en galego e tamén o primeiro feito en Galicia e polo tanto estabamos orfos deste tipo de publicación. Hai que pensar, ademais que tanto en Galicia como en España hai un nivel de edición excepcional e que nos últimos anos deuse un salto no aspecto dos libros espectacular.
[…]
–¿Cara a onde vai a tendencia na edición?
–Desde o punto de vista técnico creo que o dominio da edición en moi pouco tempo quedará en mans de Adobe e os seus programas de edición. Agora mesmo xa deben quedar poucos restos de Quark e xa logo Adobe será a ferramenta case única. No sentido estilístico o que domina e dominará a edición é o minimalismo. Less is more (menos é máis) será a consigna e aínda que habería moitas cousas das que falar creo que será a maneira dominante no futuro inmediato.
Etiquetas:camilo_franco, do_orixinal_ao_libro, juan_blanco_valdés, la_voz_de_galicia
Publicado en Entrevistas, Monografías, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 27, 2009
Juan Blanco Valdés, autor de Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica, publica no seu blog esta anotación ao abeiro da presentación da obra realizada o pasado 23 de abril:
As presentacións de libros teñen algo de bautismal. No bautismo, en orixe, e deixando á parte derivacións e procedementos meramente litúrxicos, reúnense deudos e amigos dos proxenitores para, entre todos, practicar un recoñecemento colectivo da nova criatura testemuñando a ledicia polo seu ingreso na comunidade e facendo votos por unha existencia frutífera, longa e feliz. Todo ata aquí podería aplicarse tamén á presentación dun neófito editorial. Pero, a cousa comeza a diverxer, cando, nas presentacións de libros, o proxenitor (ou proxenitora) toma a palabra para se referir, sequera brevemente, ao seu vástago (ou vástaga). Imaxinan que, nun bautismo, tras os ritos, óleos, rezos e augas de rigor, o presbítero cedese a palabra ao pai (ou nai)? Que diría? Que o proceso creativo do pequeno tivo lugar de noite, sen luz e sen ver moito o que se facía, e que, aínda así, non hai moita queixa, que hai que ver o ben pintado que saíu o bebé? Que lle gustaría un pouco máis tirando a loiro? Que, mirando para o ventre da nai, parecía que ía pesar máis, pero que ao cabo eran todo augas? Que para lle acabar chamando Faustino á criatura houbo os seus máis e os seus menos e non foi doada decisión por existiren trasacordos entre a liña materna e a paterna?
Disque o ollo do amo engorda o cabalo. A min débeme suceder o contrario. Será, talvez, por un espírito hipercrítico pero, con todo o que fago (e non mo tomen a falsa modestia), pásame como aos británicos cos xardíns: o meu sempre me parece peor. Presentando o pasado día do libro o meu Manual de edición técnica, xunto con Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e Libro Galego, e Manolo Bragado, director de Xerais -o meu editor-, e tras escoitar as súas laudatorias palabras, tan xenerosas como desproporcionadas aos meus limitados méritos, debíame, cando tomei a palabra, mover entre a miña natural humildade e o desexo de non contradicir aos meus predecesores no discurso. Ora, tamén lles digo unha cousa, co seu permiso: se imos a xulgar as calidades deste manual polo traballo que me deu, debe ser excepcional. En definitiva, os libros téñense sós e hai un criterio ineludible que os pon no seu sitio: o veredito do público. Alá veremos.
De por parte, e como podería botarse a excesiva modestia (tan excesiva que soase falsa) que non lle adicara a libro tan significativo (polo libro en si e por ser meu) un post no meu blog, consagrado especialmente aos libros e a edición, permitireime enfatizar algo que xa dixen na presentación e me parece importante: eran chegados os tempos de que en Galicia houbese unha obra así. E digo isto con total independencia de que sexa eu o seu autor. Creo que este manual de edición non é máis que -ou é principalmente- a manifestación necesaria do dinamismo e perspectivas de futuro dun sector como o editorial, que, só no país, concita a 45 editoriais privadas asociadas a Ásociación Galega de Editores (máis toda a actividade pública, por veces, como é o caso da edición universitaria, inxustamente marxinada); publicou no ano 2007 máis de 2000 títulos e case tres millóns de exemplares e dá emprego a preto de cincocentas persoas, só no sector da edición (deixando de lado o sector das artes gráficas)…
Só quería apuntar isto. O demais que se poida dicir do libro non me corresponde a min dicilo. Juan Blanco Valdés.
Etiquetas:asociación_galega_de_editores, clúster_do_produto_gráfico_e_do_libro_galego, do_orixinal_ao_libro, jacobo_bermejo_barrera, juan_blanco_valdés
Publicado en Monografías, Presentacións, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 25, 2009
Isaac Lourido publica hoxe no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia unha crítica d’ Ámote vermella o poemario de Claudio Rodríguez Fer, ilustrado por Sara Lamas. Recollemos os dous primeiros fragmentos dun texto onde se salienta que este libro forma parte dun proxecto integral de creación literaria do escritor lucense:
Dúas foron as liñas de forza nas que Claudio Rodríguez Fer fixo descansar a triloxía que, despois de Lugo Blues (1987) e A loita continúa (2004), vén clausurar Ámote vermella (nunha coidadísima edición, por certo, ilustrada por Sara Lamas, con protagonismo absoluto da cor vermella e fóra de colección). A primeira desas liñas de forza recoñécese na reivindicación da dignidade e da xustiza para as vítimas do fascismo e do autoritarismo no século XX, representada nesta terceira entrega na memoria e no recoñecemento das mulleres represaliadas pola ditadura de Franco.
A segunda fronte de intervención dá continuidade ao emblema da traxectoria anterior do autor, pois reincide na construción dun imaxinario amoroso, rico en imaxes audaces e alicerzado na súa ligazón coa pulsión sexual, a representación corporal, a tensión telúrica e unha ideoloxía de signo libertario. Todas estas condicións recoñécense, en maior ou menor medida, no prescrito por algunhas das poéticas surrealistas de comezos de século e reforzan, en última instancia, a necesidade de observar as producións de Rodríguez Fer, Olga Novo e Carmen Blanco como resultado dun mesmo núcleo de creación partillado, reconfortado e exhibido sen complexos.
Etiquetas:ámote_vermella, claudio_rodríguez_fer, isaac_lourido, nós, sara_lamas, xornal_de_galicia
Publicado en Críticas, Poesía, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 25, 2009
Hordas de escritura, o poemario de Chus Pato foi a obra gañadora do premio Losada Diéguez 2009, no apartado de creación literaria; na de investigación e ensaio foi a obra gañadora Europa, o continente pensado de Camilo Nogueira. Ambas as dúas modalidades están dotadas con 6.000 euros. O xurado composto por Francisco Fernández Rei, Justo Beramendi, Xosé Luís Valladares, Cipriano Xosé Caamaño, Ramón Lorenzo, X. Henrique Costas e Carlos Paulo Martínez Pereiro, sinalou na súa acta que a obra gañadora é «un poemario que sobrancea pola súa explosiva orixinalidade, unha proposta poética dunha Chus Pato madura e sempre fresca, onde os versos poderosos se debullan nunha nova aposta sólida e ben traballada; con mesturas de xéneros e temas xa enxergadas nos seus últimos poemario.» Hordas de escritura xa fora distinguido hai dúas semanas co Premio da Crítica no apartado de poesía.
Etiquetas:camilo_nogueira, chus_pato, hordas_de_escritura, premio_losada_diéguez
Publicado en Noticias, Poesía, Premios | Leave a Comment »
Abril 24, 2009
Hoxe, venres, 24 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago presentarase Non son de aquí, o poemario de María do Cebreiro. No acto a autora estará acompañada por Manuel Darriba, Daniel Salgado e o editor Fran Alonso.
Etiquetas:daniel_salgado, libraría_couceiro, manuel_darriba, maría_do_cebreiro, non_son_de_aquí, santiago
Publicado en Noticias, Poesía, Presentacións | Leave a Comment »
Abril 23, 2009
Con motivo do Día internacional do libro e dos dereitos de autor, hoxe ao mediodía presentaremos no Consello da Cultura Galega Do orixinal ao libro, o primeiro manual de edición técnica en galego que preparou o editor Juan L. Blanco Valdés. Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego acompañaranos nesta presentación. Este magnífico manual, prologado polo ortotipógrafo galego José Martínez de Sousa, proporciona boas doses de autoestima para o conxunto do sector editorial en Galicia ao tempo que fixa en galego os criterios dunha edición textual de calidade. Beizóns para Juan L. Blanco.
