Posts Tagged ‘camilo_franco’

«A vida do outro», presentación en Compostela

Xullo 22, 2009

2009072200490544199Foto: Tamara de la Fuente.

A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora da XXª edición do Premio Torrente Ballester, foi presentada onte en Compostela. Acompañaron ao autor o escritor Fermín Bouza e o profesor e comentarista político Xosé Luís Barreiro Rivas.

Camilo Franco en La Voz de Galicia cualificou a obra como «unha novela da xeración da Transición». Pola súa banda, Iago Martínez en Xornal de Galicia salienta que «Reigosa novela o relato “aínda por construír” da Transición». Galicia hoxe titula «O periodista dos moitos egos». El Progreso presenta a novela como «biografía dunha xeración». Europa Press titula «Carlos G. Reigosa acerca al lector a la Transición mediante una crónica “humana” y menos generacional de lo que parece». ABC anuncia que «Carlos Reigosa novela la transición con “A vida do outro”».

Que libro de Xerais recomendas para o verán?

Xuño 30, 2009

No perfil de Facebook de Xerais estase desenvolvendo un interesante debate sobre os libros do catálogo da editorial que os seareiros e seareiras recomendan para o verán. Ata o momento as propostas son moi diversas:

Eva Carrión del Pozo recomenda Resistencia de Rosa Aneiros. “Eu téñolle un especial apego a este libro porque, coma quen di, fun aprendendo galego con el. Descubriume todo un abano de posibilidades nunha lingua que non era a miña. É un libro que engancha e emociona dende o primeiro momento, a min demostroume unha vez máis como as palabras poden emocionar, facernos rir e mesmo enchernos de xenreira e impotencia. É unha historia que nos achega a crueza da realidade arrolando ao lector nun mar de lirismo e metáforas que non por iso deixan de doer. Unha verdadeira xoia que nos mergulla na historia política dese veciño ás veces tan obviado coma é Portugal. E coma Resistencia lese dunha sentada, podemos seguir con Herba Moura de Teresa Moure, tamén moi interesante. Boa lectura!”

Eva Moreda O barón rampante de Italo Calvino. “Lino hai uns 15 ou 16 anos, cando estaba na colección xuvenil Xabarín (xunto cos seus compañeiros de triloxía, O vizconde demediado e O cabaleiro inexistente) e foi un descubrimento: non era literatura xuvenil, era literatura sen máis que podía ser tamén lida pola mocidade. Non vou enumerar as razóns polas que o recomendo porque a quen non lle interesaría a historia dun rapaz que se enrabecha con seu pai o barón e decide subir a unha árbore para non volver baixar máis?”

Iria Méndez Leocadio, o león de Oli e Teresa Novoa.

Marisa Movila O Globo de Shakespeare de Jaureguizar.  “Neste libro hai un homenaxe ás obras de Shakespeare, unha trama moi intrigante e un sentido do humor que che fai rir en calquera intre. Ten ademáis un trasfondo moito máis serio, xa que mostra abertamente as paixóns humanas e as relacións de amor e rancor cas persoas que máis cerca temos.”

Ana B. Crespo Concubinas de Inma López Silva. “Esta obra conta a historia de tres mulleres dunha mesma familia, pertencentes a distintas xeracións pero que comparten o feito de non ser afortunadas no amor. Esta novela mestura fantasía con realidade, amor con traxedia… é unha obra que chama á lectura, un libro que unha vez aberto non o podes pechar, non antes de rematalo.”

Montse Paz Monte Louro de Luís Rei Núñez.  “Unha magnífica novela da emigración. É a historia dun emigrante a Barcelona, primeiro, e logo a Bos Aires. É a historia dun home acompañado e amado por moitas mulleres… Asegúrovos que en canto vos poñades a ler é difícil de deixar, engancha!”

Paz Raña Educación e Paz III. Literatura e Paz de Xesús R. Jares (coord.).

Marisol Rodríguez A casa dos Lucarios de Teresa Moure.

Martin Pawley Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz.

Ana Cosque Meira A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos.

Rocío Barreiro Rodríguez Resistencia de Rosa Aneiros.

Alexandre Marín Elucidario de Gonzalo Navaza.

Soledad Felloza das novidades Sempre quixen bailar un tango contigo de Teresa González Costa e, un libro máxico, Magog de María Gándara.

Luisa Lis recomenda Resistencia de Rosa Aneiros, Palabras contadas de Camilo Franco; e das novidades Monte Louro de Luís Rei Núñez.

Saúl Rivas Riofero de Xelís de Toro.

Pilar Ponte A profa recomendaría dúas obras de Xosé Fernández Ferreiro, Agosto do 36 e Os últimos fuxidos, e a poder ser lidas nesa orde. Tematicamente clasificaríanse dentro da guerra civil e as súas consecuencias inmediatas mais no primeiro caso o momento histórico é só un pretexto que permite o desenvolvemento dos acontecementos e no segundo sería maís apropiado falar de drama persoal. Son dous volumes, sobre todo no caso do primeiro (publicado en 1991), que soportan moi ben o paso do tempo e para min ese é un indicio de que o texto funciona. Espero que se alguén se anima, non sufra decepción con estas recomendacións e, en caso de que a cousa guste, envíen correo e se lles remitirá o enderezo onde deben enviar a caixa de marisco. Saúdos 🙂

reloxoEntre os seareiros e seareiras do perfil que participen nesta discusión cada semana sortéanse tres reloxos “En galego todo o tempo”.  Este reloxo de Xerais foi deseñado polo noso compañeiro Ramón Domínguez e entregado como agasallo aos participantes nacerimonia  de entrega dos Premios Xerais 2009. Animamos a participar nesta xeira. A forza do libro galego está na voz dos seus lectores e lectoras.

Jacobo Fernández Serrano, primeiras entrevistas

Xuño 8, 2009

Jacobo Fernández Serrano, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2009 por Mil cousas poden pasar.Libro I, realizou as primeiras entrevistas. Aquí recollemos as que fomos localizando:

Rosa Aneiros, primeiras entrevistas

Xuño 8, 2009

Rosa Aneiros, a gañadora tanto do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura Xuvenil 2009 por Ás de bolboreta como do Xerais de Novela 2009 por Sol de Inverno, realizou as primeiras entrevistas para os medios. Recollemos as que fomos localizando.

2009060819450238589

Xosé Fernández Ferreiro entrevistado por “La Voz de Galicia”

Maio 20, 2009

g20p51f1Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia a entrevista que lle realizou a Xosé Fernández Ferreiro con motivo da publicación de Tempo centeo. Esta novela, centrada no tempo da posguerra, constitúe a décimo sexta do narrador de Espartedo.

[Foto Óscar París.]

Juan Blanco Valdés, entrevista en «La Voz de Galicia»

Abril 28, 2009

Camilo Franco publica en La Voz de Galicia a entrevista que lle fixo a Juan Blanco Valdés con motivo da presentación de Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica. O editor do Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago aborda as características deste primeiro manual de edición textual en galego, ao tempo que salienta as que considera as tendencias da edición do futuro.

g28p51f1–¿Cal é a finalidade de editar un manual de edición?

–Editar un libro supón moitas cousas e os últimos anos cambiaron moito as posibilidades. O mundo do libro cambiou e as maneiras de editalo máis. Facer un manual serve para que todas esas posibilidades estean a man dos interesados. O libro está dirixido primeiramente a profesionais, pero serve para calquera que sinta curiosidade polo proceso editorial ou pola maneira en que se fai un libro. Por outra banda é o primeiro libro destas características que se edita en galego e tamén o primeiro feito en Galicia e polo tanto estabamos orfos deste tipo de publicación. Hai que pensar, ademais que tanto en Galicia como en España hai un nivel de edición excepcional e que nos últimos anos deuse un salto no aspecto dos libros espectacular.

[…]

–¿Cara a onde vai a tendencia na edición?

–Desde o punto de vista técnico creo que o dominio da edición en moi pouco tempo quedará en mans de Adobe e os seus programas de edición. Agora mesmo xa deben quedar poucos restos de Quark e xa logo Adobe será a ferramenta case única. No sentido estilístico o que domina e dominará a edición é o minimalismo. Less is more (menos é máis) será a consigna e aínda que habería moitas cousas das que falar creo que será a maneira dominante no futuro inmediato.

Francisco X. Fernández Naval: entrevista en La Voz

Abril 17, 2009

Francisco X. Fernández Naval, autor de Para seguir bailando, é entrevistado por Camilo Franco en La Voz de Galicia. Recollemos un fragmento desta entrevista:

fernandez_naval-Os relatos que compoñen o libro ofrecen, en conxunto, unha lectura algo desacougante da realidade. ¿Foi buscada de partida ou é unha circunstancia inevitable?

-Os primeiros relatos que escribo e que forman parte del, Noite de pallabarro e A noite de Ith, non tiñan aínda unha pretensión concreta, unha concepción de conxunto. Pero cando escribo Noite de cloroformo e Ovos de serpe, si me dou conta de que podo construír un libro no que ofreza esa perspectiva, que, por outra banda, non é máis que a realidade que vivimos. Para min que é un libro que olla arredor e que repara no que se agocha nos recunchos da sociedade e iso non é acougante. Velaí están a corrupción, o abuso de menores, a violencia de xénero, a fin dunha cultura e o abandono do rural, todo iso está á nosa beira e é desacougante, aínda que ás veces prefiramos non reparar nas cousas. Nese senso quizais sexa algo inevitable pero procurado.

-¿No ton do conxunto dos relatos hai unha intención máis testemuñal que reivindicativa?

-Digamos que a reivindicación vai implícita. A intención é contar a vida e si é certo que hai moito de testemuña. Xa dende o primeiro relato, no que se narra a descuberta por un grupo de adolescentes da violencia criminal da guerra coma un xogo, ata o último no que o azar ten un papel determinante, a intención testemuñal é real. Sucede que cruzado un determinado limiar de idade, un olla para atrás e comproba que hai moita literatura no que levamos vivido, que a literatura, dalgún xeito, podemos ser nós mesmos. Non é só xa a certeza de sempre de que emprestamos cousas nosas ao que escribimos, senón que nós podemos ser o que escribimos e iso sen que todo o que se conta no libro sexa real, pero si hai sempre, como na vida, un territorio difuso entre o real e o imaxinario, un golpe de azar ou de fantasía que fai máis real o real.

Entrevista a Ramón Nicolás

Abril 16, 2009

Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia unha entrevista a Ramón Nicolás con motivo da aparición de Conversas con Celso Emilio Ferreiro. Recollemos algúns parágrafos dunha entrevista moi interesante:

20213913–Celso Emilio Ferreiro é un dos nomes máis coñecidos da literatura galega. ¿Que novidades achega este conxunto de entrevistas?

–Entendín sempre o meu traballo como complemento a anteriores achegas do mesmo carácter que viron a luz hai algúns anos, como as de Porteiro e Perozo ou Freixanes, pero das que aquí prescindo. Trátase de pór de actualidade a súa voz, camiño do seu trinta cabodano, rescatándoa das follas dos xornais e revistas e dispóndoa dun xeito máis efectivo, se se quere, redeseñando o seu perfil. Desde aquelas páxinas que se conservaron fálanos sobre un feixe de asuntos heteroxéneos: desvela datos pouco coñecidos do seu propio perfil biográfico, exprésase con sinceridade sobre o que entende como claves da súa obra ou revela puntos de vista ás veces sorprendentes –pola súa validez, actualidade ou, no seu caso, por seren talvez polémicos– sobre literatura, lingua, política ou Galicia.

[…]

–Como valora a recepción de obra do escritor dende a súa morte?

–Desde o punto de vista da súa obra poética, e tendo en conta que aínda hoxe é un xénero de minorías, entendo que é un poeta «clásico» dos máis lidos, e dos que máis gustan, talvez pola transparencia dos seus contidos, a universalidade dos asuntos tratados e polo ritmo interno que presentan. É evidente que a celebración do Día das Letras no 89 operou como un revulsivo para calibrar a relevancia da súa obra e da súa figura, mais con todo, creo que aínda se poden dar máis pasos para potenciar a súa presenza e valorar con xustiza o seu herdo literario e humano.

Xelís de Toro hoxe en «Libro aberto»

Abril 5, 2009

mail-libro-aberto-1151Xelís de Toro será entrevistado hoxe no programa «Libro aberto» da TVG con motivo da publicación de Riofero. Ademais, no mesmo programa, Camilo Franco, contaranos diferentes aspectos da obra Historia da chuvia que cae todos os días de Roberto Salgueiro, coa que este autor gañou por cuarta vez o ‘Premio Álvaro Cunqueiro’ para textos teatrais. «Libro aberto» emítese hoxe á noite (1:45), na Televisión de Galicia e na G-2 (TDT) o venres 10 ás 15:30 horas.

Entrevista de Hixinio Puentes

Marzo 3, 2009

d12e58011La Voz de Galicia publica hoxe a entrevista que Camilo Franco realizou a Hixinio Puentes con motivo da publicación da novela Monbars o exterminador.

«O libro das viaxes imaxinarias», proposta para este milenio

Xaneiro 3, 2009

Camilo Franco publica hoxe no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia esta crítica sobre O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

librodasvEn literatura contemporánea case todas as viaxes que comezan en Italo Calvino acaban onde teñen que acabar: no lector. Calvino coñecía ese segredo da narrartiva como escudo de Perseo, que serve para ver as cousas sen que causen o dano da realidade.

Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas recoñecen ese segredo neste libro que se desdobra por arte da fábula e do que o lector pode sospeitar algúns dos seus camiños ocultos. Non existe a literatura imaxinaria e por baixo da levidade destas cidades están os pesados límites de cidades que coñecemos. Estas son cidades cifradas cun morse que leva aparellados todos os xéneros, que se explica case igual en épica que en lírica e que leva a visibilidade da ironía como elemento regulador. Estas son as cidades importantes porque están poboadas e este libro escrito a dúo ten a exactitude dos retratos. Incluso a exactitude do retrato en movemento do narrador.

Estas viaxes propoñen o xogo da multiplicidade contra a indolencia social, contra o adormecemento do lector. É un xogo de rapidez que esquiva molestar ao lector co innecesario para que entre no xogo urxente da complicidade. Están colocadas todas as cousas neste libro, coa consistencia de ocupar cada unha o seu lugar, as que teñen que estar á vista están visibles e as outras con discreción, como nas cidades ben construídas. Porque a literatura pode ser «o airiño que rmexe o pon do chan» ou pode ser todas as cousas que no mundo pasan. Camilo Franco.

Entrevista aos tres premiados nos Xerais 2008

Novembro 23, 2008

g17p30f1

Camilo Franco publica en La Voz de Galicia unha entrevista cos tres premiados nos Xerais 2008, Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de literatura infantil, Marilar Aleixandre do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil e Manuel Lourenzo González do Premio Xerais de novela. Recollemos algúns dos parágrafos do texto:

Os tres consideran que os premios seguen sendo imprescindibles e que a motivación principal é «conseguir que a historia chegue aos lectores», como explica Mar Guerra, autora de Xenaro e ou misterio da mochila verde. Lourenzo apunta na conversa que «hai un efecto de reforzo para o traballo do escritor cando un xurado escolle un libro seu». Para Marilar Alexandre, autora d’ A cabeza de Medusa, «esa escolla significa que alguén gustou do texto, por máis que sabemos que con outro xurado ou resultado podería ser outro».

Os tres son gañadores de premios a libros inéditos, pero preferirían que houbese máis galardóns á obra publicada. Asegura Lourenzo González que «é máis gratificante o premio ao que non preséntache, pero tamén é certo que neste tipo de convocatorias hai vicios de funcionamento que invalidan en parte a súa función». Para Mar Guerra, os premios a libros publicados deberían darse «en condicións de laboratorio para evitar as suspicacias e que a súa referencia sexa válida».

Os tres gañadores dos Premios Xerais 2008 presentarán as súas obras a vindeira semana: Manuel Lourenzo González, o luns 24 en Pontevedra; Mar Guerra, o mércores 26 na Libraría Arenas da Coruña e Marilar Aleixandre, o venres 28 na Fundación Caixa Galicia de Vigo. Todos os actos comezarán as 20:00 horas.