Archive for the ‘Ensaio’ Category

Maalouf: «investir en cultura é investir en paz cívica»

Setembro 29, 2009

ALeqM5jJwmypXGPRgQEYSEZ9kFiCFkuhjgCon motivo da publicación en España das edicións d’ A deleiba do mundo, o máis recente libro de ensaios de Amin Maalouf, hoxe son moi numerosas as entrevistas co grande autor franco-libanés. Europa PressEFE, El País, ABC, El Mundo recollen as declaracións dun Maaoluf esperanzado que reivindica, como no seu ensaio, «o investimento en cultura como investimento en paz cívica».

«A deleiba do mundo», primeira crítica do ensaio de Maalouf

Setembro 19, 2009

Amin Maalouf at the ECMartín Pawley publica hoxe nas páxinas do suplemento «Nós» de Xornal de Galicia a primeira crítica d’ A deleiba do mundo, o ensaio de Amin Maalouf que chega esta fin de semana ás librarías galegas. O fermosísimo texto do crítico salienta que o ensaio do autor d’ A viaxe de Baldassare é un «ollar perturbador sobre o desarranxo do capitalismo e un canto á esperanza, á contación emocionada que outro rumbo é posible». Recollemos varios parágrafos dun texto crítico moi recomendable:

XG00156901«Entramos no novo milenio sen compás». Desde a primeira liña Amin Maalouf deixa ben claro o seu desacougo ante o estado actual do mundo. É o berro de desesperación dun intelectual apaixonado pola razón e o coñecemento, que ve coma estes conceptos son postos en cuestión en máis partes do planeta das que nos gustaría recoñecer. Dun amante da liberdade que mira con tristura como deixou de ser un valor indiscutíbel para ser cercenada aquí e acolá con argumentos falsarios. A deleiba do mundo é o relato perturbador e inquietante do desastre económico, político, ecolóxico e ético do tempo en que vivimos e de como chegamos a el, mais se tan só fose iso non serviría para moito. O que fai do maxistral ensaio do escritor libanés unha ferramenta imprescindíbel é a súa condición de canto de esperanza, a súa emocionada certeza de que é posíbel atoparmos un rumbo diferente.

[…]

Maalouf amósase especialmente horrorizado pola perda da diversidade, pola pasividade ante a extinción de comunidades milenarias. «Un mundo onde se respecta cada día un pouco mellor a diversidade humana, onde calquera pode expresarse na lingua da súa elección, profesar pacificamente as súas crenzas e asumir serenamente as súas orixes sen incorrer na hostilidade nin no denigramento, sexa por parte das autoridades ou da poboación, é un mundo que avanza, que progresa, que se eleva».

A frase debería estar esculpida á porta das escolas e dos parlamentos, e non porque sexa algo que non saibamos, senón pola tendencia que temos a esquecelo. «O século XXI será salvado pola cultura ou ben se afundirá», afirma coa contundencia de quen pensa que a escala de valores non pode fundarse noutra cousa que non sexa a cultura e o ensino.

[…]

«Tedes o dereito e o deber de estudar a nosa lingua en profundidade. Mais tamén tedes o dereito e o deber de non esquecer a vosa lingua de orixe, porque a nós cómprenos ter persoas que compartan os nosos valores, que comprendan as nosas preocupacións e que falen perfectamente todas as linguas de Europa, de Asia e de África, todas sen excepción, a fin de que poidamos facernos entender por todos os pobos do planeta. Entre eles e nós, vós seredes, en todos os ámbitos –a cultura, a política, o comercio–, os insubstituíbles intermediarios». Velaí outra frase máis para esculpir.

«A deleiba do mundo» de Amin Maalouf

Setembro 4, 2009

Tras a publicación en 2000 da novela A viaxe de Baldassare, Xerais publica A deleiba do mundo, o novo libro de ensaio de Amin Maalouf, o brillante escritor libanés.

XG00156901«Entramos no novo milenio sen compás», con esta frase comeza este ensaio no que Amin Maalouf intenta explicar como se chegou á deleiba actual do mundo e como se poderá saír dela. Para Maalouf dende os primeiros meses do século XXI veñen producíndose acontecementos desacougantes que inducen a pensar que o mundo coñece unha deleiba maior, e en varios ámbitos ao tempo. Deleiba económica e financeira, que transforma o planeta enteiro nunha zona de turbulencias de consecuencias imprevisibles, que constitúe, en si mesmo un síntoma dunha perturbación do noso sistema de valores. Deleiba climática, resultado dunha longa práctica de irresponsabilidade colectiva. Para o autor libanés non estaría de máis preguntarse se diante dunha situación semellante, a nosa especie non acadou, dalgún xeito, o limiar dun conflito de incompetencia moral se non acaba de iniciar un movemento de regresión que ameaza con derrubar o que tantas xeracións sucesivas tardaron en edificar. Para Maalouf a deleiba do mundo ten menos que ver co “choque de civilizacións” que co esgotamento simultáneo dos nosos modelos sociais. Sobre todo, o dos ámbitos culturais cos que el se identifica: o occidental e o do mundo árabe. O primeiro, por ser pouco fiel aos seus propios valores; o segundo, por atoparse pechado nun impasse histórico. Un diagnóstico inquedante que desemboca nunha nota de esperanza. Segundo Maalouf, o período axitado no que entramos podería levarnos a elaborar unha visión por fin adulta das nosas identidades, das nosas crenzas, das nosas diferenzas e do destino do planeta que compartimos.

