Archive for the ‘BLG’ Category
Xuño 27, 2009
Na mesma sesión na que A Academia Galega designou a Uxío Novoneyra como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2010, foi elixido académico o seu amigo o poeta Bernardino Graña. Un nomeamento que a todo o cadro de persoal da editorial nos enche de fachenda e satisfacción polo vencellamento solidario de Bernardino con Xerais, ao longo de tres décadas, na que ten publicada unha boa parte da súa obra. Os nosos maiores parabéns para Bernardino Graña!
Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo, 1932). Foi catedrático de lingua e literatura até a súa xubilación. En 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publicou unha estensa obra no ámbito da poesía, do teatro, da narrativa e da literatura infantil.
Como poeta ten publicado: Poema do home que quixo vivir (1958); Profecía do mar (1966, Xerais 1995); Non vexo Vigo nin Cangas (1975); Se o noso amor e os peixes (Xerais 1980), Premio Galicia do concello de Santiago de Compostela; Sima-Cima do voar tolo (1984); Himno verde (1992); Ardentía. Obra poética completa (1995); As Cantigas de Santa María (Xerais 1996); Luz de novembro (1997) e Acendede as almenaras (Xerais 2008).
No ámbito do teatro: Vinte mil pesos crime (1962, Xerais 2005); Sinfarín contra don Perfeuto (1975); Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992), Premio Abrente de Ribadavia (1979).
Como narrador publicou Fins do mundo (1974, Xerais 1989) relatos e Protoevanxeo do neto de Herodes (Xerais 2006), IIº Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego portuguesa.
E para o público infantil destacan: O león e o paxaro rebelde (1969, Xerais), Premio de contos para rapaces O Facho; Planeta dos ratos tolos (1990); Xan Guindán, capitán (Xerais 1991); Oso mimoso (Xerais 1992); Namoro de lobo Pipo na escola de don Perico (1992); Os burros que comen ouro (1992); O gaiteiro e o rato Pérez (Xerais 1994), Premio Merlín 1993; Xan Guindán, mensaxeiro (1994); Cristo e San Pedro, peregrinos (Xerais 1994); Rata linda de Compostela (Xerais 1994, 2009); O lobo e o grilo (1995); Contra o león covarde (1995); Xan Guindán e os Salvaxes (1995); Xan Guindán mensaxeiro (1997) e O quirico lambón (Xerais 1997).
Héitor Mera e Rafael Fernández son autores do libro Conversas con Bernardino Graña (2005). Os traballos de homenaxe á figura do escritor do Morrazo con motivo do seu setenta e cinco aniversario están recollidos no volume Bernardino Graña (Xerais 2007), coordinado por Héitor Mera.
Etiquetas:acendede_as_almenaras, bernardino_graña, conversas_con_bernardino_graña, fins_do_mundo, heitor_mera, oso_mimoso, o_gaiteiro_e_o_rato_pérez, o_quirico_lambón, protoevanxeo_do_neto_de_herodes, rafael_fernández_lorenzo, rata_linda_de_compostela
Publicado en Autores, BLG, Crónica, Entrevistas, Homenaxes, Infantil, Merlín, Narrativa, Noticias, Poesía, Teatro | 2 Comments »
Xuño 27, 2009
En Xerais recibimos con enorme satisfacción a designación por parte da Academia Galega do poeta Uxío Novoneyra como figura homenaxeada o 17 de maio de 2010. Recoñécese así a traxectoria do autor d’ Os Eidos como unha das fulcrais da poesía galega do século XX.
Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, Courel, 1930-Santiago, 1999) fillo dunha familia de labregos, terá na súa terra natal o principal referente físico para os seus versos, ofrecendo unha anovadora visión da paisaxe dentro da literatura galega. No ano 1955 deu ao prelo Os eidos, poemario con que comeza un ciclo poético que retomará con Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974). Nos comezos da década de 80, o poeta principia a recompilar e depurar o seu ciclo courelán, dando a lume Os eidos. Libro do Courel (Xerais 1981), que terá diversas reedicións. No ano 1983 afíncase definitivamente en Santiago, cidade desde a cal exerceu como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, ata a súa morte no ano 2000. Publica Poemas caligráficos en 1979, nunha edición prologada e ilustrada por Reimundo Patiño, con textos vinculados a unha vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto. Xa na segunda metade desa década comeza cunha recompilación temática da súa produción poética completa. Así, en Muller pra lonxe (1987), reuniu os poemas paixonais e amorosos, e dous anos máis tarde, en Do Courel a Compostela 1956-1986, os de temática política, que irán acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras. En 1998 publicou Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.
Etiquetas:letras_galegas_2010, os_eidos, uxío_novoneyra
Publicado en Autores, BLG, Homenaxes, Noticias, Poesía | 3 Comments »
Febreiro 24, 2009
Hoxe, 24 de febreiro, celébrase o 172 aniversario do nacemento en Santiago de Compostela de Rosalía de Castro. Dende os inicios de Xerais, a nosa escritora primeira sempre tivo unha importante presenza no noso catálogo. O primeiro título foi en 1982 a Poesía completa en galego, en edición do profesor Benito Varela Jácome, actualmente descatalogada despois de ser reimpresa en múltiples ocasións. Coa creación da Biblioteca das Letras Galegas, nesa colección publicamos en 1990 os dous poemarios en galego de Rosalía, Cantares gallegos en edición de Xavier R. Baixeras (actualmente na décima edición) e Follas Novas en edición de Marina Mayoral e Ana Blanca Roig (hoxe na oita edición). En 2003 o estudoso rosaliano Anxo Angueira editou Rosalía de Castro. Antoloxía, libro cedé, prologado por X.L. Méndez Ferrín, ilustrado con cadros da pintura galego do XIX e organizado arredor de sete ámbitos temáticos:
Así en «Terras de Rosalía», incluíronse os poemas centrados na paisaxe e nas terras que máis e máis intensas páxinas encheron na obra da autora. «Santos, campás e pecados» é o título que pretende recoller un conxunto de poemas certamente variados pero que, dalgún xeito, remiten ao feito relixioso, formal ou intimamente, e en moitos deles á transgresión dos seus preceptos. En «Festas e fames» danse cabida a outro dos aspectos emblemáticos da obra da nosa autora que tamén cadra cun dos ideoloxemas do Rexurdimento: o compromiso social cos miserábeis. Logo, incluíronse dúas elexías, a célebre dedicada a Sir John Moore e a menos coñecida dedicada a Inés de Castro e a Luís de Camões, na que a nosa autora se desenvolve á perfección manexando os respectivos trasfondos líricos, históricos e políticos. En «Sombras e soidades» ilústrase a voz poética rosaliana máis intimista, máis espida, e por veces dramaticamente esgazada e estarrecente, senlleira na poesía europea decimonónica. En »Verba de muller» recóllense uns cantos poemas nos que a autora pon os ollos na situación especialmente dependente da muller no plano socio-político e mesmo no literario. Por último, en »Pola dignidade nacional», antológanse un conxunto de poemas nos que a nosa autora denuncia a situación social de miseria e emigración que padece Galicia acompañada, por veces, do canto nacional no que non faltan as críticas á situación política de desleixo e dependencia con respecto a España.
O catálogo de Xerais inclúe varios libros de estudos rosalianos: Páxinas sobre Rosalía de Castro (1957-2004) no que inclúe o corpus dos traballos rosalianos do profesor Xesús Alonso Montero e Rosalia 21, o recente volume colectivo, coordinado por Anxo Angueira, que actualiza a figura fundacional da literatura e da nación galega á luz de novas claves interpretativas e desde novos modelos estéticos. Ademais, Xosé Antón Neira Cruz preparou en 1997 Así viviu Rosalía, a primeira biografía ficcionada da nosa autora dirixida ao público máis novo.
Etiquetas:anxo_angueira, así_viviu_rosalía, benito_varela_jácome, cantares_gallegos, ferrín, follas_novas, marina_mayoral, páxinas_sobre_rosalía_de_castro, rosalía_21, rosalía_de_castro, xabier.r_baixeras, xesús_alonso_montero, xosé_antón_neira_cruz
Publicado en Autores, BLG, Fóra_de_colección, Noticias, Poesía | Leave a Comment »
Novembro 9, 2008
A dirección e o cadro de persoal da editorial amosa o seu fondo pesar polo falecemento hoxe do escritor e académico Camilo González Suárez Llanos, coñecido no eido literario como Camilo Gonsar, autor da editorial dende comezos dos anos oitenta.
Camilo Gonsar (Camilo González Suárez-Llanos) (Sarria, 1931 – Vigo 2008). Licenciado en Filosofía e Letras e Dereito. Viviu en Londres e foi profesor contratado na Universidade Syracuse de Nova York. Exerceu a docencia en diversas localidades galegas. Nas últimas décadas da súa vida residía en Vigo. Membro da Real Academia Galega, institución na que ingresou no ano 2002 tras a lectura do discurso titulado «Literatura galega: un achegamento subxectivo». Comezou a súa produción literaria co libro de relatos Lonxe de nós e dentro (1961), ao que seguiron as novelas Como calquera outro día (1962, 2005), Cara a Times Square (Xerais 1980), e Desfeita (semirreportaxe) (Xerais 1983), Premio da Crítica Española 1984. Ademais, publicou: Lonxe de nós e dentro e outras páxinas (1986), relatos; «A gata sobre o tellado de uralita» (1991), relato incluído en Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega e en Sede Central. Relatos 3; «O venezolano» (1992), relato publicado no número 10 da revista A trabe de ouro; Cemento e outras escenas (1994); Arredor do non (1995) e A noite da aurora (2003), novela. Reuniu os seus relatos no volume Relatos completos 1961-1995 (2008).