Etiquetas:clúster_do_produto_gráfico_e_do_libro_galego, consello_da_cultura_galega, do_orixinal_ao_libro, jacobo_bermejo_barrera, josé_martínez_sousa, juan_blanco_valdés
Publicado en Monografías, Noticias, Presentacións | 1 Comment »
Abril 21, 2009
Galicia Hoxe entrevista a Estíbaliz Espinosa con motivo da recente aparición en Xerais do seu poemario Zoommm. Textos biónicos.
Recollemos un fragmento desta entrevista:
“Hai moito interese nos ámbitos artísticos en poñer énfase na idea de creatividade, de acto de creación como algo case máxico, como se tentasemos equipararnos á divindade… En realidade, a creación é plaxio. A literatura é constante hipertexto… E isto faise evidente en internet: colles retallos doutra xente… Creamos con material que crearon outros…”, salientou.
Pero, a carón da mímese, do plaxio, da copia, que encarnan os autómatas, agroma, segundo Espinosa, a mutación, froito do erro, da variación sobre o mesmo tema… polo que é necesario seguir creando, mudando o creado de boca e de canle… “O meu interese polo ser humano como autómata xorde dun caldo de influencias: a ciencia ficción, a filosofía, a cosmoloxía, a neurociencia… E o feito de terme posto a escribir en internet…” –o seu blog é mmmm–.
No libro, a autora-observadora traza un zoom que vai do pequeno ao grande, e propón un dobre xogo de relacións: a autora coa súa criatura, -o texto-, e co lector. “Todo testemuño parte dun eu subxectivo. Pero non sabemos o que é o eu… Interesábame tomar distancia: situándome no futuro, –que pensarán de nós no futuro– e o pasado remoto: o neanderthal, o que puidemos ser e non fomos… Adoptar unha perspectiva deshumanizada para entender o humano: miralo desde o cosmos…”, comentou.
Etiquetas:estíbaliz_espinosa, galicia_hoxe, zoommm
Publicado en Entrevistas, Poesía, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 21, 2009

O Faro de Vigo publica unha breve entrevista con Alfonso Armada, que onte, día 20 presentou o seu poemario TSC. Diario da noite. No acto, que se celebrou na Libraría Librouro de Vigo, o autor estivo acompañado polo editor Fran Alonso e polo arquitecto César Portela. Hoxe, 21 de abril, ás 20:00h presentarase a obra na Galería Sargadelos da Coruña, e contará coa participación de Pilar García Negro, Yolanda Castaño, Fran Alonso e mais o autor.
Recollemos un fragmento testemuñal desta entrevista:
–Recuperar ahora, más de 25 años después, su memoria en forma de poesía ¿qué sensación le provoca?
–Me resulta inquietante, pero decidí ser fiel al libro y no corregirlo con la mirada de hoy. Reconozco que mis reflexiones sobre algunos temas políticos o sexuales no me agradan ahora, pero sería una traición cambiarlo.
–Obligarse a escribir un poema cada día, ¿no resulta antipoético?
–Completamente; es una aberración. Pero era un experimento que quería hacer y ni siquiera sabía cómo iba a terminar. El resultado, al final, tiene mucho de periódico porque, como éste, es diario e intenta ordenar el mundo, aunque poéticamente.
Etiquetas:alfonso_armada, césar_portela, faro_de_vigo, librouro, tsc.diario_da_noite
Publicado en Entrevistas, Poesía, Presentacións, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 20, 2009
Ramon Nicolás, autor de Conversas con Celso Emilio Ferreiro, é entrevistado por Lara Rozados para A Nosa Terra. Recollemos algúns fragmentos dun texto moi interesante:
Que evolución persoal e ideolóxica atopamos no Celso Emilio que responde a estas entrevistas?
Manexei sobre todo entrevistas dos 60 e dos 70. Había algunhas previas, pero notábaselles certa modulación das preguntas e mesmo certa autocensura. Percíbese unha evolución salientábel cando volve de Caracas, e non agocha a acedume. El sentiuse exiliado, o seu non foi unha migración: a situación en Vigo era imposíbel de manter. Os seus proxectos eran botados abaixo por presións policiais, pinchábanlle o teléfono… O seu foi exilio.
[…]
Descubrimos un Celso Emilio pouco abordado: o ensaísta, en concreto como biógrafo de Curros.
Totalmente, é unha faceta en que cumpría afondar máis. Amais de estudar a Curros, ten escritos de carácter político que darían para máis dun libro, dende a súa posición claramente arredista de preguerra até a clandestinidade, sobre todo en Venezuela, el foi un pensador e ideólogo que achegou, a través de pequenos artigos, reflexións moi claras. E tamén foi moi afeccionado aos libros de historia. Hai anos dei a coñecer unha serie de artigos publicados en Faro de Vigo, nun libriño editado en Xerais (Semblanzas, crónicas e artigos de Celso Emilio Ferreiro), e aínda queda bastante del por publicar, sobre todo de preguerra (cando escribía en Guieiro, das Mocidades Galeguistas).
Etiquetas:a_nosa_terra, conversas_con_celso_emilio_ferreiro, lara_rozados, ramon_nicolás
Publicado en Crónica, Entrevistas, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 20, 2009
Aquí poden escoitarse as dúas entrevistas emitidas hoxe no Diario Cultural da Radio Galega con Chus Pato e Marcos Calveiro, gañadores dos Premios da Crítica 2008.
Etiquetas:chus_pato, diario_cultural, marcos_calveiro, premios_crítica
Publicado en Entrevistas, Narrativa, Poesía, Premios, Radio, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 20, 2009
O 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro e dos dereitos de autor, presentarase Do orixinal ao libro. Manuel de edición técnica do editor Juan Blanco Valdés. O acto, organizado polo Consello da Cultura Galega e por Xerais, realizarase ás 12:00 horas no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro de Santiago. Intervirán Jacobo Bermejo Barrera (Presidente do Cluster do Produto Gráfico e do Libro Galego), Manuel Bragado e o autor.
Etiquetas:clúster_do_produto_gráfico_e_do_libro_galego, consello_da_cultura_galega, do_orixinal_ao_libro, jacobo_bermejo_barrera, juan_blanco_valdés, santiago
Publicado en Monografías, Noticias, Presentacións | Leave a Comment »
Abril 19, 2009

Aquí pode escoitarse a hora de radio e teatro na radio, celebrada no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, na que se entregou o IIIº Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. O libro cedé, que inclúe a peza gañadora, Peter Buckley de Rubén Ruibal e César Candelas, e as dúas finalistas Servizo de Urxencias de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Ferreira, estará nas librarías ao longo deste vindeira semana.
Etiquetas:a_coruña, césar_candelas, diario_cultural, eva_ferreira, o_xou_mas_gou_on, paula_carballeira, rubén_ruibal, servizo_de_información, teatro_radiofónico, un_firme_traballador_da_derrota_ou_peter_buckley
Publicado en Noticias, Premios, Radio, Teatro, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 19, 2009
Reproducimos o texto da primeira crítica aparecido nun medio impreso d’ O sombreiro Chichiriteiro, o álbum infantil de Manuel Rivas e Patricia Castelao. Este texto de Lorena Domínguez Mallo foi publicado onte no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia.
O primeiro libro de Manuel Rivas para nenos (logo de publicar Todo ben e Bala perdida dirixidos ao público xuvenil) é un libro no que a maxia reborda nada máis abrilo. Os debuxos, de Patricia Castelao, son pequenas marabillas que se miran con goce e curiosidade. Teñen a plasticidade dunha película de animación e parecen tridimensionais aínda que non o sexan. As nenas e nenos, que seguen sempre os debuxos, nada máis velos empezarán a comentalos: este é Simón, esta é a boca do sombreiro… É o seu xeito de participar na historia que está a serlles contada. Se os adultos valoramos a fermosura dos debuxos, para a rapazada esa fermosura está chea de significado, ponlle cara e corpo ao que se conta e faino máis comprensible, máis próximo.
A historia é sinxela, pero difícil de seguir para nenos moi cativos, o que incrementa a utilidade dos debuxos. Todo comeza, como as mellores historias máxicas, cunha situación cotiá coa que calquera neno se pode identificar (unha festa na casa do avó) que vai mudando paseniñamente cara algo marabilloso desde a aparición dun home asoballador e malquerido polas xentes que vén montado nunha avestruz e cun sombreiro moi especial. O que define a Simón, o protagonista, é a súa valentía, e é precisamente esa ousadía súa a que o leva a enfrontarse a ese xigante descarado. Cando o neno lle tira o sombreiro nun arranque de carraxe desencadéase a acción, porque o sombreiro non cae ao chan senón que empeza a cantar e sae voando, e Simón detrás del, correndo cara a aventura.
As historias con obxectos máxicos son un clásico, e neste caso trátase dun sombreiro benfeitor que converte a Simón no protagonista dos seus propios soños, facéndoo vivir cousas imposibles. O sombreiro foille roubado a un trompetista e por iso sabe cantar e tocar a trompeta. Calquera nena soñaría con ter un sombreiro que lle permitise voar, que lle ensinase a tocar, e que cando tocase conseguise que os paxaros a acompañasen, como se estivese dirixindo a orquestra da natureza.
Tamén aparecen moitos valores que todos queremos transmitirlle aos nenos e nenas: a amizade, o respecto e a admiración pola natureza, a solidariedade, a idea de que as palabras das linguas poden verse magoadas ou perdidas se non se lles axuda (falándoa)… Ademais, estes valores insírense no conto de xeito natural, non se percibe unha listaxe de fondo cunha enumeración de valores a incluír, senón que todo parece xurdir enfiado, e todo o bo leva ao bo: a ousadía de Simón á aventura, amizade de Simón e o sombreiro aos prodixios, a solidariedade do sombreiro á salvación de insectos e palabras.
Por último, cómpre dicir que a lingua na que se conta a historia é unha lingua limpa de requintamentos, inzada de palabras fermosas que usan os miúdos que falan galego: bochechas, apampados, orelludo, reviravoltas… Aparecen rimas tamén en certas partes do libro, concordando coa musicalidade presente na historia e nos debuxos. Insírense no conto os nomes de moitos insectos e paxaros e unha imitación do seu canto máis poética ca realista. Iso, sumado á importancia das palabras, á música e aos soños, fía un relato cunha aventura moi emotiva, chea de encantos lingüísticos, visuais e oníricos. E o final, que é unha parte máis da aventura, é un final verdadeiramente orixinal. A comuñón coa natureza faise total e Simón consegue influír no seu curso. Un libro para que os nenos miren doutro xeito os paxaros, os sombreiros e ata os mapas do tempo… Lorena Domínguez Mallo.
Etiquetas:lorena_domínguez_mallo, manuel_rivas, nós, o_sombreiro_chichiriteiro, patricia_castelao, xornal_de_galicia
Publicado en Críticas, Ilustracións, Infantil, Merlín, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 17, 2009
Francisco X. Fernández Naval, autor de Para seguir bailando, é entrevistado por Camilo Franco en La Voz de Galicia. Recollemos un fragmento desta entrevista:
-Os relatos que compoñen o libro ofrecen, en conxunto, unha lectura algo desacougante da realidade. ¿Foi buscada de partida ou é unha circunstancia inevitable?
-Os primeiros relatos que escribo e que forman parte del, Noite de pallabarro e A noite de Ith, non tiñan aínda unha pretensión concreta, unha concepción de conxunto. Pero cando escribo Noite de cloroformo e Ovos de serpe, si me dou conta de que podo construír un libro no que ofreza esa perspectiva, que, por outra banda, non é máis que a realidade que vivimos. Para min que é un libro que olla arredor e que repara no que se agocha nos recunchos da sociedade e iso non é acougante. Velaí están a corrupción, o abuso de menores, a violencia de xénero, a fin dunha cultura e o abandono do rural, todo iso está á nosa beira e é desacougante, aínda que ás veces prefiramos non reparar nas cousas. Nese senso quizais sexa algo inevitable pero procurado.
-¿No ton do conxunto dos relatos hai unha intención máis testemuñal que reivindicativa?
-Digamos que a reivindicación vai implícita. A intención é contar a vida e si é certo que hai moito de testemuña. Xa dende o primeiro relato, no que se narra a descuberta por un grupo de adolescentes da violencia criminal da guerra coma un xogo, ata o último no que o azar ten un papel determinante, a intención testemuñal é real. Sucede que cruzado un determinado limiar de idade, un olla para atrás e comproba que hai moita literatura no que levamos vivido, que a literatura, dalgún xeito, podemos ser nós mesmos. Non é só xa a certeza de sempre de que emprestamos cousas nosas ao que escribimos, senón que nós podemos ser o que escribimos e iso sen que todo o que se conta no libro sexa real, pero si hai sempre, como na vida, un territorio difuso entre o real e o imaxinario, un golpe de azar ou de fantasía que fai máis real o real.
