«O xardín das pedras flotantes», presentación e primeira crítica

O luns, 24 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio de Caixa Galicia (Edifcio Café Moderno), presentarase O xardín das pedras flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González gañadora do premio Xerais 2008. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra e Xerais, participarán Mario Iglesias, director de cine, Kiko Dasilva, ilustrador e humorista, o director de Xerais e o autor. Ao remate, haberá actuación dun grupo de corda e coloquio arredor dun viño galego.

Nesta última semana Manuel Lourenzo González publicou varias anotacións en Batume, o blog no que recolle novas historias, textos e materiais que forman parte do mundo d’ O xardín das pedras flotantes.

Coincidindo coa presentación, acaba de aparecer a primeira crítica sobre a obra, realizada por Manuel Rodríguez Alonso e publicada no «Cartafol de libros» de Vieiros. Recollemos os tres primeiros parágrafos deste texto.

xg00139301Na novela, unha novela longa, mestúranse varios tipos de novela. Nas voltas atrás en que se reconstrúe a vida dos antigos propietarios do libro máxico e maldito temos retallos de novela histórica; na parte en que o protagonista Simón describe en primeira persoa a súa vida na nenez e na adolescencia atopamos o costumismo rural (na liña do idealismo de considerar o agro unha Arcadia feliz) ou mesmo o estudiantil dun instituto de Pontevedra. Mais a novela entra no terreo do marabilloso de cheo cando xorde a relación amorosa Simón-Anabel, mesturada coa maldición do libro máxico.
O autor nesta parte navega polo terreo do marabilloso, máis ca do fantástico, pois non sabemos se é fantasía-soño ou unha simple realidade en que algún accidente casual parece unha malidición máxica (a morte envelenada de Anabel). Esta parte é a máis innovadora e rechamante da novela, mesmo co xogo perspectivista de presentar a relación amorosa Anabel-Simón desde as miradas enfrontadas da narración en primeira persoa de Simón e a narración, sobre estes mesmos feitos, doutro narrador en terceira persoa.
Moi atractiva resulta así mesmo a reprodución dos pensamentos de Simón no estado de coma ou semicoma que pasa no hospital. No remate todo acaba ben, ata con voda feliz do protagonista coa rapaza da aldea que sempre quixo. O lector non sabe se o que leu foi realidade ou só un soño de Simón, ben porque entrou en coma no accidente do coche da nai, ou tras a morte de Anabel. Tampouco sabe ben se existen bruxas coma Áurea ou libros malditos que só lles traen desgrazas aos seus posuidores que, non obstante, tolean por facerse con eles.
Xa que logo novela que mestura o tradicional, o costumista, o marabilloso, o subconsciente e que pode, por iso, compracer un abano amplo de lectores. Está ademais na liña de moda da novela de personaxes xuvenís, tratamento do marabilloso, bruxaría…, en fin, boa lectura para estas tardes de inverno que se aproximan, aínda que ás veces caia no tópico (as descricións arcádicas da aldea nos oitenta) ou amose algunha vacilación no tratamento do marabilloso.

Advertisements

Etiquetas: , , , , ,

2 Respostas to “«O xardín das pedras flotantes», presentación e primeira crítica”

  1. Entrevista aos tres premiados nos Xerais 2008 « Xerais blog Says:

    […] tres gañadores dos Premios Xerais 2008 presentarán as súas obras a vindeira semana: Manuel Lourenzo González, o luns 24 en Pontevedra; Mar Guerra, o mércores 26 na Libraría Arenas da Coruña e Marilar Aleixandre, o venres 28 na […]

  2. «O xardín das pedras flotantes» « Xerais blog Says:

    […] flotantes, a novela de Manuel Lourenzo González, gañadora do Premio Xerais 2008, tras a súa presentación onte en Pontevedra, suscita o interese de varios […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: