O suplemento «Luces» de El País Galicia inaugura a súa sección de «Inéditos» con «Transhumantes», un relato de Iolanda Zúñiga, a autora do libro de relatos Vidas pos-it e do recente poemario Amor amén. Os nosos parabéns para Iolanda.
Posts Tagged ‘luces’
«Transhumantes», un conto inédito de Iolanda Zúñiga en «Luces»
Febreiro 13, 20096F: o día de X.L. Méndez Ferrín
Febreiro 6, 2009A nova da homenaxe que recibirá hoxe venres a partir da 20:00h en Vigo X.L. Méndez Ferrín polo seu septuaxésimo aniversario aparece recollida por varios medios informativos. Pola súa parte, La Voz de Galicia publica unha entrevista ao homenaxeado.
Salientamos os artigos que lle dedican ao escritor nado en Ourense Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe e Manuel Rivas na súa colaboración semanal no «Luces» da edición galega de El País. Extraemos uns parágrafos deste último:
Hoxe Ferrín recibe unha homenaxe en Vigo, en data que cadra co seu 70 aniversario. A cultura, e non só en Galicia, tende a recrearse na necrofilia. O intre máis glorioso adoita chegar en forma de obituario. Eu teño escrito algúns, mais estou a desenvolver unha especie de alerxia. Talvez o máis respectuoso cando alguén morre é usar o recurso dramático máis expresivo do teatro de Harold Pinter: (pausa). Por iso celebramos moito, dende unha forzada distancia, esta festa arredor dun creador que ten para Galicia a equivalencia da escrita en sílex dos circos concéntricos. Un pobo tamén se define por aquilo que homenaxea. O mellor, a sorte, é que se homenaxea a un creador en acción, a un pensamento ceibe, a un indómito e non a un mito. Homenaxea, e ben di Manuel Outeiriño, ao “poeta cimarrón”.
Ás veces semella que estamos cómodos cos mitos e incómodos cos vivos. A homenaxe a Ferrín suscitou unha corrente inversa. Unha obra gozosa, cooperativa. O libro titulado A semente da nación soñada. É un espazo de man común. Así saíu o libro que editan conxuntamente Sotelo Blanco e Edicións Xerais de Galicia. Ten o xeito dun forno comunal arraiano, eses lugares que nunca pechaban os días crus. Moito alimento, moita calor, moita lembranza criadora, portas que abren outras portas. Poucas loanzas tópicas, e moitas incursións suxestivas, como a que fai Enma Lazaré sobre Ferrín e Brassens, onde oímos borboriñar o trasgo libertario no rexo comunista.
Desta obra emerxe a verdadeira ideoloxía de Ferrín: a do home dispoñíbel co seu pobo, mesmo cando a circunstancia era hostil e indisposta. Eu non fun alumno de Ferrín, nin discípulo, nin compañeiro de partido. Mais lembro moi ben as veces que o vin. No Burgo, denunciando a contaminación da Cross que envelenou a ría coruñesa. En Xove, para parar aquel futurismo terrorífico da central nuclear. En Santiago, aínda afectado por unha doenza, poñendo voz á dignidade galega cando a “marea negra”. Estaba alí, disposto, na intemperie.
Jaureguizar: entrevista no «Luces»
Febreiro 6, 2009Na sección «Luces» da edición para Galicia deEl País Daniel Salgado realízalle unha entrevista a Jaureguizar centrada na súa última novela O Globo de Shakespeare, gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Recollemos un breve fragmento:
P. Para quen escribe?
R. Para o público.
P. E quen é o público?
R. Eu son a Corín Tellado da literatura galega. Non, en serio, escribo para grandes públicos, busco grandes públicos. Temos que ser ambiciosos. Porque na literatura galega existen dous reparos fundamentais que non entendo: un, todos queren ser Méndez Ferrín, un grande intelectual cunha cabeza poderosa e unha prosa estupenda; e dous, non nos facemos respectar.
P. Respectar en que sentido?
R. Neste país hai medios e institucións que a un escritor de Murcia de cuarta fila lle pagan avión, hotel e conferencia mentres o libro galego, nas librarías, está coma os baños: ao fondo á dereita. Veño de pasar por unha do centro de Lugo e no escaparate só estaban as traducións ao español dos libros de Murado.
P. Nunca quedou sen nada que escribir?
R. Non me pasan esas cousas raras que lle pasan á xente, non lle teño medo ao folio en branco, nin me comunico co cosmos nin aparecen pantasmas a visitarme. Escribo tres libros ao ano e os meus libros véndense ben.
Entrevista a Manuel Bragado
Xaneiro 30, 2009Foto de Lalo Villar
Teresa Cuíñas entrevista a Manuel Bragado, director da editorial, nas páxinas de «Luces» da edición de hoxe de El País Galicia. A reflexión sobre os trinta anos de traballo da editorial e os problemas e os desafíos do libro galego centran a entrevista.
A opinión de Manuel Rivas sobre «O natural é político» de Teresa Moure
Novembro 28, 2008Manuel Rivas dedícalle unha parte do seu artigo de «Os Grouchos» deste venres ao libro O natural é político, de Teresa Moure, publicado na colección Ensaio de Xerais. Achegamos, para a súa degustación, este fragmento do artigo de Rivas:
DESCULPEN AS MOLESTIAS MAIS ISTO É UNHA REVOLUCIÓN. Estar de acordo non é razón dabondo para subliñar unha obra nin para recomendala, se vén do forno como vén, e con lume de uz, O natural é político, o último ensaio de Teresa Moure. Que a obra é valente. Pois tampouco abonda. Que é desmitificadora e moi crítica co medioambientalismo esluído. Vale. Que a súa visión non é tampouco a dun ecoloxismo purista, que renegue do político, senón a formulación dunha “ecoloxía profunda”, que entrelace e artelle os movementos alternativos non para maquillar de verde a política senón para unha reforma radical do xeito de vida. Magnífico. Tampouco vou loar O natural é político por casar ética e estética. Non. Nin reclamar a atención sobre este libro porque estea escrito con eficacia, que é un dos xeitos de manifestarse a beleza. Non. Tampouco porque sexa un libro que o sentes cando o pensas e o pensas sentindo. Non. Non recomendo O natural é político porque sexa radical, que o é. Tan radical que responde a unha intelixencia realista: Eco (loxicamente). Eu o que o único que digo é que deste libro non hai que barullalo: hai que pasalo de man en man.
Ramiro Fonte, traxectoria poética en «Luces»
Novembro 1, 2008Daniel Salgado publica no «Luces» de El País Galicia desta semana unha interesante reportaxe sobre a traxectoria poética de Ramiro Fonte.
«’Maldito’ Paco Taxes»
Setembro 26, 2008Óscar Iglesias publica nas páxinas de «Luces» de El País unha reportaxe sobre a aparición da Obra dramática de Francisco Taxes preparada por Xurxo Taxes Díaz.
Marcos Calveiro, entrevista en «Luces»
Xuño 27, 2008A raíz da recente saída da súa novela Festina lente, Marcos Calveiro é entrevistado por Daniel Salgado para a sección «Luces» de El País. Reproducimos un breve fragmento:
A cidade [Santiago de Compostela] é protagonista da novela, unha cidade pechada, que aínda conserva as murallas. Cando hai un andazo, a muralla péchase; cando os lobos axexan a cidade, a muralla péchase. Santiago muda en caldo de cultivo para problemas, envexas, loitas de poderes, e iso funciona como férrea forma de control sobre os habitantes. E, alén do visual, interésame moito o olor: as rúas estaban, maioritariamente, sen lousar e a hixiene era a auga vai, tirábase todo pola fiestra… A cidade tiña que feder, e así a describían os viaxeiros do século XVII. A urbe determina a vida da súa poboación.
“Que sería de nós sen o Xerais?”
Xuño 13, 2008Dolores Vilavedra publica hoxe en “Luces” un artigo valorando a traxectoria das vinte e cinco edicións do Premio Xerais de Novela.
X.L. Méndez Ferrín, entrevista en «Luces»
Xuño 6, 2008X.L. Méndez Ferrín, a raíz de obter o Premio Nacional de Literatura 2008, é entrevistado por Daniel Salgado en «Luces» de El Pais Galicia.