Archive for the ‘Ilustracións’ Category

“A dama da Luz”, álbum de Magutis e Fernández Paz

Agosto 28, 2009

Acaba de chegar do prelo a tirada d’ A dama da Luz, un álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz, ambientado no Vigo vello e mariñeiro e protagonizado por toda clase de criaturas fantásticas e seres extraordinarios que no mar alto asisten a loita entre o Inverno e a Primavera. A dama da Luz chegará ás librarías na primeira decena de setembro.

XG00163801O avó de Marta garda un enigmático segredo na súa memoria. Un segredo que fala de seres extraños que habitaban na cidade cando era moi distinta, apenas había coches e a xente non vivía coas présas de hoxe, seres como a Dama da Luz ou o Home das Sombras, e de lugares misteriosos como a Casa do Outeiro ou a mítica illa de San Brandán. Un día, algo especial sucede. E entón Marta coñecerá por fin o sorprendente segredo que o seu avó gardaba, unha historia que a levará a descubrir todas as marabillas que a roda da vida nos ofrece.

A dama da Luz é un fermoso álbum ideado e ilustrado por Jorge Magutis e escrito por Agustín Fernández Paz ambientado nun Vigo vello e mariñeiro, envolto nunha atmosfera de misterio, e protagonizado por toda clase de criaturas fantásticas e seres extraordinarios que no mar alto asisten a loita entre o Inverno e a Primavera.

«Etiqueta para todos»

Xullo 31, 2009

Acaba de chegar ás librarías o libro de Irene Pérez Pintos, ilustrado por Iván Rodríguez, Etiqueta para todos. Manual de regulares maneiras pero de bastante educación para a cidadanía.

etiqueta_para_todos_cubQue facer se o príncipe co que estás falando ten a cremalleira do pantalón desabrochada? E se a ministra que se achega a saudarte ten un moco asomándolle no nariz? Son moitas as ocasións nas que te asaltan dúbidas semellantes sen que saibas resolvelas de xeito satisfactorio. Pois non esperes a atopar aquí esas respostas. Neste manual non se contempla a totalidade de situacións da vida social para as que cómpre un especial fair play ou savoir faire que dicimos os galegos. Porén abofé que che será de grande axuda para chegares a ser a persoa educada e civilizada que a humanidade necesita que sexas.

Irene Pérez Pintos, a autora de Etiqueta para todo/as, ofrece orientacións moi útiles para resolver moitas dúbidas que poden aparecer sobre o noso comportamento en comunidadade. Abórdanse cuestións tan dispares como as palabras educadas, o comportamento nas conversas e nas comidas, a sinceridade, o tratamento, o saúdo, a hixiene ou, en xeral, o que debemos entender por boa educación. Un libro útil, sorprendente e divertido para lectores e lectoras de todas as idades.

Con Etiqueta para todos, Xerais inicia unha nova serie de libros pequenos ilustrados sobre cuestións de actualidade e dirixidos a lectores e lectoras de todas as idades.

Xosé Guillermo, ilustracións de “Cabalos de vento. Curros de Pedra”

Maio 15, 2009

cabalos 01

cabalos 01acabalos 08Recollemos algunhas das ilustracións de Xosé Guillermo incluídas en Cabalos de vento. Curros de pedra, o libro do que é coautor con Xavier Teniente.

[Premer nos debuxos para velos a maior tamaño.]

Mostra homenaxe a Lázaro Enríquez na Habana

Abril 20, 2009

Invitacion DigitalO pasado 17 de abril inaugurouse na Sala Villena da UNEAC da Habana a mostra homenaxe a Lázaro Enríquez que organiza a Unión de Escritores e Artistas de Cuba. Os promotores da mostra destacan o traballo realizado polo ilustrador galego cubano nalgunhas publicacións de Edicións Xerais de Galicia.

«O sombreiro Chichiriteiro», primeira crítica

Abril 19, 2009

2009041721062763292Reproducimos o texto da primeira crítica aparecido nun medio impreso d’ O sombreiro Chichiriteiro, o álbum infantil  de Manuel Rivas e Patricia Castelao.  Este texto de Lorena Domínguez Mallo foi publicado onte no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia.

O primeiro libro de Manuel Rivas para nenos (logo de publicar Todo ben e Bala perdida dirixidos ao público xuvenil) é un libro no que a maxia reborda nada máis abrilo. Os debuxos, de Patricia Castelao, son pequenas marabillas que se miran con goce e curiosidade. Teñen a plasticidade dunha película de animación e parecen tridimensionais aínda que non o sexan. As nenas e nenos, que seguen sempre os debuxos, nada máis velos empezarán a comentalos: este é Simón, esta é a boca do sombreiro… É o seu xeito de participar na historia que está a serlles contada. Se os adultos valoramos a fermosura dos debuxos, para a rapazada esa fermosura está chea de significado, ponlle cara e corpo ao que se conta e faino máis comprensible, máis próximo.10000770013

A historia é sinxela, pero difícil de seguir para nenos moi cativos, o que incrementa a utilidade dos debuxos. Todo comeza, como as mellores historias máxicas, cunha situación cotiá coa que calquera neno se pode identificar (unha festa na casa do avó) que vai mudando paseniñamente cara algo marabilloso desde a aparición dun home asoballador e malquerido polas xentes que vén montado nunha avestruz e cun sombreiro moi especial. O que define a Simón, o protagonista, é a súa valentía, e é precisamente esa ousadía súa a que o leva a enfrontarse a ese xigante descarado. Cando o neno lle tira o sombreiro nun arranque de carraxe desencadéase a acción, porque o sombreiro non cae ao chan senón que empeza a cantar e sae voando, e Simón detrás del, correndo cara a aventura.

As historias con obxectos máxicos son un clásico, e neste caso trátase dun sombreiro benfeitor que converte a Simón no protagonista dos seus propios soños, facéndoo vivir cousas imposibles. O sombreiro foille roubado a un trompetista e por iso sabe cantar e tocar a trompeta. Calquera nena soñaría con ter un sombreiro que lle permitise voar, que lle ensinase a tocar, e que cando tocase conseguise que os paxaros a acompañasen, como se estivese dirixindo a orquestra da natureza.

Tamén aparecen moitos valores que todos queremos transmitirlle aos nenos e nenas: a amizade, o respecto e a admiración pola natureza, a solidariedade, a idea de que as palabras das linguas poden verse magoadas ou perdidas se non se lles axuda (falándoa)… Ademais, estes valores insírense no conto de xeito natural, non se percibe unha listaxe de fondo cunha enumeración de valores a incluír, senón que todo parece xurdir enfiado, e todo o bo leva ao bo: a ousadía de Simón á aventura, amizade de Simón e o sombreiro aos prodixios, a solidariedade do sombreiro á salvación de insectos e palabras.

2009041721055479599Por último, cómpre dicir que a lingua na que se conta a historia é unha lingua limpa de requintamentos, inzada de palabras fermosas que usan os miúdos que falan galego: bochechas, apampados, orelludo, reviravoltas… Aparecen rimas tamén en certas partes do libro, concordando coa musicalidade presente na historia e nos debuxos. Insírense no conto os nomes de moitos insectos e paxaros e unha imitación do seu canto máis poética ca realista. Iso, sumado á importancia das palabras, á música e aos soños, fía un relato cunha aventura moi emotiva, chea de encantos lingüísticos, visuais e oníricos. E o final, que é unha parte máis da aventura, é un final verdadeiramente orixinal. A comuñón coa natureza faise total e Simón consegue influír no seu curso. Un libro para que os nenos miren doutro xeito os paxaros, os sombreiros e ata os mapas do tempo… Lorena Domínguez Mallo.

«O sombreiro Chichiriteiro», ilustracións de Patricia Castelao

Marzo 6, 2009

Velaí unha mostra do extraordinario traballo de ilustración que Patricia Castelao realizou para O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas.

chi07-xblogchi12xblogchi15xblogchi24xblog