Posts Tagged ‘sempre_quixen_bailar_un_tango’

Que libro de Xerais recomendas para o verán?

Xuño 30, 2009

No perfil de Facebook de Xerais estase desenvolvendo un interesante debate sobre os libros do catálogo da editorial que os seareiros e seareiras recomendan para o verán. Ata o momento as propostas son moi diversas:

Eva Carrión del Pozo recomenda Resistencia de Rosa Aneiros. “Eu téñolle un especial apego a este libro porque, coma quen di, fun aprendendo galego con el. Descubriume todo un abano de posibilidades nunha lingua que non era a miña. É un libro que engancha e emociona dende o primeiro momento, a min demostroume unha vez máis como as palabras poden emocionar, facernos rir e mesmo enchernos de xenreira e impotencia. É unha historia que nos achega a crueza da realidade arrolando ao lector nun mar de lirismo e metáforas que non por iso deixan de doer. Unha verdadeira xoia que nos mergulla na historia política dese veciño ás veces tan obviado coma é Portugal. E coma Resistencia lese dunha sentada, podemos seguir con Herba Moura de Teresa Moure, tamén moi interesante. Boa lectura!”

Eva Moreda O barón rampante de Italo Calvino. “Lino hai uns 15 ou 16 anos, cando estaba na colección xuvenil Xabarín (xunto cos seus compañeiros de triloxía, O vizconde demediado e O cabaleiro inexistente) e foi un descubrimento: non era literatura xuvenil, era literatura sen máis que podía ser tamén lida pola mocidade. Non vou enumerar as razóns polas que o recomendo porque a quen non lle interesaría a historia dun rapaz que se enrabecha con seu pai o barón e decide subir a unha árbore para non volver baixar máis?”

Iria Méndez Leocadio, o león de Oli e Teresa Novoa.

Marisa Movila O Globo de Shakespeare de Jaureguizar.  “Neste libro hai un homenaxe ás obras de Shakespeare, unha trama moi intrigante e un sentido do humor que che fai rir en calquera intre. Ten ademáis un trasfondo moito máis serio, xa que mostra abertamente as paixóns humanas e as relacións de amor e rancor cas persoas que máis cerca temos.”

Ana B. Crespo Concubinas de Inma López Silva. “Esta obra conta a historia de tres mulleres dunha mesma familia, pertencentes a distintas xeracións pero que comparten o feito de non ser afortunadas no amor. Esta novela mestura fantasía con realidade, amor con traxedia… é unha obra que chama á lectura, un libro que unha vez aberto non o podes pechar, non antes de rematalo.”

Montse Paz Monte Louro de Luís Rei Núñez.  “Unha magnífica novela da emigración. É a historia dun emigrante a Barcelona, primeiro, e logo a Bos Aires. É a historia dun home acompañado e amado por moitas mulleres… Asegúrovos que en canto vos poñades a ler é difícil de deixar, engancha!”

Paz Raña Educación e Paz III. Literatura e Paz de Xesús R. Jares (coord.).

Marisol Rodríguez A casa dos Lucarios de Teresa Moure.

Martin Pawley Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz.

Ana Cosque Meira A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos.

Rocío Barreiro Rodríguez Resistencia de Rosa Aneiros.

Alexandre Marín Elucidario de Gonzalo Navaza.

Soledad Felloza das novidades Sempre quixen bailar un tango contigo de Teresa González Costa e, un libro máxico, Magog de María Gándara.

Luisa Lis recomenda Resistencia de Rosa Aneiros, Palabras contadas de Camilo Franco; e das novidades Monte Louro de Luís Rei Núñez.

Saúl Rivas Riofero de Xelís de Toro.

Pilar Ponte A profa recomendaría dúas obras de Xosé Fernández Ferreiro, Agosto do 36 e Os últimos fuxidos, e a poder ser lidas nesa orde. Tematicamente clasificaríanse dentro da guerra civil e as súas consecuencias inmediatas mais no primeiro caso o momento histórico é só un pretexto que permite o desenvolvemento dos acontecementos e no segundo sería maís apropiado falar de drama persoal. Son dous volumes, sobre todo no caso do primeiro (publicado en 1991), que soportan moi ben o paso do tempo e para min ese é un indicio de que o texto funciona. Espero que se alguén se anima, non sufra decepción con estas recomendacións e, en caso de que a cousa guste, envíen correo e se lles remitirá o enderezo onde deben enviar a caixa de marisco. Saúdos 🙂

reloxoEntre os seareiros e seareiras do perfil que participen nesta discusión cada semana sortéanse tres reloxos “En galego todo o tempo”.  Este reloxo de Xerais foi deseñado polo noso compañeiro Ramón Domínguez e entregado como agasallo aos participantes nacerimonia  de entrega dos Premios Xerais 2009. Animamos a participar nesta xeira. A forza do libro galego está na voz dos seus lectores e lectoras.