Esta edición en galego d’ A deleiba do mundo, preparada por María Dolores Torres París, chegará ás librarías galegas na derradeira semana do mes de setembro. Amin Maalouf recibiu o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia deste ano 2009 co que se valora as persoas ou institucións significativas polo seu labor a prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do continente.

Xerais no Festigal 2009

Xullo 24, 2009

194-f-cartaz350Hoxe no seo de Festigal realizaranse as presentacións de dous dos nosos libros da colección de ensaio: ás 18:00 horas O natural é político de Teresa Moure e ás 19:30 Nos camiños do entusiasmo de Goretti Sanmartín. En senllos actos as autoras estarán acompañadas polo editor Manuel Bragado.

“De provincia nación”, no Café Volter de Vigo

Xuño 12, 2009

Invitación Beramendi

O vindeiro martes 16 de xuño ás 20 horas, Justo Beramendi convesará no Café Volter de Vigo sobre o seu libro De provincia a nación. Historia do galeguismo político (Premio Nacional de Ensaio 2008) con Luís Domínguez e Camilo Nogueira. O acto desenvolverase nas instalacións da Fundación Casares de Vigo, situadas en Elduayen 36, 2º (antigo edifico Asefal).

Agustín Fernández Paz: «Oito doas para San Simón»

Xuño 8, 2009

Agustín Fernández Paz, como mantedor literario da XXVIª edición dos Premios Xerais, leu o discurso titulado Oito doas para san Simón (pode descargarse o arquivo pdf aquí)), no que fixo unha defensa do papel da creación literaria en lingua galega como forma de participar na cultura da humanidade. Nesta liña rematou a súa intervención con estas palabras:

Estamos afeitos a traballar en situacións adversas. Na historia da nosa literatura as liñas de resistencia activa veñen de lonxe. De Rosalía, rebelándose contra o feito de sentirse estranxeira na súa patria; de Curros, que denuncia a ameaza dos lobos e clama pola unión; de Cunqueiro pechado na súa bufarda de Mondoñedo a soñar as mil primaveras para a lingua estigmatizada; de Celso Emilio, falándolle como un irmau solidario a todos os desposuído do mundo… A nosa forma de participar na cultura da humanidade é desenvolvendo a cultura galega. Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera persoa en calquera lugar do mundo, só precisamos plasmala a través do proceso de creación. Para conseguilo, cómpre chantar os pés na nosa realidade e, coas raíces na terra, abrirnos a todos os ventos culturais do mundo. Porque aquí están as fábricas da imaxinación das que fala Manuel Rivas, delas poden saír creacións que tamén se lean en toda a periferia mundial. Obras cargadas de vida, obras cunha luz tan forte que sexa imposible de agochar. Un dos trazos máis significativos da cultura galega, que tan ben souberon expresar os membros da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade, a súa vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas: a súa conciencia de que só se pode ser universal desde as propias raíces.

Teresa Moure pregoeira da Feira do Libro de Santiago

Abril 30, 2009

teresa_moureMañá, primeiro de maio, ás 13:00 na Alameda, Teresa Moure lerá o pregón que dá inicio á Feira do Libro de Santiago de Compostela. Teres asinará exemplares do seu ensaio máis recente, O natural é político, o martes 5 de maio, a partir das 19:00 horas.

«A corpo aberto», crítica en «Protexta»

Abril 14, 2009

rivas_protextaXiana Arias publicou no Protexta 09 unha crítica sobre o máis recente libro de xornalismo literario de Manuel Rivas publicado en Xerais Crónica, A corpo aberto.

«Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo»

Abril 7, 2009

xg00157601Os compañeiros da editorial Galaxia fanse eco no seu blog da aparición de Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo, o libro de Xosé Ramón Rodríguez Polo. Agradecemos tan magnífica deferencia.

«Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo»

Abril 2, 2009

pineiro_faroPilar Ponte publica no «Faro da Cultura» d ehoxe unha crítica de Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo, o ensaio de Xosé Ramón Rodríguez Polo.

«Nos camiños do entusiasmo», nova en «La Voz de Galicia»

Abril 1, 2009

g1p51f2La Voz de Galicia faise eco da presentación do último ensaio da profesora Goretti Sanmartín.

«O natural é político», acto en Pontevedra

Marzo 31, 2009

xg00153201O xoves, 2 de abril, ás 20:00 horas, na sala de conferencia s da Fundación Caixa Galicia de Pontevedra, terá lugar un diálogo arredor do libro O natural é político, entre a súa autora, Teresa Moure, e o editor Manuel Bragado. O acto está organizado polo Ateneo de Pontevedra.

«Nos camiños do entusiasmo», presentación na Coruña

Marzo 27, 2009

xg000795011Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, o máis recente ensaio de Goretti Sanmartín, presentarase o vindeiro luns, 30 de marzo, ás 20:30 horas, na Asociación Alexandre Bóveda, rúa dos Olmos 16-18, 1º da Coruña. O acto contará coa participación da autora e do profesro Xosé Manuel Sánchez Rei.

«Nos camiños do entusiasmo», crítica no «Faro da Cultura»

Marzo 26, 2009

entusiasmofaroMarga Romero publica unha crítica no «Faro da Cultura» de hoxe sobre o ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo.

Finalistas premios AELG2008

Marzo 18, 2009

Déronse a coñecer hoxe as obras finalistas dos premios AELG as mellores obras literarias do pasado ano 2008. En case todas as categorías son numerosas as obras editadas pola editorial.  Os membros da AELG poderán emitir o seu voto ata o 5 de maio.

Literatura infanto-xuvenil (Aelg-Gálix):
1. A Cabeza de Medusa, Marilar Aleixandre
2. Caderno de animalista, Antón Fortes Torres
3. Fume, Antón Fortes Torres
4. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
5. PAlAbrAs brAncAs, Elvira Riveiro

Poesía:
1. A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel
2. Acendede as almenaras: cántigas de amor, de amigo e de escarnio, Bernardino Graña
3. Amor Amén, Iolanda Zúñiga
4. Construcións, Eduardo Estévez
5. Cultivos transxénicos, Carlos Negro
6. Hordas de escritura, Chus Pato
7. Látego de algas, Antón Reixa
8. Libro de Alicia, Olalla Cociña
9. Migracións. Rafa Villar
10. Non son de aquí, María do Cebreiro
11. O xeito de Freud, Carlos Lema
12. Reversos: días adiados, Ramiro Fonte

Teatro:
1. Fume / Insomnio, Rubén Ruibal Armesto e Carlos Losada Galiñáns
2. Historia da chuvia que cae todos os días, Roberto Salgueiro
3. Nachtmahr, Raúl Dans
4. Unha primavera para Aldara, Teresa Moure

Ensaio:
1. Anti Natura, María Xosé Queizán
2. Caderno de notas, Jenaro Marinhas del Valle
3. Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión nacional, Carlos Taibo
4. Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado
5. Historia de Ourense, Marcos Valcárcel
6. Miro Casabella e a nova canción galega, Xan Fraga
7. O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios, Luís G. Soto
8. O natural é político, Teresa Moure
9. Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Xosé Manuel Beiras

Tradución:
1. A conxura dos necios (John Kennedy Toole), Eva María Almazán García
2. As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza
3. Cantos e fragmentos (Safo), Raúl Gómez Pato
4. O xiro postal (Sembène Ousmane), María Isabel García Fernández
5. Un home na escuridade (Paul Auster), Eva María Almazán García

Narrativa:
1. A choiva do mundo, Xosé Manuel Pacho Blanco
2. A verdade como mal menor, X. Luís Martínez Pereiro
3. Costa Norte/ZFK, Xurxo Borrazás
4. Festina lente, Marcos S. Calveiro
5. Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva
6. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
7. O profesor de vegliota, Manuel Veiga
8. O xardín das pedras flotantes, Manuel Lourenzo
9. Os nomes do traidor, Xurxo Sierra Veloso
10. Shakespeare destilado, Xesús Constela

«Nos camiños do entusiasmo», crítica de Fernán Vello

Marzo 9, 2009

O noso colega o editor e escritor Miguel Anxo Fernán Vello publica hoxe na súa columna «Caderno aberto» de Galicia hoxe unha crítica do ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo. Reproducimos un texto moi interesante:

xg00079501Proposta de lectura

Estando como están as cousas –a res publica, entendámonos–, aquí, en Euskadi e en Madrid –mais sobretodo aquí, na grisalla Galiza de hoxe mesmo–, nunca está de máis obtermos certa paz creativa e intelixente, certo acougo construtivo e liberador, através da lectura. Si, mediante a lectura dun libro, dun bo libro. E non por ánimo de fuxida do mundanal ruído, nin por desexo ningún de afastamento da realidade punxente que nos ocupa. Máis ben porque a lectura –unha lectura particular e conscientemente decidida– non só é antídoto contra a mediocridade que reinou, que reina e que reinará –iso é indubidábel, a non ser que aconteza un milagre–, senón porque a lectura mesma, con todo o seu poder de iluminación, abre espazos por onde transitarmos coas únicas armas das que sempre gustamos e que nos permiten avanzar superándomos todo atranco: a razón e o coñecemento. E todo isto vén a conto porque chegou ás miñas mans un libro que permite expresar todo o anterior; unha obra que invadiu e invade, con gran pracer, as miñas horas actuais. Goretti Sanmartín Rei é a autora de Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, un ensaio publicado por Xerais que debe obter –e máis nos tempos que corren– a maior atención por parte dos lectores e que, na miña opinión, é unha obra moi oportuna e necesaria, un conxunto de reflexións que deben ser compartidas. A profesora Sanmartín, con gran rigor e metodoloxía dialéctica, leva a cabo na súa obra unha crítica sobre o tempo perdido no que atinxe á normalización do galego nos últimos anos, tanto dende a perspectiva política como dende a académica, e fai unha chamada a entendermos tamén a defensa do idioma galego como un proceso de mellora da calidade da lingua que empregamos, xa que así –di a autora, e nós partillamos a idea– «estamos a facer país». Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación é unha obra que non deberan deixar de ler, en ningún caso, todos os políticos, todos, deste país, en materia lingüística case sempre ao pairo. Miguel Anxo Fernán Vello.

«Letras galegas», crítica en «Culturas»

Marzo 5, 2009

alonso-monteroRamón Nicolás publicou o pasado 7 de febreiro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre as dúas novidades máis recentes do profesor Xesús Alonso Montero, entre elas Letras galegas. Explicadas (de 1962 a 1980) en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia.

Goretti Sanmartín, entrevista en «Galicia hoxe»

Marzo 2, 2009

gp38f03524021_226648Manuel Vidal Villaverde publica nas páxinas de Galicia hoxe unha longa entrevista con Goretti Sanmartín Rei con motivo da publicación do seu ensaio Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación.

Recollemos un dos parágrafos referidos ás características do ensaio:

No meu libro mestúranse dous planos. Entre o entusiasmo e a subxectividade do título e a obxectividade máis académica do subtítulo (Calidade da lingua e planificación), coido que precisamos moito máis o primeiro, o que nos concede a razón de ser, a vontade de existirmos colectivamente. Porén, o subtítulo non deixa de ser importante ao pretender ligar indisolublemente calidade da lingua e planificación; isto é, a miña pretensión é demostrar que non existe ningunha planificación acaída para a nosa realidade sen calidade da lingua, un espazo onde, por tanto, debemos confluír para sobrevivir, para formarmos parte da nación temos de establecer un vínculo arredor da nosa lingua imaxinada, un vínculo que permite a heteroxeneidade de estilos e, en menor medida, de escollas, mais unha vinca en que nos recoñecermos.

«Rosalía 21»

Febreiro 23, 2009

Con motivo das actividades do Día de Rosalía (172 aniversario do seu nacemento) aparece, Rosalía 21, libro colectivo de ensaios que forma parte dun proxecto multisoporte, «Rosalía 21», que pretende reler a figura fundacional da literatura e da nación galega á luz de novas claves interpretativas e desde novos modelos estéticos. Un proxecto concibido co principal obxectivo de revisar e reivindicar, desde unha lectura contemporánea, a figura da nosa autora primeira.

rosalia-capa.inddO proxecto «Rosalía 21», promovido pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e coordinado por Anxo Angueira, ten tres principais realizacións, as tres complementarias: un espectáculo audiovisual baseado na imaxe e na palabra, na poesía e na música; un disco coas gravacións base dese espectáculo e o presente libro. Os tres soportes participaron coordinadamente dun repertorio temático común que tiñan que ver con nove grandes eixos temáticos: a terra, a casa, a emigración, a muller, a sombra, os miserábeis, a revolución, a alborada e Rosalía poeta nacional.

No presente libro, para cada apartado propúxoselle a unha persoa a realización dun ensaio. Así Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda realizou dúas achegas biográficas; María López Sández aborda “Rosalía e a paisaxe galega”; Iria Sobrino Freire analiza “Os prólogos a Cantares Gallegos e Follas Novas, manifestos por unha cultura da resistencia”; Nancy Pérez Rey estuda “Rosalía de Castro e a emigración. A poeta e Cuba”; Xabier Cordal Fustes revisa as estratexias políticas da autora no traballo “Rosalía de Castro: un método para a liberación”; Daniel Salgado  é autor de “Corazón de aceiro: cinco notas sobre o político en Rosalía de Castro”; María do Cebreiro escribe sobre “Rosalía de Castro ou a produción do infinito”; Iago Castro Buerguer fala de “Rosalía de Castro: transgresión e feminismo”; María Reimóndez estuda as traducións e recepción de Rosalía fóra de Galicia; e, por último, Anxo Angueira, editor do volume escribe o traballo “Algunhas visións de Rosalía de Castro”, onde se intenta ofrecer unha sucinta visión das consideracións que historicamente se fixeron de Rosalía, como escritora e icona. O libro inclúe, ademais, unha viaxe fotográfica preparada por Uqui Permui, que tamén se ocupou do deseño e maquetación do libro. As traducións foron realizadas por Xabier Xil Xardón (español), María Reimóndez (inglés) e Emma Lázare e Denise Peyroche (francés).

gp39f03507041_224682A edición do libro Rosalía 21 foi presentada hoxe xunto ao espectáculo audiovisual e poético que se celebrará o xoves, 26 de febreiro, ás 21:00 horas no teatro Pirncipal de Santiago.

«De boa tinta. repertorio bibliográfico de e sobre Lorenzo Varela»

Febreiro 23, 2009

Acaban de chegar do prelo os primeiros exemplares do libro de José Ángel García López, De boa tinta. repertorio bibliográfico de e sobre Lorenzo Varela.

Capa UniversitariaEste libro, preparado polo profesor José Ángel García López, ten un dobre obxectivo: por unha banda, reflicte o estado actual dos estudos relacionados con Lorenzo Varela e pretende ser unha ferramenta útil para os presentes e futuros analistas da súa obra. Así mesmo, é unha homenaxe á memoria deste intelectual ao cumprirse trinta anos do seu pasamento. Unha homenaxe que subscriben todos e cada un dos autores citados neste libro, moitos dos cales elaboraron as súas contribucións en circunstancias para a expresión e a difusión da literatura na nosa lingua menos propicias cás actuais.

Co desexo de que a herdanza moral e literaria do poeta de Monterroso se espalle no espazo e no tempo, publícase este traballo bibliográfico como mostra do compromiso da Comisión de Homenaxe a Lorenzo Varela e de Xerais co estudo e coa divulgación da biografía e da obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2005.

«Os materiais curriculares en Galicia»

Febreiro 20, 2009

Chega ás librarías durante estes días de entroido  Os materiais curriculares en Galicia, a investigación de Xesús Rodríguez Rodríguez,  profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

xg00136301Os materias curriculares en Galicia é froito dunha investigación do profesor Xesús Rodríguez Rodríguez que nos achega á percepción que o profesorado de Galicia manifesta sobre os libros de texto e materiais curriculares impresos que foron elaborados para empregar na súa práctica docente; é, ademais, un achegamento á opinión do profesorado para dar a coñecer as súas valoracións acerca dos recursos e materiais que foron pensados para o seu uso. Qué grao de coñecemento posúe o profesorado dos materiais que foron elaborados para axudalo na súa actividade docente?, Que funcionalidade presentan?, Qué tipo de materiais se empregan habitualmente?, Cales son as principais necesidades de recursos e de formación que sinala o profesorado?, Que opinión existe das características que presentan os materiais?, Que tipo de materiais elabora o propio profesorado na escola?

Este libro quere servir de guía e preocupación para reflexionar sobre estas e outras cuestións, tan importantes para o desenvolvemento dunha práctica educativa de calidade. As valoracións e os resultados que aparecen recollidos neste libro constitúen un apoio moi importante para os distintos colectivos que desexen coñecer o que acontece na práctica educativa cos materiais e tamén para as institucións e profesionais que teñen que tomar decisións sobre os mesmos. Este estudo tamén dá a coñecer en que estado se encontra a teoría que se formolou ao redor dos materiais nas Reformas Educativas e comprobar en que medida se reflicte e exerce influxo na práctica.

«Educación para a cidadanía e os profesores»

Febreiro 18, 2009

Miguel Anxo Santos Rego e María do Mar Lorenzo Moledo, profesores ambos os dous da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, acaban de publicar Educación para a cidadanía e os profesores. Visión e desafío. Este ensaio continúa a novidosa liña de ensaismo pedagóxico iniciada tan exitosamente por eles nas súas obras anteriores publicadas na mesma colección Inmigración e acción educativa en Galicia e Universidade e construción da sociedade civil en Galicia. Esta nova entrega de grande actualidade chegará ás librarías galegas na vindeira semana.

xg00151901A cidadanía plena é o froito da democracia, do mesmo xeito que non hai democracia digna sen fornecer axeitadamente a aprendizaxe e o desenvolvemento cívico de todas as persoas, en especial das máis xóvenes. Aínda que non lle corresponda en exclusiva, a escola e o sistema educativo como un todo están chamados a realizar, co máximo coidado pedagóxico, tan importante cometido social e moral. A recente incorporación ao currículo do noso país dunha materia autónoma co nome de «Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos» coloca no primeiro plano o importante papel do profesorado nesta dinámica, tamén instructiva, que precisa claridade, calidade e compromiso. Ben sabemos que ningún cambio é posible en educación sen os profesores. Razón de máis para que este libro dos profesores Miguel Anxo Santos Rego e María do Mar Lorenzo Moledo sitúe o seu epicentro na perspectiva coa que os docentes están asumindo un programa de acción educativa con grandes alicerces para os individuos e as comunidades.

«Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo»

Febreiro 16, 2009

Chegou do prelo o primeiro dos nosos títulos do «Ano Ramón Piñeiro», o libro do profesor Xosé Ramón Rodríguez Polo Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo (1939-1982). Estará nas librarías a vindeira semana.

xg00157601Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo de Xosé Ramón Rodríguez Polo aborda a estratexia que elaboraron os galeguistas encamiñada a preparar á sociedade para o escenario –entón incerto– da restauración da democracia. Buscaban unha estratexia de longo prazo que lles permitise despregar unha acción efectiva sobre a opinión pública para contrarrestar a influencia do franquismo e avivar a conciencia da propia identidade. Os galeguistas, liderados por Ramón Piñeiro, inauguraron unha vía alternativa que recuperou para a sociedade os valores e ideais do galeguismo, e construiu para a política un marco de xogo que todos os partidos debían asumir. E desenvolveron unha importante actividade pública no ámbito cultural, porque entendían que a cultura era o factor clave tanto da conciencia identitaria coma da mesma existencia de Galicia como pobo. O seu obxectivo era evitar que o sentimento galego fose instrumentalizado por ningún partido político, para permitir que todos os galegos, á marxe da súas posicións ideolóxicas, puidesen sentirse plenamente integrados.

Xosé Ramón Pena está noite en «Libro Aberto»

Febreiro 15, 2009

Libro Aberto regresa esta tempada cheo de novidadesXosé Ramón Pena será entrevistado esta noite por Manolo Romón no programa «Libro Aberto» de TVG con motivo da publicación da súa novela A batalla do paraiso triste. A entrevista foi gravada no Museo Galego de Arte Contemporánea de Santiago e será emitida na noite do domingo a partir das 1:45 da madrugada. Ademais, no programa, Xavier del Valle Inclán falará de Fendas abertas. Seis ensaios sobre a cuestión nacional de Carlos Taibo. O programa repetirase en G-2 o venres, 20 de febreiro, ás 15:30 horas. Tamén pode verse en internet aquí.

Goretti Sanmartin entrevistada polo «Diario Cultural»

Febreiro 13, 2009

6f9c73c547f6fd1808b1f0b435c35d53a2879771O «Diario Cultural» da Radio Galega entrevistou onte a Goretti Sanmartín con motivo da presentación do seu libro Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación. A entrevista pode escoitarse aquí.

«Nos camiños do entusiasmo», presentación

Febreiro 9, 2009

10002821413O vindeiro xoves, 12 de febreiro, ás 20:30 horas na Libraría Pedreira (rúa do Home Santo 55) de Santiago presentarase Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín.

O acto contará coa participación da autora e de Xosé Manuel Sánchez Rei, Teresa Moure e Manuel Bragado.

xg00079501Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensamento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente.

«O natural é político», crítica no «Faro da Cultura»

Febreiro 6, 2009

onaturalfaroMaruxa Gestoso publica no «Faro da Cultura» unha crítica sobre O natural é político, o máis recente ensaio de Teresa Moure.

«Fendas abertas», crítica no «Faro da Cultura»

Xaneiro 29, 2009

fendasfarowebAlfredo Iglesias publica no «Faro da Cultura» unha crítica sobre Fendas abertas, o ensaio de Carlos Taibo.

Entrevista a Xesús Alonso Montero

Xaneiro 21, 2009

g19p30f1Jorge Lamas entrevista en La Voz de Galicia ao profesor Xesús Alonso Montero con motivo da chegada ás librarías de Letras Galegas, o máis recente dos seus títulos de ensaio publicados por Xerais.

«Letras Galegas», novo libro do profesor Xesús Alonso Montero

Xaneiro 8, 2009

Chega ás librarías un novo libro do profesor Xesús Alonso Montero. Letras Galegas. Explicadas (de 1962 a 1980)  en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia recolle 38 traballos que publicou en revistas extragalegas, algunha tan importante e tan eficaz, para a concienciación democrática e progresista de España, como Triunfo (Madrid). Son quince os textos seus aparecidos no semanario que capitaneaba a mente lúcida de Eduardo Haro Tecglen, catro deles moi extensos. Boa parte dos traballos, nesta e noutras revistas, son anteriores á morte de Franco (novembro de 1975), o que quere dicir que foron escritos para seren publicados dentro das coordenadas censorias do franquismo, se ben do tardofranquismo. Outra parte son posteriores á morte de Franco. Deles, os publicados entre novembro de 1975 e abril de 1977 (legalización do Partido Comunista), aínda esixían do autor un autocontrol expresivo non pequeno. En palabras de Xesús Alonso Montero:

xg00159201Téñase en conta que eu non escribía como un liberal de dereitas ou de centro; eu escribía desde postulados esquerdistas, ás veces decididamente marxistas, falase do problema da lingua, da socioloxía da literatura ou dos escritores rebeldes que nunca oíron a chamada da revolución. Os escritores galegos que eu explicaba ós ‘lletraferits’ de fóra de Galicia eran escritores que estaban coa causa da esquerda, entre eles, Viqueira, Celso Emilio Ferreiro, Luis Seoane, Lorenzo Varela e Neira Vilas. Explicándoos, promocionábaos fóra das nosas fronteiras, consciente sempre de que unha boa parte dos lectores extr-agalegos tiñan unha idea máis ou menos ‘idílica’ e ‘folclórica’ da nosa literatura. A esta causa, a de facer ver que existían nas Letras en galego importantes páxinas cuestionadoras, dediquei unha boa parte do meu traballo intelectual, sobre todo como conferenciante en Madrid, Barcelona, Salamanca, Paris (1967) e mais Buenos Aires e Montevideo (1969). Todo antes da morte de Franco.

«Nos camiños do entusiasmo», ensaio de Goretti Sanmartín

Xaneiro 8, 2009

Está a punto de chegar ás librarías o ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación.

xg00079501Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensa-mento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente.

«De provincia a nación», crítica en «Culturas»

Xaneiro 6, 2009

Ramón Loureiro publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, dedicado aos mellores libros galegos do pasado ano, unha crítica do libro de Justo Beramendi De  provincia a nación. Historia do galeguismo político, Premio Nacional de Ensaio 2008.

xg00083201Catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, cofundador do Museo do Pobo Galego e autor de títulos como Galicia e a historiografía (1993), Manuel Murguía (1998) e Alfredo Brañas no rexionalismo galego (1998), o profesor Justo G. Beramendi (Madrid, 1941) ven de conseguir o Premio Nacional de Ensaio, outorgado polo Ministerio de Cultura, pola súa monumental obra -en máis dun sentido, o de monumental- De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Froito, como calquera pode supoñer, dunha longa investigación e dun intensísimo traballo, dun labor de nada menos 25 anos, neste libro o profesor Beramendi estuda a esencia dos movementos que acometeron a “reivindicación de Galicia como suxeito político” desde o século das luces ata os nosos días. Unha viaxe polo tempo que abrangue, con especial fondura, tanto o provincialismo, o rexurdimento e o rexionalismo decimonónicos como o nacionalismo do século XX, e que presta unha especial atención a aspectos como a “reconstrución das estruturas das ideoloxías”, sempre de cara a explicar, coa perspectiva científica que nace da historia, os alicerces sobre os que hoxe se asenta a personalidade política de Galicia; unha personalidade “claramente diferenciada”. Así, polas páxinas de Justo G. Beramendi aparecen desde a Galicia que vivía o ocaso do Antigo Réxime, os ilustrados do país e o reformismo conservador, ata o que para o nacionalismo galego supuxo a constitución do BNG, pasando pola confrontación entre o absolutismo e o liberalismo, o papel de Compostela na aparición do primeiro galeguismo, a Galicia isabelina, a mensaxe provincialista, os tradicionalismos, o movemento agrario, o pensamento solidario ou, por suposto, as Irmandades da Fala.

Finalmente lembra, o autor, ao remate do libro, que “o futuro nunca está escrito” e que “menos podemos escribilo quen só sabemos escrutar o pasado con mellor ou peor fortuna”, así que, polo tanto, di, haberá que deixar, ao final da historia que vén de escribir, un “interrogante aberto”. Ramón Loureiro

Justo Beramendi, entrevistado na contraportada de «La Voz de Galicia»

Xaneiro 6, 2009

g5p64f1

Foto de Sandra Alonso, La Voz de Galicia

Nacho Mirás Fole entrevista a Justo Beramendi na  súa Cara B, a contraportada de La Voz de Galicia, con motivo da obtención do Premio Nacional de Ensaio por De provincia a nación. Historia do galeguismo político.

«A represión lingüística en Galiza no século XX»

Decembro 23, 2008

Manuel Rodríguez Alonso publica no Cartafol de Libros unha crítica sobre o libro de María Pilar Freitas A represión lingüística en Galiza no século XX. Recollemos o derradeiro parágrafo do texto:

xg00137501Libro que debe figurar na biblioteca de lingüística de todos os centros e profesores. Mágoa é que estas obras non teñan resonancia nas facultades de filoloxía do resto do Estado, especialmente nos núcleos do pensamento españolista puro e duro. Cando algúns vociferan por aí que nunca houbo leis e decretos que perseguisen o galego, cómpre que lean libros coma este. Tamén debe ser lectura obrigada para os de Galicia bilingüe e mesmo os políticos que queren derrogar as cativas medidas protectoras do galego e que non son quen de pedir que o coñecemento do galego sexa un deber e non só un dereito, como por certo pide o novo Estatuto de Autonomía de Cataluña, aínda que por iso (e outras cousas) estea recorrido perante o Constitucional… Por certo, parabéns para a portada deste libro.

«Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego»

Decembro 21, 2008

xg001439011Daniel Salgado publica nas páxinas de El País Galicia unha extensa reportaxe sobre o Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego, obra coordinada por Andrés Torres Queiruga e Manuel Rivas Garcñia, coeditada polo Consello da Cultura Galega e Xerais.

«O natural é político», presentación en Compostela

Decembro 15, 2008

Mañá, martes, 16 de deembro, ás 20:00 horas na Libraría Pedreira de Santiago, presentarase O natural é político, o máis recente ensaio de Teresa Moure. No acto acompañarán á autora Xosé Manuel Beiras e Manuel Bragado.

xg001532011Un dos tópicos máis arraigados recoñece Galiza como unha paisaxe: un país verde, de dondas montañas e mil ríos, onde a poboación vive da casa labrega ou do oficio mariñeiro, apegada ao territorio e ao seu. Hai varias décadas que ese modelo deixou de existir para ser aceleradamente substituído polo único vixente coa globalización neoliberal. O natural é político, o novo ensaio de Teresa Moure, non é un texto especializado. Un determinado modelo de desenvolvemento económico e os problemas globais do planeta (quecemento, cambio climático, contaminación) desatan unhas páxinas en que alterna o ensaio literario coas narracións, para provocar unha revolta contra o medioambientalismo eslamiado e o consumismo masivo. Velaquí un berro doente a prol da liberación animal, da desobediencia civil que practica segas de cultivos transxénicos, da toma de conciencia; de estarmos, en fin, a vivir un momento crucial na historia da humanidade. A pesar de a literatura ecolóxica ter sona de pesimista, o texto participa do entusiasmo liberador, do compromiso e a militancia, e propón o ecoloxismo como unha estratexia de liberación nacional, un modelo de existencia atento non só aos intereses económicos, senón tamén á conservación da vida, que poña os coñecementos técnicos e científicos ao servizo dos ecosistemas e desenvolva técnicas menos agresivas na liña dun movemento que xa se coñece como ecoloxía profunda.

«Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego», presentación

Decembro 11, 2008

Mañá, 12 de decembro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega de Santiago presentarase o Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego, obra coeditada polo Consello da Cultura Galega e Xerais. No acto intervirán os coordinadores da obra, Andrés Torres Queiruga e Manuel Rivas García, e o presidente do Consello da Cultura Galega e o director da editorial.

xg00143901Este Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego, coordinado por Andrés Torres Queiruga e Manuel Rivas García e redactado por corenta e seis persoas, trata de conxuntar un dicionario de pensadores galegos e unha visión temática que permita encadrar o labor máis directamente filosófico no campo xeral da nosa cultura. De aí a súa división en dúas partes: a primeira, un dicionario de autores, e a segunda, unha enciclopedia que complementa temas, ideas e persoeiros que propiamente non caben na primeira.

Deste xeito, o Dicionario, en orde alfabética, permite un percorrido polo enteiro transcurso da nosa historia intelectual e da achega realizada por cento dez autores, mentres que a Enciclopedia propicia un amplo encadramento nos diversos campos da cultura: antropoloxía, pensamento científico, dereito, economía, estética, exilio, feminismo, literatura, matemática, medicina, nacionalismo, pedagoxía, política, prensa e relixión. Por último os índices onomástico e temático permiten diversos percorridos, que, conxuntando sincronía e diacronía, poden axudar a unha visión máis integral e realista da nosa cultura.

A nómina de pensadores da primeira parte chega aos nosos días, ocupándose con maior profundidade dos autores fenecidos e delimitando a extension das entradas consonte á importancia do seu pensamento. Para os autores vivos acudiuse, cando foi posible, á información dos propios interesados, adoptándose un criterio de estrita austeridade informativa, cinxíndoa a datos biográficos básicos e referencia á obra publicada no eido filosófico.

Para a redacción da parte enciclopédica escolléronse estudosos cualificados, cuxa asinatura consta ao final dos mesmos. Ordenados, tamén, alfabeticamente estes traballos de maior extensión intentan ofrecer unha visión mais global e panorámica, recollendo problemas, preocupacións ou iniciativas que están presentes na cultura actual, procurando sinalar as directrices históricas que seguirn ao longo do tempo.

Manuel Rivas e Teresa Moure no «Diario Cultural»

Decembro 9, 2008

culturgal

Aquí pode escoitarse a entrevista que no Diario Cultural, emitido dende Cultur.gal o pasado venres, fixéronlle a Manuel Rivas e Teresa Moure arredor dos seus novos libros A corpo aberto e O natural é político.

Carlos Taibo, entrevistado por «Vieiros»

Decembro 9, 2008

0162135001228564851

Carlos Taibo, autor de Fendas abertas. Seis ensaios sobre a cuestión nacional, é entrevistado por Vieiros.

Teresa Moure, no Culturgal

Decembro 7, 2008

teresa_moure1Galicia hoxe dá conta da presentación no Culturgal d’ O natural é político, o máis recente ensaio de Teresa Moure.