Posts Tagged ‘Lingua’

Entrevista a Ana Iglesias

Marzo 16, 2009

5d541b610711c3d6e3c405920e4292c4c6f0b502A Nosa Terra publica esta semana unha entrevista a Ana Iglesias, a sociolingüista autora de Falar galego: “no veo por que” e coautora dos libros de Lingua e Literatura de 1º e 2º de Bacharelato de Xerais. Na conversa abórdanse algunhas cuestións de actualidade como a polémica arredor da iniciativa de derrogar o decreto de fomento do galego no sistema educativo.

«Nos camiños do entusiasmo», crítica de Fernán Vello

Marzo 9, 2009

O noso colega o editor e escritor Miguel Anxo Fernán Vello publica hoxe na súa columna «Caderno aberto» de Galicia hoxe unha crítica do ensaio de Goretti Sanmartín Nos camiños do entusiasmo. Reproducimos un texto moi interesante:

xg00079501Proposta de lectura

Estando como están as cousas –a res publica, entendámonos–, aquí, en Euskadi e en Madrid –mais sobretodo aquí, na grisalla Galiza de hoxe mesmo–, nunca está de máis obtermos certa paz creativa e intelixente, certo acougo construtivo e liberador, através da lectura. Si, mediante a lectura dun libro, dun bo libro. E non por ánimo de fuxida do mundanal ruído, nin por desexo ningún de afastamento da realidade punxente que nos ocupa. Máis ben porque a lectura –unha lectura particular e conscientemente decidida– non só é antídoto contra a mediocridade que reinou, que reina e que reinará –iso é indubidábel, a non ser que aconteza un milagre–, senón porque a lectura mesma, con todo o seu poder de iluminación, abre espazos por onde transitarmos coas únicas armas das que sempre gustamos e que nos permiten avanzar superándomos todo atranco: a razón e o coñecemento. E todo isto vén a conto porque chegou ás miñas mans un libro que permite expresar todo o anterior; unha obra que invadiu e invade, con gran pracer, as miñas horas actuais. Goretti Sanmartín Rei é a autora de Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación, un ensaio publicado por Xerais que debe obter –e máis nos tempos que corren– a maior atención por parte dos lectores e que, na miña opinión, é unha obra moi oportuna e necesaria, un conxunto de reflexións que deben ser compartidas. A profesora Sanmartín, con gran rigor e metodoloxía dialéctica, leva a cabo na súa obra unha crítica sobre o tempo perdido no que atinxe á normalización do galego nos últimos anos, tanto dende a perspectiva política como dende a académica, e fai unha chamada a entendermos tamén a defensa do idioma galego como un proceso de mellora da calidade da lingua que empregamos, xa que así –di a autora, e nós partillamos a idea– «estamos a facer país». Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación é unha obra que non deberan deixar de ler, en ningún caso, todos os políticos, todos, deste país, en materia lingüística case sempre ao pairo. Miguel Anxo Fernán Vello.