“Pingueiras e tarteiras” de Teresa González Costa presentación no Grove

Xuño 9, 2009

Esta semana chega ás librarías Pingueiras e tarteiras, a peza de Teresa González Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María de literatura dramática infantil.

XG00157101No Castelo Grisallo todo é gris: desde o maimiño da raíña Otilia ata a súa cunca de porcelana inglesa. E tamén chove moito. A Súa Maxestade xa está cansa de colocar tarteiras debaixo das pingueiras. Pero un día chegan pola porta os catro membros do Circo do Paraugas: Chapeu Torto, o director-capitán; Culleriña, a funambulista-tripulante; Pelo Teso, o mimo-tripulante e Zapatóns, o pallaso-tripulante. Na sala do Castelo Grisallo, onde todos os días eran iguais, os membros do Circo do Paragugas coas súas brincadeira e xogos rematarán co soberano aburrimento. Pouco a pouco os membros desta compañía de circo -que outrora fora esplendorosa- daranlle cor a tanta monotonía. E farán que a mesma choiva soe a música: a música das pingueiras nas tarteiras.

Pingueiras e tarteiras de Teresa González Costa, a peza gañadora do IIIº Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, foi definida no ditame do xurado como unha “apoloxía da ledicia e da fantasía que ofrece unha visión atípica e desmitificadora de personaxes arquetípicos”. Unha obra que recorre a xogos de palabras para contar como a chegada dunha compañía de circo cambia a vida gris dun castelo. Esta primeira edición de Xerais e AGADIC foi ilustrada por Rodrigo Chao.

Pingueiras e tarteiras, así como Sempre quixen bailar un tango, tamén da autora, gañadora do Premio Álvaro Cunqueiro de literatura dramática 2008, presentarase o vindeiro sábado, 13 de xuño, ás 19,30 na Festa das Letras e do libro, que se celebrará na Praza de Arriba do concello do Grove e na que  a concellaría de Cultura do Grove  homenaxeará á autora.

“Sempre quixen bailar un tango” de Teresa González Costa

Maio 22, 2009

Chega ás librarías Sempre quixen bailar un tango, a obra de Teresa González Costa gañadora da XVIIª edición do  Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, outorgado por AGADIC. A autora do Grove agarda a aparición de Pingueiras e tarteiras, a peza gañadora da IIIª edición do Premio Manuel María de literatura dramática infantil. Ambas as dúas obras serán presentadas a mediados do mes de xuño en colaboración coa concellería de Cultura do Grove.

XG00157001Manuel acolle a nova da súa morte, e de maneira serena considera as cousas que nunca vai poder facer, as palabras que non vai aprender, o tango que quedou sen bailar. Susana, a filla, e Luís, o xenro, móvense arredor del como caricaturas insensibles, preparados para o despegue social. María limpa o que lle mandan, sen facerse demasiadas preguntas porque así doe menos. As palabras proferidas por Manuel apenas atopan interlocutor, a non ser en María, e as frases altisonantes dos autómatas mestúranse coas reverberacións dos neóns da rúa, que impiden ver as estrelas. Será tarde para fuxir desta nebulosa anestesiante? Tal e como fixo Héitor, o fillo que canta nun club, lonxe da insensibilidade. Sempre quixen bailar un tango de Teresa Costa González obtivo o XVIIº Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, outorgado por AGADIC.

O xurado salientou desta peza a solidez da súa estrutura dramática, cualificándoa como unha obra “moi coidada” e “moi ben construída”, así como a súa intención de ridiculizar valores dominantes na sociedade actual como o afán de poder, a ambición, as aparencias, a superficialidade ou o materialismo, en contraste co “poder salvador dos soños”.