Etiquetas:camilo_franco, francisco_fernandez_naval, la_voz_de_galicia, para_seguir_bailando
Publicado en Entrevistas, Narrativa, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 16, 2009
Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia unha entrevista a Ramón Nicolás con motivo da aparición de Conversas con Celso Emilio Ferreiro. Recollemos algúns parágrafos dunha entrevista moi interesante:
–Celso Emilio Ferreiro é un dos nomes máis coñecidos da literatura galega. ¿Que novidades achega este conxunto de entrevistas?
–Entendín sempre o meu traballo como complemento a anteriores achegas do mesmo carácter que viron a luz hai algúns anos, como as de Porteiro e Perozo ou Freixanes, pero das que aquí prescindo. Trátase de pór de actualidade a súa voz, camiño do seu trinta cabodano, rescatándoa das follas dos xornais e revistas e dispóndoa dun xeito máis efectivo, se se quere, redeseñando o seu perfil. Desde aquelas páxinas que se conservaron fálanos sobre un feixe de asuntos heteroxéneos: desvela datos pouco coñecidos do seu propio perfil biográfico, exprésase con sinceridade sobre o que entende como claves da súa obra ou revela puntos de vista ás veces sorprendentes –pola súa validez, actualidade ou, no seu caso, por seren talvez polémicos– sobre literatura, lingua, política ou Galicia.
[…]
–Como valora a recepción de obra do escritor dende a súa morte?
–Desde o punto de vista da súa obra poética, e tendo en conta que aínda hoxe é un xénero de minorías, entendo que é un poeta «clásico» dos máis lidos, e dos que máis gustan, talvez pola transparencia dos seus contidos, a universalidade dos asuntos tratados e polo ritmo interno que presentan. É evidente que a celebración do Día das Letras no 89 operou como un revulsivo para calibrar a relevancia da súa obra e da súa figura, mais con todo, creo que aínda se poden dar máis pasos para potenciar a súa presenza e valorar con xustiza o seu herdo literario e humano.
Etiquetas:camilo_franco, conversas_con_celso_emilio_ferreiro, la_voz_de_galicia, ramon_nicolás
Publicado en Crónica, Entrevistas, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 16, 2009
Dorinda Castro Soliño publica hoxe no «Faro da Cultura» a que cremos constitúe a primeira crítica aparecida sobre a tradución galega de Emma Lazare d’ O derradeiro irmán, a novela de Nathacha Appanah. Dorinda Castro salienta que esta novela constitúe «unha moi recomendable lectura para calquera público pola conmovedora historia que nos narra e pola linguaxe tenra, sinxela e poética coa que esta contada»; e remata definindo O derradeiro irmán como «unha pequena historia xurdida das entrañas da Historia, con maiúsculas esa que non conta os dramas, as feridas, as cicatrices dos pobres da Terra».
Etiquetas:dorinda_castro_soliño, emma_lázare, faro_da_cultura, natha, novela, o_derradeiro_irmán
Publicado en Críticas, Fóra de Xogo, Narrativa, Traducións, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 15, 2009
A vindeira semana realizaranse dúas presentacións de TSC. Diario da noite o poemario de Alfonso Armada.
A primeira, terá lugar o luns, 20 de abril, ás 20:00 horas na Libraría Librouro de Vigo, contando coa participación de César Portela, Fran Alonso e o autor.
A segunda, realizarase o martes, 21 de abril, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos da Coruña, contando coa participación de Pilar García Negro, Yolanda Castaño, Fran Alonso e o autor.
Etiquetas:alfonso_armada, a_coruña, césar_portela, galería_sargadelos_a_coruña, librouro, pilar_garcía_negro, tsc.diario_da_noite, vigo, yolanda_castaño
Publicado en Noticias, Poesía, Presentacións | Leave a Comment »
Abril 13, 2009
Énchenos de satisfacción que o crítico X.M. Eyre escolla oito dos nosos títulos do pasado ano entre as mellores novelas de 2008. Sen dúbida, unha moi boa colleita.
Etiquetas:conexión_tubinga, festina_lente, monbars_o_exterminador, os_nomes_do_traidor, o_libro_das_viaxes_imaxinarias, o_profesor_de_vegliota, o_xardín_das_pedras_flotantes, renacer, xosé_manuel_eyré
Publicado en Críticas, Narrativa | Leave a Comment »
Abril 13, 2009
A Sección de Crítica Literaria da AELG deu a coñecer a súa proposta para os Premios de narrativa e poesía galegas que a Asociación Española de Críticos Literarios fallará o vindeiro día 18 de abril en Santander.
–Modalidade de narrativa: Festina Lente, de Marcos S. Calveiro, publicado por Xerais.
–Modalidade de poesía: Hordas de escritura, de Chus Pato, publicado por Xerais.
De Festina Lente, o xurado valorou a súa orixinalidade, trazo que a fai destacable nun panorama prolífico de seu no xénero histórico, así como a súa riqueza lingüística e a capacidade de dar vida á Compostela dos séculos XVI e XVII, transformando en literatura unha ben peneirada documentación histórica.
De Hordas de escritura, destacou a solidez do seu discurso vangardista e a construción dunha poesía que se articula como unha loita contra a propia linguaxe literaria, trazos que marcan un fito importante na xa longa traxectoria da autora.
Os nosos parabéns para Marcos Calveiro e Chus Pato por esta proposta.
Etiquetas:AELG, chus_pato, festina_lente, hordas_escritura, marcos_calveiro
Publicado en Críticas, Narrativa, Noticias, Poesía, Premios | 1 Comment »
Abril 13, 2009
O vindeiro mércores, 15 de abril, ás 20:30 horas, celebrarase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a gala de entrega da IIIª edición do Premio «Diario Cultural» de Teatro radiofónico. Será entón cando Rubén Ruibal e César Candelas reciban o premio por Un firme traballador da derrota ou Peter Buckley, peza protagonizada polo boxeador britano Peter Buckley,un eterno perdedor. Esta peza foi a gañadora tanto no premio outorgado polo xurado como polo público. Dotados ambos premios con 3.000 euros, Xerais presentará na gala o libro-CD que incluirá tanto a peza gañadora como as obras finalistas, O xou mas gou on de Eva Ferreira e Servizo de información de Paula Carballeira.
Etiquetas:a_coruña, césar_candelas, diario_cultural, eva_ferreira, o_xou_mas_gou_on, paula_carballeira, rubén_ruibal, servizo_de_información, teatro_radiofónico, un_firme_traballador_da_derrota_ou_peter_buckley
Publicado en Noticias, Premios, Radio, Teatro | 1 Comment »
Abril 8, 2009
Hai varios días recollemos a anotación de Cesare sobre Mal de escola. Hai uns días publicou outras dúas anotacións de grande interese, a primeira sobre A clase e a segunda sobre O valor do envoltorio.
Se non me chegaba xa coa lectura de Mal de escola, vou a embiburgo pra ver o fantástico filme Entre as paredes, traducido aí embaixo como A clase, e publicado como novela tamén con ese estraño e, ao meu ver, distorsionador nome — editores, pronúnciense,
—. Porque nese espazo que construíu a escola moderna (republicana (!) chámanlle os franceses), nada funciona. O filme é devastador: o catálogo de malas prácticas pedagóxicas repásase de principio a fin, e a falta de respecto constante dos mestres cara aos alumnos vai medrando ata que remata da única maneira que pode facelo: o profe chámalles putas ás alumnas e un estudante é expulsado nunha escena tan dantesca que poderían asinar os irmáns Marx, se non fose porque o conto é triste.
Tiña boa razón un dos comentaristas deste blog: a escola é o último espazo moderno nun mundo postmoderno. Pouco mudou a escola dende o tempo que estudaron os nosos pais, agás polas zostregadas nas unllas e demais castigos físicos. E pouco mudará se seguimos a aparvar a perdiz: unha reforma urxente é necesaria, de currículo, de actitudes e de dinámicas, que sitúe os rapaces no centro, e non os profesores… ata de arquitectura dos centros debe mudar, pra axudar a romper ese espazo artificial e absurdo creado entre as paredes. Cesare.
Etiquetas:a_clase, cesare, mal_de_escola, o_valor_do_envoltorio
Publicado en Educación, Narrativa, Opinións_lectores/as, Traducións, Universitaria, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Abril 8, 2009
Belén Puñal publica en Protexta 09 unha crítica d’ A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre gañadora do premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil.
Etiquetas:a_cabeza_de_medusa, belén_puñal, marilar_aleixandre, novela, protexta
Publicado en Críticas, Fóra de Xogo, Narrativa, Xerais_nos_medios, Xuvenil | Leave a Comment »