Laura Caveiro publica en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Monte Louro, a novela de Luís Rey Núñez gañadora do Premio Blanco Amor de novela 2009. Baixo o título de «Obsesións e fuxidas» e o subtítulo «Do paraíso perdido», Caveiro comeza sinalando que «dende a primeira frase da novela, sabemos que o protagonista de Monte Louro tivo varias identidades na súa vida: deste xeito, a través das súas páxinas viaxamos ao carón de Delio Landeira, dende Muros, cara a distintos destinos, e tamén cara ao interior das súas obsesións máis íntimas, como é a de prosperar. Imos coñecendo, aos poucos, a quen despois será chamado Artemio Losada, en Barcelona, e, finalmente, Iago Formoso, en Bos Aires». Contínúa Caveiro salientando o a «feitura de novela río» da obra, «con suave ritmo acompasado ao xurdir e desaparecer dos personaxes diante dos nosos ollos», ademais da «feitura de novela ponte entre Galicia e Arxentina». Conclúe o texto Caveiro insistindo na mestría do autor para amosar límpida «unha visión amada, a de Monte Louro. O paraíso perdido».
O texto completo da crítica pode consultarse en pdf no suplemento «Faro da Cultura» do Faro de Vigo de 24 de stembro de 2009.
20.00 O escritor e xornalista Luis Rei Núñezpresenta o seu libro Monte Louro, (Premio Blanco Amor de novela 2009). Xunto co autor, participarán no acto o escritor Xavier Seoane e Manuel Bragado.
Día 6. Xoves
19.00 O escritor e xornalista Carlos G. Reigosaasinará exemplares do seu libro (Premio Torrente Ballester de novela 2008) A vida do outro.
Luís Rei Núñez, a partir das 20:30 horas, asinará na Feira doLibro de Vigo exemplares de Monte Louro, a súa máis recente novela, gañadora do Premio Blanco Amor 2009. Coincidindo con esta asinatura, Galicia hoxe publica unha longa entrevista co novelista realizada por Manuel Vidal Villaverde. Recollemos un dos parágrafos da conversa referidos a Monte Louro:
Iniciei a súa escrita co propósito de sempre: indagar na existencia. Nese sentido, en Monte Louro volven aparecer asuntos como a loita pola vida, o amor nas súas diferentes cristalizacións, o desexo de vinganza, a auto-inmolación solidaria, o sentimento de culpa… Todo iso sen deixar de contar o caso dunha infancia real, no Muros dos anos da República e da guerra, e de paso a experiencia da emigración a América, creo que pouco tratada na narrativa galega. Esta historia reclamaba un número xeneroso de páxinas co que, entre outras cousas, quería emendar a plana ós libros anoréxicos desta época de daltonismo moral. En fin, que tras coroar Monte Louro (un Himalaia de andar pola casa), o resultado é unha novela á que eu quero xa tanto coma Expediente Artieda ou O señor Lugrís e a negra sombra, pero que por moitas razóns se vai facer se cadra máis inocultable. E iso acrecenta o orgullo do autor.
Víctor Paz Morandeira publica hoxe en Xornal de Galicia unha entrevista con Luís Rei Núñez, a raíz da publicación de Monte Louro, a novela gañadora do Premio Blanco Amor 2009.
Ramón Nicolás publicou o sábado, 20 de xuño, nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia unha crítica preciosa de Monte Louro, a novela de Luís Rei Núñez gañadora do Premio Blanco Amor 2009.
Espirais de memoria e almas derrotadas
Nabokov afirmou que Tolstói, aludido por certo nesta novela en moi diferentes ocasións, na derradeira etapa da súa vida só se amosaba interesado literariamente por dous únicos temas como eran a vida e a mais a morte. Moito disto, senón esencialmente, encerra este premio Blanco Amor 2009 a través do que se nos posibilita entrar ás veces nos escuros, recónditos e sempre complexos recantos da alma humana.
Monte Louro, así pois, articúlase como unha proposta densa e compacta dividida en catro partes ou compartimentos en absoluto estancos, pois os personaxes saen e entran deles con lixeireza, como así ocorre cos lugares referenciados nela: basicamente Muros, Barcelona e Bos Aires. Cómpre agradecerlle ao autor, así pois, que establecese a ligazón precisa para entrar nese intenso rodopío literario que non é, malia o que poida semellar, un exercicio ficcional de biografismo, nin tampouco, aínda que destaque pola prosa cromática que exhibe, de descritivismo magnetizante tanto nos sentimentos coma nas xeografías (resultan ben documentadas e case transparentes as pasaxes que nos emprazan na Barcelona da posguerra, nun barco que cruza o Atlántico ou no Buenos Aires dos cincuenta e anos posteriores e mesmo non son menos exactas nin orientativas as que nos sitúan nun contexto social ou político concreto), nin sequera por ese cruzamento recorrente de vidas que o sentimento provoca; antes ben, ou complementariamente, é esta unha novela que asenta os alicerces nese proceso polo cal a mente humana é quen, ou non, de volver atrás, conformando unha espiral pola que escoa a memoria; un exercicio que debe ser salvífico e que, por veces, non o é debido ao peso do desarraigo, do desacougo que provoca a separación ou o esgazamento do que se estima porque, non se esqueza, esta é ao tempo unha historia de desamparos, de cicatrices, de almas derrotadas ou doentes e de resistentes robinsonianos.
O libro, así pois, percorre boa parte do século XX desde que un neno se vai criar como un orfo no Muros da posguerra até os anos oitenta no que unha luz, seica, volverá alumear a súa vida. Polo medio vivencias e experiencias construirán o substrato dun ser que xa non é quen, ou non quere, lembrar. Talvez a esa ausencia, suposta, de memoria contribúa unha heteronimia disociativa que tamén é vital, pola cal do orixinario Delio pasará a Artemio, e deste a Iago, e aínda do último a Sombra ou mesmo a Kim…, mais no fondo o pouso da infancia, simbolizado no lugar do Salto, na nai e no pai desparecido, no Muros natal, á sombra do Monte Louro, permanecerá, quéirase ou non, inalterable tras exilios e fuxidas.
Capítulo á parte merece subliñar a plasticidade, transparencia e riqueza lingüística que exhibe este Monte Louro, dotada dun ritmo traballado con intensidade e na que se aprecia un baseamento lírico; alén dun xogo de perspectivas narrativas que, se ben na súa formulación inicial pode chegar a desorientar, suscita moitos interrogantes que logo se entenden como esixencia activa para que o lector vaia cadrando cada peza na súa cuadrícula até chegar a ser parte dun universo de ficción –insisto- sólido e ben erixido. Ramón Nicolás.
Luís Rei Núñez, autor de Monte Louro, obra gañadora do Premio Blanco Amor 2009, fala dos Premios Xerais, da súa última novela e das posibles semellanzas temáticas que esta puidese ter con Sol de Inverno, a obra de Rosa Aneiros gañadora deste Xerais 2009.
Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.
Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez. Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.
O vindeiro sábado, 30 de maio, ás 12:30 horas no salón de plenos do concello de Burela realizarase o acto de entrega do Premio Blanco Amor 2009 e a presentación da novela gañadora, Monte Louro de Luís Rei Núñez.
Monte Louro foi a novela gañadora por unanimidade do premio Blanco Amor de novela 2009, fallado o pasado 4 de abril no concello de Burela. A obra de Luís Rei Núñez xa está no prelo e será presentada o vindeiro 30 de maio, sábado, ás 12:30 no concello de Burela.
Unha muller casa e, tras quedar embarazada, é abandonada polo home, ao que idolatra, no tempo da proclamación da República. O fillo criase como un orfiño nun Muros de posguerra de onde tamén el vai acabar dimitindo polo tempo da súa estrea na mocidade. O destino tenlle reservada cita en Barcelona cun nome falso, cunha amante que lle permitirá atisbar a plenitude e, de propina, cun crime que o condena a fuxir para sempre. Provisto dunha nova identidade desembarcará daquela en Bos Aires, onde a experiencia da emigración se verá decontado premiada co éxito e cun grande amor. Monte Louro, o máis poderoso referente xeográfico da infancia, agrándase na memoria como resumo mítico do que no pasado non puido ser e talvez non será xa nunca. Tamén andan ao axexo o complexo de culpa, o desequilibrio e, finalmente, unha baixada ós infernos na que parece que sairá triunfante o Mal. Terá que xurdir o empeño dunha filla cuxa existencia se ignoraba para que moitos anos despois volva semellar posible recompoñer o puzzle roto da vida… Todo isto e moito máis contánolo Rei Núñez nunha novela, gañadora do Premio Blanco Amor 2009, que o acredita como mestre do oficio de escribir, chamada a converterse nun clásico das letras galegas.
Acabamos de coñecer que a novela Monte Louro de Luís Rei Núñez é a novela gañadora da 27ª edición do Premio Blanco Amor falado no concello de Burela. O xurado, formado pola gañadora da edición anterior Inma López Silva; o poeta e doutor en filoloxía galega Emilio Insua; a poeta e xornalista Olaia Cociña; o escritor Santiago Jaureguízar, e o investigador Armando Requeixo, outorgou o premio por unanimidade. Os nosos parabéns para Luis Rei Núñez.
Actualización (05-04-2009):
–Anotación de Jaureguizar, membro do xurado: «Luís Rei Núñez gañou o Premio Blanco Amor coa novela Monte Louro, unha pescuda biográfica nun personaxe de ficción entre o Muros dos corenta, a Barcelona dos sesenta e unha Arxentina máis próxima no tempo. »