Etiquetas:camilo_gonsar, cara_a_times_square, desfeita
Publicado en Autores, BLG, Narrativa, Noticias | Leave a Comment »
Setembro 17, 2008

Máis de cento cincuenta persoas ateigaron o salón de actos da Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña para asistir ao acto de presentación da Obra dramática de Francisco Taxes editada dentro da Biblioteca das Letras Galegas. No acto interviron Ramón Nicolás, Xurxo Taxes, Manuel Rivas e a conselleira de Cultura Ánxela Bugallo.
Etiquetas:ánxela_bugallo, la_voz_de_galicia, manuel_rivas, ramon_nicolás, taxes, vieiros, xurxo_taxes
Publicado en BLG, Presentacións, Teatro, Xerais_nos_medios | Leave a Comment »
Setembro 10, 2008
O vindeiro martes, 16 de setembro, ás 20:00 horas será presentada na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, a edición da Obra dramática de Francisco Taxes, publicada por Xerais na colección Biblioteca Dramática Galega. O acto contará coa participación de Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura e Deporte), Xurxo Taxes (editor da obra), Ramón Nicolás (director da colección), Manuel Rivas (escritor) e Manuel Bragado (director da editorial).
”Escritor maldito nunha cultura tanto tempo maldita”, como o describiu Manuel Rivas en 1978, o escritor e guionista de cine Francisco Taxes Prego (A Coruña, 1940-2003) apostou nos seus textos por un teatro popular, comprometido e divertido, contribuíndo deste xeito a converter a arte de Talía nunha ferramenta fundamental na loita a prol da recuperación e a normalización da cultura e a lingua galegas. Este volume, que recolle a súa produción dramática ao completo, inclúe dúas obras inéditas, Caderno de bitácora –representada polo CDG en 1985– e a persoal e transgresora Elas (1997). Na introdución, preparada por Xurxo Taxes Díaz, dáse conta da andaina vital e artística dun dramaturgo que soubo, sen prescindir da defensa dun teatro de diálogos áxiles e aparencia sinxela e natural, afondar nos grandes temas da condición humana, como a morte, a violencia, o poder ou o sexo. Un libro clave para a recuperación dun dramaturgo clave no devir do teatro galego da segunda metade do século XX.
Etiquetas:ánxela_bugallo, manuel_rivas, obra_dramática, ramon_nicolás, taxes, xurxo_taxes
Publicado en BLG, Noticias, Presentacións, Teatro | 3 Comments »
Abril 22, 2008
O vindeiro sábado, 26 de abril, ás 20:00 horas, presentaremos no Teatro Principal da Estrada Se o sei… non volvo á casa e Taberna sen dono, as dúas pezas de Manuel Varela Buxán, publicadas na colección Biblioteca das Letras Galegas en edición de Xosé Luna. O acto, que comezará coa intervención musical de Manoele de Felisa, contará coa participación de Xosé Luna, Carlos Loureiro, Ramón Nicolás, Manuel Méndez, Manuel Bragado e José Antonio Dono. Ao remate o Grupo de Teatro Coto Manguelo porá en escea a obra Pista ou Peste de Varela Buxán.
A figura de Manuel Daniel Varela Buxán (1909-1986) é a dun dramaturgo galego de obra prolífica que cumpría revisitar a través dunha edición coma a presente. Ofrécense así senllas pezas clave na súa bibliografía: Se o sei… non volvo á casa e mais Taberna sen dono, acompañadas dun estudo crítico e contextualizador, preparado por Xosé Luna Sanmartín, e enriquecidas coa inclusión de abondoso material fotográfico e documental. Co presente traballo preténdese facilitar a accesibilidade aos traballos teatrais de Varela Buxán ao tempo que se lle quere tributar un necesario recoñecemento a ese labor calado, intenso e fundamental que realizou polo noso teatro, tanto na emigración arxentina coma en Galicia.
Etiquetas:a_estrada, varela_buxán
Publicado en BLG, Presentacións, Teatro | Leave a Comment »
Abril 5, 2008
”Escritor maldito nunha cultura tanto tempo maldita”, como o describiu Manuel Rivas en 1978, o escritor e guionista de cine Francisco Taxes Prego (A Coruña, 1940-2003) apostou nos seus textos por un teatro popular, comprometido e divertido, contribuíndo deste xeito a converter a arte de Talía nunha ferramenta fundamental na loita a prol da recuperación e a normalización da cultura e a lingua galegas. Este volume, que recolle a súa produción dramática ao completo, inclúe dúas obras inéditas, Caderno de bitácora –representada polo CDG en 1985– e a persoal e transgresora Elas (1997). Na introdución, preparada por Xurxo Taxes Díaz, dáse conta da andaina vital e artística dun dramaturgo que soubo, sen prescindir da defensa dun teatro de diálogos áxiles e aparencia sinxela e natural, afondar nos grandes temas da condición humana, como a morte, a violencia, o poder ou o sexo. Un libro clave para a recuperación dun dramaturgo clave no devir do teatro galego da segunda metade do século XX. Xa nas librarías.
Etiquetas:dramaturxia, taxes
Publicado en BLG, Teatro | Leave a Comment »