Posts Tagged ‘goretti_sanmartín’

Xerais no Festigal 2009

Xullo 24, 2009

194-f-cartaz350Hoxe no seo de Festigal realizaranse as presentacións de dous dos nosos libros da colección de ensaio: ás 18:00 horas O natural é político de Teresa Moure e ás 19:30 Nos camiños do entusiasmo de Goretti Sanmartín. En senllos actos as autoras estarán acompañadas polo editor Manuel Bragado.

«Nos camiños do entusiasmo», nova en «La Voz de Galicia»

Abril 1, 2009

g1p51f2La Voz de Galicia faise eco da presentación do último ensaio da profesora Goretti Sanmartín.

«Nos camiños do entusiasmo», presentación na Coruña

Marzo 27, 2009

xg000795011Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, o máis recente ensaio de Goretti Sanmartín, presentarase o vindeiro luns, 30 de marzo, ás 20:30 horas, na Asociación Alexandre Bóveda, rúa dos Olmos 16-18, 1º da Coruña. O acto contará coa participación da autora e do profesro Xosé Manuel Sánchez Rei.

«Nos camiños do entusiasmo», crítica no «Faro da Cultura»

Marzo 26, 2009

entusiasmofaroMarga Romero publica unha crítica no «Faro da Cultura» de hoxe sobre o ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo.

«Nos camiños do entusiasmo», crítica de Fernán Vello

Marzo 9, 2009

O noso colega o editor e escritor Miguel Anxo Fernán Vello publica hoxe na súa columna «Caderno aberto» de Galicia hoxe unha crítica do ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo. Reproducimos un texto moi interesante:

xg00079501Proposta de lectura

Estando como están as cousas –a res publica, entendámonos–, aquí, en Euskadi e en Madrid –mais sobretodo aquí, na grisalla Galiza de hoxe mesmo–, nunca está de máis obtermos certa paz creativa e intelixente, certo acougo construtivo e liberador, através da lectura. Si, mediante a lectura dun libro, dun bo libro. E non por ánimo de fuxida do mundanal ruído, nin por desexo ningún de afastamento da realidade punxente que nos ocupa. Máis ben porque a lectura –unha lectura particular e conscientemente decidida– non só é antídoto contra a mediocridade que reinou, que reina e que reinará –iso é indubidábel, a non ser que aconteza un milagre–, senón porque a lectura mesma, con todo o seu poder de iluminación, abre espazos por onde transitarmos coas únicas armas das que sempre gustamos e que nos permiten avanzar superándomos todo atranco: a razón e o coñecemento. E todo isto vén a conto porque chegou ás miñas mans un libro que permite expresar todo o anterior; unha obra que invadiu e invade, con gran pracer, as miñas horas actuais. Goretti Sanmartín Rei é a autora de Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, un ensaio publicado por Xerais que debe obter –e máis nos tempos que corren– a maior atención por parte dos lectores e que, na miña opinión, é unha obra moi oportuna e necesaria, un conxunto de reflexións que deben ser compartidas. A profesora Sanmartín, con gran rigor e metodoloxía dialéctica, leva a cabo na súa obra unha crítica sobre o tempo perdido no que atinxe á normalización do galego nos últimos anos, tanto dende a perspectiva política como dende a académica, e fai unha chamada a entendermos tamén a defensa do idioma galego como un proceso de mellora da calidade da lingua que empregamos, xa que así –di a autora, e nós partillamos a idea– «estamos a facer país». Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación é unha obra que non deberan deixar de ler, en ningún caso, todos os políticos, todos, deste país, en materia lingüística case sempre ao pairo. Miguel Anxo Fernán Vello.

Goretti Sanmartín, entrevista en «Galicia hoxe»

Marzo 2, 2009

gp38f03524021_226648Manuel Vidal Villaverde publica nas páxinas de Galicia hoxe unha longa entrevista con Goretti Sanmartín Rei con motivo da publicación do seu ensaio Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación.

Recollemos un dos parágrafos referidos ás características do ensaio:

No meu libro mestúranse dous planos. Entre o entusiasmo e a subxectividade do título e a obxectividade máis académica do subtítulo (Calidade da lingua e planificación), coido que precisamos moito máis o primeiro, o que nos concede a razón de ser, a vontade de existirmos colectivamente. Porén, o subtítulo non deixa de ser importante ao pretender ligar indisolublemente calidade da lingua e planificación; isto é, a miña pretensión é demostrar que non existe ningunha planificación acaída para a nosa realidade sen calidade da lingua, un espazo onde, por tanto, debemos confluír para sobrevivir, para formarmos parte da nación temos de establecer un vínculo arredor da nosa lingua imaxinada, un vínculo que permite a heteroxeneidade de estilos e, en menor medida, de escollas, mais unha vinca en que nos recoñecermos.

Goretti Sanmartin entrevistada polo «Diario Cultural»

Febreiro 13, 2009

6f9c73c547f6fd1808b1f0b435c35d53a2879771O «Diario Cultural» da Radio Galega entrevistou onte a Goretti Sanmartín con motivo da presentación do seu libro Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación. A entrevista pode escoitarse aquí.

«Nos camiños do entusiasmo», presentación

Febreiro 9, 2009

10002821413O vindeiro xoves, 12 de febreiro, ás 20:30 horas na Libraría Pedreira (rúa do Home Santo 55) de Santiago presentarase Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín.

O acto contará coa participación da autora e de Xosé Manuel Sánchez Rei, Teresa Moure e Manuel Bragado.

xg00079501Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensamento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente.

Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

Xaneiro 10, 2009

O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau,  A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.  Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado  o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición  infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela  Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección,  tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.

(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.

«Nos camiños do entusiasmo», ensaio de Goretti Sanmartín

Xaneiro 8, 2009

Está a punto de chegar ás librarías o ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación.

xg00079501Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensa-mento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente.