Posts Tagged ‘agustín_agra’

«O recendo das mimosas» de Agustín Agra

Xullo 30, 2009

Agustín Agra debuta na colección Xerais Narrativa cun libro de relatos, O recendo das mimosas.

XG00163601Unha ducia de relatos forman esta primeira entrega de Agustín Agra en Xerais Narrativa, que se abre coa narración da irremediable metamorfose, que tras a subida das augas, converte ás protagonistas de “A tarasca”, de forma sucesiva en cobras, serpes, serpentas, e, finalmente, en cocas ou tarascas voadoras; e que se pecha con “Teseo no labirinto”, onde se convocan os protagonistas mitoloxía clásica. Entremedias, en relatos como “Os límites do inimaxinábel”, “Wünderbar” ou “O anel de Coleridge”, a irrupción dun elemento fantástico inesperado axuda a explorar fronteiras descoñecidas da realidade; noutros, como “Na caeira” ou “o Souto dos Gatos”, homenaxéase de forma explícita á memoria republicana; mentres que, finalmente, no relato “Xogando aos faraóns” ou, na case noveliña, “O chintófano”, a sátira política e o humor máis retranqueiro centran toda atención dunha engaiolante lectura.

O recendo das mimosas chegou esta semana ás librarías e será presentado en Noia no vindeiro mes de outubro.

Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

Xaneiro 10, 2009

O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau,  A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.  Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado  o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición  infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela  Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección,  tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.

(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.

Xerais Narrativa, adianto de novidades 2009

Xaneiro 2, 2009

xg00152101Ademais da novela de François Bégaudeau, A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico.

No mes de marzo publicaremos outras tres novidades na colección Xerais Narrativa: o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009,

A seguinte entrega do ano 2009 será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.

Completarase a oferta narrativa do primeiro semestre coas novas entregas de Suso de Toro e Rosa Aneiros.

«Cazaría salvaxe», crítica no «Faro da Cultura»

Outubro 4, 2008

María Navarro publica no Faro da Cultura desta semana unha crítica da novela de Agustín Agra, Cazaría salvaxe.

“Cazaría salvaxe” e “Veleno tinto”, presentación en Noia

Xuño 25, 2008

O vindeiro venres, 27 de xuño, ás 20:30 horas serán presentados no Liceo de Noia Cazaría salvaxe de Agustín Agra e Veleno tinto de Ramón Carredano Cobas. No acto, organizado pola Asociación Culural Barbantia, La Voz de Galicia, a Sociedade Liceo de Noia e a editorial, participarán os autores, Carlos Mosteiro e Manuel Bragado.

“Cazaría salvaxe” de Agustín Agra

Abril 4, 2008

Wotan, o Demo Negro ou Señor do Inframundo, tiña ollos de lume, o corpo invisíbel ás miradas e unha negrume inescrutábel ocupaba o baleiro que ía deixando. Nas noites de invernía saía de caza, dacabalo, coa compaña dos seus cadelos diabólicos, zugadores de sangue, que perseguían e degoaban canto atopaban. Mais, foi Ricardo Ferreiro, o rapazolo da aldea de Marselle que salvou o pelello por dúas veces, quen foi designado para ser o elixido. Cando regresou ao País do Vento, despois do seu longo exilio na Illa de Dona Escura do Mar Tenebroso, conseguiu cos poderes e artes alí adquiridos acabar con Wotan e pór fin a súa tiranía, que asolaba vilas e aldeas, aínda a custa de pagar un prezo altísimo por semellante afouteza.Novela de terror, misterio, bruxaría e fantasía, enfiada coa prosa primorosa das narracións populares dos vellos violinistas, Cazaría salvaxe non deixa alento ao lector até a súa derradeira páxina. Esta estrea de Agustín Agra, gañador do Premio Merlín 2006, na colección Fóra de Xogo, aparecerá nas librarías o 10 de abril.