Acaba de chegar ás librarías o libro de Irene Pérez Pintos, ilustrado por Iván Rodríguez, Etiqueta para todos. Manual de regulares maneiras pero de bastante educación para a cidadanía.
Que facer se o príncipe co que estás falando ten a cremalleira do pantalón desabrochada? E se a ministra que se achega a saudarte ten un moco asomándolle no nariz? Son moitas as ocasións nas que te asaltan dúbidas semellantes sen que saibas resolvelas de xeito satisfactorio. Pois non esperes a atopar aquí esas respostas. Neste manual non se contempla a totalidade de situacións da vida social para as que cómpre un especial fair play ou savoir faire que dicimos os galegos. Porén abofé que che será de grande axuda para chegares a ser a persoa educada e civilizada que a humanidade necesita que sexas.
Irene Pérez Pintos, a autora de Etiqueta para todo/as, ofrece orientacións moi útiles para resolver moitas dúbidas que poden aparecer sobre o noso comportamento en comunidadade. Abórdanse cuestións tan dispares como as palabras educadas, o comportamento nas conversas e nas comidas, a sinceridade, o tratamento, o saúdo, a hixiene ou, en xeral, o que debemos entender por boa educación. Un libro útil, sorprendente e divertido para lectores e lectoras de todas as idades.
Con Etiqueta para todos, Xerais inicia unha nova serie de libros pequenos ilustrados sobre cuestións de actualidade e dirixidos a lectores e lectoras de todas as idades.

A cidadanía plena é o froito da democracia, do mesmo xeito que non hai democracia digna sen fornecer axeitadamente a aprendizaxe e o desenvolvemento cívico de todas as persoas, en especial das máis xóvenes. Aínda que non lle corresponda en exclusiva, a escola e o sistema educativo como un todo están chamados a realizar, co máximo coidado pedagóxico, tan importante cometido social e moral. A recente incorporación ao currículo do noso país dunha materia autónoma co nome de «Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos» coloca no primeiro plano o importante papel do profesorado nesta dinámica, tamén instructiva, que precisa claridade, calidade e compromiso. Ben sabemos que ningún cambio é posible en educación sen os profesores. Razón de máis para que este libro dos profesores Miguel Anxo Santos Rego e María do Mar Lorenzo Moledo sitúe o seu epicentro na perspectiva coa que os docentes están asumindo un programa de acción educativa con grandes alicerces para os individuos e as comunidades.















