Chegan ás librarías as novelas premiadas de Rosa Aneiros

Nestes días comezan a chegar ás librarías as dúas novelas premiadas de Rosa Aneiros: Sol de Inverno, Premio Xerais de novela 2009 e Ás de bolboreta, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009.

XG00166001Sol de Inverno, a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009, é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes. Para o xurado do Premio Xerais 2009 «Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza.»

XG00155501Na “Luzada”, a cafetaría de Patricia, conflúen cada mañá os camiños que transitan os personaxes d’ As de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de Fiño…

O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros, sinalou que “Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela”; salientando, ademais, que “mediante a conexión do cotián con outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela”. Para concluír que “Ás de bolboreta é un relato triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e internacionalista.”

Advertisements

Etiquetas: , , ,

2 Respostas to “Chegan ás librarías as novelas premiadas de Rosa Aneiros”

  1. Brétemas » Aparecen as novelas premiadas de Rosa Aneiros Says:

    […] Xa puxemos nas librarías as novelas premiadas de Rosa Aneiros. Tras unha lectura devagariño de amabas as dúas non teño dúbida de que estamos diante de senllas obras grandes que marcarán un fito na nosa historia literaria e editorial. Dúas marabillas! Agardo con impaciencia as opinións dos lectores e lectoras. […]

  2. A profa Says:

    Gústame a portada de Sol de Inverno, está moi lograda a cereixa branca, mais hai que recoñecelo, a de Ás de Bolboreta é perfecta, encántanme as portadas nas que adiviñas cousas e logo ao velas despois de ler a obra che recordan o que liches. Superlogradísima, vaian os meus parabéns, valeeeeee, que sexan beizóns neste caso 🙂

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: