Posts Tagged ‘xosé_fernández_ferreiro’
Xuño 30, 2009
No perfil de Facebook de Xerais estase desenvolvendo un interesante debate sobre os libros do catálogo da editorial que os seareiros e seareiras recomendan para o verán. Ata o momento as propostas son moi diversas:
Eva Carrión del Pozo recomenda Resistencia de Rosa Aneiros. “Eu téñolle un especial apego a este libro porque, coma quen di, fun aprendendo galego con el. Descubriume todo un abano de posibilidades nunha lingua que non era a miña. É un libro que engancha e emociona dende o primeiro momento, a min demostroume unha vez máis como as palabras poden emocionar, facernos rir e mesmo enchernos de xenreira e impotencia. É unha historia que nos achega a crueza da realidade arrolando ao lector nun mar de lirismo e metáforas que non por iso deixan de doer. Unha verdadeira xoia que nos mergulla na historia política dese veciño ás veces tan obviado coma é Portugal. E coma Resistencia lese dunha sentada, podemos seguir con Herba Moura de Teresa Moure, tamén moi interesante. Boa lectura!”
Eva Moreda O barón rampante de Italo Calvino. “Lino hai uns 15 ou 16 anos, cando estaba na colección xuvenil Xabarín (xunto cos seus compañeiros de triloxía, O vizconde demediado e O cabaleiro inexistente) e foi un descubrimento: non era literatura xuvenil, era literatura sen máis que podía ser tamén lida pola mocidade. Non vou enumerar as razóns polas que o recomendo porque a quen non lle interesaría a historia dun rapaz que se enrabecha con seu pai o barón e decide subir a unha árbore para non volver baixar máis?”
Iria Méndez Leocadio, o león de Oli e Teresa Novoa.
Marisa Movila O Globo de Shakespeare de Jaureguizar. “Neste libro hai un homenaxe ás obras de Shakespeare, unha trama moi intrigante e un sentido do humor que che fai rir en calquera intre. Ten ademáis un trasfondo moito máis serio, xa que mostra abertamente as paixóns humanas e as relacións de amor e rancor cas persoas que máis cerca temos.”
Ana B. Crespo Concubinas de Inma López Silva. “Esta obra conta a historia de tres mulleres dunha mesma familia, pertencentes a distintas xeracións pero que comparten o feito de non ser afortunadas no amor. Esta novela mestura fantasía con realidade, amor con traxedia… é unha obra que chama á lectura, un libro que unha vez aberto non o podes pechar, non antes de rematalo.”
Montse Paz Monte Louro de Luís Rei Núñez. “Unha magnífica novela da emigración. É a historia dun emigrante a Barcelona, primeiro, e logo a Bos Aires. É a historia dun home acompañado e amado por moitas mulleres… Asegúrovos que en canto vos poñades a ler é difícil de deixar, engancha!”
Paz Raña Educación e Paz III. Literatura e Paz de Xesús R. Jares (coord.).
Marisol Rodríguez A casa dos Lucarios de Teresa Moure.
Martin Pawley Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz.
Ana Cosque Meira A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos.
Rocío Barreiro Rodríguez Resistencia de Rosa Aneiros.
Alexandre Marín Elucidario de Gonzalo Navaza.
Soledad Felloza das novidades Sempre quixen bailar un tango contigo de Teresa González Costa e, un libro máxico, Magog de María Gándara.
Luisa Lis recomenda Resistencia de Rosa Aneiros, Palabras contadas de Camilo Franco; e das novidades Monte Louro de Luís Rei Núñez.
Saúl Rivas Riofero de Xelís de Toro.
Pilar Ponte A profa recomendaría dúas obras de Xosé Fernández Ferreiro, Agosto do 36 e Os últimos fuxidos, e a poder ser lidas nesa orde. Tematicamente clasificaríanse dentro da guerra civil e as súas consecuencias inmediatas mais no primeiro caso o momento histórico é só un pretexto que permite o desenvolvemento dos acontecementos e no segundo sería maís apropiado falar de drama persoal. Son dous volumes, sobre todo no caso do primeiro (publicado en 1991), que soportan moi ben o paso do tempo e para min ese é un indicio de que o texto funciona. Espero que se alguén se anima, non sufra decepción con estas recomendacións e, en caso de que a cousa guste, envíen correo e se lles remitirá o enderezo onde deben enviar a caixa de marisco. Saúdos 🙂
Entre os seareiros e seareiras do perfil que participen nesta discusión cada semana sortéanse tres reloxos “En galego todo o tempo”. Este reloxo de Xerais foi deseñado polo noso compañeiro Ramón Domínguez e entregado como agasallo aos participantes nacerimonia de entrega dos Premios Xerais 2009. Animamos a participar nesta xeira. A forza do libro galego está na voz dos seus lectores e lectoras.
Etiquetas:agosto_do_36, a_casa_dos_lucarios, a_lúa_dos_everglades, camilo_franco, concubinas, educación_e_paz, elucidario, fernández_paz, gonzalo_navaza, herba_moura, inma_lópez_silva, italo_calvino, jaureguizar, lúa_do_senegal, leocadio_o_león, luís_rei_núñez, magog, maría_gándara, monte_louro, oli, o_barón_rampante, o_globo_de_shakespeare, palabras_contadas, resistencia, riofero, sempre_quixen_bailar_un_tango, teresa_gonzález_costa, teresa_moure, teresa_novoa, xelis_de_toro, xesús_manuel_marcos, xosé_fernández_ferreiro
Publicado en facebook, Narrativa, Noticias, Opinións_lectores/as | Leave a Comment »
Xuño 22, 2009
Xabier Castro Rodríguez gabou o pasado sábado, 20 de xuño, nas páxinas de Galicia hoxe Tempo de centeo, a máis recente novela de Xosé Fernández Ferreiro.

Tempo de posguerra, centeo e descubertas
Non é esta a primeira vez que a literatura en galego -e non só a do país- realiza interesantes e intelixentes incursións no tema da guerra civil (xa de maneira directa, xa como asunto colateral), nin é esta a primeira vez que Xosé Fernández Ferreiro se achega a este eido da lembranza daquel durísimo episodio histórico (Agosto do 36, publicado no ano 1991 e que foi Premio Xerais de Novela) que aínda máis consecuencias tráxicas traería especialmente nos anos da posguerra inmediata.
É bo recuperar. Cómpre non esquecer. Se aínda se conmemoran aniversarios como os das grandes guerras mundiais, as bombas atómicas, o holocausto, as revolucións? nunca está demais lembrar os sucesos que desencadearon un terrible conflito bélico, a inmensa e inconmensurable traxedia humana, os espazos e as persoas que participaron e viviron no transcorrer daquelas décadas. Todo isto, e moito máis, aparece narrado nesta novela de Fernández Ferreiro –Tempo de centeo, Editorial Xerais- que nos proxecta cara a aquel Ourense de posguerra que ben coñece, describe e cicela o autor. Desde o protagonismo familiar dun fillo e da súa nai (tamén está presente a figura paterna que vén marcada pola violencia, a agresividade e o alcoholismo) vaise esfollando todo un amplísimo mural sobre o que o lector vai deitando a súa expectación, abraio e crueza. Desde a oposición aldea e cidade que tamén se reflicte no conflito lingüístico entre o galego e o castelán (“Naqueles primeiros tempos da súa arribada á gran cidade trataba de falar o castelán para non parecer un pailán de corredoira”) deica a expresa homenaxe á literatura galega (Tovar, Risco, Cuevillas, Ben-Cho-Sey, Lama Carvajal, Campio?) pasando pola dorosa circunstancia do contrabando e o estraperlo, a descuberta do amor e o sexo ou a importancia que na novela ten o cine, os “delirios cinematográficos” do protagonista que mesmo identifica a súa Carmiña con Olivia de Havilland: “O cine abriulle de par en par as portas dun mundo novo: o da evasión mental e o dos soños máis incribles e disparatados”. Unha novela na que o amor e o cine acabaron por cruzarse na vida de Antonio coa mesma paixón. Xabier Castro Rodríguez
Etiquetas:galicia_hoxe, novela, tempo_de_centeo, xabier_castro_rodríguez, xosé_fernández_ferreiro
Publicado en Críticas, Narrativa, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Maio 20, 2009
Hoxe no programa Libro Aberto da TVG, que se emite hoxe ás 0:45 horas e que tamén se poderá ver na G-2 (TDT) o luns 25 ás 23:30 horas, inclúese contidos referidas aos recentes lanzamentos de Xerais.
Ao comezo do programa, que se gravou nas instalacións da Fundación 10 de marozo, entrevístase a Xosé Fernández Ferreiro, con motivo da aparición da súa décimo sexta novela, Tempo de centeo.
Despois abórdanse as etapas dun proceso de edición con motivo da publicación de Do orixinal ao libro. Manual de edición, obra de Juan L. Blanco Valdés que analiza este proceso e fixa, por primeira vez en galego, os termos propios da edición técnica.
Despois, o condutor do programa falará co escritor Xosé Francisco Fernández Naval, sobre o seu último libro Para Seguir Bailando, un conxunto de dez relatos nos que aborda temas como o abandono do medio rural, a corrupción, a memoria ou o abuso exercido sobre a muller.
Por último, na sección de crítica, Isabel Soto analizará a obra Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral. Neste libro xuvenil aparece, como noutras obras da escritora mindoniense, o espazo imaxinario e simbólico de Brétema.
Etiquetas:do_orixinal_ao_libro, francis, juan_blanco_valdés, libro_aberto, marina_mayoral, novela, para_seguir_bailando, quen_matou_a_inmaculada_de_silva?, relatos, tempo_de_centeo, tvg, xosé_fernández_ferreiro
Publicado en Críticas, Entrevistas, Fóra de Xogo, Monografías, Narrativa, Xerais_nos_medios, Xuvenil | Leave a Comment »
Maio 6, 2009
Tempo de centeo é o título do novo libro de Xosé Fernández Ferreiro. Nesta novela, a décimo quinta da produción novelística do narrador de Espartedo, retrátase aquel pequeno Ourense clerical e clasista dos anos da fame de posguerra. Tempo de centeo chegará ás librarías esta semana.
Xosé Fernández Ferreiro, que con tanto acerto narrou a traxedia dos paseos e dos fuxidos galegos, ofrécenos en Tempo de centeo outra magnífica novela sobre a posguerra. Transcorre naquel pequeno Ourense, clerical e clasista, dos anos corenta e cincuenta do pasado século cando todo eran atrancos e miserias para o pobo. O personaxe principal é un adolescente que emigra da aldea á cidade, onde se ve obrigado a traballar en diversos oficios para subsistir nun mundo hostil e represivo no que se sente alleo e desnortado. só un grande amor e a súa paixón polo cine lle dan pulo e o liberan para soportar o noxo de cada día.
Tempo de centeo é unha historia amarga e realista, da que emerxen, coa forza das cousas prohibidas, todos os desexos humanos nun tempo escuro e desaventurado que trocou a vida de moitas xeracións.
Etiquetas:novela, tempo_de_centeo, xosé_fernández_ferreiro
Publicado en Narrativa, Noticias | Leave a Comment »
Abril 7, 2009
Neste mes, o abril dos libros, Xerais poñerá nas librarías once títulos.
Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas O’ Salto do Can de Jorge Llorca e Tempo de centeo de Xosé Fernández Ferreiro.
Na serie Letras Galegas a novela de Daniel Ameixeiro Ramón Piñeiro. Os días ocultos.
En colaboración coa Radio Galega e AGADIC o disco libro do IIIº Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.
En Xerais Crónica, Galicia solidaria, obra coordinada por Xulio Ríos e Carlos Teijo, membros do IGADI.
En Xerais Manuais Do orixinal ao libro. Manual de edición técnica de Juan Blanco Valdés, que será presentado, o 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro.
Así mesmo, na renovada serie Merliño aparecerán catro novos títulos, encadernados en tapa dura: Pinga de choiva de Ánxela Gracián, ilustrado por Daniel Díaz Trigo; O arco da vella de Charo Pita, ilustrado por Xosé Tomás; Dona Landra no río revolto de Alberto Varela Ferreiro e Baldrás, o xigante, libro cedé de Iolanda Eiras, ilustrado por Francisco Bueno.
Por último, na serie de libros ilustrados publicarase Cabalos de vento, curros de pedra, froito da colaboración creativa entre o fotógrafo Xavier Teniente e o pintor Xosé Guillermo, recentemente falecido.
Etiquetas:alberto_varela_ferreiro, ánxela_gracián, baldras_o_xigante, cabalos_de_vento_curros_de_pedra, carlos_teijo, charo_pita, daniel_ameixeiro, daniel_díaz_trigo, dona_landra_no_río_revolto, do_orixinal_ao_libro, francisco_bueno, galicia_solidaria, igadi, iolanda_eiras, jorge_llorca, juan_blanco_valdés, novela, o_arco_da_vella, o_salto_do_can, pinga_de_choiva, radio_galega, ramón_piñeiro_os_días_ocultos, teatro_radiofónico, tempo_de_centeo, xavier_teniente, xosé_fernández_ferreiro, xosé_guillermo, xosé_tomás, xulio_ríos
Publicado en Crónica, Fóra_de_colección, Infantil, Merlín, Narrativa, Noticias, Radio, Teatro | Leave a Comment »
Xaneiro 10, 2009
O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau, A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo. Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección, tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.
(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.
Etiquetas:agustín_agra, aldonza, alfonso_armada, a_clase, a_vida_do_outro, carlos_reigosa, eduardo_rolland, estíbaliz_espinosa, fernández_paz, ferrín, françois_begaudeau, francisco_fernandez_naval, goretti_sanmartín, jorge_llorca, manuel_rivas, maría_reimóndez, monbars_o_exterminador, nos_camiños_do entusiasmo, o_arrecendo_das_mimosas, o_salto_do_can, para_seguir_bailando, patricia_castelao, peaxes, ramon_nicolás, riofero, rosa_aneiros, santiago_lopo, suso_de_toro, tempo_de_centeo, teresa_gonzález_costa, xavier_teniente, xelis_de_toro, xosé_fernández_ferreiro, xosé_guillermo
Publicado en Noticias, Xerais_nos_medios | 1 Comment »
Xaneiro 2, 2009
Ademais da novela de François Bégaudeau, A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico.
No mes de marzo publicaremos outras tres novidades na colección Xerais Narrativa: o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009,
A seguinte entrega do ano 2009 será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.
Completarase a oferta narrativa do primeiro semestre coas novas entregas de Suso de Toro e Rosa Aneiros.
Etiquetas:agustín_agra, a_clase, a_vida_do_outro, carlos_reigosa, françois_begaudeau, francisco_fernandez_naval, hixinio_puentes, jorge_llorca, monbars_o_exterminador, novela, o_arrecendo_das_mimosas, o_salto_do_can, para_seguir_bailando, peaxes, relatos, riofero, rosa_aneiros, santiago_lopo, suso_de_toro, tempo_de_centeo, xelis_de_toro, xosé_fernández_ferreiro
Publicado en Narrativa, Noticias | 1 Comment »